Archiv für die Kategorie „2.3. Rutas por Portugal“

A BEIRA LITORAL

Sonntag, 5. März 2017

Días 7 a 9 de Outubro de 2016.

Barco Museo “Gil Eannes”, en Viana do Castelo; igrexa de Válega; Figueira da Foz; Castelo de Montemor-o-Velho; Leiría Museu da Imagem en Movimento, igrexa de Nossa Senhora da Penha, Moinho de Papel, Museo de Leiría. Coimbra: Museu Machado de Castro: Última Cea de Hodart.

A RAIA SECA

Sonntag, 24. April 2016

Na fin de semana do 20 e 21 de xuño de 2015 visitamos varios lugares a ambos lados da “raia seca” que separa Galicia de Portugal. Visitamos o Ecomuseo do Barroso, en Montalegre, onde ademais tivemos a sorte de atoparnos co Padre Fontes, unha verdadeira lenda vida destas terras, polas que tanto ten feito; na igrexa de Vilar de Perdizes mirámoslle á cara ao deus Larouco, agochado no coro da igrexa; paseamos ata a igrexa de Pitoes das Junias e a fervenza do mesmo nome. Subimos ata o castro de Carvalhelhos e visitamos o Centro das Artes de Boticas, onde está exposta a obra do pintor abstraccionista Nadir Afonso e rematamos no alto da serra do Larouco. Na parte galega aprendimos da historia do Couto Mixto, un pequeno territorio que ata mediados do século XIX estaba integrado polas aldeas de Meaus, Rubiás e Santiago de Rubiás, na que vimos na súa igrexa parroquial as pinturas murais da sacristía, a arca das tres pechaduras que gardaba a documentación do territorio e no adro, unha escultura de bronce que lembra a Delfín Modesto Brandón, o derradeiro xuiz do Couto.

O ROMÁNICO DO VALE DO DOURO

Sonntag, 24. April 2016

Entre o 30 de abril e o 3 de maio de 2015 acudimos puntualmente a nosa cita anual co veciño país de Portugal, para darlle continuidade á xeira que o ano anterior fixeramos arredor do románico do Sousa e do Támega. Como aperitivo coñecimos a igrexa de Sao Salvador de Ganfei, na zona do Minho; logo achegámonos ata Porto para ver o Museo Interativo ?World of Discoveries?, dedidado a epopeia dos descubridores portugueses (Bartolomeu Dias, Vasco de Gama, Alvares Cabral, Diogo Cao…). Dende Lamego, que tomamos como punto de partida visitamos as igrexas románicas de Santa María de Barro, San Martinho dos Mouros, Sao Tiago de Valadares, Santo André de Ancede e capela do Bom Despacho, Santa María de Cárquere, Sao Cristovao de Nogueira e Santa María de Tarouquela, sen esquecer outros elementos patrimonias da ruta como a ponte de Esmoriz e o Museu Municipal de Resende. E como remate, a ponte fortificada de Ucanha e a igrexa visigótica de Sao Pedro de Balsemao.

