Archiv für Oktober 2010

PALENCIA MERIDIONAL

Sonntag, 24. Oktober 2010

Entre os días 8 e 12 de outubro fixemos unha xeira pola metade sur da provincia de Palencia. Como saímos ás 16,00 horas a primeira xornada non incluiu ningunha visita cultural. Durmimos as catro noites no hotel Rey Sancho****, en Palencia, que está situado nunha zona tranquila á beira do río Carrión e moi preto da Calle Mayor.
O sábado día 9, pola mañá, fomos ver o Mirador de Campos, en AUTILLA DEL PINO, un soberbio lugar onde admirar a extensa paisaxe da Tierra de Campos, ainda que o día ameazaba chuvia.
Camiño de Becerril de Campos decidimos dar un pequeno rodeo para ver a LAGUNA DE LA NAVA, un humedal artificial que estaba sen auga, pois a semellanza do nosa Lagoa de Antela foi desecada nos anos cincuenta do século pasado e agora ten que recibir auga do Canal de Castilla durante o inverno para servir de lugar de invernada para miles de aves. En anos de moita chuvia tamén esta contribúe a manter un certo nivel de auga. Camiño dun observatorio ornitolóxico enchemos os zapatos cun barro que resultou complicado de sacar.
Fuentes de Nava. Igrexa de San Pedro En FUENTES DE NAVA fixemos unha breve parada para percorrer a poboación, na que destaca a igrexa de San Pedro, que posúe unha torre de 65 metros, alcumada como ?A Estrela de Campos?. Tamén ten certo interese é a igrexa de Santa María, se ben a máis rechamante da vila foi o ben preservada que está en xeral.
Como estaba previsto chegamos de contado a BECERRIL DE CAMPOS, outra vila con edificios de interese, como o concello, a casa de cultura ou a igrexa de Santa Eugenia, aínda que o que motivaba a nosa visita era a igrexa-museo de Santa María, un orixinal edificio que acolle magníficas obras de arte. Becerril de Campos. Igrexa de Santa María O seu acceso faise por unha fachada moi singular: atrio, galería de madeira sostida por columnas xónicas que ocupa toda a lonxitude do templo, e artesoado. No interior destaca o alfarxe (teito de madeira primorosamente decorado), o retablo de Santa María, con táboas de Pedro Berruguete, algunhas tallas excelentes de Alejo de Vahía e outro retablo plateresco do século XVI.
A derradeira visita da mañá tivo por escenario a vila de CISNEROS, na que fomos acompañados polo concelleiro de cultura polas igrexas de San Pedro, cun fermoso retablo maior renacentista de Francisco Giralte e un sepulcro gótico do século XII; Cisneros. Igrexa de San Facundo. Artesoado en restauración e de San Facundo e San Primitivo, que estaba en restauración, ainda que nun pequeno espazo pódense ver pezas do artesoado da capela da Virgen del Castillo e seguir todo o proceso da súa recuperación. Xantamos no restaurante El Alambique, onde fomos ben atendidos, e tomamos fabas con chourizo e bacallau.
Pola tarde agardaba o lugar máis destacado da xornada, PAREDES DE NAVA, unha fermosa vila, berce do poeta Jorge Manrique e o do pintor Pedro Berruguete. A igrexa-museo de Santa Eulalia é excepcional. O guia é un rapaz novo, ben parecido, con amplos coñecementos e capacidade para comunicalos. Lamento non terme quedado con seu nome para citalo neste artigo. Exteriormente chama poderosamente a atención o tellado da torre, con tellas esmaltadas de distintas cores. O retablo maior conserva seis marabillosas pinturas sobre táboa de Pedro Berruguete, que representan aos reis de Israel: Josías, Esdras, David, Salomón, Ezequías y Ozías. Pedro Berruguete. Rey David. Igrexa de Santa Eulalia. Paredes de Nava Son auténticas obras mestras da pintura.
Nas outras dependendencias do museo sobresae a belísima escultura de Alejo de Vahía que representa o abrazo de San Joaquín e Santa Ana, unha Inmaculada de Gregorio Fernández ou a Virgen Guapa de Alonso Berruguete.
Outro edificio de interese en Paredes de Nava é a igrexa de San Martín, convertido en Centro de Interpretación da Tierra de Campos, que ten unha exposición con decenas de maquetas de palomares realizadas en barro.
Antes de regresar a Palencia paramos novamente en Becerril de Campos para completar a apresurada visita da mañá.
O domingo día 10 comezou cunha visita a VILLAMEDIANA, que garda na igrexa fortificada de Santa Columba un excepcional retablo renacentista atribuido a Juan de Valmaseda, Villamediana. Igrexa de Santa Columba. Retablo maior obxecto dunha recente restauración.
De seguido fomos ata PALENZUELA, poboación que celebraba unha xornada de exaltación da cebola e na que había unha alegre feira con produtos agrícolas. Fomos saudados pola alcaldesa e acompañados ata a igrexa de San Juan Bautista que nos foi explicada por unha guía á que lle queda un longo treito por percorrer. No seu interior, destaca o Políptico da Inmaculada Concepción, do ano 1575, composto por 18 táboas pintadas dedicadas á Virxe María con retratos tamén de membros da familia Fernández de Salazar, patrocinadora da obra. Tamén merecen atención as ruinas da igrexa de Santa Eulalia.
