Archiv für Juni 2010

OLELAS, SITIO DISTINTO

Mittwoch, 9. Juni 2010

Os días 5 e 6 de xuño fomos ata esta aldea do concello de Entrimo, en pleno parque do Xurés. A estrada de acceso é estreita polo que tivemos que facer dúas xeiras co autobús de trinta prazas, en dous días sucesivos. O tempo foi aceptable, o primeiro día a néboa parecía que sería un inimigo mortal máis a cousa foise amañando. Os que fixeron a excursión o domingo disfrutaron dun día máis soleado.
A primeira visita da xornada tivo por escenario a aldea de Loiro, situada non moi lonxe de Ourense e xa na estrada de Celanova. San Martiño de Loiro Conserva unha igrexa románica, de San Martiño, cunha fachada certamente interesante. No tímpano hai dúas estrañas figuras que poderían ser dous homes afogándose. Por riba do tímpano, unha cornixa con relevos e figuras animais e humanas. A aldea posúe tamén algunhas vivendas moi ben restauradas, xunto a outras que merecerían algunha intervención. Parece un bo lugar para vivir pola súa tranquilidade.
Santa María a Real. Entrimo. A continuación visitamos a igrexa de Santa María a Real, en Entrimo, un templo barroco de boas dimensións, con tres naves, e unha sólida construción de pedra. Ten dúas portadas barrocas de gran beleza, en estilo barroco churrigueresco aínda que precisarían dunha limpeza para eliminar musgos e liques. O retablo maior é inenarrable, pois as columnas semellan decoradas por algún artista que reclamase na parroquia o Día do Orgullo Gay, pois teñen as cores do arco da vella. Na xeira do domingo vimos tamén unha alfombra floral por mor da celebración da festa do Corpus Christi. Entrimo. Alfombra floral
A subida a Olelas ofrece vistas incomparables sobre o encoro de Lindoso, e a medida que nos achegamos á aldea aparecen infinidade de bolos graníticos que lembran o monte Pindo. Vimos cabalos garranos e as singulares vacas cachenas, de pequeno tamaño, con enormes cornos e os ollos enmarcados por dúas raias negras. Estas vacas constitúen xunto coas de raza limiá, caldelá, frieiresa e vianesa o grupo coñecido como Morenas do Noroeste, que están sendo recuperadas no pazo de Fontefiz, preto de Coles.
O lago de Olelas, formado pola auga represada polos veciños, ofrece unha postal idílica da serra do Quinxo, Lago de Olelas ensombrecida por unha construción de bloque e uralita dunha explotación gandeira.
Na aldea viven permanentemente unhas quince familias e no verán énchese das xentes do lugar que tiveron que emigrar, principalmente a Francia. As casas están construídas nunha ladeira, polo que teñen dúas entradas, unha por riba e outra por baixo. A arquitectura non está moi ben conservada, como acontece en case todas as vilas e aldeas de Galicia, aínda que se restauraron algúns cabaceiros.
O mellor de todo é a paisaxe e as enormes posibilidades que ten o lugar para facer rutas de sendeirismo. Olelas. Río do Castro As vistas sobre Várzea, sobre o río do Castro ou sobre Portos, no lado portugués son espectaculares, como comprobamos da man dun veciño que amablemente fixo de guía improvisado.
Logo de abandonar Olelas fomos ata Castro Laboreiro, en Portugal, para xantar no restaurante Miracastro. O bacalhau com broa que alí preparan é extraordinario, probablemente o mellor bacalhau que un poida ter probado na súa vida. A receita parece sinxela e voume atrever co que eu vin: o bacalhau veu cociñado nunha fonte de forno, cunha cama de cebola e abundante aceite de oliva, cunha pataquiñas asadas con pel. Por riba un amoado a base de broa desmigada, salteada en aceite de oliva, cun pouco de allo e xamón serrano moi picadiño, e incorporada ao bacalhau no último momento para gratinar no forno. Lamento non ter feito unha fotografía. Castro Laboreiro. Núcleo Museolóxico
Despois do xantar visitamos o Núcleo Museolóxico de Castro Laboreiro, que ocupa unha antiga fábrica de chocolate e no que se nos informa das brandas e das inverneiras, vivendas que ocupaban os habitantes do lugar segundo a época e a climatoloxía do ano. Hai tamén unha extraordinaria maqueta sobre o proceso de construción dun dolmen, pois debemos lembrar que no planalto da serra hai unha gran necrópole megalítica. Resulta incrible que co número de dólmenes que temos na nosa terra non haxa en ningún museo algo semellante.
