Archiv für Juli 2011

OS TABULEIROS DE TOMAR

Mittwoch, 20. Juli 2011

Entre os días 8 e 10 de xullo tivo lugar a única xeira que este ano ten por destino o noso pais irmán de Portugal para disfrutar da afamada festa dos Tabuleiros, en Tomar, que se celebra cada catro anos.
Como saímos ás 8,00 horas da Coruña tivemos tempo dabondo para percorrer as rúas de Braga, unha das cidades máis agradables para pasear que un poida coñecer. Unha molesta e pertinaz choiva ía poñernos en certas dificultades. Comezamos coa visita da Sé, un edificio orixinalmente románico moi transformado en séculos posteriores. O máis sobranceiro son os dous órganos enfrontados, situados a ambos lados do balustre da tribuna, na entrada da nave maior. Braga. Caballerizas do Museo dos Biscainhos Saimos do templo a través dun patio que vai dar á Capela da Glória, para ver no exterior da cabeceira a escultura de Nossa Senhora do Leite. O chafariz, a capela dos Coimbras, a igrexa da Santa Cruz ou o barroca casa do Raio foron outros lugares aos que encamiñamos os nosos pasos. Moi perto desta última casa consérvase o único resto romano de Braga, a fonte do Idolo, con relevos escavados na rocha.
No restaurante Ben-Me-Quer agardaba por nós un excelente bacalhau á Bras.
Logo de xantar visitamos o Museo dos Biscainhos, que ocupa un palacio do século XVII cunha entrada cuberta moi teatral para permitir o acceso de carruaxes. O edificio ten moito máis interese nas dependencias máis humildes que nas máis nobles, cheas de mobiliario ás veces de dudoso gusto. O máis destacado do conxunto son as caballerizas, a cociña e os xardíns, cun impresionante tulipeiro de Virxinia cunha idade de 270 anos e un perímetro troncal de varios metros. Lástima da persistente borraxeira que impediu o disfrute dun agradable paseo polo xardín.
A continuación marchamos a Briteiros, onde a chuvia, outra vez! privounos da visita do xacemento castrexo ainda que si vimos o Museo da Cultura Castreja, situado 2 km. máis abaixo. Alí aprendimos da vida e miragres do arqueólogo Francisco Martins Sarmento, propietario do edificio, da man dun magnífico audiovisual e das explicacións dun guía moi ben documentado. Briteiros. Pedra formosa no Museo da Cultura Castreja Fascinante a figura de Martins Sarmento, descubridor da citania de Briteiros, que empregou nas súas pesquisas un avance da época que agora dalle máis valor ás súas aportacións: a fotografía, da que hai boas mostras. Na casa organizou Martins Sarmento o primeiro Congreso Arqueolóxico de Portugal e agochou ao escritor Camilo Castelo Branco, protagonista dunha romántica historia. Na parte baixa do museo hai pezas procedentes da escavación da citania de Briteiros que remata cunha sorpresa: está exposta a marabillosa Pedra Formosa que gardaba o Museo de Guimaraes.
Tivemos logo o tempo xusto para chegar a cear ao restaurante Don Pedro, en Coimbra.
O sábado desprazámonos ata Tomar, en compañía de María José Fernandes, a encantadora guía que xa tiveramos a ano anterior. En Tomar percorrimos as súas rúas decoradas con alfombras vexetais e adornos florais de papel e asistimos abraiados aos cortexos dos Tabuleiros que portan as mulleres acompañadas dunha parella masculina. Os Tabuleiros, que en español tradúcense como ?bandejas?, son en realidade unha especie de cestos con varias varillas nas que se ensartan pequenos panes entre os que se colocan adornos florais de papel de mil formas e cores, e ás veces espigas, mazorcas ou follas. Tomar. Moza portando un tabuleiro Miden o mesmo que a súa portadora, polo tanto en torno a 1,60 metros ou máis. Están rematados por unha coroa coa cruz dos templarios ou cunha pomba que representa ao Espíritu Santo. Os tabuleiros quedan expostos na mata (parque) ata o día seguinte en que desfilan todos xuntos.
Tomar ten dous edificios que hai que visitar, a sinagoga, construcción de pequenas dimensións e planta cuadrangular, cuia bóveda está sostida por catro columnas. Está chea de simbolismos e conserva un curioso sistema de amplificación de son, consistente na colocación de ánforas invertidas de barro a unha gran altura en cadansúa esquina.
O templo que coloca a Tomar na historia do arte, é o Convento de Cristo, declarado Patrimonio da Humanidade. O elemento de maior interese é a Charola románica, unha contrucción románica templaria, de planta octogonal, que segue o modelo da igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén. Tomar. Convento de Cristo. Charola románica Percorrimos todos os claustros (sete en total) e admiramos a famosísima Janela manuelina tantas veces reproducida. Paseamos pola terraza do claustro dos Filipes para disfrutar das mellores vistas do edificio e tamén entramos na antiga cociña ou no refectorio. Con todo, e dado o gran interese que ten o monumento quizáis debería estar mellor coidado porque transmite unha sensación de decadencia.
Tamén nos achegamos ata o acueducto dos Pegoes que moitas veces pasa inadvertido e ten moito que ver.
Esquecía o xantar, algo imperdonable, que tivo lugar no restaurante Chico Elías, que como xa contabamos resultou espectacular. Tomamos como entrantes unhas petingas ao forno(sardiñas), xudías con caracois e morcilla de arroz, e como pratos contundentes serviron cabrito asado e pato con migas.
Vila romana de Rabaçal O domingo tamén en compañía de María José Fernandes fomos ata Rabaçal, pequena poboación na que se sitúa unha vila romana de gran interese. No Museo vimos os extraordinarios mármores atopados na escavación, e fotografías dos magníficos mosaicos que conserva a vila. A visita ao xacemento resulta un tanto frustrante. Os restos arqueolóxicos están situados no medio dun olivar pero como carecen de cuberta, os mosaicos están ocultos cunha boa capa de terra. Só amosan un pequeño mosaico coa representación dunha das catro estacións. O problema é que a crise que afecta profundamente a Portugal fará que este tesouro teña que estar oculto durante varios anos.
Houbo tempo para mercar tamén algún dos afamados queixos do lugar feitos maioritariamente con leite de cabra, ainda que non teñen a calidade dos queixos de Azeitao, Serpa o da Serra da Estrela.
De volta a Coimbra, xantamos nunha terraza do restaurante ?A Portuguesa?, á beira do río Mondego. Un lugar moi agradable, xa coñecido, ben servido, no que disfrutamos dun exquisito salmón á grella.
Coimbra. Criptopórtico do Museo Machado de Castro Pola tarde e antes de voltar á nosa cidade visitamos o criptopórtico romano do Museo Nacional Machado de Castro, que logo de cinco anos de reforma todavía ten pechada a súa colección permanente. O impresionante criptopórtico formado por unha sucesión de galerías non é outra cousa que a base do foro da antiga cidade romana de Aeminium. Os habitantes da veciña cidade romana de Conínmbriga cando as invasións suevas abandoaron aquela e foron vivir a Aeminium, que curiosamente despois quedou transformada en Coimbra.
Vimos exteriormente a Sé Velha, un magnífico edificio románico con aspecto de fortaleza. A súa portada carece de representacións humanas pois parece que foi esculpida por artistas musulmáns.
E como remate, na viaxe de volta detivémonos de Valença do Minho onde houbo intereses diversos, algúns optaron polas compras, outros por percorrer o recinto amurallado.