O ROMANICO DO VALE DE SOUSA

Donnerstag, 11. September 2014

Entre os días 1 e 4 de Maio desprazámonos ata Portugal, país ao que acudimos sempre que é posible para descubrir unha ruta que resultou todo un éxito. Esta ruta do románico, sen ter edificios con elementos tan valiosos como podemos ter en Galicia, está moi ben sinalizada, hai información escrita a disposición dos visitantes, as igrexas e as súas contornas están moi ben coidadas e o guía José Augusto Coelho soubo transmitir como ninguén os seus coñecementos e o seu entusiasmo.
Na primeira xornada fixemos a parada de rigor en Ponte de Lima, unha vila de gran atractivo, imprescindible en todas as viaxes que atravesan o país veciño. Xardíns da Quinta da Aveleda Xantamos en Penafiel, no restaurante Penafidelis, un lugar no que estiveramos anteriormente, para disfrutar dun xantar moi abundante. Alí apareceu o noso guía co que visitamos pola tarde o castro de Monte Mozinho, un dos máis grandes de Portugal, situado estratéxicamente entre os ríos Támega e Sousa, defendido por tres liñas de murallas. Conserva restos de vivendas de tradición castrexa e outras máis romanizadas de planta cuadrangular, a base dun templo e un espazo baleiro na acrópole cunha función indeterminada. Fomos despois ata a Quinta da Aveleda, que posue fermosos xardins de traza romántica, no que destacan os rododendros, as azaleas, e grandes acacias e carballos. A quinta produce viño, especialmente das variedades alvarinho e loureiro, que probamos na solaina do pazo, acompañados de queixo.
Museo de Penafiel. San Xurxo matando ao dragón O día dous comezamos coa visita do Museo Municipal de Penafiel, que destaca pola súa didáctica. Percorremos as salas dedicadas á Arqueloxía ?con restos da citania de Monte Mozinho-, aos Oficios e á Terra e o Mar, na que proxecta un extraordinario documental sobre o transporte de vinho e outras mercadorías no río Douro.
A continuación visitamos o mosteiro de San Salvador de Travanca, no concello de Amarante, o primeiro dos edificios deste estilo que integran a ruta románica de Vale de Sousa. Nel destacan a súa portada occidental, varios capiteis historiados do interior e o tímpano da torre. Accedimos tamén á sacristía, no que se conservan pinturas murais e un interesante mobiliario litúrxico.
A seguinte parada fixémola na igrexa de Sao Mamede de Vilaverde, no concello de Felgueiras, un edificio moi sinxelo, restaurado con moito esmero ?basta ver a súa situación anterior en algunhas fotografías, nun entorno moi ben coidado. Moi perto situáse a igrexa de Santa María de Airaes, na que o mellor resto románico é a súa portada occidental, pois o edificio foi moi alterado en épocas posteriores.
A visita da Casa do Pao de Lo de Margaride supuxo unha paréntese entre tanto edificio relixioso. Nunha casa tradicional con máis de cen anos de antigüidade elaboran un dos doces máis famosos de Portugal. Resulta extraordinario o seu forno, cunha fronte de azulexos, situado no primeiro andar da vivenda. O doce elabórase con ovo, azucre e fariña, sen levedar, e cócese en moldes de barro. Tivemos ocasión de probar o seu sabor.
Sao Vicente de Sousa Sen sair do concello de Felgueiras, visitamos o enorme mosteiro de Santa María de Pombeiro, moi transformado na época do Barroco. Como en case todas as visitas da xornada o resto románico máis sobranceiro é a súa portada occidental. Moi perto do mosteiro atópase un acueducto medieval moi ben conservado.
A derradeira parada da xornada tivo por escenario a igrexa de Sao Vicente de Sousa. Toda unha sorpresa. O edificio máis armonioso de cantos vimos en todo o día. Asistimos tamén a un recital de canto gregoriano e admiramos os casetóns pintados na bóveda da ábsida, nos que se narra a vida e martirio de San Vicente. Resultou moi curioso ver no exterior un cartel no que o contratista presupostaba a obra de restauración desta igrexa da ?Rota do Romántico?.
Portada da igrexa de Paços de Ferreira Principiamos o día tres coa visita da igrexa de Sao Pedro de Ferreira, unha das máis destacadas da ruta, no concello de Paços de Ferreira. Chama poderosamente a atención o adro situado diante da súa portada occidental, que podería ter un carácter funerario. Nesa portada á influencia do románico de Zamora resulta bastante evidente.
