Archiv für die Kategorie „0. General“

O ARQUIVO DO REINO DE GALICIA

Sonntag, 5. März 2017

Día 1 de marzo de 2017.

A COVA DE EIRÓS

Mittwoch, 4. Februar 2015

O día 3 de Outubro invitamos ao arqueólogo Arturo de Lombera a impartir unha conferencia sobre a Cova de Eirós, xacemento situado en Triacastela, onde apareceu a primeira mostra de arte rupestre paleolítico de Galicia, que amosa un bóvido e outro zoomorfo alanceado. Deu conta tamén dos artefactos líticos e dos restos fósiles animais que foron atopados no solo da cova. O codirector da excavación fixo tamén unha demostración da técnica Levallois de talla da pedra empregada polo home de Neandertal e estableceu unha datación de hai 84.000-118.000 anos para os niveis excavados na última campaña de agosto.
Agradecer a colaboración unha vez máis da Fundación Luis Seoane pola cesión da sala onde se celebrou e a participación tamén da asociación Roxín Roxal de Paderne.

AS PENAS DE RODAS?

Samstag, 23. November 2013

No concello de Outeiro de Rei, perto de Lugo, hai unha formación rocosa moi singular, as Penas de Rodas, dous grandes bolos de granito que parecen suspendidos e que a pesar da súa peculiaridade non gozan dunha protección especial, como podería ser a súa declaración como Monumento Natural. Devils Marbles. Australia
Nas antípodas, no territorio do Norte, en Australia, as Devils Marbles (Canicas do Demo), coñecidas polos aboríxenes como Karlu Karlu, son igualmente dous bolos graníticos que gardan unha enorme semellanza cos da nosa terra e que sí gozan dun alto grao de protección. Non teño dúbida de que son formacións naturais a pesares de que hai quen pensa que no caso das Penas de Rodas hai unha relación co solsticio de verán e que foron colocadas a posta na súa posición. Despois de ver as australianas non cabe esa posibilidade.

MOITO POR DESCUBRIR

Dienstag, 27. August 2013

Como todos os anos aproveitamos este tempo do verán para coñecer novos lugares que permitirán enriquecer e diversificar as nosas propostas para as xeiras do vindeiro curso, o que non sempre é posible pois algúns destes sitios non teñen un acceso doado, especialmente para un autocar.
Pinturas murais da igrexa de Santa María de Pesqueiras O desexo de dedicar unha xornada para ver algunhas árbores senlleiras fixo que viaxáramos pola xeografía galega para admirar algúns destes xigantes verdes, como a nogueira de Licín, no concello de O Saviñao, que está xa bastante achacosa; os carballos da Casa do Herdeiro e da Casa Grande de Buciños, no concello de Carballedo, que gozan de moi boa saúde; os castiñeiros de Peninvello, en Xinzo de Limia, e o de Pexeiros, no concello de Os Blancos, cun porte impresionante; ou as sobreiras de Santiorxo, na Pobra do Brollón, e a de Siador, en Silleda, acaso as maís fotoxénicas desta relación. E como remate dous soutos que inexplicablemente non están incluidos no catálogo da Xunta, o de Lobios e o de Valguaire, ambos no concello de Sober; este último ten un exemplar colosal que semella unha auténtica escultura.
Natureza en estado puro son tamén a fervenza de Auga Caida, en Marce, concello de Pantón, na que é precisa a axuda dunha corda para chegar ata a súa base; os miradoiros da Cividade e da Pena do Castelo, sobre o espectacular canón do Sil; a Cova das Choias, na Pobra do Brollón, un dos escasos lugares de España no que se atopa un musgo luminescente, o schistostega pennata; e a Cova do Rei Cintolo, que resulta ser unha verdadeira experiencia espeleolóxica, que presenta dificultades se non se está moi áxil.
Unha vaca do país como símbolo de San Lucas na igrexa de San Xiao de Lobios Entre as mellores iniciativas do verán está a que promove o consorcio de municipios de Ribeira Sacra do Miño, que organiza visitas guiadas ás principais igrexas románicas da zona. Fixemos as catro rutas, nas que se poden ver no concello de Pantón, o mosteiro de Ferreira de Pantón, e as igrexas de San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré e Santo Estevo de Atán; no concello de Pantón, as igrexas Santa María de Proendos (con espléndidas pinturas murais), San Xiao de Lobios e San Vicente de Pinol; no concello de O Saviñao, as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi, Santa María de Seteventos e San Martiño da Cova; e nos concellos de Taboada, Chantada e Carballedo, as igrexas de San Pedro de Bembibre, Santa María de Pesqueiras, San Salvador de Asma e Santiago de Lousada. Resulta moi interesante poder acceder ao interior dos templos que case sempre están pechados.
Relevo coa Ultima Cea na igrexa de Xurenzás Outra iniciativa magnífica foi promovida pola asociación O Sorriso de Daniel, que durante os sábados de agosto conseguiu que se abra o acceso exterior para ver as ábsidas de Santo Estevo de Ribas de Sil, toda una experiencia pois a súa cornixa posúe fermosos canzorros e metopas; a esa asociación debemos tamén a limpeza do mosteiro de San Paio de Abeleda, con extraños capiteis no seu interior.
Pinturas murais vimos na igrexa de Santo Tomé de Nogueira, en Meis, ou na igrexa parroquial de Santiago de Rubiás, no concello de Calvos de Randín; e excelentes retablos barrocos nas igrexas de Abavides e da Xironda. A pesar de ter moito interese todos estes templos, destacan por riba deles a visita das cubertas de catedral de Lugo, e os baldaquinos da igrexa de Xurenzás, no concello de Boborás (cun acceso imposible para un vehículo grande).
Tamén a etnografía foi obxecto da nosa atención. Visitamos as neveiras de Fixó, na serra do Candán, que dependían do mosteiro de Aciveiro, as casas de neve de Monte da Meda, en Xunqueira de Espadañedo, e o foxo do lobo de Monte Castelo ou das Brañeiras, en Cotobade.
Non podía faltar tamén algún xacemento arqueolóxico, como o castro de Mallou ou os petroglifos da Laxe Escrita, ambos en Carnota, e petróglifo da Cabeciña, no concello pontevedrés de Oia.
Para unha entrada independente deixamos o comentario do Museo de Pontevedra que visitamos o domingo pasado, e que logo da inauguración da exposición do edificio Sarmiento é de largo o mellor de Galicia.

