Archiv für Januar 2010

AS VERBENAS DE MARUJA MALLO

Freitag, 29. Januar 2010

verbena-museo-reina-sofia-madrid Acaba de inaugurarse en Madrid, a exposición sobre Maruja Mallo que, organizada pola Fundación Caixa Galicia, estivo antes na Casa das Artes de Vigo. A artista galega, sen dúbida a mellor pintora española de todos os tempos, mostrou a súa obra en 1928 nos salóns da Revista de Occidente, que dirixia Ortega e Gasset.
kermesse-museo-de-castres-francia
Nela Maruja Mallo mostrou unha serie de cadros alegres e cheos de cor, entre os que estaban a serie de Verbenas, integrada por catro lienzos que simbolizaban as catro estacións. Neles aparecían casetas de feira, carruseles, tiovivos, xigantes e xentes de todas as clases sociais nun ambiente de festa.
verbena-de-pascua-coleccion-ariel-blumenczejg-new-york
Actualmente estes cadros están en distintos lugares: un pertence á colección permanente do Centro de Arte Reina Sofía, de Madrid; outro, coñecido como Kermesse, propiedade do Centro George Pompidou de París, exhíbese no Museo de Castres, cerca de Toulouse;verbena-coleccion-particular-madrid o terceiro, identificado como La verbena de Pascua, pertence á Colección Ariel Blumencwejg de New York; e por último, a única verbena exhibida na exposición, pertence a unha colección particular de Madrid.
.
.
.

PORTICO DA GLORIA

Freitag, 29. Januar 2010

portico da gloriaNa entrada anterior, ao falar do fotógrafo Charles Thurston Thompson facíamos mención dunha réplica do Pórtico da Gloria da catedral compostelana que se pode ver no Victoria and Albert Museum de Londres. No está de máis reproducir unha imaxe desa réplica agora que tamén está oculto por un andamio o seu orixinal.

