Archiv für September 2010

UN TESOURO XENETICO

Dienstag, 28. September 2010

Na revista do National Geographic do mes de Xullo ven unha pequena reseña do Proxecto Taurus, que pretende devolverlle a vida aos uros, enormes bóvidos extinguidos desde 1627. Esta especie, da que xurdiron as vacas actuais foi moi representada nas covas do Paleolítico, especialmente en Lascaux.Dúas vacas de raza limiá
A lectura do texto da revista deparaba unha sorpresa, pois unha das vacas escollidas para ese proxecto por ter todavía xenes de uro no seu ADN é a vaca limiá, unha das cinco razas coñecidas como Morenas do Noroeste (as outras son a frieiresa, a cachena, a vianesa e a caldelá). Estas razas moi ben adaptadas ao medio subsistiron en pequeno número nalgúns lugares do Sur e o do Este da provincia de Ourense. A vaca limiá caracterízase pola cor castaña, máis oscura na parte dianteira, e polos longos cornos que teñen as femias, con aspecto espiraliforme e coas puntas cara fóra, rematadas nun pitón oscuro. A vaca limiá soporta moi ben as altas temperaturas e produce unha carne de gran calidade. Así que en Galicia temos un tesouro vivo que hai que preservar.

A LAGOA DE ANTELA

Samstag, 25. September 2010

Atopei tres mapas nos que ver con claridade as dimensións que acadaba a lagoa de Antela, situada na comarca ourensá do Limia, e quería compartilos cos lectores deste blogue. A lagoa de Antela no mapa de Domingo Fontán do ano 1845 Estamos a falar do meirande lago de agua doce que había na península, cunha estensión de 7 km. de longo e 6 km. de ancho, por tanto de 42 km. cadrados, que de seguir existindo hoxe sería un humedal tan importante como Doñana, as Tablas de Daimiel ou Villafáfila, e que con toda seguridade sería Parque Nacional. Sería ben distinto tamén o desenvolvemento da bisbarra.
Xa en época romana intentaron a súa desecación, construíndo unha canle de 27 quilómetros de longo que ía de Vilar de Barrio a Ponte Liñares. No ano 1765 foi a Academia de Agricultura de Galicia a instititución que promoveu un novo intento de desecación.
Na primeira metade do século XIX exportábanse as súas ancas de rá a Francia, moi abondosas nas xunqueiras da lagoa. A marquesa de Longueville fixo a partires do ano 1827 obras de desecación para aproveitamento deste lucrativo negocio.
O golpe de gracia asestouno un decreto do goberno de Franco de 1956 aducindo a necesidade de aproveitar o terreo para usos agrícolas e combater os brotes de paludismo e febres tifoideas que segundo se argumentaba tiñan a súa orixe na lagoa. Os traballos de desecación comezaron no ano 1958 e trouxeron consigo tamén a destrución de dúas fermosas pontes medievais, a Ponte Vella e a Ponte das Poldras. Mapa da lagoa de Antela do ano 1943 O aproveitamento agrícola coa concentración parcelaria foi intenso os primeiros anos pero co paso do tempo a terra perdeu moita humidade e fertilidade, o que fixo que baixase moito a súa rentabilidade.
Na vila de Sandiás hai aberto un Centro de Interpretación nunha antiga casa labrega no que ampliar información. Tamén nas antigas areeiras da lagoa estánse a recuperar parte dos humidais perdidos.
a-lagoa-de-antela-no-mapa-de-iscar-1866

EDIFICIOS DESAPARECIDOS: A Casa Gótica ou Pazo do Conde de Maceda

Dienstag, 21. September 2010

Con este artigo do arquitecto Miguel Silva Suárez iniciamos a edición neste blog dunha serie que, sobre arquitectura desaparecida na cidade da Coruña, ven publicando no noso boletín cultural desde o ano 2001. Este, o primeiro, foi publicado en xaneiro dese ano.