NO CENTENARIO DE ANGEL BOTELLO

Dienstag, 30. Juli 2013

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín número 25 do primeiro semestre de 2013.

As circunstancias actuais de afogamento económico, con especial incidencia no mundo da cultura, poden provocar que este ano pasemos por alto a celebración do centenario do nacemento dun dos máis destacados pintores galegos do século XX, Ángel Botello Barros, nado en Cangas do Morrazo o día 20 de xuño de 1913 e finado en San Juan de Puerto Rico o día 11 de novembro de 1986.
Angel Botello no seu estudio
Botello é o un artista xenial co que culmina unha xeración irrepetible de pintores que van a renovar a plástica galega, que comeza con Carlos Maside e cronolóxicamente segue con Manuel Torres, Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Cándido Fernández Mazas, Maruja Mallo, Urbano Lugrís, Laxeiro, Luis Seoane ou Eugenio Fernández Granell. A convulsa época na que teñen que vivir fai que a súa produción artística estea afectada, na meirande parte dos casos, polo desastre da Guerra Civil e as súas consecuencias. Fagamos un somero resume: Manuel Colmeiro chega a Buenos Aires en 1941, no ano 1948 instálase en París e non retorna a Galicia ata 1986; Arturo Souto, logo de colaborar activamente coa República durante a guerra vai exiliarse a México, non expón en España ata o ano 1962, e morre no seu país de acollida no ano 1964; Fernández Mazas acaba no cárcere de Valencia e logo de ser liberado volta a súa terra onde vai morrer no ano 1942; Maruja Mallo vive en Buenos Aires desde o ano 1937 e non volta a Madrid ata o ano 1961; Laxeiro emigra a Buenos Aires no ano 1951 onde reside ata o ano 1970; Luis Seoane non se instala en Galicia ata o ano 1963, alternando a súa estancia con Buenos Aires; e Eugenio Fernández Granell vive sucesivamente en varios países (República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico, Estados Unidos) antes de voltar a España a mediados dos anos oitenta. Outros destacados creadores desta mesma xeración como o fotógrafo José Suárez ou o cineasta Carlos Velo teñen tamén que exiliarse.
Angel Botello. Moza durmindo
Ángel Botello era fillo dun conserveiro andaluz instalado na vila de Cangas, que no ano 1918 traslada a súa industria a Vigo, onde pasa a vivir a familia. O seu pai morre ese mesmo ano por mor da pandemia de gripe ?española? que asola amplos territorios e que, por certo, foi orixinada nos campos de reclutamento do exército americano na Primeira Guerra Mundial e non en España como se lle fixo crer á opinión pública (lembremos que éramos un país neutral, así que non había que alarmar aos que viñan a loitar a Europa). A nai, Bonifacia Barros, faise cargo da industria pero no ano 1926 as cousas deixan de ir ben e teñen que emigrar a Burdeos. Nesa cidade comeza en 1930 os estudios de pintura, modelado e debuxo na Escola de Belas Artes e participa nalgunhas exposicións colectivas. En 1935 ingresa na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, grazas a unha beca concedida polo conde de Cartagena. Pasa tamén breves períodos en Cangas e Vigo.
Co estoupido da Guerra Civil, a súa competencia como debuxante permite que se integre na Unidade de Cartografía do Exército da República, que dependía do xeneral galego Enríque Líster. Cando remata a guerra exíliase a Francia coa súa nai e dúas irmás (o outro irmán varón morre durante a contenda), e no ano 1940 conseguen chegar á República Dominicana. E o principio dun periplo vital no que vai percorrer varios países (Cuba, Haití, Estados Unidos) ata a súa definitiva radicación en Puerto Rico. A vida en Haití vai resultar decisiva, tanto a nivel artístico como persoal, pois alí coñece a súa muller Christiane Auguste, coa que casa no ano 1945. En Haití vive entre os anos 1944 e 1953, que alterna con estancias ocasionais en Puerto Rico ?como profesor de debuxo na escola de Edna Coll, en Santurce- ou New York. No ano 1953 marcha para San Juan de Puerto Rico, onde abren unha galería no hotel Caribe Hilton. Nove anos despois abren unha segunda galería na parte vella de San Juan, que todavía segue en funcionamento. Nesta illa vai coincidir con outros dous artistas galegos, o pintor Eugenio Fernández Granell e sobre todo co escultor Francisco Vázquez Díaz, ?Compostela?, un boricúa máis, pois vai vivir na illa durante corenta e oito anos, ata o seu pasamento.
Durante o seu derradeiro ano de vida, afectado xa por un cancro de pulmón, que acabaría coa súa vida, desenvolve unha frenética actividade para deixarlle a súa familia o maior legado artístico posible.
Angel Botello. Rapaza con parasol
A súa pintura ten dúas etapas claramente diferenciadas. A primeira delas comprende os anos pasados na República Dominicana e en Haití, na que predominan os espidos femininos, as paisaxes e os retratos de mulleres con grandes ollos e rasgos exóticos, orientalizantes, motivo polo que foi coñecido como o ?Gaughin do Caribe?. As cores que emprega son moi vivas e cálidas, clara influencia do ambiente no que pinta, aplicando o óleo indistintamente sobre lenzo ou sobre táboa. Nunha entrevista nos anos corenta confesa: ?En estas islas he hallado motivos pictóricos de valor inapreciable. Gozosamente me he sumergido en el color, en la luz, en esa cálida sensualidad que emana del ambiente. No quiero que esto se tome como adulación; pero le aseguro que siempre soñé con pintar el Trópico. No se puede imaginar usted el placer estético que he experimentado captando para el lienzo estas playas doradas y el mar azul, las negritas de piel bruñida, las telas polícromas… Toda mi pasión de artista se ha centrado en ese objetivo: pintar el Trópico.?
A segunda etapa abrangue a súa vida en Puerto Rico. A súa pintura tornase máis esquemática, cun trazo máis sinxelo, e a súa temática xira case exclusivamente arredor do mundo dos nenos, especialmente dos seus fillos Manuel, Juan e Françoise. A súa produción non se limita aos óleos senón que empeza a traballar intensamente no gravado ?primeiramente linóleos e a partires de 1980, litografías-. Neste segundo momento é cando consegue un estilo característico e singular, libre das influencias do pasado. De feito é recoñecido como estilo ?botelliano?, no que empregaba básicamente catro cores: amarelo, azul, vermello e verde.
Botello non só se dedica á pintura. Coquetea un tempo co mosaico, para o que vai estudiar a técnica a Rávena no ano 1959, e sobre todo a escultura, que aprende da man do escultor neozelandés Lindsay Daen, a comezos da década dos anos sesenta, ?ainda que en Haití realiza traballos en terracota e madeira que lembran á arte africana- e produce bronces de figuras estilizadas nas que representa principalmente nenas e mulleres de ollos rasgados, moi influenciado polos deseños do artista austral. A súa primeira escultura en bronce, inspirada no seu fillo Manuel, forma parte da coleción permanente do Hakone Open Air Museum, en Sapporo.
Angel Botello. A brisa
A obra de Botello atópase principalmente en mans privadas, principalmente en Estados Unidos. Entre as institucións públicas que exhiben traballos deste artista están o Museo de Arte de Ponce, o Museo de Arte de Puerto Rico, o Museo Bellapart de Santo Domingo, ou o Fresno Art Institution e o Museum of Latin American Art, en Long Beach, ambos en Estados Unidos. Ten exposto tamén en galerías de New York, San Francisco, Los Ángeles, Vancouver, Washington, Philadelphia ou Palm Beach. Lamentablemente apenas existe obra en Galicia en mans públicas, o concello de Cangas posúe un retrato da súa nai Bonis Barros, doado pola familia; o museo Carlos Maside de Sada, ten un retrato dunha muller haitiana; e a Colección Novacaixalicia ten entre os seus fondos un óleo chamado ?Flores?, lonxe das súas mellores obras. Pouca cousa para un artista do seu calibre. Lembremos que o seu cadro ?Moza durmindo?, do ano 1940, foi adquirido en novembro do ano ano 2007 nunha subasta en Christie?s de New York, por un prezo de 397.000 dólares… mentras o concello de Cangas todavía non lle puxo o seu nome a unha rúa.

