Archiv für Mai 2010

ANDALUCIA OCCIDENTAL E O ALENTEJO

Sonntag, 30. Mai 2010

Entre os días 14 e 23 de Maio fixemos unha longa viaxe para coñecer algúns lugares do sur peninsular. Saimos o venres 14, ás 15,30 horas para facer nesa xornada a metade do traxecto de ida. Durmimos no hotel Tryp Salamanca, cunha boa situación. A cea fixémola no Meliá Las Claras, ao que chegamos camiñando en dez minutos. Isto forma parte da política dalgunhas cadeas hoteleiras xa que deste modo atenden nun mesmo comedor a clientes de dous hoteis e aforran gastos. Polo demais, disfrutamos dun salmón con salsa de azafrán que resultou extraordinario.
Nuestra Señora del Ara O sábado 15 tivemos que madrugar pois a nosa primeira visita ?a ermida de Nuestra Señora del Ara, en Fuente del Arco -estaba prevista para ás 13,00 horas no sur da provincia de Badajoz-. A pesar de que entre Salamanca e Sevilla xa está rematada a autovía, chegamos un pouco tarde por mor dunha deficiente sinalización que fixo que perdéramos algo de tempo. O interior da ermida é sorprendente: está pintada integramente, tanto nas paredes como no teito, por un ou varios pintores barrocos, que desenvolveron un programa iconográfico baseado no Xénesis. A obra non ten unha gran calidade pero resulta verdadeiramente incrible que chegase ata os nosos días. Un lugar que merece unha visita (ainda que polo de agora só abre sábados e domingos pola mañá).
Xantamos en Fuente del Arco, unha pequena vila con moi poucos servizos, na que resulta complicado ata tomar un café.
Pola tarde visitamos as ruinas do teatro romano de Regina, bastante ben conservado, se ben sorprende un pouco non atopar restos signicativos do resto da cidade romana, pois atópase no medio dunha campiña.
Mina de la Jayona A xornada rematou na mina de La Jayona, unha antiga mina de ferro, recuperada medioambientalmente, que percorrimos durante hora e media acompañados dunha guía. O lugar é dunha beleza abraiante. Camiñamos por algunha galería e disfrutamos coa singular vexetación que crece na antiga explotación nun microclima de gran frescor.
O peor desta xornada estaba por chegar pois o traxecto ata Sevilla resultou bastante largo. Chegamos ao Tryp Macarena da capital hispalense cerca das dez da noite. Aquí iamos durmir seis noites.
O domingo 16 desprazámonos ata a vila de Moguer, en Huelva. Moguer. Nuestra Señora de la Granada A calor comezaba a ser intensa. Durante toda a viaxe iamos sufrir altas temperaturas. En Moguer visitamos a igrexa de Nuestra Señora de la Granada, cunha torre que semella a Giralda; paseamos polas súas rúas cheas de flores, e por último fomos ata a Casa-Museo de Juan Ramón Jiménez, onde tiñamos concertada unha visita. Nela proxectan un audiovisual magnífico que fala da vida e da obra do poeta moguereño e destaca o papel desenvolto pola súa muller Zenobia Camprubí. Tamén a guía do museo demostrou ser unha muller moi preparada e amena, ideal para explicar os distintos espazos do edificio.
El Rocío. Acebuche Xantamos na aldea de El Rocío, no restaurante Toruño, con vistas espléndidas á marisma de Doñana. A caldereta de mostrenca gozou de moito éxito. Na praza onde se ubica o restaurante hai un impoñente exemplar de acebuche, unha árbore moi parecida a unha oliveira. A aldea xa rexistraba un aluvión de xente pois estabamos nas vésperas da festa do Rocío.
Pola tarde tiñamos contratada unha excursión pola parte norte do Parque Nacional de Doñana. Subimos todos a un autobús preparado para circular por terreos areosos ainda que cun inconvinte que resultou terrible: non tiña aire acondicionado polo que pasamos unha calor tremenda. Salvounos o feito de que o noso guía tiña amplísimos coñecementos de fauna e flora (da gusto ver o nivel de preparación que actualmente teñen moitos guías). "Pajareras" de Doñana Aprendimos da importancia de prantas como o ?jaguarzo? ou a ?castañuela? e vimos un gran número de aves: flamengos, espátulas, garzas, fochas, milanos… Visitamos tamén o Centro de Visitantes ?José María Valverde?. As árbores do seu redor serven como auténticas ?pajareras?.