MIRADAS ALLEAS

Freitag, 29. Januar 2010

Ruth M. Anderson. Noia. A pequena leiteiraAta o 28 de Febreiro pódese ver na sede da Fundación Caixa Galicia, en A Coruña, unha extraordinaria exposición fotográfica da norteamericana Ruth Matilda Anderson, unha mestra que nunca chegou a exercer como tal, pois logo de licenciarse mostrou interese por esta nova arte e tras estudar en New York, foi contratada pola Hispanic Society of America, con sede nesa cidade. Anderson fixo, en compañía do seu pai, unha viaxe entre o 29 de xullo de 1924 e o 28 de agosto de 1925, por Galicia e Asturias. Voltou á nosa terra, esta vez con Frances Spalding, entre os días 14 de novembro de 1925 e 25 de marzo de 1926. En total sacou 5.249 fotografías. Tres viaxes máis por outras rexións da península completaron a súa andaina fotográfica. En 1954 foi nomeada conservadora da colección de traxes da Hispanic Society. Finou en 1983.
Non foi, sen embargo, a única fotógrafa extranxeira que percorreu Galicia e retratou lugares e xentes. Fagamos memoria dalgúns destes fotógrafos.
Charles Thurston Thompson. No Arquivo da Catedral de Santiago consérvanse varias imaxes deste fotógrafo que pertencía ao Museo South Kensington (actualmente Victoria and Albert Museum) feitas en 1866, dous anos antes da súa morte. A realización destas imaxes coincide coa realización dunha copia en escaiola do Pórtico da Gloria, exposta no museo.
GERVAIS COURTELLEMONT. Cash and carry in GaliciaJules Gervais Courtellemont. Destacado fotógrafo francés, finado en 1931. Vencellado á revista National Geographic, está considerado como un dos mestres do autochrome, procedemento fotográfico de cor inventando polos irmáns Lumiere. As imaxes que por este sistema fixo en Estambul, Exipto, Palestina ou da batalla do Marne, na Primeira Guerra Mundial son memorables. Percorreu Galicia e outros lugares da xeografía española no ano 1930, pouco antes do seu pasamento.
Charles López Alberty Jeaneret, alcumado ?Loty?. Fotógrafo francés nado nos Alpes en 1890 e desaparecido no ano 1936. Dende o ano 1920 ata a súa morte fixo unhas 12.000 placas fotográficas de toda España, das que 930 corresponden a Galicia. As imaxes galegas están depositadas no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, logo da súa adquisición pola Xunta de Galicia no ano 1998.
KURT HIELSCHER. Ría de PontevedraKurt Hielscher. Ao igual que Ruth M. Anderson era mestre e por circunstancias da vida tivo que permanecer en España durante 5 anos, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial. Durante este tempo viaxou por toda a xeografía española facendo fotografías e publicou no ano 1922 un libro titulado Das unbekannte Spanien (traducido ao español como España incógnita). Realizou libros moi semellantes en Alemania, Italia ou Rumanía. Tamén a Hispanic Society of America conserva o seu legado, integrando por máis de 1.600 fotografías de España.
ROISIN. MozaLucien Roisin. Fotógrafo parisino, afincado en Barcelona despois da Primeira Guerra Mundial, onde fundou ?La Casa de la Postal?, especializada na comercialización de imaxes de toda España. Durante case 20 anos, percorreu toda a xeografía española. Morto en 1943, a súa sobriña Luciana continuou co negocio fotográfico, e logo de non poucas vicisitudes conservou o legado fotográfico do seu tío ?integrado por unhas 40.000 imaxes- que actualmente conserva o Institut d?Estudis Fotográfics de Catalunya.
Josip Ciganovic. Fotógrafo serbio nado en 1922. Contratado nos anos 60 polo Ministerio de Información y Turismo, que entón dirixía Manuel Fraga Iribarne, para fotografiar Galicia, Extremadura, Levante, La Mancha e Aragón. Estas instantáneas foron recollidas nunha colección que levaba por título ?Imagen de España?. O volume correspondente a Galicia foi publicado no ano 1969 con textos da traductora ferrolá Esther Benítez.
Staffan Mörling. Antropólogo da universidade de Lund (Suecia), que nos anos sesenta estudou a vida na illa de Ons e casou cunha rapaza do lugar. Alí tivo contacto coas dornas, embarcacións moi mariñeiras polas que sentiu unha especial fascinación, que ampliou en anos sucesivos cun completo estudo das embarcacións tradicionais existentes en Galicia, culminado cunha publicación que constitúe unha auténtica Biblia sobre o tema.
Walter Ebeling. Ao igual que Mörling, Ebeling foi un etnógrafo que facía fotografías. Discípulo do profesor Fritz Krüger, da universidade de Hamburgo, percorreu o leste de Lugo, en particular as zonas montañosas, nos veráns de 1928, 1929 e 1933. Outro compañeiro de estudos, Hans-Karl Schneider fixo un completísimo traballo sobre a dialectoloxía do val do Limia, onde trabaría amizade con Xaquín Lorenzo.
JEAN DIEUZAIDE. Palas de ReiJean Dieuzaide, finado no ano 2003, foi un dos grandes fotógrafos franceses do século XX, coetáneo de artistas como Robert Doisneau ou Emmanuel Sougez. Sabía retratar á xente, particularmente mulleres, dun xeito moi especial. Sentía unha gran paixón por España e Portugal. En Galicia estivo nos anos 1958 e 1961. As súas imaxes tamén foron expostas na Fundación Caixa Galicia. Deixou tamén a súa impronta nas fotografías que realizou para os volumes de Cataluña da colección de libros ?A España románica?, publicada en castellano por Edicións Encuentro.
Sebastiao Salgado. Fotógrafo brasileiro nado en 1944, con ancestros galegos, ao igual que a escritora Nélida Piñón. En 1986 comezou un estudo sobre diversos grupos de traballadores, culminado no ano 1993 cun libro impactante. As imaxes de Galicia que figuran nese álbum son todos retratos de pescadores e mariscadores.