ASEMBLEA XERAL

Dienstag, 12. März 2013

Dous días despois tivo lugar a nosa asamblea xeral que celebramos no hotel NH Atlántico e na que houbo unha renovación parcial da Xunta Directiva, continuando Carlos Prieto como Secretario e nomeando a Pancho Gallego como Tesoureiro e Vicepresidente. Como ben sendo tradicional a continuación xuntámonos para cear alí mesmo cun menú que como cada ano resultou moi apreciado, no que tomamos filloas de mar recheas de marisco, sorbete de limón ao cava, taco de carrilleira ao mencía con gornición, e espuma de laranxa con telle artesana de améndoa, servido con viños Albariño e de Rioja.

CRUCEIROS E PENEDOS

Montag, 11. März 2013

O 21 de Febreiro, Pancho Gallego encargóuse de coordenar coa librería Sisargas e a Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto-A Torre, a presentación de dous libros na biblioteca da asociación de veciños. O primeiro deles leva por título ?Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte?, do que son autores os historiadores José María Laredo Cordonié e Xosé María Lema Suárez, que leva na portada o marabilloso Cruceiro dos Santos, acaso o máis fermoso de toda Galicia; e a ?Guía dos Penedos de Pasarela e Traba?, da que son autores o catedrático da universidade da Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, Xosé María Lema Suárez e Roberto Mouzo Lavandeira. Aquí enteirámonos do pasamento deste último acaecido uns días antes desta presentación. O libro permite coñecer un dos espazos máis singulares da nosa xeografía e da as claves intepretativas para facer un bonito percorrido a pé.