De volta en Sevilla, fomos cear ao restaurante Don Fadrique, a 200 metros do hotel. Toda unha revelación. Durante cinco noite haberiamos de disfrutar dunha cociña moderna e moi ben servida, con pratos inolvidables como un salmorejo cordobés, un arroz caldoso marisqueiro, ou un lomo de mero con salsa de gambas.
A xornada do luns 17 resultou inesquecible, adicada íntegramente ao Parque Minero de Riotinto. En primeiro termo, visitamos o Museo Minero y Ferroviario, cunha interesante colección de maquetas e a réplica dunha mina de época romana. Tamén vimos o elegantísimo vagón do Maharajá e escoitamos falar da faixa pirítica ibérica, do gossan (gold and silver sands) ou do ?ano dos tiros?, 1888, no que houbo unha brutal represión contra os mineiros e as súas familias. De seguido, fomos ata o barrio inglés de Bellavista, onde vivía o persoal británico que dirixía a explotación, nunha especie de colonia independente, e visitamos a Casa 21, convertida en Centro Etnográfico. Rio Tinto Ás 13,15 subimos ao antigo tren mineiro e seguimos o curso do río Tinto, coa súa incríble cor vermella, disfrutando de paisaxes que semellan irreais.
Logo dun discreto xantar fomos ver a mina de Peña del Hierro, á que se accede ao través dunha galería que remata nunha explotación a ceo aberto cunha lagoa de auga de intensa cor vermella. Aquí aprendimos algo sobre os experimentos que está levando a cabo a NASA, pois só en Marte e en Riotinto existe un mineral chamado ?jarosita?. Rematamos a xornada asomándonos á impresionante mina a ceo aberto de Cerro Colorado, que foi a derradeira explotación en funcionamento en Minas de Riotinto.
Tesoro del Carambolo O martes 18 estaba plantexado como día de recuperación pois permaneceríamos en Sevilla durante toda a xornada. A nosa guía, unha simpática sevillana chamada Estela González, levounos ata o Museo Arqueológico, pois era o noso desexo coñecer a súa colección romana e o extraordinario tesouro tartésico de El Carambolo, a máis importante obra de orfebrería atopada na península. A continuación visitamos o Museo de Bellas Artes, a segunda pinacoteca española máis importante, no que admiramos cadros tan fermosos como ?La Virgen de la servilleta?, de Murillo, ?San Hugo en el refectorio?, de Zurbarán, o ?Las Cigarreras?, de Gonzalo Bilbao, sen esquecer a impresionante escultura de San Jerónimo, obra de Torrigiani.
Palacio de Lebrija. Mosaico Antes do xantar fixemos unha terceira visita, neste caso ao Palacio de Lebrija, que acolle impresionantes mosaicos (tantos como o Museo Arqueológico) e coleccións de moi diversas procedencias, pois a condesa de Lebrija era moi viaxeira.
Este día comemos no restaurante El Cabildo, perto da catedral, que funciona e moi ben para grupos pois había infinidade de xente atendida con gran eficacia e profesionalidade.
Houbo tempo despois para visitar libremente a catedral, pois o noso programa remataba ás 16,30 horas na Casa de Pilatos, un edificio típicamente sevillano, con patios e xardíns, ricamente decorado. Logo desta visita cada un dispuxo do seu tempo como mellor lle petou.
O mércores 19 cambiamos de provincia. Museo de Cádiz. Sarcógafos fenicios Fomos ata Cádiz para ver no Museo Provincial os famosos sarcófagos fenicios masculino e feminino atopados na cidade, e outras pezas en terracota e en bronce desta civilización. Tamén resultan moi importantes os fondos de época romana. A continuación subimos ata o alto da Torre Tavira, dende a que se vislumbra toda a baía (Rota, San Fernando, Puerto Real). Tamén puidemos comprobar como as casas da cidade non teñen tellados senón terrazas e a cantidade de torres vixía (máis de cen) que existian na cidade, con tres tipoloxías distintas (de garita, de sillón e de terraza). Cádiz. Vista do castelo de San Sebastián dende a torre Tavira Na Torre Tavira hai unha cámara oscura que por medio dun xogo de espellos e unha lente de aumento permite ver o que acontece no exterior cunha definición sorprendente.