San Juan de Baños. Igrexa visigótica Rematamos a xornada matinal coa visita da igrexa visigótica de SAN JUAN DE BAÑOS, unha das xoias da arquitectura española, de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas. Foi mandada construír por Recesvinto no ano 669. No seu interior destacan os arcos visigodos sobre columnas de mármore reutilizadas.
Xantamos no restaurante A&D, en Dueñas. Non estivo mal, pois tanto a paella como o solombo estaban ben preparados pero tiña o inconveniente de se atopar no polígono industrial.
Fomos logo ata VILLAMURIEL DE CERRATO para ver exteriormente a igrexa de Santa María la Mayor pois interiormente está en restauración. É un edificio de transición do románico ao gótico cunha torre monumental, se ben ten moito máis interese o singular cimborrio.
De regreso a DUEÑAS visitamos nesta vila a igrexa de Santa María de la Asunción onde admiramos unha das obras tardogóticas máis importantes de Castilla, o seu retablo maior, obra ensamblada por Alonso de Ampudia e Pedro Manso entre os anos 1510 e 1518 e no que traballaron escultores tan importantes como Giralte de Bruselas ou Antonio de Malinas. Dueñas. Igrexa de Santa María de la Asunción. Retablo maior Luce espectacular a súa policromía orixinal logo da restauración emprendida pola Fundación del Patrimonio de Castilla y León. Na capela maior están tamén o magnífico sepulcro de D. Pedro de Acuña. No museo gárdase un magnífico Ecce Homo de Diego de Siloé.
Ao retornar cedo para PALENCIA tivemos tempo de achegarnos na capital ata o convento de San Pablo, pois era o que quedaba máis lonxe do noso hotel. Ten un magnífico retablo plateresco atribuido a Felipe Vigarny e ao seu taller.
O luns día 11 por ser o día que normalmente está todo pechado ideamos un itinerario que tivera posibilidades de ver algunha cousa. Nada mellor que o Camiño de Santiago, que por mor da afluencia de peregrinos ten todo aberto. Principiamos a xornada nas ruínas do mosteiro de Santa Cruz de la Zarza, en RIBAS DE CAMPOS, convertida a igrexa nunha corte para as vacas e algo mellor conservada a espléndida sala capitular que agora está protexida cunha verxa para evitar o seu deterioro.
Abánades. Acueducto A climatoloxía deunos tregua para poder facer unha pequena camiñata seguindo o Canal de Castilla para achegarnos ao acueducto de ABÁNADES, situado preto da localidade burgalesa de Melgar de Fernamental. Trátase da máis importante obra de inxeniería do canal e presenta un regular estado de conservación polo que haberá que estar atento a que non veña abaixo. Nunha hora escasa estabamos de volta no autocar. Na imaxe que ilustra esta referencia semella unha ponte pero por riba circula o Canal.
Antes de xantar visitamos a igrexa de Santa María la Blanca, en VILLALCÁZAR DE SIRGA. Trátase dunha das máis importantes construcións do Camiño de Santiago. Villalcázar de Sirga. Friso na igrexa de Santa María la Blanca Na fachada meridional ábrense dúas portas con arquivoltas decoradas e na principal hai un friso no que destaca o Pantocrátor acompañado dos símbolos dos evanxelistas, aínda que o touro de San Lucas está substituído por un porco de xeonllos. No interior destacan o retablo de Santiago, e sobre todo, o retablo maior, de estilo hispanoflamenco, con táboas do coñecido como Mestre de Villasirga. Está presidido pola imaxe gótica de Santa María la Blanca. O sotabanco é unha boa obra escultórica renacentista, realizada por Manuel Álvarez. A capela de Santiago acolle os sepulcros góticos do infante Felipe de Castilla e da súa segunda muller Inés Rodríguez. Garda tamén unha fermosa talla sedente da Virxe das Cantigas.
Xantamos en CARRIÓN DE LOS CONDES, no restaurante Conde Garay. O salpicón estaba aceptable e o cordeiro francamente bo, se ben o local resultaba moi cutre. Houbo tempo despois para dar unha voltiña pola vila e ver exteriormente as igrexas de Santa María del Camino e a de Santiago, cun soberbio Pantocrátor, probablemente o mellor de toda a arte románica. Nunha arquivolta desta igrexa están representados 24 figuras cos oficios: ferreiro, zapateiro, alfareiro, etc.
Frómista. Igrexa románica de San Martín Despois esperábanos FRÓMISTA, e tanto que tivemos que esperar pois o guía da igrexa de San Martín deunos un plantón de media hora, o que ía impedir á larga que fósemos ata Boadilla del Camino a ver o seu rollo gótico. A igrexa de San Martín é unha das grandes obras do románico español, con excepcionais capiteis e canzorriños. O edificio está moi transformado como se poder comprobar mirando a maqueta que hai no interior da igrexa e comparándoa coa traza actual.
