Archiv für Juli 2010

SARDIÑADA

Mittwoch, 28. Juli 2010

O pasado día 24 de xullo celebramos no mesón “Sal e Brasa”, na rúa dos Olmos, A Coruña, a tradicional sardiñada, posposta durante un mes. Ainda que con retraso disfrutamos dun xantar no que non faltaron as sardiñas e o churrasco, nun lugar moi agradable, pois o restaurante ten, no seu interior, un patio descuberto, dos que moi poucos deben quedar na nosa cidade. Como remate e continuación da proposta do recital do mes de xuño, degustamos unha extraordinaria tarta de aniversario (lembremos que cumplimos xa dez anos) preparada pola pastelería Naya, en Vilaboa. Se alguén ten algunha foto que se anime a subila ao blog.
O xantar resultou moi emotivo, sobre todo para Jesús Baños, logo da súa recente enfermidade, afortunadamente en vías de recuperación.

SOBRE RETABLOS DE GALICIA

Dienstag, 27. Juli 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no boletín da Asociación.

Dous feitos que tiveron lugar durante o primeiro semestre desde ano fixeron que reparase nunhas obras de arte presentes na meirande parte das igrexas galegas. O primeiro deles foi o descubrimento dunha trama corrupta coñecida como ?Operación Retablo?, que comezou con prácticas fraudulentas sobre restauracións en obras de arte sacro e rematou con adxudicacións irregulares para construír albergues para peregrinos de cara ao presente Xacobeo. Museo de Pontevedra. Retablo gótico de Belvís Por contra, o segundo e un feito digno de mención, pois o Museo de Pontevedra exhibirá durante dez anos un excepcional retablo gótico pintado sobre táboa, grazas á cesión efectuada polo matrimonio Ruiz-Moya Decoster. Trátase dunha obra que pertencía ao convento de San Domingos de Belvís, en Santiago de Compostela, que fora vendido no ano 1944 e atopábase en paradoiro descoñecido, ata que estes coleccionistas mercáronlle a obra a un anticuario madrileño no ano 2005. Representa a lenda de San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat.
Pero ¿que é un retablo? Está claro que todos sabemos o que é pero definilo nunca esta de máis. Trátase dunha obra de arte situada detrás dun altar, realizada xeralmente en madeira, pedra, alabastro ou mármore, na que harmonizan á arquitectura ?no seu deseño-, a escultura e a pintura ?na súa decoración-, e no que se representan feitos da vida de Xesús, da Virxe María ou de distintos santos. En Galicia predominan os retablos de madeira, xeralmente de castiñeiro e de nogueira, se ben nun primeiro momento fixéronse pequenos retablos en pedra.
Partes dun retablo. Debuxo de Xosé Piriz. Os distintos elementos que compoñen un retablo son: en sentido horizontal o banco, que pode estar dividido en sotabanco e predela; o corpo, integrado por cada un dos pisos nos que está dividido horizontalmente, e o ático, no que se sitúa habitualmente un Calvario. E en sentido vertical, as rúas, nome que reciben cada unha das divisións verticais, que poden estar separadas por outras máis estreitas chamadas entrerrúas; e o gardapó, peza que enmarca o retablo pola parte superior e polos laterais. Cando se fala do armazón da obra emprégase o termo mazonería.
Na confección dun retablo traballan ademais de escultores e pintores, outros artesáns que realizan labores non menos importantes como ensambladores, entalladores (que tallan a parte arquitectónica do retablo, como pilastras, doseletes ou os relevos do banco) e douradores. Tamén se empregan distintas técnicas artísticas, como o aparello (tratamento dunha escultura antes do seu pintado), a policromía (aplicación da pintura), o dourado (proceso no que se aplican panes de ouro), o estofado (técnica consistente en pintar ao temple zonas xa douradas, para unha vez seca rascar a pintura cun punzón), ou o encarnado (proceso final no que rostro e mans recibían unha cor axeitada ao ton natural da pel).
San Martiño de Mondoñedo. Retablo pétreo Conservamos en Galicia tres retablos ou frontais pétreos exentos de gran interese. O máis antigo atópase na igrexa de San Martiño de Mondoñedo, realizado con toda probabilidade a finais do século XI e tallado con gran sinxeleza. Representa unha Maiestas ?Cristo en Maxestade-, envolta nunha mandorla sostida por dous anxos. Tamén son identificables o Agnus Dei, unha aguia e dúas personaxes con roupas sacerdotais inclinados ante cadanseu anxo.
Santo Estevo de Ribas de Sil. Retablo pétreo. A peza conservada no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, de comezos do século XIII, é unha excepcional obra románica. Está tallada polas dúas caras, a anterior, representa a Cristo en actitude de bendicir, flanqueado polos apóstolos, e na posterior aparece só a imaxe de Cristo, cunha arcada cega.