Logo dun percorrido en autobús circundando a parte antiga da cidade para ver o castelo de San Sebastián ou a praia de La Caleta, xantamos no restaurante Fogón de Mariana, no que os entrantes (xamón ibérico, queixo de ovella o ensaladilla) valían por unha comida enteira.
Pola tarde fomos ata Arcos de la Frontera, no que visitamos as igrexas de Santa María de la Asunción e de San Pedro, cun fermoso retablo renacentista. Tamén nos asomamos ao río Guadalate que vimos dende a terraza do Parador de Turismo.
A xornada do xoves 20 ía ser a derradeira en terras de Andalucía. Nesta ocasión o no noso destino era a serra de Aracena. Sen embargo, a primeira visita tivo lugar moi pronto, en Santiponce, vila situada moi perto de Sevilla. Entramos no mosteiro fortificado de San Isidoro del Campo, onde vimos o afamado retablo de Martínez Montañés e as magníficas pinturas murais do Claustro dos Evanxelistas.
En Aracena, logo de pasear polas súas rúas, visitamos a fermosísima Cueva de las Maravillas, na que existen toda clase de formacións pétreas, cunha gama de cores extraordinaria, ademais de abundar a auga, con varios lagos no seu interior. Inesquecible. Almonaster la Real. Mezquita
Logo de disfrutar dunha abundante comida no restaurante Los Angeles fomos ata Almonaster la Real, para ver a súa pequena mezquita, magníficamente conservada.
A xornada tivo como remate a Peña de Arias Montano, un espléndido mirador sobre a serra, e a pequena vila de Alájar, moito más fermosa vista dende arriba que percorrendo as súas rúas.
O venres día 21 tivemos que madrugar pois debiamos pasar ao Alentejo portugués. A xornada tiña por obxectivo coñecer a vila de Mértola, unha poboación chea de historia situada á beira do río Guadiana. Mértola. Antiga mezquita Da man dunha guía local fomos ata a antiga mezquita árabe, convertida en igrexa parroquial; a carón do castelo vimos ruinas dun asentamento romano -con criptopórtico incluido- e doutro arabe. Na torre do castelo gárdanse diversas pezas de estilo visigodo. Paseamos pola vila e chegamos ata un edificio que acolle unha boa exposición de cerámica islámica antes de ver no soto do edificio do concello os restos dunha vivenda romana. Conserva Mértola ademáis os restos musealizados dunha basílica paleocristiana. No restaurante regional A Esquina xantamos, a pesar da intensa calor, un cocido alentejano. Despois do xantar e movidos polo interese de que esto escribe, achegámonos ata o Pulo do Lobo, unha fermosa cascada no río Guadiana. Pulo do Lobo O gran erro foi chegar ata aquí, pois a viaxe resoltou longa e o acceso para o autobús ofrecía dudas, pois no remate había unha pista de terra. Pasou bastante tempo e moita calor antes de que todos baixásemos ata o río. Por este motivo chegamos moi cansos a Evora, a un hotel moi grande, situado na estrada de Lisboa, que ofreceu nas dúas noites que alí pasamos buffets de cea un tanto decepcionantes.
Adicamos a xornada do sábado 22 a coñecer dous singulares monumentos megalíticos dos arredores de Evora: Cromeleque dos Almendres o Cromeleque dos Almendres, formado por noventa e cinco pedras fincadas ao que se chega logo de percorrer unha pista de terra que atravesa un fermoso sobreiral; e a Anta Grande do Zambujeiro, un dolmen de dimensións colosais, que faría as ledicias de Coco, o de Barrio Sésamo, para explicar o significado da palabra grande. Unha pena que non se poda acceder ao interior da cámara e lástima tamén da estructura que cubre o megalito e que non resulta moi estética. A continuación visitamos Evora, visita que repartimos tanto pola mañá como pola tarde. Deste xeito vimos a Capela dos Ossos, na igrexa de San Francisco, construida cos ósos de máis de cinco mil persoas; a Catedral, cun fermoso pórtico e claustro gótico; o templo romano e o convento dos Loios, decorado cos característicos azulexos portugueses de cor azul. Evora. Templo romano Paseando polas rúas da cidade descubrimos como o corcho é empregado en infinidade de obxectos, algúns tan sorprendentes como paraugas ou gorros. Xantamos un arroz de pato nun local moi ben decorado, a Cozinha de Santo Humberto.