Vimos tamén a igrexa matriz, dunha soa nave, que conserva unha boa pila bautismal e un orixinal púlpito. Castro Laboreiro. Ponte Na xeira do domingo achegámonos tamén ata unha fermosa ponte medieval, das moitas que hai no contorno.
O castelo, situado no cumio da serra, tivemos que deixalo para outra ocasión pois non tiñamos nin tempo nin folgos para chegar ata alí.
Monçao. O río Minho A derradeira visita da xornada foi á vila de Monçao, que conserva partes da súa muralla e ten vistas incomparables sobre o Minho, preto da vila galega de Salvaterra. E que non se me esqueza, tamén vimos unha numerosa colonia de gatos. O pasado ano visitamos algunha destas fortalezas transfronteirizas aínda que quedou pendende o acceso ao forte da Insua.

BETANZOS, UNHA RUTA URBANA

Dienstag, 1. Juni 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Betanzos, cidade da comarca das Mariñas, na confluencia dos ríos Mendo e Mandeo, é unha das sete capitais históricas do antigo Reino de Galicia, sede da Corte real en tempos do rei García. Acadou a categoría de Conxunto Histórico-Artístico no ano 1970. Ksado. Vista de Betanzos (c.1920)
A nosa ruta parte da praza dos Irmáns García Naveira, coñecida tamén como prazo do Campo, no que chaman a nosa atención a igrexa de San Domingos, os soportais e a fonte de Diana, fundida en París en ferro colado e inaugurada no ano 1867.
Camiño do edificio do Concello, na rúa do Castro, atopámonos co Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) que ocupa a Casa Núñez, fermosa obra modernista do arquitecto Rafael González Villar, proxectada inicialmente para albergar os primeiros Grandes Almacéns Comerciais de Galicia. Casa Núñez. Fundación CIEC Este centro obedece a unha iniciativa de Jesús Núñez, gravador de talla internacional, e garda unha boa mostra da obra gráfica de artistas como Luis Seoane, Amadeo Gabino e o propio Jesús Núñez. Sen embargo, tendo gran interese a colección do centro, resulta aínda máis atraínte a posibilidade de realizar, en grupos previamente concertados, un taller para aprender as diferenzas entres as catro técnicas básicas do gravado, que son: en relevo ou xilografía, sobre madeira, na que a impresión faise sobre a zona de prancha que non se talla; en oco ou calcografía, sobre pranchas de metal, especialmente cobre, no que se estampa a zona que foi gravada cun buril, empregando un ácido, como por exemplo nos augafortes; planigráfica ou litografía, sobre pedra, na que ademáis da tinta é preciso empregar auga e unha materia graxa; e serigráfica ou serigrafía, sobre seda ou nylon, procedemento de estampación mediante estarcido.
Ao seu carón está o Pazo de Bendaña, edificio gótico do século XV, con tres arcos oxivais e un pouco máis alá atópase a fermosa Torre do Reloxo. Torre do reloxo
O edificio do Concello é obra de Ventura Rodríguez, arquitecto neoclásico do século XVIII, que no seu tempo gozou de gran prestixio, se ben cunha perspectiva actual vemos como perpetrou algunhas das maiores desfeitas da arquitectura española, ao intervir en edificios que non necesitaban engadidos nin reformas de ningunha clase.
A igrexa de Santiago, do século XIV, en estilo oxival galego, garda no seu interior unha das mellores obras do renacemento en Galicia, a capela de Don Pedro de Ben, á que se accede por un artístico enreixado de Guillen de Bourse e acolle o espléndido retablo plateresco de Cornielis de Holanda, recentemente restaurado.
En fronte da súa portada principal sitúase o Pazo de Lanzós, construído na primeira metade do século XVII, no que destaca a solución do seu balcón.
O máis destacado patrimonio monumental de Betanzos está situado moi preto de aquí, na praza de San Francisco, expresión clara do esplendor acadado pola cidade nos séculos XIV e XV, que foi prolongado o século seguinte por mor da actividade do seu porto, hoxe cegado, que rivalizou co da Coruña polo monopolio da descarga do sal e a primacía comercial. Esta puxanza, afirmada polo asentamento de importantes gremios, foi recoñecida por Murguía ao referirse aos betanceiros do século XVI como ?os xenoveses de España?.