HERDEIROS POLA FORZA

Freitag, 1. Februar 2013

Onte organizamos, en colaboración coa Librería Sisargas e a asociación Proxecto Cárcere, a presentación do libro ?Herdeiros pola forza?, do que son autores o arqueólogo Xurxo Ayán e o xornalista Manuel Gago. O acto tivo lugar na biblioteca de Atochas-Monte Alto, ameazada de peche, logo de ter prestado un impagable servizo aos veciños. Foi o polifacético Xurxo Souto o encargado de iniciar a presentación que como sempre mestura humor e reivindicación. No nome da nosa asociación falou Pancho Gallego que explicou os motivos polo que o Concello negounos hai uns meses a cesión do Museo Arqueolóxico para a celebración deste acto que fomos demorando no tempo. Tamén pronunciaron unas breves verbas o editor la publicación e un representante de Proxecto Cárcere.
Manolo Gago na presentación de Herdeiros pola forzaA continuación foi un dos autores, Manolo Gago o que facendo uso da súa gran capacidade comunicativa abordou a situación da conservación do noso patrimonio, a través de dous exemplos moi concretos, o castriño de Bendoiro, en Lalín, afectado pola construción da liña de Alta Velocidade, e o excepcional castro de Cociñadoiro, atopado, escavado e destruido con motivo das obras do porto exterior da Coruña.
De seguido, Xurxo Ayán, nunhos termos absolutamente críticos cos poderes públicos, abordou a problemática actual dende dous exemplos moi concretos: o castro de Elviña, no que reivindicou a figura do arqueólogo Luis Monteagudo, a través de textos inéditos escritos no ano 1947 cunha clarividencia que deixou pasmado ao auditorio; e o propio edificio do cárcere da Coruña, lendo emotivos pasaxes do libro “A crueldade inútil”, de Xerardo Díaz, preso nesa cadea. A memoria histórica desaparece se tamén condenamos á desaparación a edificios como ese.
Logo abriuse un interesante debate no que participaron varios dos numerosos asistentes e rematamos cuns marabillos pinchos vexetarianos servidos por “Empolbadas”, no propio local. E non deixedes de mercar ?Herdeiros pola forza?, un libro que invita a replantexarnos o noso papel como conservadores do patrimonio cultural de Galicia.

A PINTURA MURAL EN GALICIA

Sonntag, 27. Januar 2013

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín número 24 de Asociación, do segundo semestre do ano 2012.