Colgante do colar de Elviña

Donnerstag, 28. Januar 2010

elvina1
“Información tomada da ficha do Museo Arqueolóxico”
Procedencia: Castro de Elviña (A Coruña).
Material: Ouro/prata.
Cronoloxía/época: Entre S. I a.C. e S. II d.C. Galaico-romana.
Dimensións: 2 cms. de diámetro e 2,5 cms. de alto.
Colgante en forma semellante a un carrete, constituído por tres corpos ben diferenciados, que xunto cóas dóas de ouro (Ref. 115), e a dóa de vidro (Ref. 117), formaría parte dun posible colar articulado. O CORPO SUPERIOR está composto por dous troncos de cono xuntos pola base. O superior está decorado con círculos de filigrana recheos de pequenos gránulos, e o inferior cunha serie de postas de filigrana encadeadas recheas tamén con granulado. O perímetro da unión, de 1,9 cm de diámetro, adórnase cunha triple ringleira de esferiñas soldadas formando cordóns. Separando ó corpo superior do inferior, presenta un corpo cilíndrico ou anel cinguido por tres nervios circundantes paralelos con adorno dentado. O CORPO INFERIOR ten forma troncocónica, sendo menos alto que o corpo superior, pero mais amplo (2 cm). A superficie que conforma o tronco de cono presenta unha decoración a base de postas encadeadas recheas de granulado. Tres nervos paralelos de esferiñas granuladas, limitan a BASE do colgante, a parte mais ornamentada. No centro presenta un glóbulo ou botón enmarcado por dous círculos concéntricos de filigrana, có espacio entre eles recheo de un fino granulado. Ó redor deste motivo, disponse unha roda helicoidal de seis postas entrelazadas feitas con fío de prata, salpicadas con gránulos de ouro e combinadas con calados na lámina de base, que a súa vez está enmarcada por un cordón trenzado de filigrana. Rematando o contorno desta lámina terminal, presenta dous cículos concéntricos de esferiñas.
Notas:
Esta peza estivo na exposición: El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia, 1995, Museo de Lugo, Diputación/Museo de Lugo (Comisario A. Alvarez Núñez).
Materia: Segundo Luengo (1979: 224) todas as xoias atopadas no castro de Elviña, teñen a mesma lei de 14 quilates de ouro e dez de prata, ainda que non sinala a metodoloxía analítica empregada; Técnica: Semella que non está presente a técnica de granulado auténtica, sendo en realidade unha técnica similar mais sinxela que consiste na aplicación de pó de ouro natural cun soplete; Epoca/Cultura/Estilo: Luengo (1979) opina que a cronoloxía do colar de Elviña debe situarse en torno do século III a.C. pola súa similitude có torques de Vilas Boas e seguindo en parte a opinión de Blanco Freijeiro (1957: 999) de que toda a orfebrería castreña con decoración de grans, glóbulos e filigranas, é posterior ó 300 a.C. xa que imita modelos orientais producidos nos séculos IV-III a.C. Reboredo (1996: 84), considera que é unha producción indíxena e que debe situarse en torno do século IV a.C.
Bibliografía:
Luengo, J.M. 1954-55: “Noticia sobre las excavaciones del Castro de Elviña”. Noticiario Arqueológico Hispánico, III-IV: 213-246, Lam. 9, 11; Monteagudo, L. 1954: “Joyas del castro de Elviña (La Coruña) y soluciones museológicas generales”, Archivo Español de Arqueología, XXVII; Luengo, J.M. 1979: “El Tesoro de Elviña y tres torques coruñeses”. Trabajos de Prehistoria, XXXVI; Fariña, F. 1991: “Tesouro de Elviña”. En, Catálogo de la Exposición “Galicia no Tempo”, Santiago de Compostela; Reboredo, N. 1996: “El tesoro de Elviña“. En, Catálogo de la Exposición “El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia”. Museo, Diputación. Lugo: 71-86; Senén, F. 1996: “Cuentas y colgante de Elviña”. En, Catálogo de la Exposición “El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia”. Museo, Diputación, Lugo: 122; “Tesoro de Elviña”, Tarxeta Postal, Postales Fama, Vigo; “Detalle colgante Elviña”, Diapositiva, Postales Fama, nº 9, Vigo; 1994, Guía General del Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”. Museo, Concello. A Coruña: 18.

OS PRESOS DE SAN ANTON

Samstag, 23. Januar 2010

Como resulta evidente un museo que ocupa un edificio histórico, como un castelo, non so acolle pezas de maoir o menor interese, como iremos describindo neste blog. Tamén ten historia. O artigo que reproducimos a continuación foi publicado por Xesús Baños no Boletin da Asociacion.
sananton1
O castelo de San Antón foi prisión política e militar, na que penaron importantes persoeiros como Malaspina e das que imos facer un breve relatorio.