Estaba situado no número 18 da rúa do Parrote, facendo esquina ao Paseo do mesmo nome, fronte onde estivo ubicada a antiga Cárcere Real, hoxe o complexo hosteleiro e de ocio ?A Solana? ? Hotel Finisterre, a carón do edificio da Capitanía Xeral.
Cancelo. Fachada do Paseo do Parrote (c.1930) Foi a antiga casa-pazo do Conde de San Román, e dende a desaparición no ano 1870 das casas sitas na Porta Real, ata o ano do seu derrubamento, 1936, o único edificio gótico de arquitectura civil que houbo na Coruña.
As súas orixes están a fins do século XV e se sabe que foi a sede da Intendencia Xeral de Galicia dende que foi creada esta institución no ano 1716. Consérvase no Arquivo do Servizo Histórico Militar un debuxo dunha das súas fachadas realizado a mediados do século XVIII, debuxo que foi reproducido en varios libros, entre istos, na Xeografía do Reino de Galicia de Carreras Candi, sendo a representación gráfica do edificio máis antiga da que se dispón.
Logo foi a casa señorial do Conde Maceda e no ano 1882 sede do Asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados establecidos nesta data na Coruña, ata que se trasladaron ao novo edificio proxectado polo arquitecto D. Juan de Ciórraga na rúa de Adelaida Muro sobre 1898. No ano de 1883 a recén inaugurada institución caritativa foi visitada pola raíña María Cristina esposa do Rei Alfonso XII, con gallo da inauguración do camiño de ferro Palencia-A Coruña, e concedeu ao asilo un importante donativo en metálico e mesmo pagou a instalación dunha cociña para o servizo dos alí acollidos.
No tempo no que o edificio foi derrubado pertencía ós Vizcondes de Fefiñáns que ostentaban tamén o condado de Maceda.
Segundo o arqueólogo D. José María Luengo Martínez o edificio coñecido como a Casa Gótica era excepcional e belísimo e o máis importante da provincia coruñesa dentro do estilo oxival de finais do século XV. Tiña unha planta de forma rectangular e con tres andares de altura na rúa do Parrote, con soportais no baixo de cinco arcos rebaixados que foran cegados mediante o tabicado dos vans correspondentes. Sobre este corpo de planta baixa había unha ampla solaina con arcos iguais aos anteriores e que tamén foron cegados. No terceiro corpo ou andar abríanse sete fiestras, dúas delas xemelgas cos seus arquiños conopiais. O conxunto desta fachada dividíase en cinco eixes de simetría, separados por columnas adosadas. Blanco. Vista da fachada do Parrote en 1928 Ao lado esquerdo do corpo antes descrito erguíase a torre, pouco máis alta que o resto da construción, tamén sobre unha planta rectangular; a súa fachada lateral constaba dun corpo baixo porticado, con dous arcos apuntados equiláteros ?algo máis alto o do lado esquerdo- que se sustentaban sobre impostas molduradas, que así mesmo foran tabicadas, e enriba á esquerda levaba un escudo de armas protexido por un tornachuvias. Nos outros dous corpos altos, non dispostos a eixe, había sendas fiestras; a do primeiro andar alintelada e a segunda cun arco rebaixado. A fachada que facía fronte ao Paseo do Parrote tiña na súa planta baixa un arco apuntado que coincidía cos outros dous do pórtico, aínda que era máis baixo que istos, e unha portada, de arco rebaixado, que semellaba reformada, seguía un entrechán con dúas fiestras. No seguinte andar abríase unha fiestra alintelada con tornachuvias e, no último, outra alintelada tamén co seu arco de descarga.
A súa altura era duns once metros ata a casa inferior do último andar, e tiña una superficie en planta baixa de 289,20 metros cadrados. No ano de 1874 o seu estado de conservación estaba xa cualificado de ruinoso.
Ruth M. Anderson. A Casa Gótica en 1924 No mes de setembro de 1925 o arquitecto D. Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, redacta un proxecto de reforma da planta principal da casa número 18 da rúa do Parrote e na que se pretendían executar lixeiras reformas para formar dúas vivendas independentes no que naquel tempo era unha soa.
Grazas ao citado proxecto é posible ter hoxendía unha imaxe gráfica da fachada constituida polos planos arquitectónicos do edificio na derradeira etapa da vida da casa antes do seu derrubamento e desaparición.
