Archiv für April 2011

A IMAXE DE CRISTO CRUCIFICADO NA ESCULTURA GALEGA

Freitag, 22. April 2011

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no boletín da asociación no ano 2011.

As máis antigas representacións escultóricas de Cristo crucificado en España son dúas pequenas figuras de marfil de orixe leonesa, o Cristo de Carrizo, conservado no Museo de León, e o Crucifixo de Don Fernando e Dona Sancha, exhibido no Museo Arqueolóxico Nacional, datadas ambas no século XI. As primeiras imaxes galegas, tamén románicas, son algo posteriores, ainda que son moi poucas as obras que chegaron ata nós, debido á humidade das igrexas,que dificulta a conservación da madeira.
Cristo románico de Vilanova dos Infantes A obra máis valiosa da imaxinería románica galega é o Cristo de Vilanova dos Infantes, da segunda metade do século XII, moi ben conservado, tallado en madeira policromada. Pódese ver na igrexa parroquial desta aldea situada moi perto de Celanova. A súa representación mostra as características desta época: cruz de gallos, corpo vertical, expresión hierática, barba curta, ollos abertos, coroa real, pano de pureza ata os xeonllos (perizodium), brazos rectos e horizontais? Non hai en Galicia imaxes de Cristo en Maxestade, moi características do románico catalán, nas que o corpo aparece cuberto cunha túnica (pallia ou manicata) que impide ver a anatomía do crucificado. Ás veces na imaxinería románica emprégase o suppedaneum, un pedestal no que apoiar os pés.
Moi semellante, ainda que un pouco máis tardío, de finais do século XII, é o Cristo dos Desamparados da catedral de Ourense. Cristo románico da catedral de Ourense Realizado en madeira policromada diferénciase do de Vilanova dos Infantes en que os brazos non son tan horizontais, no maior tamaño da coroa, nos longos mechóns do cabelo que lle caen no peito e no xesto do rostro, que mostra algo de sufrimento. Sen embargo o artista non acada a calidade da obra de Vilanova dos Infantes. A imaxe está exposta nunha capeliña mal iluminada, acompañada dunha Virxe e un San Xoán de época posterior e pequeno tamaño, polo que o conxunto resulta algo ridículo.
Na pequena aldeiña de San Salvador dos Penedos, en Allariz (Ourense), para a que hai un proxecto de restauración integral, consérvase na súa capela, un Cristo crucificado de gran beleza. A madeira ten boa parte da súa policromía ao temple, e a imaxe presenta unha barba ben poboada ainda que transmite certa sensación de rixidez. Os brazos aparecen lixeiramente quebrados. É unha das obras artísticas máis descoñecidas da arte galega por non ser nada doada de ver polo apartada que está a aldea e o difícil que resulta atopar á persoa que ten a chave da capela. Na igrexa de Santiago de Allariz hai unha réplica.
De comezos do século XIV é o Calvario de San Fiz de Cangas, conservado actualmente no Museo das Clarisas de Monforte. E unha obra de madeira policromada se ben apenas conserva a súa cor orixinal. As figuras son case de tamaño natural. Cristo cingue unha coroa real en vez da coroa de espiñas habitual a partires de mediados do século XIV. A diferenza das imaxes anteriores Cristo está crucificado con tres clavos e non con catro. As figuras de María e San Xoán, algo mellor conservadas, recollen as tradicións da época como a roupa que cae verticalmente ata o chan. Orixinalmente estaba exposta nun humilladoiro -onde agora hai unha réplica- situado perto da igrexa de San Fiz, e trasladada a ésta por motivos de seguridade, e depositada no museo monfortino por idéntico motivo.
Calvario románico de San Antolín de Toques A derradeira obra románica incluida neste breve catálogo e outro Calvario, gardado na igrexa premateana de San Antolín de Toques (A Coruña). Ao igual que o de San Fiz de Cangas é de madeira policromada, se ben a súa policromía manifestase perfectamente. De datación dubidosa, hai autores que falan de que se trata dunha obra de finais do século XII ainda que a pervivencia das formas románicas durante moito tempo poderían levar a súa datación ata finais do século XIII. As imaxes que conforman o calvario non semellan tan estáticas como as de San Fiz de Cangas e hai certo naturalismo nas súas expresións.
No Cristo da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital de Incio (Lugo), aparece por primeira vez en Galicia a coroa de espiñas, o máis representativo atributo dun novo estilo, o gótico, que presenta unhas imaxes máis humanas, cos ollos pechados e a cabeza inclinada lixeiramente á dereita. Nesta obra de Hospital persisten, sen embargo, elementos románicos como os catro clavos e a horizontalidade dos brazos. A diferenza de todas as imaxes relacionadas Cristo non aparece adosado á parede senón suspendido da bóveda o que que fai que resulte máis impresionante. A súa datación pode oscilar entre finais do século XIII e principios do século XIV.
O Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, en Santiago, garda unha peza de mediados do século XIII, adaptada un século despois ao gusto do momento para resaltar o sufrimento e o sangue do crucificado.
