Archiv für Mai 2011

ARQUEOLOXÍA NAS TERRAS DO INCIO

Montag, 2. Mai 2011

O derradeiro día do mes de abril fixemos unha xeira organizada por Pancho Gallego, que sempre propón itinerarios inéditos pola nosa xeografía.
A primeira visita da xornada tivo como escenario a pequena aldea de Bermún, levantada sobre un castro. Alí observamos tamén un curioso hórreo cunha especie de estribos nas súas cabeceiras. Non faltou un delicioso paseo ata unha carballeira de gran beleza e unha visión, dende a distancia, do castriño de Goó.
Atendendo ás explicacións de Gonzalo Meijide no castro de Formigueiros A continuación visitamos o castro do Alto do Couso, enclavado na serra do Édramo, coñecido na literatura arqueolóxica como castro de Formigueiros. Impresiona o seu sistema defensivo cunha sucesión de foxos e murallas, ainda que a súa acrópole é relativamente pequena. Alí estaba esperándonos Gonzalo Meijide, director das escavacións, co que percorrimos o xacemento por espazo dunha hora e soubemos dos tres niveis de ocupación, da potencia da muralla principal ou dos insólitos achados de lousas gravadas con peixes ou labirintos que constitúen un feito singular dentro do mundo castrexo.
Cámara megalítica na necrópole de Santa Mariña En fronte do castro sitúase a necrópole de Santa Mariña, o máis importante campo de mámoas do megalitismo galego, que percorrimos a continuación. Nunha das medoñas vimos a máis importante cámara da zona, un dolmen de corredor do que se conservan nove estos, ainda que falta a tampa.
Antes de xantar fomos ver a igrexa parroquial de Santa María do Mao, que comparte con outras dúas igrexas do val de Mao a particularidade de que o adro e o cemiterio están cubertos de lousa sobre unha estructura de madeira. Santa María do Mao. Cemiterio e adro cubertos No interior garda o sepulcro de Santo Eufrasio, no centro da nave, e unha escultura do santo. Ten un bo retablo renacentista, e un magnífico artesonado na capela maior. No exterior conserva varias columnas do primitivo edificio románico.
En Oural, na Cantina de Inés, disfrutamos dun xantar no que destacou o entrante, unha brocheta de rape en salsa, con champiñons e gambas. Tamén o viño resultou moi superior ao que normalmente sirven nos menús que contratamos, neste caso un albariño Martín Codax.
Petroglifo no encoro de Vilasouto Pola tarde, en compañía dun intenso chubasco, achegámonos ata o encoro de Vilasouto, onde visitamos a arruinada igrexa de San Mamede (unha verdadeira lástima), de planta rectangular dividida en dous espazos por unhas columnas de granito de boa factura; e un petroglifo que estaba parcialmente cuberto polas augas do embalse.
Hospital de Incio. Relevo prerrománico En Hospital de Incio admiramos unha vez máis a igrexa de San Pedro Fiz, románica, edificada íntegramente en mármore azul do Incio. No seu interior hai un magnífico Cristo crucificado de estilo gótico, articulado, nun regular estado de conservación, e un pequeño relevo prerrománico datado no século VII. O edificio forma parte dun conxunto que ademáis está integrado por un campanario exento e o panteón da familia Quiroga, con fermosa fiestra gótica. Ao seu carón, un imponente castiñeiro considerado entre as árbores senlleiras de Galicia. Atopamos tamén varias celidonias, empregadas na nosa terra como remedio contra as verrugas.
Casa da aldea de Ferrería E como remate, visita da pequena aldea de Ferrería do Incio, que percorrimos con tranquilidade, camiñando por un paseo fluvial que nota o paso do tempo e a falta de mantemento, por mor da inacabada reforma do hotel que alí existia. En compañía da señora Aurora subimos ata a o balneario, a tomar a súa auga ferruxinosa e escoitar as interesantes historias que tiña que contar.
En definitiva unha viaxe moi ben aproveitada merecedora dunha maior asistencia.