No plano de planta da reforma pódese observar que as dúas partes da edificación orixinal, a torre e o edificio da rúa do Parrote, uniránse para formar unha vivenda, se ben conservando as escaleiras de comunicación vertical que correspondían a cada unha das partes que en principio eran independentes, diferenciadas e xa que logo, con accesos separados.
Debuxo do alzado no proxecto de restauracion. Paseo do Parrote Se coñecen tamén planos das plantas baixas e principal, con toda probabilidade do ano 1935, no que se proxecta unha nova organización espacial do interior do edificio, cunha única escaleira para servir ás dúas vivendas da planta baixa, e dispoñendo en dito nivel unha vivenda e dous garaxes na zona da torre da esquina.
Nembargantes, ningunha das obras proxectadas que se describiron chegaron ?polo que se coñece- a realizarse, e, pola contra, no mes de setembro do ano 1935 redáctase o proxecto dunha construción enteira de nova planta, de baixo e catro andares, con dúas vivendas por planta no solar resultante do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, na planta correspondente ao Paseo da Dársena e do Parrote, e en decembro do mesmo ano se confecciona o proxecto doutra casa para baixo e catro andares cunha vivenda por planta, no solar que ficaría baleiro logo do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, adosada ao número 16 de dita rúa.
Por unha carta do arquitecto Sr. Rodríguez-Losada Rebellón, proxectista do novo edificio, carta datada o 28 de novembro de 1935, sábese que ?a casa antiga? como en dito documento se denomina ao pazo dos Condes de Maceda, estaba entón en moi mal estado, aínda que non comezara o seu derrubamento.
A nova da próxima demolición da Casa Gótica provocou un grande escándalo provocou un grande escándalo entre a ?xente culta e sensible? e a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos comezou a actuar de contado, xa que, de feito, o edificio vendíase por unha cantidade dunhas 60.000 ptas., tratando dende o 6 de decembro de 1935 que a Deputación Provincial e o Concello, a partes iguais aportaran dita cantidade, para que unha vez mercada a vella casa, o Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes arbitrara os fondos necesarios ?que se estimaron nunhas 25.000 pesetas- para atender aos gastos da súa restauración co propósito de que instalase no edificio o Museo Provincial de Arqueoloxía e Belas Artes, do que tan necesitada estaba a cidade, xa que, por entón, era a única capital galega que carecía del.
Debuxo do alzado no proxecto de restauración. Rúa do Parrote Malia as laboriosas xestións levadas a cabo durante todo o mes de decembro de 1935 e xaneiro de 1936, pola citada Comisión Provincial de Monumentos, e as boas promesas e esperanzadoras palabras das autoridades responsables da provincia e da cidade, e mesmo o forte impacto social que causou nos medios culturais o anuncio do derrubamento de contado do seu máis estimado exemplar da arquitectura civil ?único de tal antigüidade, século XV-, as obras de derrubamento ao abeiro das correspondentes autorizacións municipais, deron comezo o día 15 de febreiro do ano 1936, e aínda que suspendidas provisoriamente a finais dese mes polo Alcalde, foron logo continuadas polo contratista D. Hilario Herranz Sacristán, que ao cabo rematou completamente os traballos de demolición nos primeiros días de marzo de 1936.
A polémica e o debate social suscitado pola demolición do máis sobranceiro monumento arquitectónico de carácter civil da Coruña durou a través do longo período de construción dos dous novos edificios que o substituíron no seu privilexiado emprazamento, xa que pola circunstancia da coincidencia deste proceso coa Guerra Civil española, comezada en xullo de 1936, este non rematou ata logo de concluida a mesma, xa a principios da década dos anos corenta.
Nun terreo anecdótico, o derrubamento da Casa Gótica, foi coñecido durante moito tempo como ?O Atentado? e o arqueólogo e historiador coruñés Ángel del Castillo denegou o saúdo ?co que esta descortesía entón representaba- ao arquitecto das novas obras o Sr. Rodríguez Losada, que era curmán do propietario.

