Actividades 2013.
 

Data da última actualización: 09/01/2015


O belén monumental de Herville".  

Día: 21 de Decembro (sábado):
 

Como cada ano rematamos o noso programa coa visita dun Belén, e para esta ocasión escollemos o de Herville, no concello pontevedrés de Mos, acaso a máis grande Galicia, pois ocupa 75 metros cadrados. Verémolo pola tarde. Pola mañá visitaremos tres interesantes igrexas do Baixo Miño: Santa María de Tomiño e San Salvador de Tebra, con magníficos capiteis románicos, e San Miguel de Pexegueiro, en Tui, que posue un espléndido conxunto de retablos recentemente restaurado e unha curiosa pila bautismal románica. Xantaremos pola zona e non será preciso madrugar pois sairemos ás 9,00 horas dende as paradas habituais.


Por terras de Melide e Curtis".  
 

Día: 16 de Novembro (sábado):
 

Tímpano de MoldesUnha xornada para visitar as igrexas de Sendelle, en Boimorto, e Santa María de Melide, con magníficas pinturas murais, e para ver tamén os tímpanos de Moldes, cunha representación de Sansón e o león, e Vitiriz, ambos no concello de Melide. No xantar non faltarán unhas castañas asadas.

Pola tarde veremos a igrexa de Santa Eulalia de Curtis e algún outro lugar do concello que pasa moi desapercibido.
Hora de saida: 9,00 horas dende as paradas habituais.


Outono en Navarra".  
 

Días: 30 de Outubro a 3 de Novembro:
 

            Xeira de cinco días para disfrutar da paisaxe e da arte desta comunidade. Pasaremos catro noites en Pamplona e sairemos o día 30 ás 8,00 horas dende o Obelisco.
Programa:
Dia 30 de Outubro: Xornada de desprazamento ata Pamplona. Pola mañá procuraremos avanzar o máis posible para poder ver pola tarde as igrexas de Ábalos e de Navarrete, ambas na comunidade de La Rioja. Cea e aloxamento nun hotel de Pamplona.
Día 31 de outubro: Dedicaremos esta xornada a coñecer algunha das mellores mostras da arte románica en Navarra. Pola mañá visitaremos a pouco visitada comarca da Valdorba onde hai varias igrexas de gran interese, como San Pedro de Echano, en Olóriz, cunha extraordinaria portada; a ermida do Santo Cristo de Catalain, en Garinoain; Eristain, que conserva pinturas murais; e Orisoain, que agocha unha pequena cripta, sen esquecer o hórreo de Iracheta, tamén de estilo románico. Pola tarde iremos ata Ujué e San Martín de Unx, dúas vilas medievais, con interesantes templos, o primeiro deles con aspecto fortificado e o segundo cunha fermosísima cripta. Cea por libre en Pamplona.
Día 1 de novembro: Faremos un percorrido circular para disfrutar das paixases de outono da selva de Irati, un bosque no que están mesturados abetos e faias, que atravesaremos dende Orbaitzeta ata Ochagavía, vila na que veremos na igrexa de San Juan Evangelista un magnífico retablo renacentista. Pola tarde achegarémonos ata o val do Roncal, onde visitaremos na vila do mesmo nome a casa-museo do tenor Julián Gayarre. De seguido iremos ata o mirador de Iso, onde hai unha vista increíble da Foz de Arbayún. Cea por libre en Pamplona.
Día 2 de novembro: A mañá estará ocupada coas visitas do Museo de Navarra, que conserva entre outras pezas a extraordinaria arqueta de Leyre, e a Catedral de Navarra, onde destacan o claustro gótico e o museo catedralicio. Logo de xantar iremos ata Lumbier, para atravesar a pé a súa Foz, unha paraxe de gran beleza, que consumirá algo máis dunha hora (5 km. ida e volta) Remataremos coa igrexa de Artaiz, acaso o mellor exemplo de románico rural de Navarra, con marabillosos canecillos e metopas. Cea no hotel.
Día 3 de novembro: Nesta xornada de regreso á nosa cidade veremos pola mañá a singular igrexa románica de Santa María de Eunate e a continuación a igrexa de Los Arcos, na que predomina a arte barroca. Comida en ruta.

