Archiv für Februar 2010

ANTRUEJOS E OUTRAS COUSAS DE LEON

Dienstag, 16. Februar 2010

Con esta excursión, celebrada os días 13 e 14 de Febreiro principiamos o noso programa anual de viaxes. Temos percorrido a provincia de León en varias ocasións pero sempre hai novos lugares que merecen a nosa atención.
encoro do porma visto dende o Museo de la Fauna Salvaje O fin de semana estivo marcado polo intenso frío pero afortunadamente a neve non impediu ningunha visita.
O sábado achegámonos ata Valdehuesa, ao norte de Boñar, para coñecer o Museo de la Fauna Salvaje, unha iniciativa da Fundación Dr. Romero Nieto. Ocupa un moderno edificio á beira do encoro do Porma, nunha paisaxe de extraordinaria beleza, que lembra segundo me comentaron, ao Parque Nacional Torres del Paine, en Chile ?naturalmente sen a grandiosidade das montañas andinas-. Valdehuesa. Museo de la Fauna Salvaje No museo exhíbense máis de 8.000 especies animais (grandes mamíferos, primates, felinos, aves, réptiles, insectos), con escenografías que reproducen o seu hábitat natural. Os rapaces disfrutan especialmente deste lugar.
Como non podía ser doutro xeito, o xantar (no restaurante ?El Venado?) tivo como prato principal un venado guisado que estaba moi ben preparado.
Sabero. Museo de la Minería y la SiderurgiaPola tarde desprazámonos ata Sabero, para ver o ?Museo de la Siderurgia y la Minería de Castilla y León?, onde fomos moi ben acollidos e guiados polas instalacións, que ocupan a impresionante nave neogótica da antiga ferrería de San Blas, unha construcción industrial levantada entre os anos 1840-1843, a semellanza das francesas de Decazeville e Alais, hoxe desaparecidas, o que dota a este edificio de Sabero dunha singularidade única.
Escultura de Francisco Peres Os fondos da exposición son magníficos; coñecimos o funcionamento dun alto forno de cok a través dunha espléndida maqueta, soubemos do proceso de pudelado en fornos de reverbero, vimos a antiga farmacia de D. Fructuoso Martínez Rojo e nun mapa tridimensional de grandes dimensións entendimos a explotación mineira do val, escoitando unha interesante narración. Tamén no museo admiramos unha espléndida exposición escultórica de Angel Peres, artista canario que reside en París, e por primeira vez expón en España. Nun edificio anexo, obxecto dunha polémica rehabilitación, pódese ver a evolución da iluminación na minería, ao través dunha exposición de lámpadas.
Durmimos no hotel Tryp León onde un dos camareiros parecía que comera guindillas pois non atendía as súas obrigas con amabilidade. Aquí soubemos tamén da historia dunha maleta, pois un matrimonio de viaxeiros atopouse sen as súas cousas e cunha maleta allea, que pensaron gardou no autobús o taxista que os levou ata o Obelisco, na Coruña, de onde partiramos. Finalmente resolveuse o enigma pois outra das excursionistas tiña cambiado a súa equipaxe.
Alexandro cosmocrator O domingo día 14 paseamos pola parte antiga de León e entramos na súa catedral e na basílica de San Isidoro, antes de achegarnos ata o Instituto Bíblico y Oriental, unha institución inaugurada en marzo do pasado ano, que conta con valiosísimos fondos epigráficos (que mostran a evolución da escultura cuneiforme) e escultóricos, relacionados coa Biblia e con Oriente, con pezas procedentes de Mesopotamia, do Yemen, do Exipto copto, etc.; e cun fermoso belén napolitano cedido por Francisco Antonovich, anticuario francés, que xa estivo exposto tamén en Valladolid e no museo de Sabero; Belén de Francisco Antonovich na biblioteca consérvase un libro do século XIX, de máis dun metro de alto, que leva por título “O descubrimento do Antigo Exipto” que inclúe unha serie de litografías de templos locais realizadas durante a conquista de Napoleón. Vimos tamén unha exposición temporal sobre Alexandro Magno, con pezas (algunhas delas excepcionais) aportadas tamén polo Sr. Antonovich. Esta exposición sobre o itinerario relixioso de Alexandro leva exposta xa case un ano, dende a inauguración do Instituto.
Para rematar a mañá fomos ata o MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) , que ocupa un edificio multicolor obra dos arquitectos madrileños Emilio Tuñón y Luis Moreno Mansilla. musacA obra arquitectónica está moi ben pero o contido do Museo, alomenos as exposicións que vimos nós, é decepcionante. Diría máis, creo que a SGAE que tanto persegue a moitos cidadáns debería pagarnos para ver a obra de segundo que artistas. Menos mal que un pode visitar o Museo de León, a pouca distancia, situado nunha parte do convento de San Marcos, para quitarse este mal sabor de boca.
preparando as sopas de trucha O xantar fixémolo en Castrillo de San Pelayo, perto de Hospital de Órbigo, no restaurante ?Natal?, onde saboreamos as súas célebres ?sopas de trucha?, un prato excelente que xustifica unha viaxe. En primeiro termo presentan unha pota na que veñen troceadas as troitas guisadas, en dous ou tres anacos, con abundante caldo. Hai que comer primeiro o peixe e logo retiran a pota para facer no caldo unha sopa de pan. Tiveron ademáis o detalle de agasallar a todas as mulleres cunha macetiña con flores para celebrar o día de San Valentín.
guirrios de Llamas de la Ribera E pola tarde fomos ata dúas pequenas vilas que celebran carnavais rurais de gran singularidade que chaman ?antruejos?. En Llamas de la Ribera os protagonistas principais son os guirrios, que levan unha ?mázcara? en forma de cono, de 1,10 metros de altura e seis kilos de peso, formada por grandes abanos (tres no frontal e un lateral) e flores de papel, que se abren cando saltan. Outras personaxes deste antruejo son a Rosita, a galiña (disfraz feito con follas de millo), o touro, os gochos, a gomia e o caretón, todos eles de gran vistosidade. Tamén había alí un paseándose nun carro, moi ben vestido, cunha banda cruzándolle o peito na que se podía ler ?Presidentísimo?, e falando coa xente decíndolles ?ustedes pidan lo que quieran que se lo concedemos?.
Oso. Antruejo de Velilla de la Reina A outra mascarada rural ten como escenario Velilla de la Reina, onde tamén hai guirrios (non tan fermosos como os anteriores) e outras personaxes, como os ananos, o home das tenazas, os homes-árbores e o oso. As embestidas do touro semellan representar as crecidas do río Orbigo, reproducindo un antiquísimo rito de fertilidade.