COIMBRA E AS ALDEIAS DO XISTO

Samstag, 18. September 2010

Entre os días 10 e 12 de setembro celebramos a nosa primeira xeira logo de parón circunstancial do verán.
Como cada vez que viaxamos a Portugal, a nosa primeira parada tivo lugar en Ponte de Lima. Estaba chea de xente, adornos, barracas e luces, pois comezaban as súas festas. Logo saberiamos que ademáis esperaban para o sábado a visita do Presidente da República, Anibal Cavaco Silva.
Xantamos en Mealhada, nun clásico para nós, ?A Quinta dos Tres Pinheiros?, no que non faltaron o caldo verde e o bacalhau.
Conínbriga. Mosaico na Casa dos Surtidores Pola tarde, baixo un intenso calor, fomos ver o xacemento romano de Conínbriga, en Condeixa-a-Nova, con fermosos mosaicos ?especialmente os da Casa dos Surtidores- e un museo monográfico con pezas de gran interese.
De contado, fomos ata Penela, unha vila de fronteira, situada nunha zona moi disputada por cristiáns e musulmanes no período da Reconquista. Conserva un castelo que visitamos da man de Mario Duarte, guía local ben documentado, que foi contando a evolución xeral dos castelos e os seus sistemas defensivos, e en particular do de Penela.
A idea orixinal desta viaxe, as aldeias do xisto, viuse moi limitada polas dificultades de acceso a estos pequenos lugares. Só se pode chegar en autocar a unha das aldeas da serra de Lousa, Candal, que foi obxecto da nosa atención. Candal. Aldeia de xisto Por certo, acompañounos ata alí un amable portugués chamado Carlos, que coa súa moto evitou que nos perderamos. Na viaxe de volta botamos unhas risas no autobús a conta das súas indicacións. Candal é unha aldea ben recuperada na que non hai moitos pegotes arquitectónicos, e na que predomina a cor marrón nas súas paredes. Para outra ocasión quedarán Talasnal ou Cerdeira, aldeas todavía máis fascinantes pero ás que hai que chegar a pé ou en todoterreo. Durante a subida a Candal vimos desde a estrada o castelo de Arouce.
O sábado día 11 recolleunos no hotel Almedina unha moza chamada María Jose Fernandes, que sería a nosa guía durante toda a xornada en Coimbra. Ao seu coñecemento engadiría ademáis a súa simpatía e atractivo. O hotel non ten moitas pretensións pero está moi ben situado. Aquí durmimos as dúas noites.
En primeiro termo atravesamos o río Mondego para ver na outra banda o convento de Santa Clara-a-Nova. Coimbra. Santa Clara-a-Nova. Sepulcro da rainha Santa Isabel Ten un claustro de grandes dimensións que semella moi tranquilo. Garda o sepulcro da raíña Santa Isabel de Aragón, dona do rei Don Dinís, tallado en pedra policromada.
A continuación visitamos a Universidade de Coimbra, un enorme recinto con varios lugares especialmente interesantes: a Biblioteca Joanina, da primeira metade do século XVIII, dividida en tres sás, magníficamente decorada, e na que sobresaen as mesas de lectura; a capela de San Miguel, cun órgano impresionante; ou a Sala dos Capelos. Dende aquí saese a unha galería exterior desde a que podemos ver unha espléndida vista sobre o río Mondego, a Sé Velha ou o Museu Machado de Castro.
Fóra do recinto histórico, nun edificio neoclásico está o Museo da Ciencia da Universidade de Coimbra, antigo laboratorio químico. Neste momento había unha exposición sobre Darwin e outra sobre a luz e a materia. Coimbra. Museo de Ciencia da Universidade Chama poderosamente a atención a súa sala de conferencias que conserva a disposición dunha antiga aula de estudiantes únicamente con bancadas, sen mesas, para escoitar as clases maxistrais.