Románico na Terra de Tabeirós".  
 

Día: 12 de Outubro:
 

Unha xeira para coñecer un dos concellos que máis e mellor arte románica ten en Galicia, no que esperamos ver interiormente as cinco igrexas máis sobranceiras: San Lourenzo de Ouzande, San Xurxo de Codeseda, Santiago de Tabeirós, Santa María de Frades e Santo Estevo de Lagartóns, sen esquecer o conxunto de canzorros de San Miguel de Moreira.  Sen sair dos límites do concello visitaremos tamén o pazo de Oca, que deparará máis dunha sorpresa. E o mellor de todo, sairemos ás 9,00 horas da mañá dende as paradas habituais.


 

Valladolid inédito".  (Suspendido)
 

Días: 4 a 7 de Outubro:
 

Sairemos o venres 4 ás 15,30 horas dende o Obelisco para poder cear e durmir en Valladolid. O sábado 5 pola mañá visitaremos o renovado Museo Nacional de Escultura que ocupa o antigo Colexio de San Gregorio, cun espléndido patio renacentista. Pasearemos polo centro da cidade e logo de pasar pola Catedral remataremos na igrexa do Salvador, para ver un excepcional tríptico flamenco. Logo de xantar iremos a ver o mosteiro cisterciense de Santa María de Valbuena e de seguido visitaremos a Bodega Protos, deseñada polo arquitecto Richard Rogers. A cea en Valladolid será por libre.
O domingo 6 pasaremos a mañá en Olmedo para ver a igrexa de Santa María del Castillo, que acolle un singular relicario, e o Palacio del Caballero de Olmedo, onde disfrutaremos dunha orixinal visita. Tralo xanter veremos a igrexa mudéxar de Muriel de Zapardiel, as pinturas murais da igrexa de Fresno el Viejo, un fermoso retablo en Nava del Rey e remataremos dando un paseo polas Riberas de Castronuño, o único espazo protexido da provincia. Cea e aloxamento en Valladolid.
O luns día 7 dará tempo a ver pola mañá tres igrexas en Amusquillo, Cabezón de Valderaduey e Melgar de Arriba, todas elas con magníficos retablos renacentistas.

 


A Illa dos mortos".  
 

Día: 8 de Setembro (domingo):
 

Pola mañá visitaremos o illote de Guidoiro Areoso, na ría de Arousa, un verdadeiro santuario megalítico, no que son visibles varias destas estructuras, entre elas, un imponente dolmen descuberto hai pouco máis dun ano por mor da acción do mar. Haberá que levar tamén bañador porque supoño que haberá tempo de darse un chapuzón.
Completaremos a xornada cun fermoso paseo polo espazo do Carreirón, na illa de Arousa, que non ofrece ningunha dificultade e que faremos en pouco máis dunha hora; e coa visita da igrexa de Santo Tomé de Nogueira, en Meis, que posue unhas excelentes pinturas murais do século XVI.
Ver programa


Sardiñada tradicional".  
 

Día: 6 de Xullo (sábado):
 

Cambiamos este ano de destino. Iremos cara o sur para visitar o Palacio da Brejoeira, en Monçao, un edificio con xardíns e elementos arquitectónicos de gran interese. En terras galegas achegarémonos ata San Paio de Albeos, un mosteiro lamentablemente en ruinas, situado no concello de Crecente. E veremos tamén o abraiante acueducto situado a carón dos restos dun castro moi perto de Oitavén, no concello de Fornelos de Montes. E claro está, non faltarán as sardiñas desta tradicional xeira do verán.
Hora de saída: 9,00 horas desde as paradas habituais.

Esencias de Zaragoza".  
 

Días: 20 a 24 de Xuño:
 

Hora de saída: 7,45 horas desde o Obelisco (única parada).
 