O domingo 23 saímos de Evora ás 8,00 horas (unha hora máis en España). Xantamos ás 12,30 horas en Mealhada, ao norte de Coimbra, na Quinta dos Tres Pinheiros, onde preparan un magnífico bacalhau. Para non facer tan pesada a viaxe de volta, fixemos unha visita da fermosísima vila de Ponte de Lima, que estaba en festas. Ás 21,30 horas (en Galicia) xa estabamos na casa.

A voz de Uxío Novoneira

Mittwoch, 19. Mai 2010

novoneira1

Xa fai 21 anos, nunha cea nas Pontes, no Mesón “O Puxigo”, tiven a oportunidade de gravar a voz de Uxío Novoneira no día das Letras Galegas daquel ano, adicado a Celso Emilio Ferreiro. Escoitámolo nun recital extraordinario, na casa da Cultura, e logo, ceando, tivo a xenerosidade de deleitarnos co “Paco Pixiñas”. E eu, co seu permiso, puxen a andar a gravadora. Cando Uxío escoitou a gravación, queixóuse do seu xeito de silbar as “eses”, que non lle gustaba nada. Foi unha noite inesquecible.
Ainda que a calidade do sonido non é moi boa, vale a pena escoitalo.


Gravación de Cándido Rico Fraguela

MONFORTE, UNHA RUTA URBANA

Sonntag, 9. Mai 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Monforte de Lemos, importante nó ferroviario, é o segundo núcleo de poboación da provincia de Lugo e capital dunha extensa comarca, a Terra de Lemos, que agrupa varios concellos cun patrimonio artístico moi valioso, como Pantón e O Saviñao.
Colexio de Nosa Señora da Antiga O noso percorrido pola cidade debería principiar polo Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido tamén como Colexio do Cardeal ou da Compañía. Trátase dun impoñente edificio de estilo herreriano, con 110 metros de fachada, construído por iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro, que non chegou a ver máis que os seus alicerces. Inicialmente pertenceu aos Xesuitas, que tiveron que saír precipitadamente do lugar logo de seren expulsados de España no ano 1767, transformándose en Real Seminario. O edificio sufriu non poucas vicisitudes na súa historia pois resultou afectado polo afastado terremoto de Lisboa, saqueado polas tropas de Soult tres veces durante o ano 1809 e parcialmente destruído nun incendio no ano 1824. A Desamortización contribuíu aínda máis ao seu progresivo deterioro, antes de ser entregado aos escolapios.
Pero ¡miragre!, os escolapios descubriron xunto a un altar rodeado de escombros un conxunto de pinturas entre as que destacaba unha obra mestra da pintura universal, que resultou ser A Adoración dos Reis, do pintor flamenco Hugo van der Goes, segundo a identificación realizada polo conservador do Museo do Louvre, P. Leprieur. Van der Goes. Adoración dos Reis Os escolapios decidiron entón poxar públicamente o cadro, nun acto que levantou moita polémica, chegando incluso ás Cortes Españolas. Algúns intelectuais e artistas do momento como Sorolla, Benlliure, Menéndez Pidal, Zuloaga, Emilia Pardo Bazán ou os irmáns Álvarez Quintero abriron unha subscrición popular para evitar a venda da obra pero só recadaron 76.000 pesetas. Finalmente esta marabillosa pintura foi adquirida polo Kaiser Friedrich Museum de Berlín, no ano 1910, por unha cantidade astronómica para a época: 1.262.000 pesetas.
O Goberno español autorizou a saída do cadro de España o día 23 de outubro de 1913, que sería sacado do edificio nun carro de bois, levado por ferrocarril ata Vigo e embarcado para Alemania en xaneiro do 1914. Esta vende permitiu salvar da ruina o edificio e desenvolver nel unha importante labor educativa. Seis anos máis tarde chegou a Monforte unha espléndida copia da obra tal e se pactara no contrato de venda, que actualmente é a que se pode ver na igrexa do Colexio da Compañía.