A derradeira visita da mañá tivo por escenario a Sé Velha, a mellor obra románica do país, con aspecto de fortaleza. Ten unha fermosa portada na que chama a atención a ausencia de figuras humanas por mor de ter sido esculpida por artistas musulmanes. A visita do interior estivo dificultada pola celebración dunha voda. Conserva un magnífico retablo, se ben o mais destacado é o seu triforio.
O xantar tivo lugar nunha terraza do restaurante ?A Portuguesa?, á beira do río Mondego. Un lugar moi agradable, ben servido, no que disfrutamos dun exquisito salmón á grella.
Pola tarde principiamos o noso percorrido no mosteiro de Santa Cruz, que acolle un monumental órgano barroco, recentemente restaurado, e un ben traballado púlpito obra de Nicolás Chanterene, artista do que conservamos en Galicia magníficas esculturas na capela do Hostal dos Reis Católicos. Coimbra. Igrexa de Santa Cruz. Organo barroco Na capela maior conserva os sepulcros de Afonso Enriques, primeiro rei de Portugal, de de Sancho I. Lástima que non permitan subir ao coro pois a sillería que albiscabamos desde abaixo semellaba excepcional.
De seguido fomos ata ó mosteiro de Santa Clara-a-Velha, moi ben recuperado, pois lembramos que anteriormente a igrexa estaba baixo as augas do río Mondego. Coimbra. Mosteiro de Santa Clara-a-Velha O Centro de Interpretación acolle un interesante museo cos obxectos atopados na excavación que descubriu un claustro que se creía perdido.
Pola noite, case todos terminamos nunha casa de fado, A Capella, que como indica o seu nome está instalada na igrexa de Nosa Senhora da Vitoria. O cantante, Nuno Dias, acompañado de dous magníficos instrumentistas (guitarra de Coimbra e guitarra española) interpretou varios temas, entre eles o inesquecible ?Tenho barco, tenho remos?, de José Afonso, co estilo característico de Coimbra (mans nos petos do pantalón e menor expresividade que en Lisboa). Tamén lembramos a Mauricio e o xeito de cobrar.
Santa María da Feira. Castelo O domingo pola mañá tiñamos prevista a visita do Visionarium, en Santa María da Feira, un museo científico no que chegamos a entrar pero por causa da informalidade do técnico encargado, que non se presentou, tivemos que substituila polo castelo da vila. Penso que saímos gañando, pois a fortaleza goza de moitos atractivos: a súa estética, o sistema defensivo, a cisterna, a capela…
Xantamos en Penafiel, no restaurante ?Penafidelis?, situado no parque de Sameiro: bacalhau con broa e unha monumental mesa de postres, con dez ou doce variadades de tartas, puddings, flanes, froita, etc.
Para pasear tan opípara comida achegámonos ata o Museo Municipal de Penafiel. Unha auténtica sorpresa. Para quen esto escribe o momento máis excitante da viaxe. Museo Municipal de Penafiel. San Jorge e o dragón. Da gusto ver a intervención arquitectónica no edificio, a disposición dos distintos espazos expositivos (Identidade, Territorio, Arqueoloxía, Os Oficios, Terra e auga), con amplos corredores que permiten unha circulación dos visitantes moi cómoda, bancos onde repousar, grandes vitrinas visibles desde os dous lados, apoio de medios audiovisuais, etc., unha marabilla.
A nosa viaxe rematou cunha paradiña en Valença do Minho, onde percorrimos a fortaleza e máis de un aproveitou para gastar os cartos e fomentar o comercio.