O segundo edificio da xornada foi a ermida de Nossa Senhora de Vale, dunha soa nave. O máis interesante son o púlpito exterior situado no adro e a pintura mural do interior, que serve ademáis como motivo promocional da ruta do vale de Sousa.
Seguimos polo mosteiro do Salvador de Paço de Sousa, no concello de Penafiel. A igrexa, de tres naves, ten unha gran amplitude. Destacan os capiteis e o tímpano da portada occidental, no que hai representado un círculo con inscricións e outros dous círculos máis pequenos nos que dous atlantes sosteñen o sol e a lúa. Memorial da Ermida No seu interior destaca o sartego de Egas Moniz, aio de Afonso Henriques, home dunha lealdade inquebrantable, con extraordinarios relevos no que están representandos entre outras cousas, un cortexo a cabalo e unhas mulleres plañideiras.
Rematamos a maña coa visita do memorial da Ermida, un tipo de monumento funerario que só existe nesta área, realizado a mediados do século XIII, consistente nunha base rectangular sobre a que se desenvolve un arco apuntado. Pola súa singularidade paga a pena deterse no lugar.
José Augusto, que ademáis de guía, tamén e panadeiro, sorprendeunos ao traer pan elaborado por el mesmo con masa de millo, pasas e noces dun sabor inesquecible. Nunca lle estaremos suficientemente agradecidos.
Sauna castrexa no xacemento de Freixo-Tongóbriga Tralo xantar desprazámonos ata a igrexa de Santo Isidoro de Canaveses, freguesía que estaba en festas. E un edificio románico moi alterado que alberga no seu interior pinturas murais de gran calidade, descubertas no ano 1977, que representan á Virxe con Neno, a Santa Catarina de Alexandria, a Santiago Peregrino e a San Miguel pesando as almas. Están datadas no ano 1536 e realizadas polo pintor Moraes.
No noso percorrido houbo unha pausa arqueolóxica para visitar o xacemento de Freixo-Tongóbriga, no concello de Marco de Canaveses, un completísimo asentamento no que se poden ver restos de vivendas castrexas e romanas ?foi romanizado en tempos de Augusto, foro, edificio termal (no que se aproveitou unha sauna castrexa coa súa pedra formosa-, necrópoles? A igrexa da aldea de Freixo foi levantada encima dunha basílica romana.
Rematamos a xornada coa visita da igrexa do Salvador de Cabeça Santa. Un edificio de gran beleza e armonía, moi pouco modificado. Destacan os seus capiteis. No adro hai tres sartegos coa súa tampa e un afloramento granítico no que están excavados tres sepulturas antropomorfas.
Sao Pedro de Cete. Virxe co Neno A mañá do día catro, o derradeiro da nosa xeira, e todavía na compañía de José Augusto Coelho, visitamos máis monumentos da ruta. Comezamos no mosteiro de Sao Pedro de Cete, que resultou toda unha sorpresa. Conserva un claustro do século XV cun xardín central no que se conservan varios sartegos e que estaba adornado con motivos florais. Destaca a capela funeraria de don Gonçalo Oveques, na que se atopa o seu sartego, azulexería, unha fermosa bóveda e unha belísima imaxe da Virxe. Ademáis estaban en festa e fomos agasallados pola unha banda musical.
A continuación vimos o menhir de Luzim, antes de achegarnos ata a igrexa de Sao Gens de Boelhe, dun románico moi puro, acaso a mellor do concello de Penafiel. Destaca a súa portada Oeste e sobre todo a sua extraordinaria colección de canzorriños.
Igrexa de Bravaes Rematamos a ruta do románico do vale de Sousa coa visita de Sao Pedro de Abragao. O maior interese radica no friso que percorre exteriormente parte de muro e os capiteis do arco triunfal.
Logo de xantar novamente no restaurente Penafidelis e xa camiño da nosa residencia, visitamos pola nosa conta a igrexa do Salvador de Bravaes, no concello de Ponte de Barca, o edificio románico máis emblemático de Portugal. A súa portada resulta extraordinaria, con cinco arquivoltas profusamente labradas. No tímpano hai dous anxos que sosteñen un Cristo Pantocrátor dentro dunha mandorla. Os fustes das columnas están tallados e dous deles representan unha Anunciación, ao estar esculpidos a Virxe e o arcanxo San Gabriel.

