Archiv für Januar 2011

ALLARIZ, unha ruta urbana

Samstag, 29. Januar 2011

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Allariz, vila situada á beira do río Arnoia, é, se cadra, o conxunto histórico mellor conservado de Galicia, dominado pola pedra: rúas, pequenas prazas, igrexas monumentais,… enriquecido ademais pola recuperación de antigos edificios industriais e de distintos espazos á beira do río para o disfrute cidadán.
A nosa andaina pola vida debería comezar no campo da Barreira, presidido pola igrexa de San Bieito, barroca do século XVIII, coroada por un campanario de gran altura, e polo convento de Santa Clara, fundado por dona Violante, esposa do rei Afonso X o Sabio. Convento de Santa Clara. Virxe abrideira Ten o claustro barroco máis grande de España, aínda que o máis interesante e o seu Museo de Arte Sacra, que acolle dúas pezas excepcionais, unha cruz gótica de cristal de roca e, sobre todo, unha Virxe Abrideira de marfil, de finais do século XIII, que representa a unha Virxe sedente suxeitando co brazo esquerdo ao Neno, e ao abrirse semella un retablo destinado a narrar a vida de María, con relevos onde se poden ver escenas co Nacemento, a Ascensión, a Coroación, a Anunciación ou a Epifanía.
A continuación, seguiremos ata a igrexa de Santo Estevo, románica pero moi alterada, para poder ver no traxecto os restos da antiga muralla. Museo do Xoguete. Primitivo futbolín Se collemos agora a rúa da Ferreiría chegaremos de contado á rúa do Portelo, onde podemos visitar o Museo Galego do Xoguete, creado a partir da doazón efectuada por Alberto Oro Claro. A peza máis destacada da mostra é unha especie de futbolín inglés feminino, do ano 1917, no que xogaban tres señoras de cada lado, antecesor do tradicional futbolín que vinte anos despois inventará o galego Alexandre Campos. Para os maiores constitúe un reencontro coa súa infancia e as súas lembranzas.
Continuando pola rúa da Cruz, batemos coa casa dos Castro-Oxea, con un gran escudo e fermosa galería, convertida en tenda de licores, e un pouco máis adiante chegamos á Praza Maior, onde atopamos o edificio do Concello, a Casa da Paneira, antiga institución de crédito agrícola e a igrexa de Santiago, románica do século XII, cunha fermosa ábsida semicircular. Absida da igrexa de Santiago O seu interior garda unha boa obra do mestre castelán Juan de Juni, a Virxe da Esperanza. Na praza de Abaixo, a carón da igrexa, rodáronse escenas da película ?La lengua de las mariposas?, de José Luis Cuerda, baseada nun relato de Manuel Rivas.
Baixando pola rúa de San Lourenzo chegamos a Casa-Museo Vicente Risco, que garda manuscritos, debuxos e obxectos persoais deste escritor e político galeguista, que a pesar de non ter nacido en Allariz, traballou e pasou longas tempadas na vila alaricana, onde está soterrado. Un pouco máis abaixo atópanse as Casas e Balcón de Amoeiro, formada por dúas casas dos séculos XV e XVI e un pasadizo.
O percorrido por Allariz debería continuar polo Parque Etnográfico de Arnoia, que agrupa tres pequenos museos etnográficos, o Muíño do Burato, o Museo do Tecido ?O Fiadeiro?, que ten o liño como protagonista, e o Museo de Coiro ?Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras?. Antiga fábrica de curtidos da familia Nogueiras O máis interesante dos tres é este último pois está moi ben explicado todo o proceso tradicional do curtido das peles, que duraba varios meses e obrigada a tratalas con cal, cortiza de carballo ou castiñeiro (polo seu contido en taninos), excremento de can, etc., e que sen dúbida fainos pensar na dureza do traballo de curtidor, pois pasábase moito calor e moi malos olores. Traballo destinado ás clases menos favorecidas da sociedade. Da importancia histórica da industria do curtido e da zapatería fala xa o Marqués de Ensenada no censo que realizara no ano 1750, e no que se di que a vila de Allariz contaba con ?11 curtidores, 41 zapateiros que fabrican nas súas casas con xornaleiros para vender nas feiras, 38 zapateiros xornaleiros de obra prima e os seus oficiais, 2 zapateiros remendóns, 44 comerciantes de coiros e 10 revendedores de sola.?
Para chegar á igrexa de Santa María de Vilanova podemos seguir un paseo pola beira do río Arnoia, que comeza no parque da Alameda e remata no parque do Arnado, e cruzar a ponte de Vilanova, de mediados do século XVI. A igrexa e un exemplar románico de finais do século XII, que conserva no exterior un interesante cruceiro. Se continuamos río arriba chegaremos ata a praia fluvial de Acearrica.
Outros lugares de interese en Allariz son o asentamento do antigo castelo, do que nada se conserva, pero desde o que se albisca unha ampla panorámica, ou o Museo Iconográfico da Fundación Aser Seara, que ocupa a antiga casa da familia Conde Aldemira. Os seus fondos están formados por imaxes do románico, do gótico e do barroco.
José Suárez. Foto da serie Mariñeiros (1935-36) Con ter Allariz unha boa oferta museística botamos en falta un espazo dedicado ao fotógrafo José Suárez, acaso o mellor dotado de entre os nacidos en Galicia. Autor de extraordinarias series, entre elas a de Mariñeiros, estivo exiliado en Argentina e Uruguay, onde rexentou en Punta del Este unha librería chamada ?El yelmo de Mambrino? e viaxou por todo o mundo como correspondente dos diarios El Día e La Prensa, por exemplo a Xapón onde fixo outra maxistral serie fotográfica. Morreu tráxicamente en A Guarda no ano 1974, logo de retornar a Galicia, onde se sentía moi só.