NOIA, UNHA RUTA URBANA

Donnerstag, 16. September 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Noia é unha das máis fermosas vilas galegas, e xunto con Muros, o mellor exemplo de asentamento mariñeiro do noso país. Escudo de Noia A historia de Noia debe comezar polo seu escudo, que representa a arca de Noé, pois a tradición di que a vila foi fundada pola súa filla Noela. Tamén aparece unha cadea cunha media lúa, pois o navío que rompeu a cadea do río Guadalquivir durante a conquista de Sevilla era noiés.
Os tres lugares máis representativos de Noia son a Praza do Tapal, a igrexa de Santa María a Nova e a Alameda. Na praza do Tapal, así chamada porque antigamente era un espazo pechado con dúas portas de acceso, que facía ás veces de patio do pazo dos Churruchaos, está situada a igrexa de San Martiño, do ano 1434, edificada no característico estilo oxival galego, no que a tradición románica imponse ás novas formas do gótico. Trátase dun templo dunha soa nave, con aspecto de fortaleza. A fachada ten un espléndido rosetón de gran tamaño, pero o que chama poderosamente a atención e a súa portada, coas figuras dos doce apóstolos adosadas ás columnas. Nas arquivoltas están representados doce anciáns músicos a ambos lados dun Pantocrátor, magnífica obra escultórica moi influenciada polo traballo do Mestre Mateo.
San Martiño. Anciáns músicosCase parece o Pórtico da Gloria en miniatura. A igrexa está relacionada coa morte do cineasta Claudio Guerín, no ano 1973, ao caer dende o alto da torre durante a rodaxe da película ?La campana del infierno?. Foi o gran amor de Pilar Miró. O cruceiro que hai na praza foi traido dende a Ponte Nafonso.
Santa María a Nova, é unha igrexa gótica dunha soa nave, consagrada no ano 1327 polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira, edificada sobre unha quintana de mortos, un cemiterio no que se conserva unha gran colección de laudas sepulcrais.Santa María a Nova. Lauda sepulcral dun pereguino No interior da igrexa, agora musealizada, están as mellores lápidas que amosan distintas marcas gremiais, símbolos familiares e figuras humanas, pero curiosamente ningún nome, data ou letra. Podemos ver gravadas a maza e o pico dun canteiro, as tesoiras dun xastre, o coitelo dun carniceiro, o compás e o machado dun carpinteiro de ribeira ou a sobreplanta dun zapateiro. A igrexa conserva tamén unha curiosa pía bautismal e diversos sartegos, entre eles, o do taberneiro Xoán de Estibadas. No exterior están o resto das laudas, aproximadamente cincocentas, o que lle outorga a este camposanto unha singularidade excepcional dentro do contexto europeo. Na banda esquerda do cemiterio consérvase tamén un humilladoiro que acolle un cruceiro do século XVI.
A Alameda está presidida pola estatua de Felipe de Castro, destacado escultor neoclásico que traballou no Palacio Real de Madrid e chegou a presidir a Academia de San Fernando. Aquí atópase o conxunto formado polo Pazo Municipal e a igrexa de San Francisco, do século XVI. Hai moitos escudos nobiliarios no edificio, pertencentes ás familias noiesas que financiaron a súa construción.
Casa da Xouba Outro dos elementos arquitectónicos máis destacados de Noia e o importante número de casas góticas que conserva, dos séculos XIV e XV, caracterizadas por ser construcións de aspecto macizo, voluminoso e soportalado, que podemos admirar dando un curto paseo entre as igrexas de San Martiño e Santa María a Nova. Sucesivamente veremos o Pazo Dacosta, a casa dos Xorba, e o pazo do Forno do Rato, que ten cuberta con tella parte da súa fachada lateral. Casa do Forno do Rato Outros valiosos edificios civís de Noia, ainda que moi posteriores, son a casa do Senra, obra barroca do século XVIII, situada en fronte da igrexa de Santa María a Nova, e o Teatro-Coliseo Noela, construción modernista de 1921. Tamén merece un curto paseo, seguindo a rúa da Corredoira de Afora, a ponte de Traba, do século XV, nun regular estado de conservación.
Nos arredores de Noia pódense visitar algúns lugares de gran interese:
O edificio da Central Hidroeléctrica do Tambre, situado na parroquia de Santa María de Roo é unha destacada obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios do ano 1932, na que o granito acada un protagonismo absoluto. Semella un gran templo dunha soa nave e por iso tamén e coñecida como a Catedral da Luz. Está situada nun fermoso lugar, á beira do río Tambre, que podemos atravesar por unha ponte colgante metálica.
