Archiv für April 2010

DE CAMPO LAMEIRO A CASTROLANDÍN

Montag, 26. April 2010

O día 24 de Abril, e da man de Pancho Gallego, sempre disposto a involucrarse coas actividades da nosa asociación, fixemos un intenso percorrido arqueolóxico.
En primeiro termo visitamos a ponte medieval da burga de Pontevea, sobre o río Ulla, que une as provincias da Coruña e de Pontevedra. Conserva seis arcos e está datado no século XV. No castro de Penalba, a carón da Laxe da Serpe
Subimos logo ata o castro de Penalba, no concello de Campo Lameiro, onde esperaba o arqueólogo Manolo Rey, dotado dunha especial habilidade para falar de historia, de arqueoloxía e de arquitectura. Moi perto da capela de San Antonio hai unha pedra gravada con dúas serpes entrelazadas. A vista dende o cumio é espectacular, albíscase todo o val do río Lérez, con pequenas aldeas situadas a medio ladeira das montañas, pois tanto aproveitaban as zonas baixas para os cultivos como as zonas altas para o aproveitamento do bosque.
Centro de Interpretación da Arte Rupestre De contado fomos ata a zona de Paredes onde xa está construido un imponente edificio que acollerá o futuro Centro de Interpretación da Arte Rupestre, obra dos arquitectos Alberto Redondo, José Valladares e Marcial Durán. A construcción está perfectamente integrada no contorno pois a pesar do seu volume non resulta visible ata que se chega a él. Manolo Rey foi amosándonos os diferentes espazos do edificio, que nas vindeiras semanas estarán cheos de contido. As perspectivas son inmellorables, se ben o que máis necesita Campo Lameiro é difusión, pois fora dos límites de Galicia resulta pouco ou nada coñecido, a pesar de que os seus gravados rupestres poidan ter tanto interese como os de Valcamonica, en Italia, recoñecidos como Patrimonio Mundial.
Despois de visitar o edificio percorrimos parte do Parque Arqueolóxico, que ocupa 22 hectáreas, guiados tamén por Manolo Rey. Chamou a nosa atención a restauración paixasística do lugar, onde foron eliminados os eucaliptos e no que a vexetación autóctona aparece agora dun xeito espontáneo. Laxe dos Carballos Detivémonos en tres estacións rupestres: a Laxe da Forneiriña, cun gran cérvido; a Laxe dos Carballos, que penso eu debe ser o mellor petroglifo conservado na nosa comunidade, cun fermosísimo cérvido atravesado por varias lanzas; e Outeiro de Cogoludo, onde se aprecian varios cabalos e círculos concéntricos. Baixamos tamén ata unha zona onde se reconstruiron tres cabanas da idade do ferro, baseadas nas escavacións deste tipo de estructuras en outros lugares de Galicia. Están realizadas en pallabarro, con cuberta vexetal de xesta e carecen de poste central. Dúas son circulares e unha terceira, de grandes dimensións, é rectangular. Sen dúbida será o lugar do parque que máis aprecien os cativos. Se todo vai ben en setembro produciráse a súa inauguración oficial.
O xantar fixémolo en Casa Tito, en Campo Lameiro. Respondeu perfectamente ao que se espera dun restaurante galego: abundancia, comida sinxela cociñada con ingredientes de calidade (empanadas de zamburiñas e de bonito con pasas; vitela asada cunhas pataquiñas deliciosas; e un postre de amorodos picados e macerados en viño branco con azucre)..
Logo da paparota fomos ver a igrexa de San Miguel de Campo Lameiro, na que están superpostos diversos estilos artísticos: ábsida románica, portada renacentista e torre barroca, ainda que xa comezaba a incordiarnos unha chuvisca que intermitentemente sería a nosa compañeira durante a tarde.
Lapa de GargantánsA lapa ou menhir de Gargantáns foi tamén obxecto da nosa atención. Facía anos que non o veía e resulta agradabel descubrir como o seu contorno foi mellorado: está sinalizada e libre de vexetación ao seur redor. Xa non hai eucaliptos que impidan a súa correcta visión. A lapa pertence ao concello de Moraña, que conserva dúas fermosas carballeiras e ten como curiosidade que as rúas non teñen nomes senón números, parece ser que por falta de acordo para decidir que nome poñer.
Despois achegámonos ata Cuntis para coñecer as escavacións de Castrolandín, un castro da primeira idade do Ferro, da man de Carlos Otero, un dos arqueólogos que dirixen a escavación. castrolandin Durante unha hora atendimos ás súas explicacións, centradas no sistema de defensa, na porta de acceso e nas vivendas escavadas, na que destacaba unha de forma rectangular, con dous niveis distintos, que conservaba unha grande lareira. En outra das vivendas, que ampliaba outra existente anteriormente, foi atopada unha vasixa fundacional da casa, feito pouco frecuente. Falounos tamén de cómo no castro se celebra agora o San Xoán cunha sardiñada e o encendido de fachos arredor da súa muralla.
Na vila de Cuntis visitamos a sede da Fundación Terra Termarum, promotora da escavación do castro, que funciona como centro de interpretación. Alí atendimos ás explicacións de Mario Touceda, bibliotecario de Cuntis.
Para rematar dimos un paseo pola vila termal, coas súas fontes sulfurosas, na que sobresaen dúas construccións, unha para ben (o lavadoiro termal) e outra para mal (o seu balneario, paradigma do feísmo). Regresamos ao noso autobús seguindo o curso do río Gallo.
Por último, debo dicir que as imaxes que ilustran esta entrada son do meu amigo Juan Patiño.