QUE NON FALTEN SARDIÑAS

Mittwoch, 31. Juli 2013

O pasado día 6 de xullo celebramos a nosa tradicional sardiñada de verán. A pesar da excelencia das sardiñas do mesón A Lagoa de Vimianzo, onde celebramos as últimas edicións, decidimos nesta ocasión cambiar o noso destino para coñecer novos lugares do norte de Portugal e do sur de Galicia.
Monçao. Palacio de Brejoeira
A xeira estivo marcada por un intenso calor, que chegou aos corenta grados. Ocupamos a mañá coa visita do Palacio de Brejoeira, en Monçao, un edificio de comezos do século XVIII reformado cen anos despois. Paseamos polos viñedos e os xardíns, vimos a antiga adega e a capela. No interior de palacio destacan especialmente a súa escalinata de acceso, decorada con fermosos azulexos, a biblioteca e, sobre todo, o pequeno teatro no que o propietario organizaba festas para goce dos seus amigos.
Monçao. Claustro do Convento dos Capuchos
Disfrutamos da sardiñada no elegante claustro do Convento dos Capuchos, en Monçao, convertido actualmente nun agradable hotel, con fermosas vistas sobre o río Miño, onde fomos moi ben acollidos. As sardiñas viñeron acompañadas de pan de millo e caldo verde con chourizo, e ademáis de vinho verde serviron tamén unha laranxada. Xa no interior, rematamos con polo e carne de porco na brasa.
Igrexa de San Joao de Longos Vales. Capitel do arco triunfal
Logo do xantar fomos ver a igrexa de Sao Joao de Longos Vales. Conserva unha extraordinaria cabeceira románica con canzorros e capiteis moi ben traballados. Os fustes das columnas do arco triunfal teñen talladas unhas figuras en relevo.
San Paio de Albeos. Tímpano
Xa en terras galegas achegámonos a ver as ruinas do mosteiro románico de San Paio de Albeos, no concello de Crecente, que amosan un estado lamentable, que de seguir co seu deterioro pode provocar que os muros se veñan abaixo. Unha mágoa porque conserva un espléndido tímpano, cun Pantocrator enmarcado nunha mandorla sostida por dous anxos.
Fraga do río Barragán. Ponte dos Mouros
Como remate fomos ata o concello de Fornelos de Montes, e nas inmediacións de Oitavén, coñecimos o elemento máis abraiante da senda da Fraga do río Barragán, un acueducto situado no medio dunha carballeira, coñecido como a Ponte dos Mouros, a carón dun agro gandeiro do século XVIII, que ocupa o foxo do castro do monte da Cidade. É un lugar verdadeiramente máxico, de difícil datación, acaso do século XV. Fíxose a restauración dunha das vivendas, coa súa cuberta vexetal, pero entrar nela resulta algo complicado senón se ten unha linterna.
Premios das festas de Pazos de Borbén Antes de volver paramos nun bar de Pazos de Borbén onde anunciaban os premios dunha festa. Deixo a criterio dos lectores interpretar o premio que recibe o gañador. Con esta xeira abrimos un paréntese. Non voltaremos cunha nova viaxe ata comezos de setembro, cando iremos ao illote de Guidoiro Areoso, onde hai varios dólmenes, e na illa de Arousa pasearemos polo sendeiro do Carreirón. Aproveitaremos este tempo de verán para coñecer novos lugares cos que enriquecer o programa do vindeiro ano.