  Nesta primeira xeira longa do ano achegarémonos ata terras de Aragón, para coñecer o máis sobresainte patrimonio da súa capital e doutros lugares da comunidade.
  O día 20, xoves, que empregaremos para chegar a Zaragoza, visitaremos a igrexa de San Facundo, en Cisneros (Palencia), que posúe extraordinarios artesonados mudéxares, recentemente restaurados. Xantaremos en Burgos ou arredores. Cea e aloxamento en Zaragoza.
  O día 21, venres, percorremos Zaragoza da man dun guía local, visitando o palacio árabe da Aljafería, o edifico renacentista da Lonja, o museo e o teatro romano ou o fabuloso Museo de Tapices, da catedral de La Seo. E se temos tempos veremos tamén o Foro, a basílica do Pilar ou a igrexa de San Pablo.
  Xantaremos na cidade pero a cea será libre, por cada de cada un.
  O día 22, sábado, iremos ata Teruel, onde acompañados medio xornada por un guía veremos o extraordinario artesonado da súa Catedral, a igrexa de San Pedro, onde está o mausoleo dos Amantes e as torres mudéxares de San Martín e o Salvador. Non sei se a ida ou á volta deterémonos na amurallada vila de Daroca para visitar a Colexiata de Santa María de los Corporales, cunha capela que nos deixará boquiabertos. Xantaremos en Teruel. Aloxamento en Zaragoza. Cea por libre.
  O día 23, domingo, visitaremos dúas catedrais e dous mosteiros. As catedrais son as de Tarazona, aberta ao turismo logo de trinta anos de restauración, e a de Tudela, ésta en Navarra, obxecto tamén dunha profunda mellora. Os mosteiros son os de Veruela, tan vencellado á Becquer e ao Moncayo e o de Fitero, primeira fundación do Cister en España. Xantaremos seguremente en Tudela. Cea e aloxamento en Zaragoza.
  O día 24, luns, faremos a viaxe de volta. Visitaremos o mosteiro de Palacios de Benaver, perto de Burgos, que acolle un Cristo románico de grandes dimensións e beleza.
  Xantaremos non moi lonxe deste lugar para chegar á Coruña, arredor das 21,30 horas.
 

Segredos ourensans".  
 

Día: 1 de Xuño (sábado):
 

Unha xeira que vai permitir que coñezcamos cinco igrexas con variados elementos distintivos, que merecen máis atención da que se lles presta. Comezaremos pola de Santa María de Castrelo de Miño, con fermosas pinturas renancentistas no cascarón da ábsida, para ir despois ata Santa María de Astariz, que acolle dous espléndidos relevos barrocos. A continuación veremos a igrexa parroquial de Razamonde, cun espléndido retablo maior do Renacemento. Despois do xantar visitaremos San Miguel de Desteriz, no concello de Padrenda, con pinturas murais na bóveda da nave. Remataremos en Quintela de Leirado, pois a igrexa de San Pedro ten un magnífico retablo barroco que contén unha das obras máis senlleiras da arte galega, o seu sagrario.
Hora de saída: 8,00 horas, dende as paradas habituais.


 


Por terras de Ourense e Barbadás".  
 

Día: 17 de Maio (venres, dia das letras galegas):
 

Novamente temos que renunciar a visitar o parque arqueolóxico de San Cibrán de Las porque ainda non foi inaugurado. No seu lugar veremos o xacemento castrexo-romano de Santomé e de seguido as escavacións das termas atopadas nas inmediacións das Burgas. Logo de xantar achegarémonos ata Loiro, para ver a súa igrexa románica; Sobrado de Bispo, unha vila con interesantes edificios; o pazo de Bentraces; a igrexa de San Lourenzo de Piñor e algúns outros lugares desta parroquia. Hora de saída: 8,00 horas, desde as paradas habituais.

Ver programa

 

Desde Lisboa por mar".  
 

Días: 30 de Abril a 3 de Maio:
 

Nesta xeira desprazarémonos ata Lisboa para embarcar nun cruceiro que logo de dous días de singladura estar de volta na Coruña.

Sairemos o martes día 30, ás 8,00 horas para ir durmir a Lisboa. Faremos algunha parada polo camiño, entre a que non pode faltar a deliciosa vila de Ponte de Lima.
O mércores día 1 de Maio visitaremos da man dun guía local a Fundación Berardo e o Museo de Oriente, e tamén nos achegaremos ata a torre de Belén. Haberá que estar no porto ás 17,00 horas para embarcar.
O xoves día 2 de Maio amaneceremos en Oporto, cidade na que visitaremos a Fundación Serralves e na que teremos tempo libre para ver algúns outros lugares xa visitados en viaxes anteriores. Embarcaremos de novo para chegar á nosa cidade o venres día 3, ás 9,00 horas da mañá.

