Archiv für Dezember 2010

BELENS DE AUTOR

Freitag, 31. Dezember 2010

A derradeira viaxe do ano 2010 foi a tradicional excursión dos Beléns, que tivo lugar o día 19 de decembro. Museo Massó. Mascarón Sen embargo a primeira visita da xornada tivo como destino o Museo Massó, de Bueu. Estivemos guiados por unha moza que explicou magníficamente o seu contido: o mundo da conserva, a pesca da balea e na planta superior modelismo naval e colección de gravados. A visita completase cunha visita exterior que comprende varias embarcacións tradicionais amarradas nun pantalán do peiaro y unha carpintería de ribeira, unha das cinco que quedan en Galicia (chego a haber trescentas).
Belén de CangasDe seguido fomos ata Cangas, pois alí o artesán Francisco Martínez monta no garaxe da súa casa un fermoso nacemento tradicional cun perfecto acabado. Podedes saber algo máis da súa elaboración visitando a páxina www.belendecangas.com.
Xantamos en Hío, moi perto do afamado cruceiro tallado por Xosé Cerviño, necesitado dunha limpeza urxente.
Belén de Conxo Pola tarde visitamos outro belén familiar, en Conxo, realizado por Javier Otero. Ao igual que o de Cangas recolle unha tradición iniciado polo seu pai hai sesenta anos. O seu traballo non é tan primoroso como o de Francisco Martínez pero a instalación ten tamén un gran encanto.
Cristina García Rodero. A confesión. Saavedra (1980)Rematamos a xornada coa visita no CGAC, en Santiago de Compostela, coa visita da exposición fotográfica “Transtempo” da que é autora a manchega Cristina García Rodero, a única fotógrafa española da mítica axencia Magnum. Móstranse máis de cen impactantes imaxes en branco e negro de diversas romerías, entroidos e festas galegas que non deixan indiferente. As fotografías foron feitas ao longo de diversos viaxes durante 30 anos e probablemente a Galicia retratada xa no sexa exactamente como aquí se reflicte. Imprescidible visita.

MOSTEIROS DA GALICIA ORIENTAL

Freitag, 31. Dezember 2010

O día 13 de Novembro fixemos unha xeira por diversos lugares da provincia de Lugo. Como a climatoloxía parecía que podía empeorar ao longo da xornada decidimos comezar a excursión polo final e facer en primeiro termo unha visita a un lugar moi exposto: o xacemento castrexo de Castromaior, perto de Portomarín. Castro de Castromaior Trátase dun castro verdadeiramente impresionante, escavado nos últimos anos, á beira do camiño de Santiago, do que dista a penas 200 metros en liña recta. Conserva moitos restos de vivendas, case todas rectangulares e un sistema defensivo moi complexo con sucesivos muros e foxos. Chama a atención que en moitas vivendas as portas fosen clausuradas o que probablemente indique un abandono prematuro pero no que se pensase en volver con posterioridade. De seguido visitamos o mosteiro de Samos, posiblemente o menos interesante dos grandes mosteiros galegos. Botica do mosteiro de Samos Se acaso, merece unha mención a fachada da igrexa, a fonte das Nereidas, no claustro pequeno, con insuais atributos eróticos, a escultura de Feijóo, obra de Asorey, no Claustro Grande, e a reconstruida botica. No Claustro das Nereidas hai unha curiosa clave que conserva unha inscrición que di: Que miras bobo?. Na parte alta do claustro grande hai pinturas murais de catro artistas de escasa calidade. Samos. Capela do alciprés Na vila de Samos sin embargo resulta máis interesante coñecer a capela do Ciprés, un pequeno edificio prerrománico, no que destaca o singular arco triunfal. Foi unha sorte poder ver o interior do edificio.
Xantamos en Sarria, no restaurante do hotel Roma. Un lugar moi recomendable. Moi ben servido e no que comimos un salmón moi sabroso.
Monseiro. Pintura de Fermín Díaz Pola tarde fomos ata a pequena aldea de Monseiro, no concello de Láncara, para ver os murais que Fermín Díaz “O Finxo”, afincado actualmente en Barcelona, pintou en distintos lugares da aldea, con bastante acerto. Un xeito de combater o feismo que invade moitos lugares.
A derradeira visita da xornada tivo por escenario o mosteiro de Santa María de Penamaior, que como sempre estaba pechado e non houbo xeito de conseguir a chave. E un edificio con elementos de gran interese, como os relevos do tímpano ou a propia disposición da fachada principal con tres ventanais románicos na parte superior, pero todos distintos. Mosteiro de Penamaior. Muro norte O muro do norte está distribuido en catro panos, cadanseu cun ventanal e tamén todos diferentes: unha ventá gótica, unha ventá rectangular barroca, unha ventá románica e o caravel románico que orixinariamente estaba na fachada.