O máis recente é o retablo da igrexa de Vilar de Donas, que pola súa forma parece que delimitaba un sagrario. Vilar de Donas. Retablo pétreo. Está datado a principios do século XVI e no seu centro sitúase un cáliz. A súa dereita hai unha escena coa Lamentación sobre Cristo morto, e a súa esquerda están representados Cristo resucitado e San Gregorio.
Outro fermoso retablo pétreo, de estilo gótico, do século XIV, atopámolo na igrexa de Santa María de Gracia, en Monterrei, adosado á parede da capela dos Condes, e nel se representan doce escenas da Paixón.
Cronolóxicamente cabería falar dun retablo que xa non existe, do que só se conservan cinco relevos, Trátase do retablo maior de alabastros ingleses policromados que tivo a catedral de Mondoñedo, datado no ano 1460, realizados nun taller de Nottingham. O retablo foi desmontado no ano 1534 e os relevos de alabastro consérvanse no Museo Diocesano da catedral mindoniense, na mesma vitrina que outros paneis procedentes da igrexa de Valcarría, en Viveiro, realizados esta vez por un obradoiro de Nottingham.
Si conservamos un pequeno retablo de procedencia inglesa no Museo da Catedral de Santiago, o de John Goodyear, composto por cinco paneis de alabastro recollidos nun armazón de madeira, que narran a vida do apóstolo Santiago.
A primeira metade do século XVI en Galicia vai estar marcada polo traballo do escultor Cornielis de Holanda, a quen poderiamos considerar o mellor escultor ?galego? do Renacemento, pois na nosa terra vai traballar por espazo de trinta anos. Este artista contrata en primeiro termo o monumental retablo da catedral de Ourense, que garda moitas semellanzas cos existentes nas catedrais de Oviedo e de Toledo. Catedral de Ourense. Retablo maior. Carece de predela, consta de catro corpos e cinco rúas, e iconográficamente representa un ciclo completo sobre a vida de Xesús e María, ainda que a figura central é San Martiño de Tours. O escultor todavía non ten un estilo definido pois mezcla elementos goticistas ?pilastras e doseletes- e flamencos, evidenciables na indumentaria das figuras, allea á nosa terra, e nas súas faccións. Está datado entre os anos 1516 e 1520. Catro anos despois contrata un retablo para o Hospital Real de Santiago, do que pouco se conserva, e de seguido, o retablo da capela de don Pedro de Ben, na igrexa de Santiago, en Betanzos. Betanzos. Igrexa de Santiago. Capela de D. Pedro de Ben. Este último estaba moi deteriorado pero logo da restauración levada a cabo durante o ano 2007 luce espléndido. Trátase dun retablo no que o artista mostra unha clara evolución estilística na que abandoa as influencias do gótico e substitue os relevos por esculturas exentas: San Pedro, San Roque, Santa Bárbara…
A continuación, Cornielis de Holanda vai traballar na realización do retablo maior da catedral de Lugo, no que emprega sete anos, entre 1531 e 1538. Sen embargo este retablo xa non existe como tal, pois foi desmontado entre 1763 e colocado catro anos máis tarde nas cabeceiras da nave do cruceiro, polo ensamblador lugués Agustin Baamonde, que distribuiu as escenas entre as dúas partes, sobre soportes de estilo barroco. Deste xeito resulta imposible saber como era a súa traza orixinal. Xunqueira de Ambía. Pormenor coa Natividade de María. Non parece probada a presenza do artista no mosteiro de Xunqueira de Ambía, pero a súa influencia é indubidable. Esta obra plateresca, da metade do século XVI, foi realizada polo Mestre Juan, entallador flamenco, que contou coa axuda do imaxineiro Gaspar Salgado e de Pedro Bello, a quen se lle debe a policromía. A derradeira obra de Cornielis de Holanda en Galicia non é un retablo pero aseméllase bastante. Trátase da fachada da igrexa de Santa María a Maior, de Pontevedra, concebida como se fose un gran retablo, dominado pola escena central adicada á Dormición da Virxe María.
A mediados do século XVI decae considerablemente a contratación destas obras de arte, polo que se conservan poucos retablos desa época. O máis importante é o da Quinta Angustia, da catedral de Ourense, atribuído ao Mestre de Sobrado, que talla un marabilloso altorrelevo para representar a Lamentación ante Cristo morto.