Para non sufrir unha sobredose con tanta igrexa o noso seguinte destino foi a vila romana de La Tejada, en QUINTANILLA DE LA CUEZA. Quintanilla de la Cueza. La Tejada. Mosaico da primavera Non ten mosaicos tan espectaculares como os da Olmeda pero está moi ben conservado o sistema de calefacción de hipocaustum.
Para retornar a Palencia collemos unha estrada que nos levou ata PIÑA DE CAMPOS, unha poboación en decadencia absoluta. Queda do seu antigo esplendor a igrexa-museo de San Miguel que garda algunhas pezas de interese.
A mañá do martes día 12 estivo dedicada a coñecer PALENCIA. Saímos do hotel camiñando á beira do río Carrión para ver a igrexa de San Miguel, cunha torre gótica de gran tamaño; seguimos logo ata á igrexa de Nuestra Señora de la Calle, templo xesuítico que garda unha imaxe da patroa da cidade, e achegámonos ata o edificio neorrenacentista da Diputación Provincial e ás igrexas de Santa Clara e San Lázaro.
Museo de Palencia. Mosaico de Océano e as Nereidas A primeira visita concertada tivo por destino á Casa del Cordón, que acolle ao Museo de Palencia, onde se mostra unha boa colección arqueolóxica, na que sobresaen o Mosaico de Océano e As Nereidas, procedente de Villa Possidica, en Dueñas, así como estelas romanas, capiteis románicos procedentes de Frómista, sarcófagos góticos ou o retablo do antigo Hospital de San Millán de los Palmeros, en Amusco. Paga a pena prestar atención ao documental que como introdución proxectan antes de comezar o percorrido polo museo.
Na Catedral fixemos unha visita guiada da man dunha monxa ben documentada que se detivo especialmente no retablo maior, unha excelente obra renacentista de principios do século XVI, ensamblado por Pedro Guadalupe. Combina pintura e escultura e hai obras de destacados artistas como Felipe Vigarny, Juan de Flandes (12 pinturas sobre táboa) ou Juan de Valmaseda, ademáis dunha Magdalena debida a Alejo de Vahía e o San Antolín de Gregorio Fernández.
Palencia. Catedral. Cripta de San Antolín O trascoro constitúe outro dos lugares con maior interese da catedral, pois ao mérito que acompaña a talla na pedra hai que engadir unha das mellores obras flamencas conservadas en España: o políptico dedicado a Nuestra Señora de la Compasión, obra de Jan Joest de Calcar. Moi preto está o acceso á cripta de San Antolín, a parte máis antiga do templo e, ao meu xuízo, o seu lugar máis fascinante. Trátase dunha obra visigótica, emparentada coas obras da arte asturiana, que aproveita ademais pezas de época romana.
No Museo Catedralicio, ao que se accede desde o claustro, consérvase unha boa colección de tapices flamencos, así como un San Sebastián, de El Greco; unha magnífica talla de Felipe Vigarny ou a imaxe de Santa Ana, a Virxe e o Neno, de Alejo de Vahía.
Palencia. Catedral. Gárgola Exteriormente, ademais da porta do Perdón chama a atención unha gárgola que representa a un fotógrafo, simpático engadido moderno debido ao arquitecto Jerónimo Arroyo.
Despois dispuxemos de tempo libre para percorrer a Calle Mayor e disfrutar dun patrimonio que parece exclusivo dos palentinos: a tranquilidade. Pola miña parte terminei na terraza do Bar Alaska, un dos máis tradicionais lugares deste capital, con interesantes frescos no seu interior.
Xantamos no restaurante Chapó, cun menú a base de espárragos gratinados e un entrecot sabrosísimo. A mellor comida da viaxe.
Vallecillo. Igrexa de San Pedro. Retablo maior A nosa viaxe rematou cunha paradiña en VALLECILLO, minúscula poboación situada preto de Sahagún, para ver na igrexa de San Pedro o restaurado retablo renacentista de inequívoca traza castelá. Un veciño de lugar ensinounos tamén a súa casa onde garda unha pequena mostra etnográfica con apeiros da zona. Esta viaxe ven a completar o noso coñecemento da provincia de Palencia, unha das que ten un patrimonio máis rico, pois hai anos fixemos unha intensa xeira polo norte para visitar un magnífico conxunto de igrexas románicas. Supoño ademais que non será a derradeira vez.

EDIFICIOS DESAPARECIDOS: O Pazo do Marqués de Almeiras ou Edificio da Cooperativa

Donnerstag, 7. Oktober 2010

Este artigo foi publicado polo arquitecto Miguel Silva Suárez no boletín da asociación de outubro de 2001.

Estaba situado no número 1 da rúa de San Andrés (ou Estreita de San Andrés), facendo esquina á rúa do Torreiro.
No plano parcelario da Coruña a escala 1:2.500 do ano 1875 representábase o soar no que se ubicaba o pazo, indicándose que o edificio tiña unha altura duns 8,35 metros ata a cara inferior do teito do piso alto e unha superficie na súa planta baixa de 1.839 metros cadrados. No dito plano se facía constar a máis, que a fachada encontrábase en un bo estado de conservación e, pola contra, o embaldosado da rúa de San Andrés fronte ao edificio, só en regular estado.