SENDEIRISMO EN ASTURIAS

Montag, 26. April 2010

Na fin de semana entre os días 9 e 11 de Abril fixemos unha viaxe ao Principado de Asturias, Saímos da Coruña o venres ás 16,00 horas nun autobús pequeno pois se anotou menos xente da esperada. Esta circunstancia permitiría facer un percorrido impensable cun vehículo doutras dimensións, se ben catro persoas resultaron perxudicadas por ter que viaxar nunha última fila bastante xusta. Prometemos que ninguén máis terá que pasar por unha incomodidade semellante.
Playa del Silencio A única visita da tarde tivo por esceario unha paisaxe dunha beleza incomparabel, a praia do Silencio, perto da aldea de Castañeras. A praia ten forma de cuncha e está protexida do nordés por un cantil cheo de encanto. Non ten area senón pequenos cantos rodados. O acceso á praia é costoso pois ademáis da estreita estrada de acceso hai que baixar unha chea de escaleiras ata o areal.
Durmimos as dúas noites no hotel Fruela, en Oviedo, que resultou todo un acerto. Moi ben situado, entre o Campo de San Francisco e o mercado do Fontán, destaca pola súa limpeza, pola atención do seu persoal e pola calidade da súa cociña, concretada nunhas ceas deliciosas.
Desfiladero de las Xanas O sábado pola mañá fomos ata a pequena aldea de Pedroveya, grazas ao noso pequeno autobús. Este feito permitiunos facer a ruta de sendeirismo programada ?Desfiladero de las Xanas- nun só sentido, ademáis descendente. Este percorrido, que en certa medida lembra a famosa Garganta del Cares, resulta moi fermoso, non está tan masificado e resulta máis doado. En aproximadamente unha hora e media fixemos a travesía. Nalgúns puntos do sendeiro hai más de 80 metros sobre o río Viescas. Foi trazado nos anos cincuenta. O que non vimos foi ningunha Xana, fada asturiana que vive nas covas dos ríos e nas fontes, e que lle da nome á ruta.
Como gañamos moito tempo ao non ter que facer a travesía en ambos sentidos, tivemos tempo de achegarnos a ver a Paca e a Tola, dúas osas que viven nun cercado perto de Proaza e que de momento resisten as acometidas amorosas do macho Furaco, que quere ter desdendencia.
Carbayón de BermiegoA continuación achegámonos á aldea de Bermiego, que conserva un interesante conxunto de hórreos e paneras, ainda que o que xustifica o desprazamento son as súas árbores monumentais: un carballo, que semella aquel no que querían aforcar a Gary Cooper na película ?The hanging tree?, e un teixo impresionante, situado a carón dunha ermida (como adoita ser habitual).
Xantamos en Casa Laureano, en Teverga, lugar que coñeciamos do ano pasado. Un lugar de comida tradicional, rexentado por unha muller de Laxe, que estivo moi gozosa de ver a un grupo de galegos. Fabes con ameixas, pitu de corral guisado e arroz con leite foron pasando polas nosas mesas.
De volta a Oviedo, subimos a ver as igrexas prerrománicas de Santa María del Naranco e San Miguel de Lillo, declaradas como Patrimonio da Humanidade.
Santa María del NarancoA igrexa de Santa María del Naranco era en realidade unha construcción que probablemente foi palacio, pavillón real ou aula rexia. Ten pranta rectangular e está dividido en dous pisos, o inferior ou cripta está pechado, e o superior, é diáfano, unidos ambos por unha escaleira exterior. Asomámonos aos miradores exteriores e disfrutamos cos detalles decorativos que o adornan.
San Miguel de Lillo A igrexa de San Miguel de Lillo, da que só se conserva un tercio da súa fábrica orixinal e un edificio de gran altura e o seu interior está dividido en tres naves separadas por grandes columnas. As súas basas están decoradas cos símbolos dos evanxelistas. O máis destacado do edificio son os relevos das xambas, tallados con gran delicadeza.
Para rematar a xornada subimos ata o alto do monte Naranco para disfrutar dunha visión excelente sobre a cidade de Oviedo, na que resulta moi visible o impacto negativo que exerce unha desas arquitecturas encargadas a famosos arquitectos ?neste caso a Santiago Calatrava- para encher de contido o labor dun determinado alcalde.
O domingo 11 de abril fomos ata Gijón, para facer unha visita guiada a dous centros aos que todavía non lle prestaramos atención. Gijón. A antiga Universidad Laboral dende a súa torre O primeiro deles e Laboral Ciudad de la Cultura, que é o resultado da transformación do conxunto de edificios da antiga Universidad Laboral, obra de Luis Moya, o proxecto arquitectónico máis ambicioso do antigo réxime franquista, acometida polo Principado de Asturias dende o ano 2001. A arquitectura pode non gustar pero o uso que se lle da actualmente resulta asombroso: auditorio para todo tipo de espectáculos, sede da Radiotelevesión de Asturias, Escola de Arte Dramático e Danza, Escola Universitaria, LABoral Centro de Arte e Creación Industrial, e moitos usos máis. Se en Galicia existise algo así poderiamos ter aforrados os millóns de euros despilfarrados na construcción da Cidade de Cultura do Monte Gaiás, que condicionarán o desenvolvemento de Galicia durante varios anos.
Gijón. Jardín Botánico AtlánticoDe seguido achegámonos ata o cercano Jardín Botánico Atlántico, que visitamos durante dúas horas, cunha guía moi didáctica. O paseo resultou fascinante e curto, pois fai falta alomenos unha hora máis para completar o percorrido. O xardín ocupa 16 hectáreas e acolle máis de 30.000 prantas e ata 2.000 especies distintas. As áreas máis fermosas son a Carbayera de Tragamón e finca de La Isla, antiga propiedade do industrial Florencio Valdés, con estanques, complexos hidráulicos, esculturas…
Xantamos en Muros de Nalón, no Parador Casa Zoilo, co mesmo éxito do ano anterior, pois os seus piquillos recheos de pixín ou as carrilleras ibéricas resultan inmellorables.
Antes de desvelar a sorpresa que viñamos anunciando durante todo o traxecto subimos ata a vila de Somao, que conserva edificios interesantes de estilo modernista.
Belén de La Caridad En La Caridad, visitamos ¡un Belén artesanal mecánico!, que semella unha verdadeira mostra etnográfico pois máis que esceas relixiosas amosa usos populares asturianos. Pódese ver durante todo o ano, baixo petición, pois non se desmonta cando pasa o tempo de Nadal.
Para pechar o percorrido por terras satures rematamos con outra praia, a de Penarronda, que ten un areal magnífico.
Por certo, se non fose polas aportacións de Ana Rodríguez no sería posible ilustrar esta entrada.