Santa María do Azougue A igrexa de Santa María do Azougue é edificio de finais do século XIV, no que destaca a súa ábsida, soberbia, o amplo rosetón e os relevos do tímpano, cunha representación da Epifanía e unha Anunciación. Garda no seu interior un retablo barroco de principios de século XVIII, obra de Gómez Soneira, coa particularidade de ter inseridos quince paneis flamencos importados de Lovaina por Fernán Pérez de Andrade o Mozo, a comezos do século XV, con escenas da vida de Xesús e da Virxe María. Foi obxecto da cobiza do tristemente célebre Eric el Belga, que roubou as tallas flamencas o 1 de outubro do 1891. Afortunadamente, todas elas, salvo unha, foron recuperadas nos meses seguintes.
A igrexa de San Francisco constitúe un perfecto exemplo da arte gótica das ordes mendicantes. No seu interior hai moitos sartegos da fidalguía das Mariñas, se ben o máis sobranceiro é o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade o Bo, a mellor mostra da escultura funeraria galega. Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade O sartego, baleiro, está sostido polos dous animais totémicos da familia Andrade: o oso e o xabaril. Nos laterais están talladas escenas de caza. O cabaleiro xacente está acompañado dun anxo, un clérigo e tres cadelos. Unha lenda en galego rodea a totalidade do sartego: ?Aquí jaz Fernan Perez Dandrade Cavaleiro que feço este mosteiro ano do nascemento do noso senhor Ihesucristo de mil e trescentos e oitenta e sete anos?. Este dato fala claramente da vixencia que tiña a nosa lingua na época medieval, pois a escultura foi realizada a finais do século XIV. Na capela maior hai unha representación do Xuízo Final, e un anxo toca a gaita no canto dunha trompeta.
Dentro do casco histórico ten Betanzos outro lugar merecedor dunha parada: o Museo das Mariñas, que dirixe Alfredo Erias, responsable tamén dunha publicación que mellora co paso do tempo, o Anuario Brigantino. A colección do museo ofrece boas mostras da estatuaria medieval, como os sepulcros de Sancha Rodríguez, primeira muller de Fernán Pérez de Andrade, de Afonso de Carvallido, líder irmandiño, ou un fermoso Santiago Peregrino con todos os seus atributos, aínda que lle falta a cabeza. Conserva ademais 12 táboas pintadas, que son copia dun célebre apostolado de Rubens.
O Pasatempo O Pasatempo, que debe ser considerado como o primeiro parque temático europeo, foi construído na súa meirande parte entre 1893 e 1914, segundo deseño de Juan García Naveira, un deses indianos filántropos que trouxeron recursos e costearon obras nas súas vilas, como aconteceu tamén con Fernando Blanco en Cee, onde admiramos na súa Fundación os fabulosos fondos con que contou a escola desa vila.
Este parque enciclopédico ?segundo a definición de Luis Seoane- carece actualmente do esplendor que tivo no pasado, pois a súa superficie foi recortada dende os 90.000 metros cadrados ata os 26.000 que ten agora mesmo. Na súa construción empregouse cemento portland, o que supuxo a primeira utilización deste material en Galicia. Da parte baixa, a máis extensa, apenas queda nada, e hoxendía está transformada nun xardín convencional; perdéronse para sempre fontes como a de Neptuno, a avenida dos Emperadores Romanos, coas súas efixies, o estanque dos Papas, o miradoiro chinés ou o labirinto. O seu deseño tiña certo aire italiano, lembrando ao marabilloso xardín de Bomarzo, no Lacio romano. A parte superior, mellor conservada, e restaurada nos últimos anos, tiña un marcado carácter didáctico, e recollía as viaxes reais ou imaxinadas do seu promotor polo que podemos ver relevos coas pirámides de Exipto, a muralla chinesa, os escudos das provincias arxentinas… e reproducións de animais como dromedarios, hipopótamos ou leóns (os orixinais, de mármore de Carrara, están en Covadonga). Na Guerra Civil tivo un triste destino, pois foi usado como campo de prisioneiros.