Ocupaba esta casa unha posición moi salientada na esquina de dúas rúas; a de San Andrés que percorre en sentido lonxitudinal o istmo coruñés e a do Torreiro, que vencella a esta coa rúa Real, outra das máis antigas rúas da cidade e eixo de comunicación, tamén lonxitudinal, entre a cidade tradicional ou Cidade Alta ou Vella e o barrio da Pescadería.
As lonxitudes ou frontes da fachada eran duns 30 metros na rúa de San Andrés onde o pazo tiña a súa entrada principal e doutros trinta metros na rúa do Torreiro. A máis o soar urbano no que se ubicaba non estaba ocupado pola edificación na súa totalidade, xa que na súa parte interior tiña unha importante extensión de patio duns 40 x 21 metros, é dicir, 840 metros cadrados de superficie que estaban adicados á corte dos cabalos, entrada de carruaxes e servizos da mansión, dependencias que gozaban dun acceso directo dende O Torreiro a traverso dunha porta duns dous metros de largo entre dúas alas do edificio.
Segundo o historiador coruñés D. Emilio González López na súa obra ?Galicia bajo las luces de la Ilustración?: ?…en el siglo XVIII y en la Pescadería coruñesa se construyó en la Estrecha de San Andrés, el palacio del Marqués de Almeiras, que sirvió de cuartel general al mariscal francés Soult, los días que se detuvo en A Coruña, después de la derrota del ejército inglés de Sir John Moore en la Guerra de la Independencia.?
Carlos Martínez Barbeito y Morás Por outra parte. D. Carlos Martínez-Barbeito y Morás no seu libro ?Las Reales Proclamaciones en La Coruña durante el siglo XVIII? fai unha referencia de grande interese dende o punto de vista da descrición arquitectónica do edificio ?ao non se conservar na actualidade ningún plano de planta do mesmo- relatando que o Rexedor (ou Concelleiro) D. Antonio Suárez de Mondragón, Marqués de Almeiras e capitán da Arma de Artillería, xunto con tamén rexedor D. Antonio María de Lago, foi o comisionado designado polo Concello para os actos e festas de proclamación de El-Rei Carlos IV, que tiveron lugar na Coruña no trascurso da segunda quincena de febreiro de 1789 (ano da Revolución Francesa), e que abriu o día 20 do antedito mes o seu pazo da rúa de San Andrés aos convidados a estes actos: ?…por no resultar adecuada la humildad y exigüidad de las instalaciones municipales, ofreció un refresco al Ayuntamiento, a las autoridades y personas de representación en el palacio del Regidor Marqués de Almeiras, situado en la calle Estrecha de San Andrés y que, tras servir para distintos usos ?cuartel general del Mariscal Soult, sociedades recreativas y culturales y establecimientos mercantiles- fue finalmente demolido hacia 1960.?
Segue describindo Martínez-Barbeito que: ?En un salón de este palacio de treinta varas de largo (uns 25 metros), primorosamente iluminado y adornado con los retratos de la augusta rama de Borbón, desde su tronco, el gran Luis XIV hasta nuestros Soberanos, se sirvió un espléndido refresco a más de trescientas personas, acudiendo luego numerosas señoras que tomaron parte en un baile que alegraba una notable orquesta. Hubo helados, sorbetes y bebidas calientes durante toda la noche.?
Outro dos acontecementos memorables que nesta casa tiveron lugar foi que no mes de maio de 1866 e para celebrar o bombardeo do porto de El Callao (Perú) pola escuadra española comandada polo mariño pontevedrés Don Casto Méndez Núñez, instalouse no seu balcón un aparello de arco voltaico do que xurdiu o primeiro raio de luz eléctrica (anterior, xa que logo, en 24 anos, ao que no ano 1890 e xa con lámpadas de incandescencia instalouse para o alumeado do Teatro Principal, hoxe Rosalía de Castro) que viu a cidade da Coruña que alumeou a rúa de San Andrés nas proximidades do Pazo.
Non se coñece o nome do arquitecto que proxectou e dirixiu este edificio; nen mesmo a data da súa construción que se estima contra a primeira metade do século XVIII, máis a importancia do inmoble é sen dúbida grande, polas súas características de situación, capacidade e interese arquitectónico, ás que han de se engadir as circunstancias históricas ás que se aludiu e que amosan que era unha das construcións civís ?senón a que máis- no seu tempo e que dentro do núcleo urbano coruñés de finais do século da Ilustración, tiña unhas condicións obxectivas que permitían o seu uso para satisfacer unha grande variedade de funcións; así foi residencia señorial nas súas orixes, sede das administracións militar (do exército francés de ocupación en 1809) e civil (nel estiveron instalados o Goberno Civil da provincia e a Deputación provincial no ano 1850, en locais alugados, antes de se trasladar ao novo Palacio Provincial da rúa Rego de Auga), sede de sociedades (?El Casino Coruñés? e ?El Liceo Brigantino?), establecementos comerciais (a Cooperativa Mercantil Civil y Militar), etc.; todos estes diferentes usos levados a cabo en axeitadas condicións de seguridade e comodidade.