Pontedeume. Igrexa parroquial O retablo maior da igrexa parroquial de Pontedeume constitúe un caso excepcional dentro da retablística galega, pois está integrado unicamente por pinturas. Sábese que foi realizado no ano 1530, e dourado no ano 1564, data que resulta visible no gardapó. Consta de seis pinturas sobre táboa, das que cinco son do mesmo momento da construción do retablo (Calvario, Resurrección, Lamento sobre Cristo morto, Flaxelación e Asunción de María), e a sexta ?que representa a San Miguel pesando as almas- é de principios do século XVII. As dúas pinturas restantes están realizadas sobre lenzo, na segunda metade do século XVIII, e nelas están representadas a Anunciación e o Nacemento de Xesús. Seguramente viñeron substituír ás táboas renacentistas perdidas en algún dos incendios que sofreu a igrexa. No concello lugués de Quiroga, na igrexa de Santa Baia de Bendollo consérvase tamén outro retablo renacentista pintado, ainda que de moita menor calidade.
Non quero pasar por alto dous retablos que resultan moi singulares. San Lorenzo de Trasouto O primeiro deles está na igrexa de San Lourenzo de Trasouto, en Santiago de Compostela. E unha obra de arte verdadeiramente fermosa, e dende logo estraña. Cando un o admira por primeira vez ten a sensación de que en Galicia non viu nunca nada semellante. Está no certo, pois é unha obra renacentista italiana de 1532, tallada en mármore de Carrara polos irmáns xenoveses Antonio María e Giovanni Antonio Aprile. Orixinariamente atopábase no convento de San Francisco de Sevilla, como parte integrante do mausoleo dos marqueses de Ayamonte, don Francisco de Zúñiga y Guzmán e dona Leonor Manrique de Castro. Desmontado en 1840, foi traido a Santiago en 1872 por dona Eulalia Osorio de Moscoso. Nel sobresaen as escenas centrais que representan a Oración na Horta de Getsemaní, a Crucifixión e Xesús coa Cruz ás costas. Dicir tamén que por unha vez o Barroco foi derrotado, pois para colocar aquí este retablo houbo de ser retirado outro dese estilo que foi parar a unha vila de Sevilla.
Betanzos. Santa María do Azougue. Pormenor das táboas flamencasO segundo retablo do que queremos falar é o que ocupa a capela maior da igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos. Tamén, visto nada máis entrar no templo, fai que pensemos nun máis de tantos retablos barrocos que enchen as nosas igrexas. En efecto, trátase dunha obra de 1743 realizada polo escultor brigantino Ignacio Gómez Soneira. Sen embargo, a medida que nos achegamos a el observamos diversos relevos ?ata catorce en total- que son dun estilo moito máis antigo. Son pezas flamencas de madeira policromada, importadas de Lovaina por Fernán Pérez de Andrade ?o Mozo? nos primeiros anos do século XV. Representan escenas da vida de Xesús e da Virxe María. A súa presenza en Galicia pode cualificarse de milagreira pois non andamos moi sobrados de pezas procedentes dos Paises Baixos, e ademais con esta calidade. A historia deste retablo está vencellada tamén a un espolio cometido o 1 de Outubro de 1981 polo cobizoso ladrón Erik o Belga. Afortunadamente, todas as tallas, salvo unha Anunciación, foron recuperadas pola policía o día 6 de Febreiro de 1982.
No contrato asinado por Gómez Soneira para a realización do retablo establecíase que ?habería que conservar os quince misterios góticos?, en referencia aos relevos flamencos. Esta é unha circunstancia excepcional pois en Galicia, en época barroca, produciuse un cambio en case todas as igrexas galegas, dada a preferencia polo novo estilo, que levou á desaparición de moitas obras de Renacemento substituídas por outras do novo estilo predominante.
No último terzo do século XVI prodúcese un cambio estilístico e aparecen grandes retablos de liñas rectas, con predominio da escultura sobre a pintura, dun marcado clasicismo, que transmiten unha sensación de rixidez. As obras máis importantes desde momento son os retablos maiores dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e de Xunqueira de Espadañedo, realizados polo artista leonés Juan de Angés o Mozo. Sen embargo, tamén o meu gusto polas obras deste momento sofre un cambio, e paulatinamente a atracción que en min exercían vai minguando. Feito que se acentuará coas obras dos séculos XVII e XVIII, na época do Barroco, un estilo que aplicado á retablística resulta insoportablemente recargado, agás en tres lugares: no mosteiro de Montederramo, onde trala súa restauración, luce na capela maior o retablo tallado por Mateo de Prado; Monforte. Colexio do Cardenal. Relevo coa Circuncisión. na igrexa da Compañía, de Monforte de Lemos, onde Francisco de Moure traballou ata a súa morte e deixou relevos extraordinarios que representan a Circuncisión e a Epifanía, favorecidos tamén polo feito de non estar policromados; e no mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, onde o arquitecto Fernando de Casas e Nóvoa trazou un orixinal retablo bifronte que tanto mira ao coro como á igrexa, e no que sobresae o traballo escultórico de Miguel de Romay.
Pero isto do Barroco é outra historia e o mellor é deixar as cousas como están, así que ata aquí chegamos.