Betanzos non foi alleo á destrución do patrimonio arquitectónico que sufriron todas as cidades galegas. No ano 2008 caeu a Casa Gótica da rúa da Cerca, ante a pasividade das autoridades; Casa Pita. Vestíbulo (desaparecida) máis grave e vergoñenta resultou a actuación, dez anos antes, da corporación presidida por Manuel Lagares, por permitir o derrubo da Casa Pita, un dos máis fermosos edificios modernistas de Galicia, posuidora dunha elegante escaleira e un bonito patio. E nos anos sesenta perdeuse a casa de Dona Agueda, un orixinal palacete cun gran xardín.
Betanzos é cidade moi festeira. Pedro Ferrer. Os Caneiros (c.1910) Acadan moita sona as súas festas patronais, dedicadas a San Roque, que se celebran entre os días 14 e 25 de Agosto. Os actos que concentran máis xente son as xiras fluviais dos Caneiros, polo río Mandeo ?desmadradas nos últimos anos polos excesos etílicos-, e o lanzamento do maior globo de papel do mundo. Na segunda fin de semana de xuño celébrase unha concorrida feira medieval, que ocupa as rúas do casco histórico, aínda que debería haber máis rigor na súa ambientación. No mes de maio ten lugar a festa do viño de Betanzos, para exaltar este produto autóctono.
No plano gastronómico a tortilla de Betanzos como de moito predicamento, elaborada con patacas que se cortan en pequenos triángulos, moi finas, e que son fritidas a lume manso, para seren remexidas con abundante ovo pouco batido, dando como resultado unha tortilla que se espalla polo prato. Chega o momento de ir ata o restaurante ?La Casilla? para comprobar se merece a fama que se lle supón ou ben coller o noso automóbil e desprazarnos ata a Coruña, pois no Mesón ?O Bo? e no restaurante ?El Manjar? cociñan unhas tortillas con antecedentes betanceiros. Agardamos que o primeiro deles volva a abrir as súas portas logo do incendio sufrido hai unhas semanas.Tortilla de Betanzos
Betanzos fomenta unha iniciativa cultural moi singular, a Bienal ?Balconadas?, que actualmente celébrase no outono. Nela, os pintores participantes colgan as súas obras dos balcóns das casas do casco histórico. Tamén dende o ano 2006 organízase un certame de gaita, para honrar a memoria do vello gaiteiro Rilo, que deixou unha pegada inesquecíbel na música popular galega. Outros persoeiros dignos de mención son o pianista e compositor Pepito Arriola, neno prodixio, sobriño de Aurora Rodríguez Carballeira, que anos despois asasinaría a súa filla Hildegart; o fotógrafo Veiga Roel, cunha insólita traxectoria, pois desenvolveu a súa actividade artística nun tempo no que xa debería estar pensando na xubilación; e remontándonos na historia, poderiamos lembrar a Joan Branco, notario e capitán xeral da Irmandade; a María Balteira, soldadesca, dedicada a bailar e cantar na Corte; ou a Juan de Betanzos, cronista e compañeiro de Pizarro na procura do imperio inca, cuxa figura foi recuperada polo periodista Santiago del Valle.
Apuntar, como curiosidade, que Betanzos escoitou o primeiro discurso político pronunciado en galego, feito que aconteceu o 6 de outubro de 1906, e tivo como protagonista a Manuel Lugrís Freire, pai do pintor Urbano Lugrís González. Para rematar, dicir que nos arredores dispón Betanzos dalgúns espazos de lecer, como Chelo, a 5 Km., nun ensanchamento do río Mandeo, no que hai unha Aula de Natureza, ideal para ir con rapaces, que foi lugar de baño de centenares de coruñeses no verán de 1976, logo do desastre do petroleiro Urquiola, ou A Espenuca, antigo miradoiro natural, pois agora dende alí só se divisa, tristemente, unha ¡fermosa pantalla de eucaliptos!. Achegándonos ata Tiobre, o primitivo emprazamento da cidade, disfrutaremos da mellor vista do conxunto urbano como testemuñaron hai décadas viaxeiros como Annette Meakin ou Aubrey Bell. O poeta Manuel María dedicou a Betanzos un Canto que remata cos seguintes versos:

¡Betanzos dos Cabaleiros, rosa aberta,
raíña esplendorosa das Mariñas
o meu soño quedou en ti prendido
como queda na alma sotil dos mariñeiros
o fermosísimo canto das sireas…!