Archiv für März 2010

A GALICIA PACEGA

Sonntag, 14. März 2010

Esta primeira viaxe por Galicia do ano en curso, celebrada o 13 de Marzo, nacía cunha proposta moi novidosa, como era poder coñecer tres pazos galegos adicados actualmente a distintas funcións.
vacas pastando na finca do pazo de Fontefiz A primeira visita do día tivo como esceario o Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles, transformado actualmente nunha institución pioneira en España: o Centro Zooxenético de Galicia, adicado á mellorar e conservar as especies de animais domésticos do noso país en perigo de extinción. O centro foi creado en 1945 polo ministerio de Agricultura ainda que agora pertence á Xunta. Fomos acompañados polo seu actual director, Cástor Rivero, que resulta que foi veterinario en Baltar, concello da raia con Portugal, do que son orixinarios os meus pais. Visitamos tamén a capela do pazo, cunha imaxe de Santiago verdadeiramente singular. As explicacións que nos deu Cástor Rivero fixeron que agora comprendamos o verdadeiro significado da biodiversidade e da economía sostible, así como do importante papel que xogan os gandeiros na conservación integral dun ecosistema e do importante que sería a dignificación do seu traballo. Como non podía ser doutro xeito aprendimos a diferenciar as distintas razas bovinas que coñecemos como Morenas do Noroeste: cachena, limiá, caldelá, vianesa e frieiresa. Non faltaron tampouco exemplares de porco celta, galiña de Mos ou cabalo de pura raza galega.
Cando buscabamos a igrexa de Ferreira de Pantón metímonos por unha estrada estreita que indicaba Pantón e tivemos que dar volta nunha curva, dende a que divisamos un edificio que semellaba ser un pazo ou máis ben unha desas granxas fortificadas que existían no medievo en Francia ou Inglaterra e aparecían nas películas de Robin Hood. Quedei con gañas de achegarme ata alí.
interior da igrexa de Ferreira de Pantón Para localizar a igrexa de Ferreira de Pantón, é mellor seguir as indicacións de ?monasterio cisterciense? que aparecen en distintos paneis. Conserva unha ábsida románica fermosísima con canzorros e capiteis (no interior) moi ben traballados. Acolle o sartego de D. Diego de Lemos, líder irmandiño. Tamén mercamos os afamados amendoados que preparan as monxas bernardas.
O xantar, dada a tipoloxía de edificios que íamos visitar ao longo da xornada tiña que ser forzosamente nun lugar tamén especial. comedor da Rectoral de Castillón Escollimos a Rectoral de Castillón, situada no concello de Pantón, que funciona como casa de turismo rural. A comida estivo francamente ben, cuns entrantes a compartir no que sobresaían unhas croquetas caseiras de cocido, logo vitela ao forno e como postre un delicioso bavarois de chocolate con sopa de pexego. A nosa saída estivo acompañada por unha fermosísima aria de ópera (que infelizmente non recoñecin) que sonaba no xardín. Para rematar, un breve apunte: estes establecementos deberían ter en conta o tamaño dos autocares para facilitarlles a manobra, pois o gran Pepe Ferrín, o noso chofer, tivo que sacar o seu vehículo marcha atrás.
labirinto do pazo de Tor No Pazo de Tor, acompañados de Angelita Ribada, percorremos as súas estancias: o cuarto de Bispo; o salón de mediodía, cun clavicordio londinense de Longman & Broderip; a sala de xogos, cun impresionante moble colchoneiro; a solaina, dende a que divisamos un fermoso e amplo panorama da terra de Lemos, e tamén o orixinal labirinto de pizarra deseñado por Carbacini. No patio vemos como esmorecen calesas e landós, merecedoras dun mellor destino. Despois da visita un queda coa sensanción de que o tempo quedou detido en Tor. No ano 1976 rodouse no pazo a película ?Beatriz?, dirixida por Gonzalo Suárez, baseada nun conto de Valle Inclán. Nunha vitrina, no corredor de acceso ao patio vemos unha revista da época que da conta da rodaxe e informa: ?Lo nunca visto. Nadiuska vestida?.
Actualmente o pazo é propiedade da Deputación de Lugo, á que foi doado pola súa derradeira propietaria dona María de la Paz Taboada y Zúñiga.
O pazo de Molinos de Antero, situado no casco urbano de Monforte de Lemos, e que non resulta nada doado de atopar, foi a nosa derradeira visita da xornada. Na antiga entrada de carruaxes, que agora serve como vestíbulo, hai un cadro que rinde homenaxe a un ¡suicida!. Percorrimos o interior do pazo divididos en dous grupos, un guiado por Matías Yáñez, o seu propietario, e o outro por Rosenda Yáñez, a súa filla. Na parte baixa sorprendeunos a cantidade de documentación antiga que conserva, perfectamente clasificada, por D. Matías, sobre todo de diversas encomendas que se cobraban no pazo. Non estaría de máis que algunha institución becase a un par persoas para que estuden a fondo eses documentos e eviten a súa perda.
unha das mirillas do pazo de Molinos de Antero Na escaleira e en cada unha das habitacións empezamos a ver mirillas para vixiar cada espazo da casa. Realmente a seguridade foi sen dúbida unha obsesión dos antigos propietarios do pazo, temerosos dos roubos. Algunhas destas mirillas están moi ben disimuladas, outras son claramente visibles. A capela e as habitacións están todas elas pintadas por un tal Juan Pérez de Castinande, orixinario de Sober, a principios do século XIX, nun estilo italianizante. A conservación deste interesantísimo e decadente edificio e moi precaria pois necesitaría dunha grande inversión que recuperase o antigo esplendor e claro está, para un particular esto non é nada doado.