OS TABULEIROS DE TOMAR

Mittwoch, 20. Juli 2011

Entre os días 8 e 10 de xullo tivo lugar a única xeira que este ano ten por destino o noso pais irmán de Portugal para disfrutar da afamada festa dos Tabuleiros, en Tomar, que se celebra cada catro anos.
Como saímos ás 8,00 horas da Coruña tivemos tempo dabondo para percorrer as rúas de Braga, unha das cidades máis agradables para pasear que un poida coñecer. Unha molesta e pertinaz choiva ía poñernos en certas dificultades. Comezamos coa visita da Sé, un edificio orixinalmente románico moi transformado en séculos posteriores. O máis sobranceiro son os dous órganos enfrontados, situados a ambos lados do balustre da tribuna, na entrada da nave maior. Braga. Caballerizas do Museo dos Biscainhos Saimos do templo a través dun patio que vai dar á Capela da Glória, para ver no exterior da cabeceira a escultura de Nossa Senhora do Leite. O chafariz, a capela dos Coimbras, a igrexa da Santa Cruz ou o barroca casa do Raio foron outros lugares aos que encamiñamos os nosos pasos. Moi perto desta última casa consérvase o único resto romano de Braga, a fonte do Idolo, con relevos escavados na rocha.
No restaurante Ben-Me-Quer agardaba por nós un excelente bacalhau á Bras.
Logo de xantar visitamos o Museo dos Biscainhos, que ocupa un palacio do século XVII cunha entrada cuberta moi teatral para permitir o acceso de carruaxes. O edificio ten moito máis interese nas dependencias máis humildes que nas máis nobles, cheas de mobiliario ás veces de dudoso gusto. O máis destacado do conxunto son as caballerizas, a cociña e os xardíns, cun impresionante tulipeiro de Virxinia cunha idade de 270 anos e un perímetro troncal de varios metros. Lástima da persistente borraxeira que impediu o disfrute dun agradable paseo polo xardín.
A continuación marchamos a Briteiros, onde a chuvia, outra vez! privounos da visita do xacemento castrexo ainda que si vimos o Museo da Cultura Castreja, situado 2 km. máis abaixo. Alí aprendimos da vida e miragres do arqueólogo Francisco Martins Sarmento, propietario do edificio, da man dun magnífico audiovisual e das explicacións dun guía moi ben documentado. Briteiros. Pedra formosa no Museo da Cultura Castreja Fascinante a figura de Martins Sarmento, descubridor da citania de Briteiros, que empregou nas súas pesquisas un avance da época que agora dalle máis valor ás súas aportacións: a fotografía, da que hai boas mostras. Na casa organizou Martins Sarmento o primeiro Congreso Arqueolóxico de Portugal e agochou ao escritor Camilo Castelo Branco, protagonista dunha romántica historia. Na parte baixa do museo hai pezas procedentes da escavación da citania de Briteiros que remata cunha sorpresa: está exposta a marabillosa Pedra Formosa que gardaba o Museo de Guimaraes.
Tivemos logo o tempo xusto para chegar a cear ao restaurante Don Pedro, en Coimbra.
O sábado desprazámonos ata Tomar, en compañía de María José Fernandes, a encantadora guía que xa tiveramos a ano anterior. En Tomar percorrimos as súas rúas decoradas con alfombras vexetais e adornos florais de papel e asistimos abraiados aos cortexos dos Tabuleiros que portan as mulleres acompañadas dunha parella masculina. Os Tabuleiros, que en español tradúcense como ?bandejas?, son en realidade unha especie de cestos con varias varillas nas que se ensartan pequenos panes entre os que se colocan adornos florais de papel de mil formas e cores, e ás veces espigas, mazorcas ou follas. Tomar. Moza portando un tabuleiro Miden o mesmo que a súa portadora, polo tanto en torno a 1,60 metros ou máis. Están rematados por unha coroa coa cruz dos templarios ou cunha pomba que representa ao Espíritu Santo. Os tabuleiros quedan expostos na mata (parque) ata o día seguinte en que desfilan todos xuntos.
