Archiv für März 2011

AS REPUBLICAS DE HOMES LIBRES

Donnerstag, 31. März 2011

O pasado día 4 de Marzo e grazas á colaboración da Fundación Luis Seoane, organizamos nesa institución unha conferencia a cargo de Manuel Gago, xornalista e profesor da Universidade de Santiago, director da web culturagalega.org e editor do extraordario blog Capítulo 0. Na súa exposición contounos cousas certamente apaixoantes sobre unha época da nosa historia que permanece en silencio: o tempo que vai dende a caida do imperio romano ata finais do século IX, a través de restos de diversos castelos e fortificacións que foi atopando ao longo da xeografía galega nos cumios dos montes e que bautizou como Repúblicas de Homes Libres. Manuel Gago na Fundación Seoane A súa exposición cumpriu co obxectivo de que ao seu remate os asistentes tiñamos na memoria máis preguntas que respostas. Logo da presentación do incrible lugar de Luania, veu o tránsito por Portocelo, Castro Candaz ou as invasións normandas que puideron ter un interese máis comercial do que se pensaba. Non imos resumir a conferencia pois o seu traballo está perfectamente explicado no seu blog e alí as súas investigacións poden ser seguidas paso a paso. Só nos resta agradecerlle a Manuel Gago a súa presenza e tamén a Pancho Gallego, que foi que contactou con él.