Outros persoeiros destacados da vila de Allariz son o escritor Antón Risco, fillo do galeguista Vicente Risco; o político nacionalista Anxo Quintana ou o novelista Alfredo Conde. A mellor novela deste último ?Xa vai o griffon no vento?, Premio Nacional de Narrativa no ano 1986, comeza así: ?A historia aquela do Griffon, do Sieur Griffon, para ser máis exactos e dicilo así, en francés antigo, que fora como se lle ocorrera e que aínda por riba queda máis bonito, máis deliciosamente erudito, resistíaselle, hai que recoñecelo, dende había ben un ano enteiro.?
Dentro do termo municipal hai varios lugares que paga a pena coñecer. O primeiro deles é a pequena ermida de San Salvador dos Penedos, que acolle no seu interior un fermoso Cristo románico policromado do século XIII. Tamén merece unha visita a igrexa de San Martiño de Pazó, que na súa porta norte conserva un arco de ferradura inscrito nun alfiz, probablemente do século X. Sen embargo, resulta moito máis interesante a igrexa románica de Santa Mariña de Augasantas, na que destaca o rosetón da fachada e o falso triforio do interior (elemento arquitectónico presente tamén en Xunqueira de Ambía e en Acibeiro). Hai que reparar tamén no imponente carballo situado a carón da igrexa, catalogado como árbore senlleira de Galicia. Santa Mariña de Augasantas. Basílica da Asunción Desde esta pequena aldea, moi ben rehabilitada, parte un camiño que tras atravesar soutos e carballeiras chega, logo de menos dun km., á basílica de Santa da Asunción e ao Forno da Santa, onde di a lenda que Santa Mariña foi salvada polo mesmo San Pedro de morrer nun forno. O que alí atopamos son os restos dun edificio inacabado do século XIII que conserva unha cripta dividida en varios espazos, que lembra aos monumentos prerromanos termais das citanias de Sanfins ou de Briteiros. Hai ademais varias laudas sepulcrais de tradición visigoda. Está situado no perímetro do castro de Armeá polo que probablemente sexa un santuario castrexo cristianizado en época medieval.
O Ecoespazo do Rexo, situado na parroquia de Requeixo de Valverde, e un lugar de esparexemento e de lecer, no que deixou a súa pegada o artista Agustín Ibarrola, que pintou algunhas árbores e pedras, a semellanza da súa coñecida obra do bosque de Oma, preto de Guernica. Ecoespazo do Rexo Tamén aquí está situada unha queixería tradicional que elabora os seus queixos con ovellas da raza latxa.
O principal reclamo gastronómico de Allariz é a repostería, especialmente os amendoados, os melindres ou roscas de cazo, as améndoas de pico, a torta real e as roscas de xema. No libro ?Repostería en Galicia?, de Mariano García e Fina Casalderrey, publicado por Xerais, reproducen unha receita dos amendoados de Allariz, que di así: ?Ingredientes: ½ quilo de améndoa, 400 gramos de azucre, 5 ou 6 claras de ovo, e pasta de hostias (obleas). Preparación: Ponse auga a ferver e cócese a améndoa durante un minuto para poder mondala, sécase no forno ou ao aire e móese. Mestúrase a améndoa e o azucre nun recipiente, e vanse engadindo as claras sen bater (deixar unha por si a pasta xa está lista, se queda dura engadir a outra clara), reméxese ben ata formar unha pasta uniforme e compacta. Colócanse tres boliñas de masa preparada en obleas de forma redonda, salfírense de azucre por riba, e póñense nunha placa que se mete no forno a 90 graos entre 10 e 15 minutos. Cando están douradas retíranse.? Os mellores lugares para mercar estos amendoados son as confeiterías Fina Rei e Luisa. Outros destacados produtos son os licores, as empanadas e o queixo do Rexo, que é o único queixo de ovella feito en Galicia.
Muiño de casca da antiga fábrica de Vilanova Ten Allariz un bo número de restaurantes onde disfrutar dun delicioso xantar, como Casa Tino Fandiño, A Fábrica de Vilanova (que conserva un antigo muiño de casca), Acea da Costa, Pallabarro, Porta da Vila, Portovello ou a Casa rural Vilaboa (antiga fábrica de curtidos A Casqueira). Ocupan case todos eles edificios históricos moi ben rehabilitados e decorados, en fin, lugares para pasar un rato agradable.
Se un pensa pasar varios días na vila tamén dispón dunha ampla oferta hoteleira, na que destacan a Pousada Torre Lombarda (antiga fábrica de curtidos), o hotel Portelo Rural, a hospedería Rosa Castelá, o hotel AC Vila de Allariz, o hotel rústico A Palleira (na aldea de Outeiro de Orraca), ou o Muiño do Briñal, singular aloxamento ao que non se pode chegar co coche, senón a pé ou en barca.
O día do Corpus celébrase a Festa do Boi, que di a lenda ten a súa orixe nos enfrontamentos de Xan de Arzúa coa comunidade xudea, aos que lles botaba formigas montado nun boi por ser mofaren desta festa cristiana, e que foi recuperada no ano 1983. Un boi atado cunha maroma percorre as rúas de Allariz, nun momento no que hai moita polémica coa presenza de animais nas festas populares.
Non podemos abandonar Allariz sen facer mención de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome, xulgado e condenado a morte en 1853, acusado de matar a nove persoas. A raíña Isabel II asinou unha orde que evitou a súa execución co garrote vil e cambiou a condena pola cadea perpetua. A súa historia inspirou a novela ?El bosque de Ancines? de Carlos Martínez Barbeito, que ao mesmo tempo serviu de base para a película de Pedro Olea, ?El bosque del lobo?, con José Luis López Vázquez como protagonista.