Plenamente góticos son o Cristo da Barba Dourada, conservado na igrexa de Santa María das Areas, en Fisterra, e o Santo Cristo da catedral de Ourense, que seguen modelos centroeuropeos, nun momento no que unha pandemia mortal percorría a Europa medieval, polo que son coñecidos tamén como Cristos da Peste, que teñen no famoso Cristo de Burgos a súa imaxe máis difundida. O Santo Cristo da Barba Dourada, datado no ano 1320, foi restaurado no ano 2010 e como acontece moitas veces perdeu boa parte da súa cor oscura debida a repintados, fume ou ao deterioro dos tintes.
Santo Cristo da catedral de Ourense O Santo Cristo de Ourense, acaso do mesmo autor, pola súa semellanza, está exposto na catedral de Ourense, nunha capela de gran barroquismo. É un dos tres símbolos da cidade, xunto coas Burgas e a ponte romana. Foi traido de Fisterra polo bispo de Ourense, Vasco Pérez Mariño, que era orixinario daquela vila. Ambas imaxes son dun realismo tremendo, teñen a boca aberta, os ollos case pechados que mostran a un Cristo moribundo, doente, coa ferida do costado moi profunda e sangue e verdugones por todo o corpo, ao que contribúe tamén que pelo e barba sexan postizos de pelo natural. Empréganse únicamente tres clavos, atributo diferenciador do estilo gótico, que se vai empregar sempre a partires deste momento.
Tamén góticos, pero moito máis fermosos son o Cristo da Cadea, talla inglesa de estilo Tudor, conservado na igrexa de Santa María de Neda; e o Cristo do santuario da Virxe do Camiño, en Muros, obra mestra procedente de Italia.
Do Renacemento temos en Galicia unha magnífica obra conservada na igrexa do Colexio do Cardeal, en Monforte. Foi labrada en 1598 por Valerio Cioli, nun só bloque de mármore, en tamaño natural. Este artista italiano é o autor das esculturas que decoran a tumba de Miguel Angel na igrexa da Santa Croce de Florencia. A obra foi un encargo de Felipe II para o Escorial pero o monarca non gustou moito do resultado polo que acabou por regalarlla ao cardeal Rodrigo de Castro. O artista aproveitou as vetas do mármore para amosar o sufrimento de Cristo durante a flaxelación. O pano de pureza acórtase e perde verticalidade. Parece ser que a obra estaba destinada para coroar un retablo polo que ao ser actualmente contemplada a unha altura máis baixa semella algo desproporcionada.
Do Barroco é o Cristo de Conxo, obra de Gregorio Fernández, de 1628. A expresión do crucificado e moi serena, a pesar do sufrimento que transmite, o pano de pureza parece un papel enrrugado e apenas tapa o corpo, algo definitorio do seu estilo. Cristo de Conxo O artista emprega os seus característicos postizos para dotar de maior realismo á figura: marfil nos dentes, asta de touro nas unllas, resina no suor e nas bágoas, cristal nos ollos… Este gran escultor da escola de Valladolid, nacido en Sarria (Lugo) acadará unha categoría excepcional con outro tipo de representación de Cristo, o Xacente, constituindo o conservado no Museo das Clarisas de Monforte a mellor obra da imaxinería galega.
Un crucificado con moita devoción é o Cristo da Victoria conservado na Concatedral de Vigo. Tamén é coñecido co nome do Cristo do Sal, porque a tradición indica que foi atopado flotando no mar por mariñeiros vigueses dunha dorna que transportaba sal. Pode que se trate dalgún dos Cristos arroxados ao mar polos ingleses durante a guerra civil de Cromwell pero probablemente sexa unha obra do vasco Sebastián de Ucete anterior ao ano 1740. O seu calificativo fai referencia á victoria sobre a morte e o pecado pero popularmente tal denominación é debida ao triunfo sobre os franceses no ano 1809 á que contribuiu milagrosamente a imaxe. Estaba moi ennegrecido polo que foi restaurado en Madrid hai doce anos. O súa recuperada cor orixinal gustou ben pouco en Vigo que prefería a imaxe máis oscura. Hai que anotar que está tallado con madeira de álamo, que é moi clara, e a policromía foille aplicada con óleo.
Do Neoclásico é o Cristo do Desencravo que está no Museo do Pobo Galego, realizado a finais do século XVIII por José Ferreiro, xenro doutro gran escultor como era José Gambino. E unha imaxe que transmite unha gran serenidade, con un tratamento magnífico dos cabelos. O pano de pureza e un pouco máis grande que no tempo do barroco. O estudio anatómico resulta perfecto e a musculatura non está tan marcada como na etapa anterior.
Non podemos rematar este breve paseo pola evolución da imaxe de Cristo crucificado en Galicia sen facer mención dunha obra realizada polo máis destacado escultor galego do século XX, Francisco Asorey, finado hai agora cincuenta anos. O artista cambadés realiza un encargo que lle fai o mecenas catalán Pere Viñes para a igrexa de Santa María de Moia (Barcelona), no ano 1952. É unha obra monumental, de case catro metros, realizada en madeira policromada, que amosa un home sereo, cos brazos rectos e as pernas lixeiramente separadas. Sería un fermoso regalo para os galegos que co gallo do cincuentenario da morte do artista a escultura fose exposta este ano na nosa terra.
Calvario de San Fiz de Cangas Con seguridade alguén botará en falta algunha imaxe como a do crucificado da igrexa prerrománica de Santa Eufemia de Ambía, a conservada na sacristía da igrexa de Vilabade ou o Cristo das Batallas de Verín, pero non pretendimos facer un catálogo exhaustivo senón reseñar as obras máis importantes, todas elas de vulto redondo e gran tamaño, polo que quedaron excluidas as representacións de Cristo crucificado que coroan algúns retablos ou as pequenas pero magníficas imaxes do Renacemento que se conservan en Monforte, entre elas unha de Giambologna.