A Ponte Nafonso, cunha lonxitude de 270 metros, foi construída no século XV sobre a desembocadura do río Tambre, e reparada en varias ocasións, ata que a mediados do século XIX foi totalmente reconstruída, polo que perdeu o seu aspecto gótico orixinal. Unha copla popular fala dos traballos pasados na súa edificación: ?Adiós ti Ponte Nafonso, non sei quen te acabará, trinta anos me levaches, flor da miña mocedá.?
O cruceiro de Eiroa, situado preto da vila, na estrada que conduce a Muros, é unha obra de 1879, que representa o Desencravo, labrado nun único bloque granítico. E moi semellante ao cruceiro de Berrimes, no veciño concello de Lousame, tallado dez anos máis tarde. Ámbolos dous son obra de Manuel Ces Freire (1840-1901), coñecido como o santeiro de Marracín, autor tamén dos cruceiros de Vilariño, en Rois, e de Suevos, en Mazaricos. No ano 2001 foi derrubado por un automóbil e seriamente danado, que precisou dunha delicada restauración realizada pola empresa viguesa Tomos. Cruceiro de Eiroa O pazo de Pena Douro, situado a 300 metros de Noia, na estrada de Boiro non é visitábel. Sen embargo conserva un pequeno claustro románico con decoración vexetal que pertenceu ao mosteiro de Toxosoutos. Foi trasladado ao pazo no ano 1922 e só existen en Galicia outros dous claustros máis deste estilo, o da Colexiata do Sar e o de Santo Estevo de Ribas de Sil. Non estaría de máis que fose declarado Ben de Interese Cultural para que algún día ao mes o resto dos mortais puideramos admirar esta obra de arte. Resulta moi curioso lembrar o que contaba Annette Meakin no seu libro ?Galicia, the Switzerland of Spain?, publicado en 1909, cando se refire ao mosteiro de Toxosoutos nestes termos: ?Puidemos ver parte da súa fermosa arcada en ruínas dende o coche ao pasar. Ningún monxe vive alí dende que os seus inquilinos monásticos foron expulsados, pero dixéronme que este pequeno claustro usouse nun tempo como lugar de desterro para os monxes de Oseira que romperan as regras monásticas.?
Para chegar ao dolmen de Argalo, tamén chamado Cova da Moura, é preciso subir por una estradiña que pola dereita sae xusto despois do pazo de Pena Douro. A pouco máis dun quilómetro atoparemos no lado esquerdo o megalito, formado por unha cámara poligonal de sete chantas. Cova da Moura Foi escavado en 1980 por Carlos García Martínez, que atopou un pequeno idoliño pétreo moi esquemático e o anel pétreo que circundaba a mámoa. Tamén aquí debemos lembrar que cen anos antes Barros Silvelo abriu a cámara, segundo conta no seu libro sobre as antigüidades de Galicia.
Non ten Noia unha gran oferta hoteleira. Na vila está situado o Park Ría Hotel, un tres estrelas bastante convencional. Sen embargo nos arredores, si que hai tres lugares con gran encanto onde poder durmir: a Casa da Roncha, en Argalo, a Casa do Torno, na aldea do mesmo nome, e o hotel Pesquería del Tambre, situado en Santa María de Roo, que conta con 16 habitacións e aproveita un total de cinco casas para servizo dos empregados da antiga Central Eléctrica do Tambre.
Para xantar os lugares máis clásicos de Noia son o Ceboleiro, onde foi comer Mick Jagger cando os Stones tocaron en Santiago-, o Elisardo, ou o Alborés ?con excelentes empanadas-. Outra boa posibilidade é o tapeo, e o bodegón Xiada ou a Tasca Típica resultan ideais para a práctica deste deporte galego. Se resulta posible tamén poderiamos probar unha especialidade de Noia, as fabas con polbo. Paso a contar a súa receita: ?Cócese o polbo. Retírase, e na a mesma auga cócense as fabas. Nunha tixola aparte faise un sofrito con allo, cebola e unha culleradiña de fariña. Córtase o polbo en anacos pequenos e logo hai que fritilo co sofrito durante uns instantes. A continuación engádenselle as fabas e se cociña por espazo de cinco minutos?. Se queremos levarnos algo para a casa podemos mercar unha das afamadas empanadas que Angelita Salgueiro prepara nun obradoiro cerca da igrexa de San Martiño ou senón as da panadería do Couto, que tamén están moi ricas.
Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís E como Noia e terra de poetas, pois tanto María Mariño como Avilés de Taramancos naceron neste concello, remataremos esta ruta lembrando uns versos deste último, adicados ao seu inesquecible amigo Urbano Lugrís, que din así:
?Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das carballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.?