El Greco. San Lourenzo O cadro da Adoración dos Reis de Van der Goes é o panel central dun tríptico que tiña como táboas laterais unha Natividade e unha Presentación no Templo. Nada sábese destes dous paneis.
A meirande parte da colección pictórica que foi atesourando a casa de Lemos consérvase no edificio, en concreto, na Sacristía da igrexa, onde podemos admirar magníficamente restaurados por Rafael Alonso, dous Grecos (os únicos que hai en Galicia), un San Lourenzo e un San Francisco; e cinco lenzos atribuídos a Andrea del Sarto, pintor florentino do Renacemento: Santa Catalina, Santa Inés, Santa Margarida, San Pedro e San Xoán Bautista.
Antonello da Messina. Cristo morto sostido por un anxo Hai outra obra relevante da pintura universal que case con toda seguridade estivo no Colexio do Cardeal, o Cristo morto sostido por un anxo, de Antonello de Messina, pintor do Quattrocento italiano, que actualmente está exposto no Museo del Prado, logo da súa compra no ano 1965 a un coleccionista de Irún.
Parecería que xa non podemos ver máis obras de arte neste edificio pero non é así. Ademais da monumental escaleira, na igrexa vemos un magnífico Cristo Crucificado esculpido en mármore por Valerio Cioli, que semella algo desproporcionado, pois estaba destinado a coroar un retablo; a estatua orante do Cardeal Rodrigo de Castro, fundida en bronce por Juan de Bolonia en 1603; e o retablo maior, que constitúe a derradeira obra acometida polo gran escultor barroco galego Francisco de Moure, finado en 1636, a quen lle deu tempo de rematar os dous primeiros corpos e a imaxe de Nosa Señora da Antiga. Son excelentes os relevos da Epifanía e da Circuncisión (cun personaxe con lentes, parecido ao San Xerome que fixera Cornielis de Holanda na portada plateresca da igrexa de Santa María de Pontevedra).
De seguido deberiamos cruzar a vella ponte sobre o río Cabe, do século XVI, e achegarnos ata o Museo de Arte Sacra das Clarisas. A súa espléndida colección foi atesourada por dona Catalina de la Cerda y Sandoval, muller do sétimo Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro ?mecenas de Cervantes e de Góngora- a partires do ano 1610. Abundan nela as reliquias, algunhas tan singulares como un ente de San Brais ou unha cápsula con sangue de San Xenaro. Gregorio Fernández. Cristo xacente Sen embargo, o máis valioso de Museo son o Cristo Xacente e a Inmaculada do escultor de Sarria, Gregorio Fernández. A primeira destas obras, gardada nunha fermosa furna decorada e revestida de cristais, destaca polo seu extraordinario dramatismo e pola mestría coa que o artista tallou os cabelos e a barba, resaltando ademais que o corpo foi labrado por separado de leito onde se apoia. Tamén ten gran interese o Calvario do século XIV, procedente da igrexa de San Fiz de Cangas.
O terceiro punto de interese da cidade está situado na súa parte alta, constituído polo conxunto que integran a Fortaleza, o mosteiro de San Vicente de Pino e o Pazo dos Condes de Lemos. Da primeira destaca a Torre da Homenaxe, que acada 30 metros de altura e ten catro plantas nas que podemos aprender algo da historia da comarca de Lemos. Parador de San Vicente do Pino O mosteiro, convertido actualmente en Parador Nacional ten no seu claustro neoclásico un gran interese arquitectónico, pois está moi ben deseñado o sistema de recollida de augas no pavimento. Na igrexa do mosteiro consérvase unha boa imaxe de Santa Ana coa Virxe e o Neno. O edificio do Pazo dos Condes acolle actualmente os comedores nobres do Parador.
Outros edificios de interese son a igrexa de Régoa ?antigo convento de San Xacinto- que acolle no seu interior un órgano do século XVIII, considerado como un dos de mellor sonoridade de Galicia; e o Pazo de Molinos de Antero, cunha decoración pictórica interior moi italianizante. Nel se recadaban as rendas pola venda do tabaco e outros impostos, polo que conserva un enxeñoso sistema de seguridade no que abundas as mirillas.