Varias noticias viñeron a poñer de actualidade a pintura mural. A máis sonada foi a chapuza realizada por unha pobre señora de máis de oitenta anos na igrexa de Borja (Zaragoza), que foi obxecto dun escarnio desmesurado, e que algúns, nun exercicio de hipocresía, aproveitaron para facer negocio, cando aquí ninguén dixo nada ao respecto, por exemplo, da forma en que a policía entregoulle ao deán da catedral de Santiago un libro tan valioso como o Códice Calixtino, que si lembrades as imaxes, ía envolto nunha toalla!.
Aproveitando a repercusión desta noticia o párroco e os veciños de Labrada, no concello de Guitiriz, fixeron unha chamada de atención sobre o estado de conservación do conxunto mural da igrexa, que malia ser un dos máis fermosos de Galicia non é coñecido máis que por uns poucos iniciados. Outras novas foron algo máis positivas, como o remate da restauración das pinturas da catedral de Lugo que lle outorgan unha nova dimensión ao templo.
Imos facer un breve percorrido cronolóxico polos mellores exemplos da pintura mural en Galicia, prestando especial atención aos achados dos últimos anos. Non vou a entrar en detalle nin en aspectos técnicos nin na descrición iconográfica de todos os conxuntos que se citarán porque non son un especialista, senón un afeccionado que si coñece in situ case a totalidade deles. Se alguén ten interese en ampliar estas cuestións, pode consultar o documentado traballo de Alicia Suárez Ferrín publicado no ano 2005 no Anuario Brigantino.
Santa Eulalia de Bóveda A meirande parte da pintura mural galega está realizada coa técnica do fresco, e antes de comezar habería que explicar primeiro en que consiste. Trátase dunha técnica pictórica sobre muro na que sobre un morteiro de cal húmido (mestura de cal, auga, area e, ás veces, cinza) vánse aplicando os pigmentos antes de que seque, pois a partires dese momento a pintura queda integrada permanentemente na parede e non permite rectificacións.
O máis antigo conxunto pictórico de Galicia atópase na igrexa de Santa Eulalia de Bóveda, pertencente ao municipio de Lugo, un edificio público tardorromano de controvertida intepretación: oráculo dedicado á deusa Cibeles, ninfeo, sala de baños curativos…; nas pinturas, do século IV, realizadas sobre estuco, altérnase a decoración vexetal (piñeiros co seu froito) cun inventario de aves (faisáns, patos, perdices, paspallás, galos, ocas). É un privilexio conservar un edificio como este porque é unico en toda a península.
A pintura mural de San Martiño de Mondoñedo, no concello de Foz, resulta excepcional, non só por pertencer a época románica (século XII) senón por estar á altura dos frescos que decoran as igrexas catalanas. A súa existencia foi anticipada polo profesor Manuel Castiñeiras no ano 1996 e descuberta por Blanca Besteiro no ano 2007. Na bóveda do transepto do muro Sur está representado un ciclo pictórico coa a Asunción da Virxe, a Árbore de Xesé e a Gloria dos Xustos. Tamén de época románica son os mínimos restos pictóricos conservados nunha nave lateral da igrexa de San Pedro de Rocas, en Esgos. Unha mágoa porque o que alí se deixa entrever é nin máis nin menos que un mapa roda (o único coñecido en toda Europa pintado sobre muro), tan relacionado cos Beatos, no que todo o mundo habitado coñecido era representado nun mapa circular en relación ademáis cos lugares onde predicaron os Apóstolos.
Do Gótico, ano 1434, son as pinturas de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, realizadas ao temple sobre unha capa de revoco moi fina, con predominio das cores amarela, negra e vermello. A escena máis importante do conxunto é a Anunciación, a ambos lados da fiestra da ábsida. Na parte inferior hai a unha representación do Varón de Dores e ao seu carón varios bustos identificados, os da parte dereita cos reis Xoán I e a súa dona María de Aragón, e o da parte esquerda co seu fillo Enrique.
A igrexa de San Vicente de Pombeiro, no concello de Pantón, é a nosa seguinte parada. A súa pintura mural foi descuberta no ano 1997 e presenta un programa iconográfico moi completo no que destacan a Lamentación sobre Cristo Morto, a Natividade, a Última Cea e o Xuizo Final. Alicia Suárez Ferrín sitúa no ano 1462 a súa execución.
Santa María de Seteventos As pinturas de Santa María de Seteventos, no concello de O Saviñao, son de finais do século XV; ocupan a totalidade do hastial da ábsida e representan o Xuizo Final, ademáis hai un Calvario e unha Anunciación. Están especialmente logrados a Resurrección dos mortos e os castigos do Inferno.
Arredor do ano 1500 están datados os frescos conservados na Catedral de Mondoñedo, xusto debaixo dos órganos da nave central. Nun lado está representada con moito realismo a Matanza dos Inocentes, mentres que en fronte delas hai pintadas varias escenas coa vida de San Pedro. Pensemos que naquela época a pintura, ao igual que pasaba coa escultura do Románico, cumpría unha función educativa, converténdose no libro dos analfabetos.
Cronolóxicamente debemos seguir polas pinturas da igrexa de Santa María de Cuiña, no concello de Oza dos Ríos, que foron descubertas no ano 1971. Os restos conservados corresponden a tres momentos distintos. As máis antigas, de estilo hispano-flamengo, do ano 1503, representan a Vasco de Marante coa súa familia; a bóveda e as pinturas do lado esquerdo da nave foron feitas no ano 1544; e a imaxe da Verónica, acaso a máis representativa do templo é algo posterior ainda que non se coñece con exactitude a data da súa realización.