ARTE E PAISAXE NO PAÍS DO DEZA

Freitag, 22. April 2011

O día 9 abril disfrutamos dunha xornada espléndida que comezou coa visita dun Museo Etnográfico que resultou todo un descubrimento: a ?Casa do Patrón?, sita en Codeseda, parroquia de Doade, en Lalín, integrado por tres edificios no que se van recreando distintos espazos e oficios. Museo Etnográfico Casa do Patrón. TabernaGarda pezas verdadeiramente interesantes. Gustou moito a recreación da taberna e o cariño co que fomos atendidos. A nivel particular sorprendeume moito saber que os carros de vacas tiñan que estar matriculados se saían do concello para vender productos en alguna feira.
Fraga de Catasós De seguido e logo da pertinente parada para tomar unhas cañas ou un café, fomos ata a fraga de Catasós, un pequeño bosque protexido coa figura de Monumento Natural de Galicia, no que hai unha mestura de carballos e castiñeiros de gran porte. Na primeira parte do percorrido predominan os carballos; máis adiante, no chamado souto manso hai ringleiras de castiñeiros perfectamente aliñeados que acadan alturas de case 30 metros, polo que están consideradas como as árbores máis altas desta especie en toda Europa.
Xantamos no restaurante do hotel Villanueva, en Lalín. Como entrante tomamos polbo á prancha, como prato principal unhas carrilleiras de porco ibérico que estaban deliciosas e como postre unha copa na que se combinaban a froita, a compota e a nata. Levamos un ano espléndido en canto ao nivel das comidas e esperamos que siga así.
Mosteiro de Carboeiro A primeira visita da tarde tivo por escenario o mosteiro de Carboeiro, guiados por dous rapaces dunha empresa turística da Estrada, que está a dinamizar a zona. Vimos a impresionante xirola da igrexa e a xoia do edificio, a cripta románica de enormes columnas que ten ademais luz natural. Baixamos tamén ata o río para rodear o edificio e ver o pombal. Nun edificio anexo teñen unha exposición con fotografías antigas nas que vemos o estado de total abandono en que quedou o mosteiro durante décadas polo cómpre felicitarnos pola súa recuperación. O noso guía, apoiado en varias maquetas alí gardadas explicounos a construcción do mosteiro e o sistema constructivo dos arcos de medio punto e apuntado para ver as súas diferenzas.
A igrexa de Santiago de Breixa foi on noso seguinte destino. Nunca defrauda. Exteriormente pasa totalmente desapercibida pero o seu interior garda os mellor bestiario en pedra da arte románica galega, cun magnífico estado de conservación. Santiago de Breixa. Centauro A luxuria e a violencia masculina toman forma en centauros e a lascivia feminina está representada en forma de sereas-peixe. Non son os únicos animais fantásticos pois tamén hai harpías, anfisbenas (unha especie de serpes con dúas cabezas), falcónidos, etc.; sempre que se faga unha xeira polo país do Deza é imprescindible visitar este templo.
Arredor das seis e media chegamos ao pazo de Cascaxide un curioso edificio que semella deshabitado cunha arquitectura neomedieval que lembra edificios portugueses ou incluso centroeuropeos. Bosque de Cascaxide (o pouco que queda) A súa espalda conservaba (está ben empregado o tempo verbal), un fermosísimo bosque no que abundaban os castiñeiros, os acivros ou os carballos albares (quercus petraea). Sen embargo, e a pesar da súa declaración o ano 2008, como Bosque do Ano polo Ministerio de Medio Ambiente, as disputas familiares acabaron coa meirande parte do bosque, logo dunha intensa tala nos últimos meses. Cómpre lembrar o que establece respecto ao usufruto de viudedade o artigo 122.4 da Lei de Dereito Civil de Galicia que permite que a usufrutuaria poda “realizar talas de árbores maderables, incluso polo pé, e facer seu o produto das mesmas, sempre que sexan adecuadas a unha normal explotación forestal?. O problema de Cascaxide e que nunca tivo unha figura de protección que o preservase e ainda así hai que anotar tamén que a lexislación galega ampara a maderistas e propietarios pois concede licenza para talar por medio de prazos concedidos por silencio administrativo pois as solicitudes non chegan a ser respostadas.
Fervenza do Toxa Para non rematar a xornada con esta desfeita achegámonos ata o miradoiro da fervenza do Toxa. O río leva pouca auga e a paisaxe tamén sufriu unha agresión, neste caso visual, pois moi perto da parte alta do cadoiro hai un viaducto do AVE. Tamén a presenza de un numeroso e ruidoso grupo de moteiros que levaron as súas cabalgaduras ata o pe mesmo da fervenza fixo que no disfrutaramos plenamente da maxia do lugar.