Dous capiteis e unha doela medievais con representación de monstros no Castelo de San Antón.

Montag, 27. Dezember 2010

Este artigo de Cándido Rico fora publicado no Boletín nº 11.
Nas casamatas do patio do Museo Arqueolóxico da Coruña atopámonos con moitos restos de elementos arquitectónicos medievais, procedentes da igrexa de Santa Catalina de Montefaro (Ares), mosteiro que fora fundado por Fernán Pérez de Andrade (O Boo) no 1392, pois así consta na inscrición coas armas do fundador que tamén aquí se conserva; e das igrexas coruñesas de Santo Domingo e San Francisco.
Imos a destacar dous capiteis (fichas 31 e 34 do inventario do Museo), simétricos e de parecidas dimensións (30 x 30 cm. e 38 cm. de alto) de pedra de gra clara, que estiveron sostidos por sendas columnas redondas e parece que sostiñan unha arquivolta. Figura na ficha como cronoloxía: ?Século XIV (cara a 1370)? e atribúese a procedencia o citado Mosteiro de Montefaro, aínda que Manso Porto, nun razoado artigo, defende a posible pertenza á portada principal da igrexa dominicana do primitivo convento de Santo Domingo de A Coruña, construído no século XIII no Campo da Estrada, por tanto fora das murallas, e que destruíu Drake no sitio da cidade polos ingleses no 1589.

Monstros con cabeza de león

Monstros con cabeza de león


Aínda que ámbolos dous capiteis están dabondo erosionados, pódense recoñecer ben os seus temas iconográficos.
No primeiro capitel represéntanse tres monstros con cabeza de león sostida por un longo pescozo, corpo de ave e longos rabos de réptil, que pasando por entre as patas ascenden por detrás dos corpos hasta a parte alta do capitel. As cabezas ocupan as esquinas, solo unha é recoñecible e mostra un claro sorriso. O rabo do monstro da dereita parece rematar no nervio central dunha gran folla no oco entre os outros dous monstros, mentres que os rabos dos outros dous monstros crúzanse no oco frontal e parece que sosteñen outra folla, equilibrando así os volumes dos ocos entre as cabezas. É dabondo frecuente que os rabos rematen en motivos vexetais, tendo exemplos dunha extraordinaria beleza en capiteis da Catedral de Ourense, sendo tamén asunto moi característico dos miniados dos textos medievais e en particular nos monstros que adornan as letras capitais.
Non son exactamente sereas, ou mellor dito ?sereas-ave? (para distinguilas das sereas-peixe), pois este termo refírese normalmente os monstros con cabeza de muller (aínda que non e raro ver cabezas masculinas), corpo de ave e patas tamén de ave ou de chibo e nas que as mais das veces o rabo é de réptil, acentuando así a súa relación co mundo demoníaco. Bos exemplos deste tipo de representación témolos na igrexa de San Xoán de Portomarín, tanto na súa variante feminina como masculina. Tampouco se deben encadrar no termo ?harpía?, que figura en algúns textos, e que na súa representación medieval ten cabeza de muller de aspecto noxento, corpo de ave e fortes gadoupas como de ave de presa e pode ter rabo de réptil ou dragón; representa a morte, en contraposición coa ?serea-ave? que normalmente ten cara atractiva xa que representa mais ben a seducción. Recordemos que Circe na ?Odisea? de Homero avisa a Ulises do perigo das sereas, que cos seus cantos engaioladores atorden os homes. Aínda que as harpías non son moi frecuentes na Idade Media, en Galicia temos unhas magníficas representacións na igrexa de Santiago de Breixa (Silleda), onde ademais o artista deixou escrito ?ARPIA? na esquina do capitel para que non haxa dúbidas.
Monstros con cabeza humana