Locomotora Mikado En Monforte está instalado o Museo do Ferrocarril de Galicia, que ten na locomotora de vapor Mikado o seu máis importante valor patrimonial. Como curiosidade, apuntar que Monforte ten outra construción moi singular, a casa número 5 da rúa Armando Cotarelo, de 1,5 metros de fachada e catro plantas, se ben no fondo acada un ancho de 30 metros.
Antes de abandoar Monforte, lembrar a Inés de Castro, figura histórica vencellada á cidade, pois era filla natural do señor de Monforte, Pedro Fernández de Castro, o da Guerra. Foi amante do infante Don Pedro de Portugal e asasinada en Coimbra o 7 de xaneiro do 1355. Cando o infante Don Pedro sucedeu no trono ao seu pai Afonso IV, revelou que estaba casado en secreto con Inés de Castro e fixo que desenterrasen o seu cadáver para que a nobreza portuguesa beixase a man descomposta da raíña morta. Os fermosísimos sepulcros de Don Pedro e Inés de Castro atópanse na igrexa do mosteiro de Alcobaça, en Portugal.
Outra personaxe da que se garda memoria en Monforte é Filomena Arias Armesto, curandeira e adiviña que gozou de moita sona, e recibía xentes de moi diversos lugares en procura de curación. Foi desterrada de Monforte entre os anos 1936 e 1938, pouco antes da súa morte.
Lembra tamén a importe xudería que tivo a cidade, e a cantidade de xudeos sefardíes espallados polo mundo que levan o apelido Lemos. Recentemente Monforte pasou a formar parte da rede Xuderías de España ?Camiño de Sefarad?, integrada tamén por Cáceres, Córdoba, Girona, Hervás, Ribadavia, Oviedo, Segovia, Toledo, Tudela, Besalú, Calahorra, Estella, Plasencia e Tarazona.
Podemos prolongar o noso percorrido por estas terras achegándonos a dous lugares cercanos non moi coñecidos, de gran valor artístico ou etnográfico, como son Baamorto e Vilachá.
Baamorto. Pinturas murais A igrexa de Baamorto ten no exterior do seu muro sur, protexido por unha galería cuberta, un completo ciclo de pintura mural do Renacemento, de boa calidade, na que se representan escenas da Vida e Paixón de Xesucristo.
En Vilachá, concello de Pobra do Brollón, consérvase un conxunto etnográfico integrado por 42 adegas familiares que ten a súa orixe no século XII, segundo resulta da doazón feita por Afonso VII ao desaparecido mosteiro de San Martiño de Piñeira. O conxunto foi rehabilitado hai poucos anos e na actualidade celébrase neste lugar unha cata dos viños de Vilachá durante a primeira fin de semana de maio.
E como sempre, un breve apunte gastronómico. En Monforte facían ata hai poucos anos unhas deliciosas empanadas de papuxas, pequeno paxaro coñecido en castelán como curruca, actualmente protexido, pois a enorme cantidade de empanadas que se preparaban estivo a piques de acabar con elas.

DRAKE QUIXO OFRECERLLE UN ANEL Á RAIÑA ISABEL. THE GROYNE. O nome da Coruña en inglés ata o século XIX

Dienstag, 4. Mai 2010

Traducción ao galego do artigo de Amando Baños publicado no boletín número 13 da Asociación.

Na Coruña son poucas as persoas que coñecen a denominación que os ingleses deron ao seu porto durante moitos séculos.
Groyne e a súa variante Groin significan en inglés ?malecón ou dique?, moitas veces de madeira, que protexe a costa da acción do mar. Pero Groyne tamén pode significar o ?fociño dun porco?, a éngoa e incluso en ?slang?, un anel de diamantes.