Petroglifo do polvorín

Freitag, 3. September 2010

Petroglifo do polvorín no xardín alto do Castelo de San Antón

Petroglifo do polvorín no xardín alto do Castelo de San Antón


Datos tomados das fichas do Museo
Procedencia. Monte Alto, A Coruña. Procede dunha zona situada perto do Polvorín do Monte Alto, e foi trasladada ó MAC cando a súa conservación ía ser afectada polas obras dunha canteira. Foi descuberta en 1913 polo director do Archivo del Reino de Galicia, Jesús González del Río, pasando a formar conxunto có petroglifo xa anteriormente atopado en Punta Herminia.
Dibuxo do petroglifo

Dibuxo do petroglifo

Descripción. Fragmento dun petroglifo con figuras de tipo “cruciforme” estilizadas. Foron interpretadas por Cabré (1915) como antropomorfos nunha “escena de baile sagrado”. Monteagudo (1966: 15) interprétaas como símbolos de cruz, “cruces de término y jinete”.
Cronoloxía/Epoca. Medieval?.
Dimensións. Alto: 180 cm, longo: 152 cm, e ancho 56 cm.
Bibliografía. Cabré y Aguiló, J. E González del Río 1915: “Los gravados rupestres de la Torre de Hércules”, Revista de Archivos Bibliotecas y Museos; López Cuevillas, 1952 (1980): “La Prehistoria”: 185, 205; López Gómez, F. S. 1994: “Cuestións arqueolóxicas e museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico de A Coruña”. Instituto “Jose´Cornide” de estudios coruñeses. A Coruña: 56; Abélanet J. 1986: “Signes sans paroles. Cent siécles d´art rupestre en Europe occidentale”. Ed. Hachette: 144; Bello Diéguez, J.M. 1998: “Los petroglifos de Punta Herminia y el polvorín de Monte Alto”. En, Historia de A Coruña. Vía Láctea, Edición especial para El Ideal Gallego. A Coruña: 27-31.
polvorin3Notas: Época/Cultura/Estilo: Para autores como Vázquez Varela e Peña Santos, os cruciformes de Monte Alto e moitos outros similares son de carácter histórico, argumentando que a técnica empregada para gravar é a percusión cun instrumento duro e de punta fina, acaso metálico, o que unido o estado pouco erosionado, indicaría unha cronoloxía recente. Para Abélanet (1986: 144) os petroglifos de Monte Alto pertencerían á época neolítica, no III milenio A.C., pola súa semellanza cós antropomorfos esquemáticos pintados da arte neolítica meridional peninsular. Ainda que a súa cronoloxía é polémica, semella prudente propor unha orixe medieval (Bello, 1998: 30-31).