De tradición gótica son tamén as pinturas da igrexa de Vila do Medio de Burela, con seis escenas da Paixón de Cristo, e as Santa María de Mosteiro, no concello de Guntín, na que destacan a Natividade e unha curiosa escena da morte decidindo o resultado dun torneo medieval. En Galicia os estilos artísticos perviven máis alá do que establecen os manuais de arte. Lembremos a infinidade de igrexas do rural nas que o románico incorpora elementos oxivais característicos do gótico.
Plenamente renacentistas son as pinturas da igrexa de San Xoán do Sisto, no concello de Dozón, realizadas por un artista de gran categoría, acaso de orixe portuguesa, con moita forza expresiva. É moi detallista nas súas composicións, entre as que destacan a Flaxelación e o Descenso ao Limbo. San Xoán do Sixto Chama poderosamente a atención a presenza de destacados persoeiros como Carlos V e a súa dona Isabel de Portugal. Sen ir máis lonxe, na escena de Cristo ante Pilatos, éste parece un retrato do emperador Carlos V e o xove que lle bota a auga semella o futuro rei Felipe II. As pinturas poden datarse no ano 1552 que é unha data que se repite en varios lugares dos muros da nave.
Un conxunto único é o constituido polas igrexas de Santa María de Banga, no concello de O Carballiño, e de Santa María de Mugares, no municipio de Toén. O seu autor é o mesmo artista, identificado polo profesor García Iglesias, como Bartolomé García de Bahamonde. É un pintor dunha gran formación filosófica e humanista, vencellado a un estilo máis intelectual como é o Manierismo. Na bóveda de Banga, do ano 1555, vai pintar 24 figuras distribuidas en tres espazos: o central está ocupado polos Dons da Divinidade, como a Amor ou a Fortuna; no espazo intermedio están pintados varios astros do sistema solar; e no espazo externo están representados os profetas do antigo Testamento e os evanxelistas. Na bóveda da igrexa de Mugares, pintada arredor do ano 1570, hai representadas 20 figuras tamén en tres espazos, relacionadas coa natureza do home e da alma.
A igrexa de Santa María de Baamorto, no municipio de Monforte, conserva un dos conxuntos de pintura mural máis singulares de Galicia, pois están realizados nun muro exterior, o do Sur, protexidas por un porche ou nártex. Están datadas arredor do ano 1560 e son atribuidas a un mestre anónimo, o de Nogueira, un dos moitos artistas dos que descoñecemos o seu nome, como os de Marzá, O Sisto ou Banga. Está representado o ciclo completo da Paixón de Cristo.
Outras dúas igrexas como Santa María de Sendelle, no concello de Boimorto, e Santa María de Melide, gardan pinturas murais do século XVI na súa ábsida. Resulta moi semellante a súa factura, e dado que so están separadas por 20 km. poderíamos pensar que están realizadas pola mesma man. Nunha visión máis profunda advirtense varias diferencias. En Sendelle está representado no cascarón da bóveda o Xuizo Final, mentras que en Melide é Deus Padre quen ocupa a bóveda rodeado dos símbolos dos evanxelistas. O friso inferior está ocupado en Sendelle pola Última Cea e en Melide por un Apostolado.
Continuando con este repaso aos conxuntos do século XVI, hai que que citar outras igrexas como as de Santa María de Proendos, no concello de Sober, onde hai pintadas a Adoración dos Reis e dos Pastores, a Fuxida a Exipto, ou a Visitación; as de San Xoán de Seoane, no municipio de Xinzo de Limia, nas que sobresae a imaxe do martirio de San Sebastián, moi repetido en outras igrexas do rural, porque ao fin de contas era o protector contra a peste, que non deixaba de ser a ira de Deus contra os pecadores; as de Santa María de Castrelo de Miño, que ocupan por completo a bóveda da ábsida, cunha completísima escena do Xuizo Final, na que chama poderosamente a atención a Cabalgata dos Pecados Capitais; as de Santo Tomé de Nogueira, no concello de Meis, cunha fermosa Anunciación e unha Epifanía; Santa María de Labrada e, sobre todo, a de Santa María de Labrada, no concello de Guitiriz, que ten nos muros da nave fermosísimas escenas que representan o Martirio de San Sebastián, o Bautismo de Cristo, a San Cristóbal, a Santiago Matamoros ou o Inferno, onde vemos a varias mulleres nunha caldeira posta ao lume, azuzado por varios diaños. O artista, anónimo, é extraordinario. Na penúltima xeira do ano tivemos ocasión de visitar a igrexa. Foi una sorpresa tan grande como a que supuxo, no eido escultórico, coñecer Santa María de Ventosa, en A Golada.
Nos últimos anos descubríronse novas conxuntos murais da segunda metade do século XVI, como os da igrexa de San Martiño de Berselos, no concello de Baralla, atopadas no ano 2005 ou os da igrexa de San Fiz de Donís, visibles desde o ano 2008, ainda que nos dous casos non teñen o valor dos conxuntos descritos con anterioridade. Os achados nestes templos enténdense pola decisión tomada polas autoridades de Galicia a finais do século XVI cando deciden que para evitar a propagación das epidemias de peste que apareceran en varias ocasións ao longo dese século, había que revestir con cal as paredes dos edificios, polo que os frescos existentes nas igrexas quedaron, case todos, tapados e gracias a iso, tamén preservados.
Se seguise coa descrición de outros conxuntos habería que facer un número monográfico da revista, pero alomenos cómpre mencionar algunhas escenas moi concretas: a Visitación da igrexa de Santa María de Marzá, o San Sebastián da igrexa de Xurenzás, o martirio de San Lourenzo de Fión, ou a Fuxida a Exipto, da igrexa de Nosa Señora da Ponte de Arante, en Ribadeo.