Edificio da Cooperativa Cívico-Militar no ano 1945 No ano 1874 foi ofrecido o edificio ao Círculo de Artesanos que fora fundado en 1847, por a cantidade de 420.000 reais, máis non se puido reunir a cantidade esixida. Vinte anos máis tarde, dita Sociedade Recreativa e Instructiva volveu a estudiar o seu traslado ao edificio, e de novo tiveron que desistir, esta vez por un informe negativo dun arquitecto, sendo o prezo entón de 150.000 pesetas. Finalmente o inmoble foi adquirido pola Cooperativa Civil e Militar, S.M., que se fundara no ano 1891 por iniciativa dun fato de coruñeses que así adiantábanse a súa época para facer un economato co que obter vantaxosos prezos nos artigos de consumo.
A Cooperativa comezou vendendo comestibles para logo ampliar a tenda inicial con tecidos e confeccións, dispondo na súa última época de perfumería, droguería e comercio de artigos relixiosos. Á dereita da entrada da casa achábase a tenda de ultramariños, á esquerda a de roupa, e debaixo da escaleira estaba o almacén dos embutidos. Na parte traseira tamén foi instalada unha fábrica de chocolate e unha tafona ou forno de pan, que acadaou renomeada sona.
Ó remate da Guerra Civil a Cooperativa comezou a abrir varias sucursais pola cidade; na praza de María Pita, na rúa de Juana de Vega e nos Catro Camiños, editando un boletín de carácter mensual que se distribuía a tódolos seus socios.
Unha vez expostos os feitos históricos polos que pasou a ocupación do edificio, cómpre agora expor as súas características arquitectónicas.
A descrición do amplo salón de planta primeira ou principal duns 25 metros de longo, como se sinalou, e estimando que tivese un fondo duns 12 metros, daríanos para dita dependencia uns 300 metros cadrados de superficie que permitirían aloxar, xa que logo, coa maior folgura aquelas reunións e actos de tipo social ou representativo que en dito cuarto se celebrasen, como xa se dixo coa ocasión da celebración da coroación de Carlos IV, en febreiro de 1789.
Tamén se coñece que tiña unha importante escaleira imperial (de duplo desenvolvemento lateral que remata unha meseta alta) de granito, que comunicaba a planta baixa coa alta.
As referencias literarias e escritas ou emanadas da tradición oral son moi importantes xa que son as únicas que se refiren ao interior do edificio, e non foi posible achar ningún plano das plantas do mesmo, xa que, con toda probabilidade non se conservan hoxendía debuxos destas.
Os únicos documentos gráficos de que se dispón deste inmoble son dous, ámbolos relativos ao seu interior, e consisten nunha fotografía do mesmo tomada no ano 1945, dende a rúa Ancha de San Andrés e onde reflíctese a esquinada casa coa rúa do Torreiro, e no alzado da fachada principal á primeira das nomeadas rúas.
Plano da fachada no ano 1911 Este plano que permítenos coñecer o aspecto que tiña o edificio hoxe desaparecido está levantado polo arquitecto de orixe alavés e afincado na Coruña e que foi arquitecto municipal D. Juan de Ciórraga e Fernández de la Bastida, foi subscrito o día 5 de xuño de 1911, como plano da fachada actual desta casa, para formar parte dun Proxecto de Reforma da mesma encargado pola propiedade de entón (a Cooperativa Militar e Civil).
Na ?Explicación? ou memoria do proxecto aludido faise constar que a fachada do edificio en estudo aínda que de sillería e de sólida construción, non respostaba aos fins da Sociedade Mercantil instalada no inmoble e co obxecto de atender este requerimiento, e tamén de amosar ao exterior o destino que se da ao edificio (interesante observación, engadimos pola nosa parte, que amosa un criterio que hoxe poderiamos cualificar de ?funcionalista?, é dicir, expresar coa súa envolvente exterior o novo contido e uso do edificio), pretendíase para maior axeitamento e representació no novo uso, levar a cabo nunha serie de reformas na fachada principal e nas cubertas da construción que entón estaban en moi mal estado de conservación.
Estes traballos de modificación e reparación consistirían de xeito principal en converter as dúas ventás centrais de planta baixa en portas de entrada a dous diferentes departamentos comerciais: os de víveres e perfumería, deixando a porta central para o seu acceso directo á escaleira que conducía á planta principal e tendo comunicación as tres portas exteriores que se sinalaban co vestíbulo común que existía no andar baixo.
Outras modificacións proxectadas consistirían en reducir a lonxitude e máis o vó do balcón, o tapiado de catro ventás do piso alto e o rasgado das luces que daban sobre as portas laterais dispoñendo nos ocos novos balcóns, así como reducir tamén o vó de cornixa cortándoa no seu centro para deixar espazo para dispor un tarxetón no que iría o título da Sociedade, e asímesmo en alzar en dita parte central un frontón ou peineta para a colocación dun reloxo.
Rematábase a ?Explicación? sinalándose que se empregarían no muro da fachada existente os mesmos materiais que entraban na súa composición actual e, nas partes novas coma o frontón, fábrica mesta con revestimentos de cemento imitando á sillería de pedra.