Tomar ten dous edificios que hai que visitar, a sinagoga, construcción de pequenas dimensións e planta cuadrangular, cuia bóveda está sostida por catro columnas. Está chea de simbolismos e conserva un curioso sistema de amplificación de son, consistente na colocación de ánforas invertidas de barro a unha gran altura en cadansúa esquina.
O templo que coloca a Tomar na historia do arte, é o Convento de Cristo, declarado Patrimonio da Humanidade. O elemento de maior interese é a Charola románica, unha contrucción románica templaria, de planta octogonal, que segue o modelo da igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén. Tomar. Convento de Cristo. Charola románica Percorrimos todos os claustros (sete en total) e admiramos a famosísima Janela manuelina tantas veces reproducida. Paseamos pola terraza do claustro dos Filipes para disfrutar das mellores vistas do edificio e tamén entramos na antiga cociña ou no refectorio. Con todo, e dado o gran interese que ten o monumento quizáis debería estar mellor coidado porque transmite unha sensación de decadencia.
Tamén nos achegamos ata o acueducto dos Pegoes que moitas veces pasa inadvertido e ten moito que ver.
Esquecía o xantar, algo imperdonable, que tivo lugar no restaurante Chico Elías, que como xa contabamos resultou espectacular. Tomamos como entrantes unhas petingas ao forno(sardiñas), xudías con caracois e morcilla de arroz, e como pratos contundentes serviron cabrito asado e pato con migas.
Vila romana de Rabaçal O domingo tamén en compañía de María José Fernandes fomos ata Rabaçal, pequena poboación na que se sitúa unha vila romana de gran interese. No Museo vimos os extraordinarios mármores atopados na escavación, e fotografías dos magníficos mosaicos que conserva a vila. A visita ao xacemento resulta un tanto frustrante. Os restos arqueolóxicos están situados no medio dun olivar pero como carecen de cuberta, os mosaicos están ocultos cunha boa capa de terra. Só amosan un pequeño mosaico coa representación dunha das catro estacións. O problema é que a crise que afecta profundamente a Portugal fará que este tesouro teña que estar oculto durante varios anos.
Houbo tempo para mercar tamén algún dos afamados queixos do lugar feitos maioritariamente con leite de cabra, ainda que non teñen a calidade dos queixos de Azeitao, Serpa o da Serra da Estrela.
De volta a Coimbra, xantamos nunha terraza do restaurante ?A Portuguesa?, á beira do río Mondego. Un lugar moi agradable, xa coñecido, ben servido, no que disfrutamos dun exquisito salmón á grella.
Coimbra. Criptopórtico do Museo Machado de Castro Pola tarde e antes de voltar á nosa cidade visitamos o criptopórtico romano do Museo Nacional Machado de Castro, que logo de cinco anos de reforma todavía ten pechada a súa colección permanente. O impresionante criptopórtico formado por unha sucesión de galerías non é outra cousa que a base do foro da antiga cidade romana de Aeminium. Os habitantes da veciña cidade romana de Conínmbriga cando as invasións suevas abandoaron aquela e foron vivir a Aeminium, que curiosamente despois quedou transformada en Coimbra.
Vimos exteriormente a Sé Velha, un magnífico edificio románico con aspecto de fortaleza. A súa portada carece de representacións humanas pois parece que foi esculpida por artistas musulmáns.
E como remate, na viaxe de volta detivémonos de Valença do Minho onde houbo intereses diversos, algúns optaron polas compras, outros por percorrer o recinto amurallado.