Na torre do pazo de San Miguel de Penas, en Monterroso, propiedade da casa ducal de Medinaceli, hai restos de pintura mural na primeira e na segunda planta. O máis curioso é que son de tema profano, algo totalmente insual naquel momento, destacando especialmente o Xuizo de Paris.
San Xoán de Seoane A pintura mural reaparece no século XVIII e deixou na nosa comunidade unha obra de gran valor que ata este ano pasaba desapercibida. Trátase da bóveda e a parte superior da capela maior da Catedral de Lugo, pintada polo mestre astorgano José de Terán entre os anos 1776 e 1778, ocultas por décadas de suciedade e humidade. A súa restauración, rematada no ano 2012, devolveulle unha cor esplendorosa, na que está pintada a Gloria, cunha profusión de anxos, santos, reis e escenas alegóricas, arredor da Trinidade. Tamén do século XVIII é obrigado citar á igrexa de San Miguel de Desteriz, no concello ourensán de Padrenda, que ten a bóveda da nave cuberta con pinturas na que están representados os Apóstolos, os Evanxelistas e os Doctores da Igrexa. Seguramente é un dos templos máis inxustamente descoñecidos de Galicia.
Nin os cidadáns nin os responsables políticos e culturais saben valorar e protexer como se merece este impresionante patrimonio, espallado por máis de cento cincuenta igrexas, a meirande parte delas en lugares con moi pouca poboación, fora de calquera ruta turística que permita o seu gozo. Resultaría desolador que algún dos conxuntos esbozados neste artigo sufran un deterioro irreversible provocado pola humidade, a maior enimiga da pintura, que se filtra nos edificios mal conservados. Non hai dereito a que se repita o da igrexa de Santo Estevo de Chouzán, que perdeu case por completo o seu magnífico Xuizo Final (froito tamén do deficiente arranque da pintura, pois o templo foi trasladado de lugar por mor da construción do embalse dos Peares) ou que San Xián de Moraime, cunha orixinal representación dos pecados capitais poida seguir o mesmo camiño.
Na primeira metade do século XIX a pintura mural pasa ao ámbito privado. Acaso o máis importante pintor desa época é Juan Pérez de Castinande, un artista neoclásico nacido nunha pequena aldea de Sober, que vai pintar moitas casas particulares na comarca de Lemos, como a Rectoral de Anllo, a Casa Grande de Rosende ou o Pazo de Molinos de Antero. Ademáis, outra clase de edificios requiren a contratación de artistas para decorar os seus teitos: os teatros. Como exemplos destacados temos o Rosalía de Castro, en A Coruña, onde o escenógrafo e pintor Eusebio Lucini foi o autor da pintura do teito; e o Jofre, en Ferrol, onde Jorge Busato, axudado por Ricardo Fontana di Cento, foi o artista encargado da decoración, realizada na derradeira década do século XIX.
O século XX representa para a pintura mural en Galicia un novo renacemento pois son moitos os artistas que van deixar obra espallada por distintos lugares ainda que xa non nos edificios relixiosos. Bello Piñeiro vai pintar no Casino de Ferrol a Sala das Conversas, coñecida popularmente como A Pecera, cos máis fermosos trazos do Modernismo galego, onde amosa o seu gusto pola paisaxe da dúa terra. Mural de Urbano Lugrís no Caffe Vecchio Urbano Lugrís vai renovar profundamente o noso muralismo co abandono do realismo e a creación dun mundo persoal e irrepetible no que o mar cobra un protagonismo indiscutible, e serven como exemplo os murais conservados no Caffe Vecchio da Coruña, ou no restaurante Nova Galicia de Santiago.
Outros destacados pintores que tamén realizan murais son Laxeiro, que pinta ?O manancial da vida? para o Café Moderno de Pontevedra; Prego de Oliver, que decora con dous murais, un dedicado ao campo e o outro ao mar, a Estación Marítima de Vigo, convertida hoxe na terminal de trasatlánticos Alberto Durán; José María de Labra, que realiza dous murais para o edificio dos Sindicatos da Coruña (hoxe demolido) e que foron extraídos e trasladados ao Pazo de Mariñán; ou Alfonso Costa, que pinta varios murais en Noia e Porto do Son, entre os que destaca o que fai para o instituto Virxe do Mar de Noia.
Como iniciativa singular, e por encargo do Ministerio de Xustiza, nos primeiros anos da década dos oitenta Quessada, Alexandro e Vidal Souto decoran os muros interiores do cárcere de Pereiro de Aguiar, en Ourense, ocupando unha superficie de case un quilómetro de lonxitude.
Mural de Fermín Díaz na aldea de Monseiro Non podemos pasar por alto os murais que Fermín Díaz, ?Finxo? realizou no exterior dalgunhas construcións da súa aldea natal, Monseiro, no concello de Láncara, nos que están pintados unha sega, unha romería tradicional, a Santa Compaña ou unha escena relacionada coa emigración e que fomos visitar hai un ano.
Porén, do máis importante muralista galego do pasado século, Luis Seoane, non conservamos obras desta clase en Galicia, habería que ir a Buenos Aires, onde hai excelentes exemplos. A Fundación Seoane de A Coruña amosa ata o 16 de xuño de 2013 unha exposición fotográfica que recolle o traballo do artista en edificios públicos e casas particulares, fundamentalmente de Buenos Aires. Na capital arxentina hai tamén unha excelente obra de Manuel Colmeiro, coautor do mural de Galerías Pacífico pero perdéronse para sempre os murais que pintara Maruja Mallo para o cine Los Ángeles.