Monstros con cabeza humana


No segundo capitel, os dous monstros teñen cabeza humana, corpo de ave e rabo de réptil, e están entre follas de palmas que rematan nas esquinas do capitel en ?crochet? sostendo unha bola. A cabeza da esquerda está tapada cunha pucha como de monxe e a outra adórnase cunha coroa ou diadema de follas trilobuladas. Dende o mentón hasta o peito, as dúas figuras cólgalles como unha liña de contas. Os longos rabos dos dous monstros enróscanse no medio deles e pasando por detrás dos seus longos pescozos ascenden hasta as bolas das esquinas. A estes monstros poderíamos encadralos dentro das sereas. En Galicia, onde encontramos as sereas mais parecidas a estas, tamén masculinas (incluso con barba) e con capucha, é nos capiteis do claustro de San Francisco en Ourense, gótico da primeira metade do século XIV) e ós que os entendidos atribúen relación iconográfica co estilo do Mestre Mateo (un pouco anteriores polo tanto a estes capiteis, se admitimos a data da ficha, e moi posteriores se nos quedamos coa versión de Manso).
Doela do dragón

Doela do dragón

O terceiro monstro está nunha doela que debeu formar parte dun arco gótico polilobulado e está feito en relevo dentro dun circo rebaixado. Manso tamén di que cabe supoñer a súa procedencia da cidade, ben de Santo Domingo ou de San Francisco. Representa un dragón alado, con pescozo e rabo ben longos e que a igual que o corpo están recubertos por un caparazón de escamas formando aneis cilíndricos. Está trabándose nas súas propias patas, motivo non moi frecuente, xa que o motivo mais común na iconografía medieval é a de dous dragóns afrontados que se traban nas patas entre eles, como vemos nas fotos de San Xoán de Portomarín e San Estevo de Ribas de Miño.
Sereas-ave e dragóns en San Xoan de Portomarín

Sereas-ave e dragóns en San Xoan de Portomarín


Como a cada monstro do bestiario medieval, ó dragón correspóndelle unha simboloxía: o mal, e por tanto identifícase co diaño, pero tamén é un defensor de tesouros o longo da mitoloxía universal. En Galicia é moi representado, non só nos libros miniados, onde moitas veces utilizase esta figura para iluminar as letras capitais, senón nos capiteis das igrexas románicas. Sen ir máis lonxe, na igrexa de Santiago desta cidade, podemos ver dragóns enfrontados no primeiro capitel da esquerda da portada principal e no primeiro capitel do interior da nave no lado do evanxeo.
Arpia de Breixa

Arpia de Breixa

Pero onde nos atopamos cuns dragón horrendos e o mesmo tempo dunha extraordinaria factura, é no Pórtico da Gloria e no coro pétreo do Mestre Mateo, aínda que pola cantidade destaca a Catedral de Ourense, na que se ven representados no Pórtico do Paraíso, nos muros exteriores, nos muros das naves, no cruceiro e na ?Claustra Nova?.
Outra forma típica de representación dos dragóns na Idade Media e loitando con un cabaleiro, con San Xurxo ou con San Miguel, outra maneira mais de mostrar a loita do ben e o mal.
Como apaixonados dos bestiarios medievais, e como exemplo desta última forma, non podemos esquecer un dos dragóns mais ?chuscos? da iconografía románica, o da igrexiña de Vallespinoso de Aguilar na provincia de Palencia.
Dragón de Vallespinoso de Aguilar

Dragón de Vallespinoso de Aguilar


Bibliografía:
BEIGBEDER, Olivier. 1989. Léxico de los símbolos. Volume 15 da serie Europa Románica. Ediciones Encuentro, Madrid.
BERNÁRDEZ, C.R.- MARIÑO FERRO, J.R. 2004. Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega. Editorial Nigra Trea. Vigo.
CASTILLO, Angel del. 1987. Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.
DOMINGO PEREZ-UGENA, María José. 1998. Bestiario en la escultura de las iglesias románicas de la provincia de A Coruña. Deputación de A Coruña.
MANSO PORTO, Carmen. 1990. El Convento de Santo Domingo de La Coruña. Anuario Brigantino nº 13.