O ENTROIDO DE SARREAUS

Freitag, 22. April 2011

A segundo viaxe do ano, celebrada o día 6 de Marzo, tivo como destino distintos lugares da comarca do Limia, descoñecidos por todos os integrantes da excursión. A este tipo de viaxes gustamos denominalos como o coñecemento secreto ou polo miúdo da nosa terra, pois visitamos lugares totalmente fora de circuito. Igrexa de Seoane. Pinturas murais Pola mañá tivemos a oportunidade de ver tres igrexas do concello de Xinzo de Limia con elementos de gran valor. O pequeño templo románico de Seoane garda interesantes pinturas murais do século XVI nas que destaca o martirio de San Sebastián, invocado como protector contra a peste á que aluden as frechas que asaetean ao santo. A peste era a ira de Deus contra os pecadores; Santa María de Laroá. Retablo barroco na igrexa de Santa María de Laroá conservase un bo retablo barroco que afortunadamente no está moi recargado, no que hai varias imaxes de Francisco de Moure, o gran Mestre do Barroco galego. Destacan tamén as delicadas tallas do sagrario. A igrexa de San Pedro de Laroá ten un unha boa torre e un retablo barroco ben traballado. Garda tamén unha boa imaxe de San Pedro vencellada á escola de Alonso Martínez. San Pedro de Laroá Como remate da mañá vimos o curioso peto de ánimas de Rebordechá.
O xantar tivo lugar na aldea rural de Couso, un pequeño lugar recuperado por un matrimonio de La Rioja que fixo unha restauración integral se ben a aldea parece máis do Courel que da Limia. O restaurante sorprendeunos cun cocido que resultou extraordinario cunhas carnes tenras e sabrosas, no seu punto xusto de sal, e uns chourizos grosos ceboleiros que non parecían deste mundo, do bos que estaban. Paseando pola aldea de Couso Os grelos e as patacas non desmerecían para nada e como remate orellas e filloas que fixeron deste xantar unha expereciencia inesquecible.
Dedicamos a tarde a disfrutar do Entroido de Sarreaus que sorprende pola súa vistosidade e por ser un carnaval moi participativo e tranquilo. Vergalleiro de Sarreaus As personaxes típicas da festa son os vergalleiros que levan unha vistosa máscara e un corno de grandes dimensións, pero curiosamente había moitos máis peliquieiros (lembremos a relativa cercanía de lugares como Laza ou Verín). O nome de vergalleiro deriva do vergallo, unha especie de látigo feito co pene dun boi ou dun cabalo. Xa non se usa. Houbo un desfile de carrozas, todas elas moi orixinales e animadas. Logo da festa celébrase unha paparota á que non puidemos ficar porque botaba un pouco tarde, aínda que prometemos voltar noutra ocasión.