MUSEO DE PONTEVEDRA

Montag, 14. Januar 2013

Hai dous días fun ver a nova sede do Museo de Pontevedra, o chamado ?Sexto Edificio?, inaugurado polo Presidente Rajoy o día 4 de xaneiro. Levaba rematado desde o ano 2008 pero non foi ata este momento no que se colocou a Colección Permanente que vai albergar, que abrangue desde o Gótico ata o século XX. Cousas da crise.
Son tres as plantas destinadas a este efecto, mentras que a planta baixa será reservada para exposicións temporais. Comecei o percorrido expositivo pola terceira planta, o que supoñía ver primeiro o máis moderno.
Seis das sete salas nas que está dividiva esta terceira planta están dedicadas á arte galega do século XX. Botamos a faltar sinalización individualizada de cada unha das obras o que para un non iniciado pode supoñer que non saiba a obra de que pintor está vendo. O personal da entrada asegurou que na vindeira semana estaría colocada toda a cartelería. Na primeira sala hai óleos de Carlos Maside, Manuel Colmeiro ou Arturo Souto, e esculturas de Narciso Pérez ?como o magnífico Guerreiro Celta-, Rodríguez Bonome, Eiroa ou Compostela.
A segunda sala está dedicada fundamentalmente a Manuel Torres, onde danse cita as súas mellores obras: ?Dama con sombreiro?, ?Traxe de buzo? ou ?Regateiras?; e a Laxeiro, co seu célebre cadro ?Chegada do rei Breogán a Galicia?. Hai tamén algúns pequenos bronces de Manuel Torres e unha boa escultura en madeira de Camilo Nogueira.
Na terceira sala destacan as esculturas de Uxío Souto, especialmente fermosa resulta ?Galicia nai e señora?, unha talla en madeira con policromía.
A cuarta sala acolle as obras máis salientables de toda esta terceira planta, algunhas excepcionais como ?Cabeza de muller negra?, de Maruja Mallo, ?Señora do abano?, de Díaz Pardo, ?As pombas?, de Julia Minguillón e tres obras de Urbano Lugrís. Resulta enternecedora tamén a escultura ?Hoxe comeredes?, de Acuña. Creo lembrar que estaba tamén nesta sala un curioso óleo de Leopoldo Nóvoa pintado por ambos lados, ao comezo da súa carreira artísitica.
Na sala quinta hai un apreciable cambio estilístico pois chegamos aos anos cincuenta, e nela podemos ver obras de Tino Grandío ou de Labra.
Na sala sexta hai un predominio da abstracción con obras de cores oscuras de Leopoldo Nóvoa, ainda que a obra máis chamativa é o ?Home na terra?, de Manuel Moldes.
Narciso Pérez. Guerreiro celta O percorrido por esta terceira planta remata cunha sala dedidcada á arte española do século XX, con artistas como Benjamín Palencia.
Nesta terceira planta botei en falta un cadro que posue o museo e que me parece moi bo, ?Vellos no asilo?, de Suárez Couto, do que sí está exposto un autorretrato.
A continuación baixamos ata a segunda planta, a única que tiña colocados os rótulos indicativos das obras. A primera das salas está dedicada ao cuarto integrante da Xeración Doente, Ovidio Murguía, e acolle os óleos que o artista pintara para o pazo de Lourizán, que pertencera ao político liberal Montero Ríos. Hai tamén mobiliario procedente do pazo e cadros de dous destacados pintores, Francisco Lloréns e Fernando Álvarez de Sotomayor, do que destaca a obra ?De volta?.
A segunda sala plenamente enmarcada na primeira metade do século XX en Galicia, ten como protagonistas principais a Carlos Sobrino, Xesús Corredoyra e González del Blanco, que reclama a nosa atención cunha obra de irónico título, ?Virxe nova e vírxenes vellas?, que representa a unha noiva axudada por unhas monxas.
A terceira sala, como as que restan, centradas no século XX, acolla unha pintura moi sobranceira de Juan Luis, ?Quinta Angustia?, e dedica un espazo á Asorey, do que se amosa obra menor.
A sala cuarta conta con artistas españois moi destacados, como Ramón Casas, Santiago Rusiñol, Anglada Camarasa ou Darío de Regoyos.
Manuel Torres. Regateiras A quinta sala está dedicada ao extraordinario violinista Manuel Quiroga Losada, do que se amosa un pequeno audiovisual. Nunha vitrina está e seu violín e algúns outros obxectos e nas paredes hai retratos do músico pintados por outros artistas e debuxos e caricaturas do propio Quiroga, que tamén destacou como pintor. Ao chegar a casa escoitei con emoción unha grabación dun concerto de 1912 que editar o selo Ouvirmos.
A sala seis está dedicada novamente á arte española con artistas como Sorolla e varios pintores vascos.
As dúas últimas salas desta segunda planta están dedicadas á figura de Alfonso Rodríguez Castelao. A primeira delas está presidida polos tres grandes óleos de cegos que pintara para o Balneario de Mondariz e que logo foran a parar á Real Academia Galega.
Na última das salas, xunto a pequenas obras mestras como ?O viático? ou o ?Neno das piñas? está o Castelao debuxante, coas espeluznantes series sobre a Guerra Civil recollidas nos álbumes Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, e os extraordinarios debuxos de negros e de cegos. Nunha vitrina central expóñense as máscaras para a representación da obra teatral ?Os vellos non deben de namorarse?.
Por último baixamos á primeira planta, que consta de oito salas. Na primeira delas entramos no mundo do Gótico galego. Sorprende a calidade dalgunhas obras, como o excelente retablo pintado sobre táboa dedicado a San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat, que procede do convento de Santa María de Belvís, en Santiago de Compostela. Outras pezas sobresaintes son un tímpano cunha Anunciación e unha Epifanía, o sepulcro de D. Suero Gómez de Soutomaior, e fragmentos dalgúns fermosos baldaquíns.
Na segunda sala hai algunhas tallas de José Gambino e José Ferreiro e diverso mobiliario eclesiástico. Estamos na transición do Barroco ao Neoclasicismo en Galicia.
Na terceira sala, dedicada ao Barroco galego, hai unha copia do Cristo de Velázquez e obras dos galegos Gregorio Ferro e García de Bouzas. Hai tamén dous lenzos da Escola Madrileña, entre eles ?A taberna?, atribuidos con anterioridade a Antonio de Puga.
A cuarta e a sexta sala acolle artistas españois do século XIX. Na primeira delas hai pintores como Valeriano Domínguez Bécquer, e na segunda, obras de Eduardo Rosales ou de Mariano Fortuny.
A quinta, séptima e octava salas desta primeira planta está dedicadas á arte galega do século XIX. No Romanticismo destaca a obra do ferrolán Jenaro Pérez Villaamil A máis interesante é a última desas salas, dedicada á obra de tres dos catro integrantes da coñecida como ?Xeración Doente?, como son Parada Justel, Joaquín Vaamonde e Jenaro Carrero, todos eles finados con trinta anos ou incluso menos. Destaca a impresionante obra ?Víctima do traballo?, de Carrero, un óleo de grandes dimensións, gañador dunha segunda medalla nacional no ano 1899.
Este percorrido leva un mínimo de dúas horas. Bótase en falta tamén algún banco nas propias salas de exposición porque pode resultar fatigoso para algunhas persoas e as paredes de formigón resultan algo frías. A pesares destos pequenos atrancos resulta imprescindible coñecer este novo edificio e a espléndida colección do museo.