Parece ser que o primeiro inquilino involuntario desta prisión foi, en 1686, o torreiro Gómez Catoira por non exercer debidamente as súas obrigas, consistentes no encendido do farol da torre de Hércules, e sí cumplir coa súa devoción, que non era outra que a malversación de fondos.

Dramática foi a cadea de Gaspar Enríquez Sarmiento Sanjurjo de Valladares, que a mediados do século XVIII, ocupou un dos calabozos ao ser acusado, en unión da súa nai, do asesinato do seu pai, o marqués de Valladares, e que se deixou morrer de fame.

En 1813 ocupou unha celda da prisión Antonio de la Peña, director da publicación ?El Ciudadano por la Constitución?. De 1814 a 1815 pasou polo cárcere coruñés o intelectual liberal vasco Agustín de Foronda. En 1824 foron detidos Juan Antonio de la Vega, pai de Juana de Vega, marquesa de Espoz y Mina, e Juan Esteban Lozano de Torres, ministro de Fernando VII, a quen se lle conmutou a pena de morte polo desterro a Astorga.

En 1823 prodúcese o episodio máis sanguento da historia da prisión, pois cincuenta absolutistas son asasinados a coitelo e os seus corpos botados ao mar.

Voluntario foi o encerro do Xeneral Francisco Puig Semper que tras negarse a reprimir o pronunciamento de Solís contra Mendizábal en Ponte Sigüeiro (1846), presentouse na porta do castelo para a súa detención.

En 1866 son enviados ao castelo de San Antón os prisioneiros da embarcación Maule, capturados durante a guerra que España mantiña con Chile e Perú. Dous anos despois foi detido o marino liberal Manuel Pereira.
mamedcasanova
Movida resultou a estancia, entre 1902 e 1903, do bandoleiro Mamed Casanova, ?Toribio?, natural de Grañas de Sor, do que se dicía nunha copla popular: ?A Mamed lo persigue la Guardia Civil, pero el bandolero, conoce el país?. Logo de ser condenado á pena de morte, recibe en San Antón a nova da conmutación da pena pola cadea perpetua e do seu traslado a Valencia.

Aínda que os nomes que nos resultan máis coñecidos son os de Villarroel, Macanaz, Malaspina ou Porlier.
Antonio de VillarroelO xeneral Antonio de Villarroel, primeira personalidade de renome que sufriu cadea en San Antón, era o xefe militar encargado da defensa de Barcelona ao remate da Guerra de Sucesión, entre os partidarios do rei Felipe V (Castilla, Francia) e do arquiduque Carlos (Cataluña, Aragón, Inglaterra, Holanda). A cidade foi rendida o día 11 de setembro de 1714, logo dun asedio de trece meses, e entregada ao duque de Berwick, xeneral do exército borbónico. Como lembranza desa data, o 11 de setembro, celébrase a Diada, festa nacional de Cataluña. Villarroel permaneceu no castelo de San Antón entre os anos 1716-19 e logo foi trasladado ao Alcázar de Segovia, cidade na que terminaría por establecerse, cobrando un retiro concedido polo emperador Carlos VI de Austria.