Catro placas de pedra cos evanxelistas

Mittwoch, 7. April 2010

Datos tomados das fichas do Museomateo
Procedencia. Aínda que se atribúen ó convento de Santo Domingo da Coruña, recentemente Mª Dolores Barral proporía con bases argumentais convincentes a posibilidade de que a súa procedencia real fose a antiga igrexa parroquial de Santo Tomás, situada no barrio do mesmo nome antes de que fose destruída polo ataque inglés de 1589 e completamente derrubada en 1592 por orde arcebispal. Segundo esta mesma autora, as pezas poideron ter formado parte ben dunha credencia ou ben dun altar ou retablo pétreo.
Estas placas forman parte dun conxunto de 4 que representan o tetramorfos.
marcosMateo. Placa esculpida con representación do anxo que simboliza a San Mateo. O anxo presenta curta melena, túnica e as ás estendidas. Terma o libro entre as dúas mans. En caracteres góticos monacais figura ó pé do anxo o nome inscrito do evanxelista.
Marcos. Placa esculpida con representación do león alado e nimbado que simboliza a San Marcos. Figura en posición vertical coas fauces abertas e portando o libro entre as patas dianteiras. No borde inferior debería figurar o epígrafe que identificaría ó evanxelista, pero a placa está moi erosionada nesa zona.
lucasLucas. Placa esculpida con representación do touro nimbado como símbolo de San Marcos. A figura presenta a cabeza do touro frontalmente e entre as patas dianteiras o libro. Baixo as traseiras disponse un epígrafe consignando o nome do evanxelista en letra gótica monacal e precedido dunha cruz grega.
Xoan. Placa esculpida con representación da águia nimbada como símbolo do evanxelista San Xoan, recoñecible polo nome inscrito en caracteres góticos monacais (precedido dunha cruz grega no borde inferior da placa). A figura mira á esquerda e presenta unhas ás estendidas con perspectiva frontal, e un libro entre as patas. Formación en diagonal.
juanMaterial. Granito de grao normal de cor cálida polo óxido férrico; presenta manchas vermellas ó arredor dos cubos de pirita (bisulfuro de ferro).
Cronoloxía/Epoca. Gótico (1475-1525).
Dimensións. Mateo (69 x 57cm.), Marcos (70 x 56 cm.), Lucas (69 x 56 cm.) e Xoan (69 x 55 cm.)
Bibliografía. Barral Rivadulla, MªD., 1995/96: “La antigua parroquial de Santo Tomás a través de la documentación y de los fondos del Museo Arqueológico de San Antón”. Brigantium, vol 9, p.146, foto: p.145, Ilust.VI