A licenza para a execución das obras foi solicitada o día 26 de xuño de 1911 polo Xerente da Cooperativa Militar e Civil D. Francisco Ponte y Blanco. Pedro Mariño Ortega O arquitecto municipal D. Pedro Mariño sinalou no seu informe de data 31 de xullo de 1911 que as obras que se proxectaban facer en canto á fachada ?constituyen una reforma de cierta importancia que cambiarían el aspecto del edificio?, expresando tamén que o mesmo estaba suxeito a un novo aliñamento, tanto pola fachada principal como mesmo pola da rúa do Torreiro, ocupando unha situación onde o ensanche facíase xa moi necesario, ao se incrementar de xeito considerable o tránsito e dificultarse a circulación libre, sobre todo desde o establecemento do tranvía urbano (unha das liñas máis importantes do percorrido: San Amaro ? Catro Camiños, discorría pola rúa de San Andrés fronte ao edificio do pazo).
Malia esta obxección de tipo urbanísitico (hai que ter en conta que o novo aliñamento a ámbalas rúas que conformaban a esquina foi recollido no Plano de Aliñamentos de 1949, con fachadas dos edificios asoportalados nas súas plantas baixas e concretouse logo nas construcións de vivendas e comerciais que substituiron á casa-palacio no ano 1961), o arquitecto municipal pronunciouse, en definitiva, pola concesión do permiso para a reforma solicitada, permiso que foi outorgado polo Concello o 9 de agosto de 1911.
Sen embargo, as obras que afectaban á fachada principal non foron levadas a efecto, limitándose soamente aos traballos de limpeza, encintado e tomado con cemento dos desconchados da fachada, pintando ademais as portas e ventás e colocando peches metálicos en dous dos escaparates do piso baixo, nunha intervención semellante ás disposicións hoxendía vixentes que obrigan aos propietarios a conservar as fachadas dos edificios nas axeitadas condicións de seguridade, limpeza e ornato público para acadar unha boa apariencia urbana.
O plano da fachada a escala 1:100 levantado en xuño de 1911, como representación do seu ?estado actual?, amósanos un edificio de dous corpos ou plantas de altura, con tódolos seus ocos (portas, ventás e balcóns) e elementos decorativos (molduras, cornixa, recercados, zócalo, etc.) que amosan precisamente unha sinxela pero sutil composición, cunha moi coidada xeometría e racionalidade, cun corpo baixo máis macizo con sete ocos e un segundo corpo ou piso alto con once vans, e xa que logo, máis leve e de meirande lixereza polo grande número de ocos de ventás e balcóns abertos na parede da fachada e a unha reducida separación entre os mesmos. A fotografía da que se dispón mostra que no corpo baixo realizáronse obras nos ocos que alteraron o aspecto orixinal da fachada en 1911, para converter as ventás de planta baixa en escaparates e vitrinas de exposición da Sociedade Cooperativa, abríndose ademais unha nova porta, facendo así que a planta baixe ficase con oito vans no canto dos sete primitivos.
Plano da reforma da fachada do ano 1911 A parte alta, polo contrario, non foi modificada segundo nos demostra dita fotografía ao comparala co plano. Soamente e de salientar neste corpo alto a colocación de dous soportes de ferro fundido ancorados na fábrica de sillería do muro da fachada para pendurar os puntos de luz eléctrica, soportes dun claro deseño modernista na súa variante estilística xeométrica ou ?sezessionista ? vienesa? e que incorpora ao elemento vertical suxeito á parede as gráciles curvas das que penduran o foco ou luminaria, enlazadas co ?petaso? (chapeu de copa baixa e con ás) e o ?caduceo? (vara ou cetro) atributos clásicos do deus Mercurio, que integrábanse á forma dun elemento funcional como simbólica representación da actividade comercial que se desenvolvía no interior do edificio na súa derradeira etapa de vida.
A fotografía amosa tamén dende o punto de vista no que foi tomada a esquina coa rúa do Torreiro cunha fachada lateral na que os ocos que nela abren son máis escasos tamén na planta baixa que na superior, e que ten a súa superficie recebada con morteiro de cal a nivel da rúa, mentres que o corpo alto tiña sillería de pedra á vista, o que viña a sinalar a menor importancia representativa desta fachada secundaria con claro descenso da xerarquía expresiva en relación co frente principal, xa que logo concretada na simplificación dos elementos decorativos e de remate superficial, xa que nesta parte do edificio situáronse na súa orixe as estancias de servizo do pazo, cortes dos cabalos, acceso de carruaxes e dos criados, etc., e era a zona que envolvía e separaba da rúa Torreiro o grande espazo libre ou patio central da casa.