Logo tocoulle a vez a un destacado político ao servicio do rei Felipe V, Melchor de Macanaz, do que foi Secretario particular, víctima dun longo proceso que acabaría cos seus ósos en San Antón, magníficamente contado nunha obra de Carmen Martín Gaite, ?El proceso Macanaz?, e a quen debemos, entre outras cousas, a creación da Biblioteca Nacional,
Melchor de MacanazMacanaz, férreo centralista, partidario de reformar a Administración do Estado, a Inquisición e as relacións entre a Igrexa e o Estado, así como de primar as regalías do soberano, foi destituido de todos os cargos cando un informe secreto sobre esta cuestión foi parar ás mans da Inquisición. O seu desterro en Francia durou trinta e catro anos, durante os que escribiu incansablemente. Trala morte de Felipe V, foi nomeado por Fernando VI como Plenipotenciario no Congreso de Breda pero caído novamente en desgracia é recluido no castelo de San Antón en 1748. Gracias ás influencias de destacadas personalidades, como o Marqués de la Ensenada, foi trasladado ese mesmo ano ata o cuartel de San Francisco (coñecido despois como cuartel de Macanaz), onde permaneceu ata 1760; ese ano é liberado por Carlos III, cando contaba case noventa anos de idade.
Dáse a triste circunstancia de que o seu neto Pedro de Macanaz, Ministro de Gracia y Justicia con Fernando VII, en 1814, tamén sufriu cadea na fortaleza no ano 1822 por un delito de suborno.
malaspina1
O máis ilustre dos presos de San Antón, foi o marino e político italiano Alessandro Malaspina, que estivo ao servicio dos reis Carlos III e Carlos IV, responsable da máis formidable expedición científica da historia española, equiparable ás viaxes de Cook. Entre os anos 1789 e 1794, a expedición Malaspina vai percorrer os máis importantes portos da costa occidental americana, entre Cabo de Hornos e Alaska (Valparaíso, El Callao, Acapulco, Nutka…), logo de ter recalado previamente en Montevideo, Buenos Aires ou nas Malvinas. A derrota continuaría logo polas Marianas, Vavao, Manila, Sidney…
Malaspina decatouse da necesidade de acometer importantes reformas para evitar o desmembramento do Imperio Español en América; propúxolle ao rei Carlos IV algunha das súas solucións, sendo acusado polo ministro Godoy dun complot contra o Estado, e logo dun xuízo inxusto foi condenado a presidio.
Entre abril de 1796 e decembro de 1802 os muros da fortaleza acolleron a Malaspina e se non cumpliu a totalidade da pena imposta, dez anos e un día, foi porque se lle conmutou pola pena de exilio, gracias ás xestións do conde Melzi e de Napoleón Bonaparte.
Durante o seu cativerio Malaspina vai padecer a humidade e o frío do castelo, recluido na santabárbara da dereita, segundo se entra no patio, así como unha mala alimentación, responsable das doenzas de escorbuto e de beriberi que vai sufrer, pola carencia das vitaminas C e B, e que, paradóxicamente, combatera con eficacia na súa viaxe. A pesar destas penalidades a causa da súa morte non se derivou destas enfermidades, senon que vai falecer, en 1810, por mor dun tumor de colon.
A súa cadea só se vai ver aliviada pola relación de confianza que mantiña co gobernador do castelo Manuel Ochoa, co Marqués de Mos, e co capelán da fortaleza, que incluso chegou a cederlle as súas dependencias. Tan fascinante debía de ser a personalidade do prisioneiro que a pesar da prohibición permitíuselle pasear polo castelo, recibir correspondencia, e facilitáronselle libros para a súa lectura. Dada a situación política existente en España naquela época, resulta pouco probable que fose visitado por Alexander von Humboldt, na partida da súa expedición científica a América do Sur o 5 de xuño de 1799, xa que a pesar de ser sabedor de que Malaspina estaba preso no castelo, seguramente non intentaría entrevistarse con él para non poñer en perigo a partida da súa viaxe.
Juan Díaz Porlier
O último inquilino ilustre da fortaleza foi o Mariscal Juan Díaz Porlier, ?O Marquesito?. Este militar, nado en Cartagena de Indias, participou con dezasete anos na batalla de Trafalgar e logo tivo unha destacada actividade guerrilleira contra os franceses durante a Guerra da Independencia, acadando o grao de coronel. Tras abrazar as ideas liberais foi condenado a prisión no castelo de San Antón en xullo do 1814. Por motivos de saúde foi parar ao balneario de Arteixo, onde ideou o pronunciamento liberal do 18 de setembro de 1815, facéndose co control da cidade da Coruña. Marchou logo cara a Santiago pero foi traicionado, detido e trasladado ao castelo de San Antón. Logo duns días, nos que ocupou a primeira celda do patio, no seu lado dereito, foi levado ao Cárcere Real e o día 3 de outubro de 1815 aforcado no Campo da Leña (chamado tamén Campo da Horca).