DE ARTISTAS PRECOCES E VIAXEIROS CIENTIFICOS

Freitag, 5. März 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no periódico cultural “El Tiempo Coruñés”, da Asociación Picasso

¿É posible establecer unha relación entre o violinista navarro Pablo Sarasate, o xenial pintor malagueño Pablo Picasso, o ilustrado italiano Alexandro Malaspina ou o médico alicantino Francisco Balmis? Dende logo que sí, dado que non sendo galegos a cidade da Coruña marcou decisivamente as súas biografías, nalgún caso, como o de Malaspina, dun xeito non desexado. pablo-sarasate1 Na nosa cidade Sarasate e Picasso viviron os seus primeiros anos formativos, realizando ademáis as que respectivamente serían o primeiro recital e a primeira exposición.
Pablo Sarasate (por certo Pablo é un nome artístico pois chamábase Martín Melitón) chegou a Galicia en 1849 cando tiña cinco anos por mor do traballo do seu pai que era director de banda militar. Viviu en Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra por espazo de cinco anos. Na Coruña recibe clases de Blas Álvarez, concertino da Orquestra do Teatro Principal (hoxe Rosalía de Castro). Por certo, a outra orquestra existente na cidade era a da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns, creada no ano 1847.

imaxe-de-picasso-pouco-despois-de-marchar-da-coruna Pablo Picasso viviu na Coruña entre os anos 1891 e 1895 nun piso na rúa Paio Gómez, musealizado polo concello da Coruña, ainda que segundo Juan Patiño, gran coñecedor da vida e obra do artista, a habitación da súa irmá Conchita e a sala de pintura están cambiadas de lugar e por tanto recreadas en espazos que non se corresponderían coa realidade. Con todo, o piso conserva exactamente a estructura que tiña no momento da estancia do pintor na cidade. O seu mestre foi Isidoro Brocos, un escultor e debuxante de gran talento que deixou unha impronta moi grande no xoven artista.