Demolición do edificio no ano 1959E para rematar, hai que sinalar que este edificio de traza barroca tardía que chego ata os 200 ou máis anos de vida, quedou legalmente condenado a morte coa aprobación do Plano Xeral de Aliñamentos da Coruña de 1949, condena á desaparición por derrubamento que exactamente foi executada unha década máis tarde, xa que a finca foi mercada por unha empresa de negocios inmobiliarios no ano 1958, levándose a cabo a total demolición do histórico edificio en febreiro de 1959, construíndo no seu solar un edificio de sete plantas para vivendas, oficinas e comercias coa planta baixa asoportalada, e que foi proxectado polos arquitectos Sres. Rey Pedreira e González Cebrián, subsistindo ainda na actualidade e que foi comezado o 20 de xuño de 1959 e rematado o 18 de marzo de 1961.
A Sociedade Cooperativa amosou o seu interese por conservar a fachada de sillería e ofreceulla ao Concello da Coruña pero o repentino pasamento do alcalde D. Alfonso Molina Brandao a fins de novembro de 1958 en Brasil, botou para abaixo a idea do seu posible traslado á Cidade Vella, na Praza de Azcárraga, como se tiña entón falado.

MONDOÑEDO, UNHA RUTA URBANA

Samstag, 2. Oktober 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Mondoñedo, capital da cunqueirana Terra de Miranda, é unha das sete capitais históricas do antigo Reino de Galicia. A cidade mindoniense foi berce de sobranceiros literatos como Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Díaz Jácome e da todavía en activo Marina Mayoral; Cunqueiro, Fernández del Riego e Carballo Calero e non menos destacados músicos como o mestre Pacheco ou Pascual Veiga, autor da música do Himno galego. Moitos deles están soterrados no camposanto da cidade que tamén merece unha visita. No Real Seminario de Santa Catalina estudaron ademáis poetas como Nicomedes Pastor Díaz, Aquilino Iglesia Alvariño ou Crecente Vega, e da veciña Lourenzá é Fernández del Riego, case que o derradeiro representante vivo da galeguismo histórico. Ademáis, a poetisa uruguaia Juan de Ibarborou era filla do muiñeiro desta última vila, emigrante en Uruguay. O profesor do seminario Félix Villares recompilou nun libro que leva por título ?Un alpendre de sombra e de luar. A escola literaria da diócese de Mondoñedo-Ferrol?, a obra literaria en galego de 54 poetas que foron alumnos do centro entre o século XVIII e a década de 1960. A biblioteca do Seminario conserva máis de 35.000 libros, algúns deles incunables, sobresaíndo unha Biblia políglota do século XVI escrita en latín, grego, hebreo e árabe.
A Alameda, situada entre o santuario dos Remedios e o hospital de San Pablo, é punto de partida para iniciar o percorrido pola cidade. Catedral e estatua de Cunqueiro A Catedral da Asunción é o edificio máis sobranceiro da mesma, vixiada desde un lateral pola estatua de Cunqueiro. A situación da escultura é perfecta para admirar a súa fábrica de granito e o seu imponente rosetón gótico de cinco metros de diámetro. A praza non desmerece ainda que debería ser liberada dos coches que nela buscan acomodo. No eu interior chaman a atención as pinturas murais, cunha espléndida representación da Matanza dos Inocentes, do século XV, e frente a ela, escenas da vida e do martirio de San Pedro. Catedral. Martirio de San Pedro Nunha capela lateral está unha fermosísima Virxe inglesa, do século XVI, obxecto de gran devoción.
Non é esta, sen embargo a primeira sede que tivo a diócese de Mondoñedo, pois antes estivo ubicada en Bretoña, no actual concello da Pastoriza, na que asentaron os bretóns encabezados polo lendario bispo Maeloc, que foi destuida polos musulmáns no ano 716. San Martiño de Mondoñedo. Pinturas murais A sede foi trasladada no ano 867 a San Martiño de Mondoñedo, no actual concello de Foz, que conserva unha fermosa basílica románica que acolle os frescos deste estilo máis antigos de Galicia, descubertos hai ben pouco tempo. Por último, a diócese estableceuse en Mondoñedo, coñecida por aquel entón como Vilamaior do Val de Brea, no ano 1113 (ainda que temporalmente foi trasladada un tempo a Ribadeo).
Tivo a catedral de Mondoñedo un retablo inglés de alabastro, dun taller de Londres, colocado no 1462, substituído por outro de inferior calidade na metade do século XVI. A abundancia deste material en Inglaterra fixo que desde o século XIV proliferasen en moitos lugares os obradoiros adicados á produción en serie de pequenos paneis tallados para compoñer retablos de diferentes tamaños. Esta actividade comezou en Nottingham e pouco a pouco estendeuse a outra cidades, especialmente Londres. Foron exportados a toda Europa e traidos moitos veces por peregrinos a Compostela. As figuras son de pequeno tamaño coa cabeza grande, na que resaltan os ollos. En ocasións os fondos eran pintados e decorados con xeso dourado.