No ano 1960 o castelo de San Antón deixou de ser prisión e o Museo Arqueolóxico inaugurouse no ano 1968. As casamatas do patio, antigas celdas, albergan agora as coleccións de escultura medieval e de heráldica.

Casco-cunca de Leiro

Donnerstag, 21. Januar 2010

Casco de Leiro
“Información tomada da ficha do Museo Arqueolóxico”.
Procedencia: Leiro, Rianxo, A Coruña.
Material: Ouro
Cronoloxía/época: Bronce Final. Circa S. VI a.C.
Dimensións: 19,5 cms. de diámetro, 15 cms. de alto. Peso: 270 g.
Cunca de forma hemisférica cun apéndice (2,3 cm) troncocónico na parte superior. Toda a superficie da peza aparece decorada, con motivos decorativos dispostos en bandas horizontais enmarcadas por series de tres baquetóns o xunquiños paralelos, excepto os da parte superior, que rematan con referido apéndice. De abaixo pra riba, hai unha sucesión alternante de fiadas de umbos o avultamentos e círculos concéntricos cun pequeno umbo central e catro semellantes enmarcando cada círculo externo ata completar un total de seis franxas.
Notas:
(Foi restaurada para a exposición Galicia No Tempo).
A peza foi exposta nas seguintes exposicións: “Galicia no Tempo”, Mosteiro de San Martiño Pinario, 1991, Santiago de Compostela, Ref. 50, Xunta de Galicia (Comisario J.M. García Iglesias); “Galicia Terra Unica: Galicia Castrexa e Romana”, Sala Caixa Galicia, Praza maior, Museo Provincial e Sala Porta Miñá, 1997, Lugo, Xunta de Galicia (Comisario J.M. García Iglesias). “Celtas y Vettones”, Santo Tomé el Viejo, Ávila, 26-09- a 09-12-2001; “Gold und Kult der Bronzezeit”, Germanisches National Museum, Nürnberg (Alemaña), 22-05 a 7-09 2003.
Uso: Pode ser interpretado como casco ou cunca; Epoca/Cultura/Estilo: Os paralelos mais próximos os temos nas tazas de Axtroki (Eraña, Bolibar, Guipúzcoa) tamén atopados casualmente por mor dun desprendimento de terras e que foron emparentados con pezas hallstáticas centroeuropeas, sobre todo alemanas e danesas. A cronoloxía que se lle asigna está baseada na súa tipoloxía, en torno ó 800 a.C. según os paralelos con Hallstat B e C, se ben os autores levan a súa datación ó século VI a.C.
Foi atopada casualmente cando se procedía a construcción dun alpendre pra gardar aperos de labranza. Estaba dentro dun vaso cerámico destrozado polas ferramentas do descubridor, que tamén perforaron a chapa metálica. O achador denunciou o descubrimento á Guarda Civil, quen o notificou ó Instituto Padre Sarmiento, que enviou técnicos a inspeccionar o lugar. Chamoso Lamas, Delegado Porvincial de Belas Artes, realizou ós trámites pertinentes para o seu ingreso no M.A.C.
Bibliografía:
Cardozo, M. 1976: “Valioso achado arqueológico em Espanha”. Revista de Guimaraes, 86; Vázquez Varela, J.M. 1982: “Arte Prehistórico”, en Historia del Arte Gallego, Madrid: 1982: 1-52; Vázquez Varela, J.M. 1992: “A ourivería da Idade do Bronce”. En, Galicia Arte, Vol. 9, “Arte Prehistórica e Romana”. Hércules. A Coruña: 170; Calo Lourido, F. 1990: “Casco de Leiro”, En Catálogo da Exposición “Galicia no Tempo” Xunta de Galicia. Santiago: nº 50, 143-44; “Cunco de ouro-Leiro (Rianxo)”, Tarxeta Postal, Postales Fama, nº 4244, Vigo; “Cunca de Leiro”, Diapositiva, Postales Fama, nº 10, Vigo; Guía General del Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”, A Coruña: 16; Suárez Otero, J. 1997: “A Idade do Bronce en Galicia”. En, Catálogo de la Exposición Galicia Terra Unica, Vol. I, “Galicia castrexa e Romana”. Xunta. Santiago: 59, Fig. Portada.