Hai moitas fontes documentais que citan como nome da nosa cidade ?The Groyne?. Francis Drake nunha carta dirixida ao Capitán Amyas Leigh escrita no 1547 dille que ten intención de non deixar un pesqueiro a flote dende o Groyne ata Cádiz. A Biblioteca Británica posúe en mapa editado no 1597 denominado: ?Carta da parte de Galicia arredor do Groyne?. Nel pódense ver a cidade e a baía do Groyne, no centro, así como Ferrol (na parte inferior), Betanzos e Pontedeume. O anel de Drake sería a cidade da Coruña e o brillante a torre de Hércules. mapa-antiguo-groyne3Nunha das liortas relixiosas durante o reinado de Isabel I de Inglaterra, os puritanos editaron numerosos panfletos criticando á Igrexa Oficial, baixo o pseudónimo de Martin Marprelate. Incluso falouse de que en 1589 esta personaxe ficticia fora apreixado polos españois e queimado no Groyne.
Richard Hakluyt publicou no 1598 o primeiro volume da obra ?The Principal Navigations, Voyages, Traffiques and Discoveries of the English Nation?. Na devandita obra dúas veces á Coruña, citándoa como Groyne o como baía do Groyne, por mor de que nas súas proximidades un dos oficiais que participara en 1596 no saqueo de Cádiz fora nomeado Cabaleiro.
No 1605 o embaixador inglés, Lord Nottingham, desembarca xunto ao seu séquito no Groyne e diríxese a Valladolid, onde volvera a instalarse a Corte, e alí asinou no nome do monarca inglés a paz con Felipe III.
Richard Niccols na súa obra ?A Inglaterra de Isabel? describe a saída da Armada Invencible e o posterior ataque de Drake a The Groyne. Na Bodlean Library da Universidade de Oxford atópase unha carta manuscrita e asinada no Groyne na que dáse conta dos feitos o confinamento por corentena de Lord Sandwich e da súa comitiva naquela cidade en abril do 1666.
No 1689 comezou a Guerra dos Nove Anos ou Guerra da Liga de Augsburgo, entre Inglaterra e Francia, e as comunicacións postais que se dirixían a España e ao Mediterráneo por Francia, interrumpíronse. O goberno inglés decidiu establece un servizo regular quincenal de correo entre Falmouth e The Groyne. Vista de Falmouth no ano 1850 O servizo, segundo consta nos arquivos do servizo de correos de Falmouth (Packet Archives) púxose en marcha en xaneiro de 1689 levando correo e mercadorías entre ambos portos. Entre 1689 e 1698 houbo dous barcos, o Spanish Allyance e o Spanish Expedition efectuando esta tarefa. España tamén contaba cos seus propios navíos na ruta cara á Falmouth. Os envíos chegaban logo por outros modos de transporte ata Madrid, Sevilla, Cádiz, Gibraltar e Lisboa. Os comerciantes ingleses queixábanse a miúdo do retraso da entrega terra adentro das súas mercadorías. Existían métodos para numerar e porlle data á correspondencia. Non era estraño, especialmente durante períodos de guerra, escribir as cartas por triplicado e envialas en distintos navíos. O servizo de correos viuse afectado pola Guerra de Sucesión española. En xuño de 1702, Lisboa substituíu a The Groyne como destino do servizo de correos que saía de Falmouth. Un documento do Packet Archives de Falmouth sinala o 25 de xaneiro de 1750 que en poucos días quedaría restablecido o servizo de correos entre Falmouth e o Groyne para transportar pasaxe, cartas, etc. Entre España e Inglaterra.
O 2 de Marzo de 1750 infórmase que nesas datas navegaba en dirección a Corunna (cambiando o nome The Groyne) o Countess of Leicester, co primeiro servizo de correos dende xullo de 1739.
Viaxando no tempo cara atrás lembramos que en 1703 publícase dentro dun conxunto maior, unha carta marina inglesa titulada ?The Groyne? polo editor Christopher Browner que foi reeditada en 1704. Esta última publicación foi anunciada na London Gazette no seu número dos días 13 ao 17 de xullo de 1704.
Neses anos, entre 1708 e 1711 Woodes Rogers, o máis famoso corsario inglés ?ainda que co paso do tempo chegaría a ser Gobernador Real- circunnavegou o globo e capturou dous galeóns españois cargados de tesouros na costa do Pacífico. Na súa viaxe rescatou un náufrago, un mariño escocés chamado Alexander Selkirk. Daniel Defoe, amigo de Rogers, leu o seu caderno de bitácora e a historia da aventura de Selkirk inspirouno para escribir a novela Robinson Crusoe. Precisamente nesta novela publicada no 1719, na súa parte final, no capítulo XIX, cóntase o regreso de Robinson Crusoe a Inglaterra. Cando se atopa en Lisboa, aconséllanlle que se dirixa por terra a The Groyne e logo que dende alí cruce o golfo de Biscaia ata La Rochelle, ainda que finalmente fará a viaxe por Madrid e Pamplona.