Museo Catedralicio O Museo Diocesano e Catedralicio, rehabilitado coa axuda da Fundación Barrié de la Maza, conserva algúns paneis de alabastro do antigo retablo do obradoiro de Londres e outros máis antigos dun retablo que estaba na igrexa de Valcarría, en Viveiro, realizados en Nottingham, polo que é posíbel ver as diferencias entre ambos obradoiros. Ademáis garda outras pezas interesantes, non só tallas relixiosas, senón tamén mascaróns de barcos, louza de Sargadelos ou o despacho de frei Antonio de Guevara, autor do libro ?Menosprecio de Corte y alabanza de Aldea?. A segunda planta do museo ocupa dous salóns góticos, cos seus arcobotantes, que fai que nos sintamos como se estivésemos no interior dun castelo medieval. Entre a imaxinería relixiosa destaca unha escultura inglesa de mediados do século XV que representa a Santa Ana coa Virxe. Xa non está ao fronte do Museo o seu fundador, Santos Sancristóbal, vítima dunha inxusta polémica co bispado de Mondoñedo, senón a italiana Simonetta Dondi.
Moi preto da catedral está a Fonte Vella, en fronte da casa onde nacera en 1911 Álvaro Cunqueiro, o máis sobranceiro prosista galego do século XX. A Fonte Vella Trátase dunha obra barroca, levantada polo bispo Soto no século XVI, situada a un nivel máis baixo que o resto da rúa. Os escudos teñen as armas imperiais de Carlos V. É punto de partida dunha ruta de sendeirismo que leva ata o Salto do Coro, pequena fervenza con encanto, que xa fixemos nunha das nosas excursións. Catedral e fonte lembran o dito por Cunqueiro: ?Mondoñedo, rico en pan, aguas y latín.?
Baixando pola rúa de Méndez Núñez podemos achegarmos ata o barrio dos Muiños, a ?Venecia mindoniense?, en palabras de Cunqueiro, onde todavía é posíbel ver como traballa algún artesán e algún dos muiños que dan nome ao barrio construidos xunto as canles. Ponte do Pasatempo Seguiremos logo ata a Ponte do Pasatempo, onde Isabel de Castro, curmá da raiña Isabel a Católica, foi retida polos inimigos do seu marido, o Mariscal Pardo de Cela, cando chegaba co indulto real que impediría a súa execución.
Do barrio dos Muiños parte a estrada de Argomoso que conduce ata a Cova do Rei Cintolo, a máis importante das que se atopan en Galicia, vencellada á lenda da princesa Xila, filla do Rei Cintolo, sepultada nela por un feitizo ata que un valente cabaleiro poida devolverlle a vida. Durante unha tempada estivo habilitada para uso turístico ainda que agora permanece pechada ao público.
Por último, cómpre visitar o Centro de Interpretación do Camiño Norte, situado nun pazo do século XVIII, que achega información sobre a historia e a xeografía desta ruta xacobea, facendo uso de mapas, paneis informativos e contidos multimedia.
O 18 de outubro de cada ana celébrase en Mondoñedo unha importantísima feira de cabalos desde o ano 1248. Son as San Lucas, na que as xentes baixan os cabalos salvaxes dende o Campo do Oso ou A Gañidoira, que galopan pola cidade ata chegar ao Campo dos Paxariños.
Antes, no mes de maio, celébranse as Quendas, na que tamén hai unha feira de gando e unha festa da empanada, e onde as pulpeiras ocupan a Alameda dos Remedios.
Forno de cal de Masma Facemos lembranza tamén dunha actividade desenvolvida na parroquia de Masma ata os anos setenta do pasado século e dun oficio, o de caleiro, que fixo que toneladas de cal chegaran a moitas das comarcas de Lugo. Foron doce os fornos de cal que funcionaron, dos que só quedan restos de seis. O cal empregábase no só na construción senón tamén na agricultura para diminuir a acidez do solo. Mariano Casas e o antropólogo Duarte Fernández realizaron un documental que leva por título ?Cal viva, cal morta. A derradeira festa?, que lembra esta traballo tradicional. No forno de José Otero podíanse obter en cada fornada ?que duraba tres días- unhas 35 toneladas de cal viva, para o que era preciso cocer 80 toneladas de pedra caliza. Neste proceso a temperatura debía acadar os mil graos.
O gran edificio relixioso situado na aba do monte en fronte de Mondoñedo é o mosteiro dos Picos, barroco, e que non é visitable. Non lonxe está o castro de Zoñán, que foi parcialmente escavado nos últimos anos.
Facer mención tamén de dúas personaxes singulares da cidade, o finado Rei das Tartas, Carlos Folgueira, que deu sona a unha tarta a base de améndoa, cabelo de anxo, ovos, azucre e masa de follado, adornada con froitas confitadas; e Manuel Montero, o mago Merlín, posuidor dunha librería-museo nun edificio situado en fronte da catedral, que provoca a curiosidade dos viaxeiros.
manuel-leiras-pulpeiro Rematamos cun poema de Leiras Pulpeiro, gravado xunto a súa tumba:
Si cando me fine as campás
do meu lugar non me choran:
Si ond os meus, achegadiña,
no abren logo a miña coba,
i enriba dela non poñen
roseiras de rosas roxas,
ben roxas com?as qu?eu cuido
con amor n?a miña horta…;
Que non me chame pro?ceio,
que non vou, non sendo a forza,
sin botarme antes, de noite,
pola aldea de riola.
Hastra que conmigo pegue
quen me requira… e me oya…
E faga tanguer as campás;
e que onde quero me poñan;
e despois o meu pé teña
roseiras de rosas roxas.