Durante o século XVIII, España vai desenvolver un enorme esforzo investigador organizando importantes e numerosas expediciones científicas por terras americanas, para estudar a Botánica, como a viaxe de José Celestino Mutis a Nueva Granada ?actual Colombia-; a Zooloxía, coa expedición de Félix de Azara, ao Río de la Plata e Paraguay, cuxas observacións influiron notablemente no pensamento de Darwin; ou a Mineraloxía, como a viaxe dos irmáns Heuland ao virreinato de la Plata, Chile, Bolivia e Perú. Esta última expedición tamén partiría do porto coruñés.
malaspina Sen embargo a expedición máis ambiciosa do século foi a de Alexandro Malaspina, marino italiano ao servizo de Carlos III e Carlos IV, da que dimos conta no artigo sobre os presos de San Antón publicado neste mesmo blog, onde sofreu pena de prisión entre os anos 1796 e 1802.
Durante a súa cadea sairía da Coruña, en 1799, outra importante expedición científica encabezada polo naturalista alemán Alexander von Humboldt e polo botánico francés Aimee Bonpland.

O 30 de novembro de 1803 partiu do porto da Coruña a corbeta “María Pita”. A bordo, ían os médicos Francisco Balmis, director da expedición, e José Salvany. Xunto a eles Isabel López de Cendala, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, e vinte e dous rapaces, os ?nenos vacuníferos?, dos que dezaoito procedían do devandito establecemento. O seu propósito: levar a vacina antivariólica a América.
A viruela era naquel intre un drama humanitario de gran magnitude. A enfermidade, levada polos españois a América, manifestouse por primeira vez no continente no ano 1518, na illa de La Española e foise estendendo rápidamente a través de Puerto Rico, Guatemala, México, Perú, Brasil…
escultura-de-acisclo-manzano-en-lembranza-da-expedicion-balmis Así como Godoy e El-Rei Carlos IV perxudicaron gravemente a traxectoria de Malaspina, sen embargo, promoveron a ?Real Expedición Filantrópica de la Vacuna?, que daría a volta ao mundo, salvando miles de vidas non só en América, senón tamén en lugares tan distantes como Filipinas, Cantón ou Macao, levando a cabo máis dun millón de vacinacións. A vacina foi transportada nos brazos dos rapaces, formando unha cadea de brazo a brazo para manter con vida o virus sen que perdera a súa capacidade inmunizadora. A trascendencia desta expedición radica en que se trata da primeira misión humanitaria global da historia.

A derradeira gran expedición científica española, coñecida como a ?Comisión Científica del Pacífico?, tivo lugar entre os anos 1862 e 1866, baixo a dirección do naturalista e historiador Marcos Jiménez de la Espada, percorrendo Brasil, Uruguay, Chile, Perú ou Ecuador. Contou coa inestimable axuda dun invento que o paso do tempo demostrou trascendental para dar testemuña dos feitos acaecidos: a fotografía. Desta expedición consérvase un extraordinario arquivo fotográfico integrado por máis de cincocentas imaxes realizadas por Rafael Castro y Ordóñez. A escritora Marilar Aleixandre publicou en Xerais un fermoso relato baseado nesta expedición.
alguns-integrantes-da-comision-cientifica-del-pacifico Jiménez de la Espada editou no ano 1877, un libro de viaxes medieval chamado Libro del Conosçimento, baseándose nos tres únicos manuscritos do devandito libro coñecidos na época.
Curiosamente, o poeta e editor francés, de orixe xeorxiana, Ilia Zdanevitch, Iliadz, publica en 1959 unha tirada de 54 exemplares do libro “Le Frère mendiant ou Libro do Coñecemento. As viaxes en Africa publicados antigamente por Bergeron Margry e Jiménez de la Espada”, que conten un amplo extracto da edición de 1877 do libro de Jiménez de la Espada, precedida dun extracto doutro libro publicado por Margry en 1896, sobre o descubrimento e conquista das Illas Canarias. O editor Iliadz, que coñecía a Picasso dende 1940, encargoulle a ilustración do devandito libro, para o que Picasso realizou 22 puntas secas evocando a vexetación, as xentes e a paisaxe africana, mentras que na capa do libro representou a cabeza dun touro e o escudo de Castilla y León.

As sutís relacións entre diversas personaxes maniféstanse dun xeito inspospeitado ou ¿alguén dubida da existencia de pequenas coincidencias que poñen en contacto as biografías do mariño vasco Juan Sebastián Elcano, do tenor aragonés Miguel Fleta ou do muralista mexicano Diego Rivera?