COIMBRA E AS ALDEIAS DO XISTO

Samstag, 18. September 2010

Entre os días 10 e 12 de setembro celebramos a nosa primeira xeira logo de parón circunstancial do verán.
Como cada vez que viaxamos a Portugal, a nosa primeira parada tivo lugar en Ponte de Lima. Estaba chea de xente, adornos, barracas e luces, pois comezaban as súas festas. Logo saberiamos que ademáis esperaban para o sábado a visita do Presidente da República, Anibal Cavaco Silva.
Xantamos en Mealhada, nun clásico para nós, ?A Quinta dos Tres Pinheiros?, no que non faltaron o caldo verde e o bacalhau.
Conínbriga. Mosaico na Casa dos Surtidores Pola tarde, baixo un intenso calor, fomos ver o xacemento romano de Conínbriga, en Condeixa-a-Nova, con fermosos mosaicos ?especialmente os da Casa dos Surtidores- e un museo monográfico con pezas de gran interese.
De contado, fomos ata Penela, unha vila de fronteira, situada nunha zona moi disputada por cristiáns e musulmanes no período da Reconquista. Conserva un castelo que visitamos da man de Mario Duarte, guía local ben documentado, que foi contando a evolución xeral dos castelos e os seus sistemas defensivos, e en particular do de Penela.
A idea orixinal desta viaxe, as aldeias do xisto, viuse moi limitada polas dificultades de acceso a estos pequenos lugares. Só se pode chegar en autocar a unha das aldeas da serra de Lousa, Candal, que foi obxecto da nosa atención. Candal. Aldeia de xisto Por certo, acompañounos ata alí un amable portugués chamado Carlos, que coa súa moto evitou que nos perderamos. Na viaxe de volta botamos unhas risas no autobús a conta das súas indicacións. Candal é unha aldea ben recuperada na que non hai moitos pegotes arquitectónicos, e na que predomina a cor marrón nas súas paredes. Para outra ocasión quedarán Talasnal ou Cerdeira, aldeas todavía máis fascinantes pero ás que hai que chegar a pé ou en todoterreo. Durante a subida a Candal vimos desde a estrada o castelo de Arouce.
O sábado día 11 recolleunos no hotel Almedina unha moza chamada María Jose Fernandes, que sería a nosa guía durante toda a xornada en Coimbra. Ao seu coñecemento engadiría ademáis a súa simpatía e atractivo. O hotel non ten moitas pretensións pero está moi ben situado. Aquí durmimos as dúas noites.
En primeiro termo atravesamos o río Mondego para ver na outra banda o convento de Santa Clara-a-Nova. Coimbra. Santa Clara-a-Nova. Sepulcro da rainha Santa Isabel Ten un claustro de grandes dimensións que semella moi tranquilo. Garda o sepulcro da raíña Santa Isabel de Aragón, dona do rei Don Dinís, tallado en pedra policromada.
A continuación visitamos a Universidade de Coimbra, un enorme recinto con varios lugares especialmente interesantes: a Biblioteca Joanina, da primeira metade do século XVIII, dividida en tres sás, magníficamente decorada, e na que sobresaen as mesas de lectura; a capela de San Miguel, cun órgano impresionante; ou a Sala dos Capelos. Dende aquí saese a unha galería exterior desde a que podemos ver unha espléndida vista sobre o río Mondego, a Sé Velha ou o Museu Machado de Castro.
Fóra do recinto histórico, nun edificio neoclásico está o Museo da Ciencia da Universidade de Coimbra, antigo laboratorio químico. Neste momento había unha exposición sobre Darwin e outra sobre a luz e a materia. Coimbra. Museo de Ciencia da Universidade Chama poderosamente a atención a súa sala de conferencias que conserva a disposición dunha antiga aula de estudiantes únicamente con bancadas, sen mesas, para escoitar as clases maxistrais.
A derradeira visita da mañá tivo por escenario a Sé Velha, a mellor obra románica do país, con aspecto de fortaleza. Ten unha fermosa portada na que chama a atención a ausencia de figuras humanas por mor de ter sido esculpida por artistas musulmanes. A visita do interior estivo dificultada pola celebración dunha voda. Conserva un magnífico retablo, se ben o mais destacado é o seu triforio.
O xantar tivo lugar nunha terraza do restaurante ?A Portuguesa?, á beira do río Mondego. Un lugar moi agradable, ben servido, no que disfrutamos dun exquisito salmón á grella.
Pola tarde principiamos o noso percorrido no mosteiro de Santa Cruz, que acolle un monumental órgano barroco, recentemente restaurado, e un ben traballado púlpito obra de Nicolás Chanterene, artista do que conservamos en Galicia magníficas esculturas na capela do Hostal dos Reis Católicos. Coimbra. Igrexa de Santa Cruz. Organo barroco Na capela maior conserva os sepulcros de Afonso Enriques, primeiro rei de Portugal, de de Sancho I. Lástima que non permitan subir ao coro pois a sillería que albiscabamos desde abaixo semellaba excepcional.
De seguido fomos ata ó mosteiro de Santa Clara-a-Velha, moi ben recuperado, pois lembramos que anteriormente a igrexa estaba baixo as augas do río Mondego. Coimbra. Mosteiro de Santa Clara-a-Velha O Centro de Interpretación acolle un interesante museo cos obxectos atopados na excavación que descubriu un claustro que se creía perdido.
Pola noite, case todos terminamos nunha casa de fado, A Capella, que como indica o seu nome está instalada na igrexa de Nosa Senhora da Vitoria. O cantante, Nuno Dias, acompañado de dous magníficos instrumentistas (guitarra de Coimbra e guitarra española) interpretou varios temas, entre eles o inesquecible ?Tenho barco, tenho remos?, de José Afonso, co estilo característico de Coimbra (mans nos petos do pantalón e menor expresividade que en Lisboa). Tamén lembramos a Mauricio e o xeito de cobrar.
Santa María da Feira. Castelo O domingo pola mañá tiñamos prevista a visita do Visionarium, en Santa María da Feira, un museo científico no que chegamos a entrar pero por causa da informalidade do técnico encargado, que non se presentou, tivemos que substituila polo castelo da vila. Penso que saímos gañando, pois a fortaleza goza de moitos atractivos: a súa estética, o sistema defensivo, a cisterna, a capela…
Xantamos en Penafiel, no restaurante ?Penafidelis?, situado no parque de Sameiro: bacalhau con broa e unha monumental mesa de postres, con dez ou doce variadades de tartas, puddings, flanes, froita, etc.
Para pasear tan opípara comida achegámonos ata o Museo Municipal de Penafiel. Unha auténtica sorpresa. Para quen esto escribe o momento máis excitante da viaxe. Museo Municipal de Penafiel. San Jorge e o dragón. Da gusto ver a intervención arquitectónica no edificio, a disposición dos distintos espazos expositivos (Identidade, Territorio, Arqueoloxía, Os Oficios, Terra e auga), con amplos corredores que permiten unha circulación dos visitantes moi cómoda, bancos onde repousar, grandes vitrinas visibles desde os dous lados, apoio de medios audiovisuais, etc., unha marabilla.
A nosa viaxe rematou cunha paradiña en Valença do Minho, onde percorrimos a fortaleza e máis de un aproveitou para gastar os cartos e fomentar o comercio.