RECITAL DE ANIVERSARIO

Freitag, 23. Juli 2010

O pasado día 18 de xuño celebramos no auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña un acto conmemorativo do 10º aniversario da Asociación, consistente nun recital musical a cargo de Ana María Calvo Conchado, soprano, Ana Calvo nun momento do recital e Marta Castanedo Sanmartín, piano, co seguinte programa:

Quella fiamma che m?accende. Benedetto Marcello

El barberillo de Lavapies. Canción de la Paloma. Fco. Asenjo Barbieri

Messias.- How beautiful G. W. Haendel

Le nozze di Figaro. ?Voi che sapete?. W. A. Mozart

La serva padrona. Aria de Serpina ?Stizzoso?. G. Battista Pergolesi

Le nozze di Figaro. Duetto ?Sull?aria? Che soave zeffiretto?. W. A. Mozart
(Con Susi Calvo Conchado, soprano)

Gianni Schicchi. Aria de Laureta. O mio babbino caro. Giacomo Puccini

Was weinst du, Blümlein. Clara Schumann

Il Barcaiolo. Gaetano Donizetti

La Bohème. Aria de Musetta ?Quando m?en vo?. Giacomo Puccini

E como propina un lied de Schubert: “Seligkeit”.

Temos a grabación completa do concerto, con cámara fixa, que esperamos poñer próximamente.