Machado votivo de Cariño

Montag, 15. Februar 2010

machado-carino
?Información tomada da ficha do Museo Arqueolóxico?
Procedencia: A única referencia precisa ás circunstancias do seu achado é “entre unhas pedras”, o día 14/07/1961, na praia de Basteira, Cariño, A Coruña.
Material: Bronce.
Cronoloxía/época: castrexo?.
Dimensións: 6,5 cms de ancho e 16,8 de longo. Peso: 173 gramos
O machado presenta dous aneis, posiblemente de suspensión, na parte traseira do fío, e outros dous de menor tamaño preto do extremo proximal. O mango, de sección romboidal con esquinas arredondadas, remata polo extremo da folla nunha forma esférica e no cabo contrario nun prótomo de touro. Entre os dous aneis menores, na parte superior da folla do machado, represéntanse un torques dun lado e, do outro, un disco con mamilo no medio, detalle que lembra as rodelas incrustadas nos torques de tipo “ártabro” da ourivería castrexa.
Notas:
Esta peza estivo na exposición: “Galicia Terra Única” (Lugo, 17/06- 17/10/1997).
Bibliografía:
La Voz de Galicia, 30/06/1963; Luengo, J.Mª: “Machadinha votiva de Cariño (La Coruña)”. Revista de Guimarâes, LXXIV, nº1-2, 1964, pp. 149-157); “Machadiño votivo de Cariño”, Diapositiva, Postales Fama, nº 7, Vigo; Guía General del Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”, A Coruña: 19; Arias Vilas, F. 1997: “La cultura material galaico-romana”. En, Catálogo de la Exposición Galicia Terra Única, Vol. I, “Galicia castrexa e Romana”. Xunta. Santiago: 229, Foto. Rodríguez Colmenero, A.: “Escultura en relevo e vulto redondo”, en Galicia-Arte, Ed. Hércules, T.IX, p.437. Catálogo Exposición “Galicia Terra Única”, tomo “Galicia Castrexa e Romana”. Lugo, 1997, foto en p.229