En 1740 estalou a guerra entre España e Inglaterra, coñecida como Guerra do Asento ou Guerra da Orella de Jenkins, un conflito polo dereito de asento de negros outorgado a Inglaterra polo tratado de Utrecht e pola delimitación das fronteiras do Sur de Estados Unidos. George Anson nun retrato de Joshua Reynolds O Comodoro George Anson saqueou a cidade de Paita en Perú e capturou o galeón que cubría a ruta entre Manila e Acapulco. A expedición foi unha epopea marítima para os ingleses que perderon o setenta e catro por cento da tripulación e só un dos barcos sobreviviu, xunto cos tesouros capturados, despois da dar a volta ao mundo. España enviou unha flota ao mando do tenente xeral da Mariña, don José Alfonso Pizarro, constituída por varios navíos, para enfrontarse aos ingleses pero foi todavía máis desafortunado que aqueles xa que perdeu varios barcos no cabo de Hornos e non conseguiu interceptar a flota inglesa. Existen varios relatos desta expedición inglesa. O máis coñecido é o do capelán Richard Walter na súa obra: ?A viaxe de Anson arredor do mundo?. No capítulo II sinala como a principios do ano 1746 regresou a The Groyne o único navío español supervivinte, o Asia.
Francis Drake En 1760 publícase ?A Museum for Young Gentleman and Ladies. A Private Tutor for Little Masters and Misses, obra anónima que coñecerá quince edicións antes do 1800. Nun capítulo do libro, adicado á historia de Inglaterra cóntase que os capitáns ingleses Howard, Norris, Essex, Drake e Raleigh asaltaron e queimaron varios lugares en España, especialmente Cádiz e The Groyne. Agora que falamos novamente de Drake, debemos dicir que na Biblioteca do Congreso de Estados Unidos consérvase un mapa manuscrito inglés, de 1589, de doble táboa, que amosa os portos da Coruña e de Ferrol. Foi empregado pola expedición de Drake para atacar a cidade da Coruña. Mapa de 1589 conservado na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos
Consérvase na Cámara dos Comúns a Acta da reunión do 18 de xaneiro de 1699 onde se indica que o Lord Comisionado do Tesouro comunicara en outubro de 1686 que recibira información da Aduana sobre unha fábrica de lona establecida en Sada, perto do Groyne, e que en poucos anos chegaría a ser a Real Fábrica de Jarcia e Lona. Tomáronse medidas para investigar este feito e o cónsul da Súa Maxestade que residía no Groyne informou que esa fábrica recibira unha suma considerable de cartos da Corte de España e que se lle outorgaran grandes privilexios.
En 1821, Walter Scott publicou unha novela ambientada na Inglaterra de Isabel I, ?Kenilworth?, coñecida en España como ?O Conde de Leicester? na que se volve a citar The Groyne no seu texto.
George Borrow, na súa coñecida obra ?A Biblia en España? publicada en Londres en 1843, no seu capítulo XXVI ao referirse á Coruña sinala que: ?Coruña atópase sobre unha península, tendo a un lado o mar e ao outro a súa famosa baía, chamada xeralmente The Groyne?.
O alemán Hans Gadow na súa obra ?Polo Norte de España?, publicada no 1897, referíndose ao nome da cidade, afirma que ?os mariñeiros ingleses a converteran en The Groyne e eles tiñan históricamente moita relación con este lugar…?
Son numerosos os autores que ainda en épocas máis modernas lémbrannos que os ingleses adoitaban referirse sempre a Coruña como The Groyne, por exemplo Martin Hume no prólogo da obra de Walter Wood ?A Corner of Spain?, publicada en Londres en 1910, onde sinala: ?Dende Coruña, The Groyne, como nosos antergos a traduciron, partiron aquelas infrutuosas flotas que Felipe destinaba a poñer de xeonllos á obstinada Inglaterra.?