 

Por terras de Allariz".  
 

Día: 14 de Abril (domingo):
 

Pancho Gallego propón para esta xornada unha xeira dedicada a coñecer os últimos achados arqueloxicos aparecidos cerca de Allariz. Previamente visitaremos a igrexa románica de Santa Mariña de Augasantas, unha das tres igrexas galegas con falso triforio. Baixaremos por un vello camiño de aproximadamente 1 km. para ver o Forno da Santa, o resto dunha basílica que non se chegou a rematar e que posue unha interesantísima cripta que é un antigo monumento de forno castrexo, no que tamén hai varias laudas de época visigótica; a continuación veremos o castro de Armea onde foi atopada o pasado verán unha extradordinaria rúa de época romana; e o Santuario castrexo de Armea, no monte do Señorín, escavado pola Universidade de Vigo.
Pola tarde achegarémonos ata a aldea de San Salvador dos Penedos, que conserva na súa ermida un extraordinario Cristo románico e onde se asentou a asociación Andrea, dedicada ao coidado de burros abandonados. Coñeceremos algo do seu traballo. E se temos tempo poderíamos rematar no Ecoespazo do Rexo onde hai unha queixería que elabora o único queixo de ovella galega.
Hora de saída: 8,00 horas, desde as paradas habituais.
Hora de saida: 8,00 horas.
 

A ruta das camelias".  
 

Día: 9 de Marzal (sábado):
 

RubiansPropoñemos para esta xornada unha xeira absolutamente inédita na que pasearemos por tres dos mellores xardíns de Galicia. Pola mañá visitaremos o Pazo da Saleta, no concello de Meis, propiedade do matrimonio Gimson, o que lle outorga un estilo inglés; e o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, dedicado ao turismo rural. Xantaremos no restaurante Novo Freixo, que xa coñecemos, onde disfrutaremos do seu excelente churrasco.
Pola tarde veremos o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, onde visitaremos non só o xardín senón tamén o propio pazo, o bosque, o viñedo e a bodega, onde remataremos cun albariño. Todas as visitas son guiadas e teñen como especial protagonista a flor da camelia, típica do inverno.
Hora de saida: 8,00 horas.

Cea - Asamblea Xeral Ordinaria".  
 

Día: 23 de Febreiro (sábado):

Leer convocatoria


Presentación de dous libros".  
 

Día: 21 de Febreiro (xoves):
 

As 20,00 horas, na Biblioteca da AAVV de Atochas-Montealto-A Torre, sita no Campo de Marte, en colaboración coa librería Sisargas, presentamos dous libros: "Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte", do que son autores os historiadores José María Laredo Cordonié e Xosé María Lema Suárez; e "Guía dos Penedos de Pasarela e Traba", da que son autores o catedrático da universidade da Coruña, Juan Rámón Vidal Romaní, Xosé María Lema Suárez e Roberto Mouzo Lavandeira.

O entroido de Covelo".  
 

Día: 12 de Febreiro:
 

Nesta tradicional celebración do concello de Melón, el-Rei do entroido sube a cabalo ata o Couto da Raña protexido por un grupo de danzantes que intentan que os soldados non lle arrebaten a coroa. Visitaremos tamén o mosteiro cisterciense de Melón e o conxunto de hórreos de Quins.

   Foto: Faro de Vigo.

 

 

 


Presentación do Libro HERDEIROS POLA FORZA".  
 

Día: 31 de Xaneiro:
 

Presentación do libro "HERDEIROS POLA FORZA", do que son autores o arqueólogo Xurxo Ayán e o xornalista Manuel Gago, que terá lugar no local da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto, sita no Campo de Marte, s/n; o acto comezará ás 19,30 horas e nel colaboraran tamén a Librería Sisargas e o Proxecto Cárcere. Presentará o acto o polifacético Xurxo Souto.

 

Foto: blog Praza pública.

Data da última actualización: 09/01/2015



Pezas do Museo Arqueolóxico
Detalle do colgante do colar articulado de Elviña.