O COUTO MIXTO

Sonntag, 7. Februar 2010

mapa do couto mixto O pasado verán atopábame de vacacións nos Pirineos. Fomos pasar un par de días a Andorra e ademais de admirar a súa arte románica, visitamos o Museo Casa Rull, en La Massana, antiga vivenda dunha próspera familia andorrana. No faiado chamou a miña atención a gran cantidade de follas de tabaco secas que estaban colgadas do teito. O guía explicoume que en Andorra durante moitos anos tiveron o privilexio de poder cultivar tabaco sen pagar impostos ainda que o produto obtido era de moi mala calidade. Lembrei entón que tamén en Galicia houbo un territorio que gozou desta prerrogativa, o Couto Mixto, na raia seca que separa Ourense de Portugal, que tivo a súa orixe a finais do século XII e perdurou ata 1864, data na que España e Portugal asinaron en Lisboa o Tratado de Límites, para delimitar a fronteira hispano-lusa. Por suposto o noso guía descoñecía a existencia de tal lugar e quedou moi sorprendido de que en realidade na península Ibérica houbera outra Andorra.
O Couto Mixto estaba integrado por tres aldeas: Meaus (no actual concello de Baltar), Santiago e Rubiás (pertencentes a Calvos de Randín) e non pasou ao longo da súa historia dos mil habitantes, nunha superficie duns 27 km cadrados.
delfin modesto brandón, último xuiz do couto A máxima autoridade civil, política e administrativa do Couto era un Xuiz, elixido polos habitantes do territorio, por períodos de tres anos, se ben o seu nomeamento tiña que ser ratificado pola Casa de Braganza (a partires do ano 1836 xa non foi preciso). O derradeiro xuíz do Couto foi Delfín Modesto Brandón, que agora ten estatua na aldea de Santiago.
O párroco era nomeado polo bispado de Ourense. O xuiz estaba axudado polos ?homes de acordos?, que eran dous por cada unha das aldeas do Couto, e as reunións ordinarias celebrábanse no adro da igrexa de Santiago, onde se gardaba unha arca con tres chaves (unha por aldea) que contiña a documentación (desgraciadamente a arca primitiva foi roubada polas tropas de Soult no ano 1809, polo que se perdeu case toda a memoria histórica do Couto). arca das tres pechaduras Segundo lle oín contar ao historiador Luis García Mañá os documentos foron empregados polos franceses para limpar as ánimas dos fusís. A arca que substituíu á destruida polos franceses é a que se conserva na sacristía da igrexa de Santiago.
Todavía existía outra figura gubernativa, o ?vigario de mes?, encargado de que se cumpliran os acordos adoptados e de recadar as multas impostas aos veciños por algunha causa.
Os habitantes do Couto Mixto gozaron dunha serie de privilexios ademais do autogoberno descrito no parágrafo anterior. Podían escoller a nacionalidade, e ser españois, portugueses ou simplemente cidadáns do Couto; non tiñan que pagar contribucións a España ou a Portugal, nin outras taxas, incluso estaban exentos de empregar papel timbrado na redacción de documentos e contratos; non había que obter licencia para ter armas; non estaban obrigados a aportar homes aos exércitos de España ou de Portugal, incluso en tempos de guerra; tiñan recoñecido o dereito de asilo, salvo para delitos de homicidio; libre acceso a feiras e mercados sen pagar dereitos aduaneiros; e por último, podían cultivar toda clase de produtos, incluso tabaco, que en España era monopolio do Estado.
Tamén o Couto dispoñia dun Camiño Privilexiado, duns 6 km., que comunicaba as aldeas de Meaus, Santiago e Rubiás, coa veciña aldea portuguesa de Tourém, logo de atravesar as terras de Randín. camiño privilexiado na actualidade
Neste camiño as autoridades españolas e portuguesas non podían molestar aos usuarios ainda que levasen xéneros de contrabando.
O centro comercial de Couto Mixto era Meaus, aldea que todavía conserva a súa estructura comercial.
Ademais do comercio de sedas e outros tecidos, vendíanse artigos de ferretería, labranza, tintes, sal e produtos de farmacia (incluso boa parte da penicilina comercializada en Galicia entrou na nosa terra dende Portugal a través de botica de Meaus), pois o comercio era libre e non precisaba de titulación. A antiga casa do xuiz terminou por ser unha xastrería e logo oficina de banca, polo que conserva unha curiosa garita. antiga casa do xuiz en Meaus
A partires da abolición do Couto Mixto este territorio converteuse nun lugar de contrabando. Aos produtos sinalados anteriormente engadiuse o calzado que os portugueses viñan mercar a Galicia, deixando abandoados nas cunetas os seus vellos zapatos.
Coa sinatura do Tratado de Lisboa en 1864, as aldeas do Couto Mixto integráronse en España; a cambio Portugal recibiu os Pobos Promiscuos (Souteliño, Cambedo e Lamadarcos, perto de Verín), que literalmente estaban divididos en dúas partes, pois a fronteira atravesaba as aldeas.
Se alguén quere saber máis cousas deste singular territorio debería ler os libros ?O Couto Mixto, unha república esquecida?, de Luis García Mañá, editado por Xerais; ?O Couto Mixto, o seu entorno arraiano e os Pobos Promiscuos?, de Máximo Salinas Valencia, editado pola Asociación de Amigos do Couto Mixto (ainda que non é nada doado de atopar); e o relato ?O exclaustrado de Diabelle?, de Xosé Luis Méndez Ferrín, que forma parte do libro ?Arraianos?, editado tamén por Xerais. Tamén o escritor limiá Antón Riveiro Coello situou parte da acción das súas novelas “A quinta de Saler” e “A esfinxe de amaranto”, neste territorio.