SARDIÑAS E MUSEOS

Dienstag, 19. Juli 2011

O pasado 25 de xuño celebramos a nosa tradicional xuntanza gastronómica de verán. Asando sardiñas no restaurante A Lagoa, en Vimianzo Como non podía ser doutro xeito tomamos unha chea de sardiñas no restaurante ?A Lagoa?, situado á entrada de Vimianzo. Son uns verdadeiros mestres na arte de asar este peixe que disfrutamos de pe, ao aire libre e sobre un pan de inesquecible textura e sabor. Unha pena que fixese calor de máis.
Pero como non todo vai ser comer, antes e despois da paparota aproveitamos para coñecer algúns pequenos museos da comarca de Bergantiños.Centro de Interpretación dos Muiños de Auga, en Golmar
Principiamos a xornada coa visita ao Centro de Interpretación dos Muiños de Auga, en Golmar, concello da Laracha. Ocupa a antiga casa rectoral, de fermosa arquitectura, moi ben restaurada. O seu contido sen embargo, resulta algo escaso, a pesares do entusiasmo da guía. Habería que completar os paneis explicativos coa exposición de algúns obxectos ou maquetas. Só se pode ver unha pedra de moer co seu rodicio. Hai tamén imaxes do mosteiro de Soandres.
A continuación fomos ata Carballo, que estaba en festas, para ver o Museo de Bergantiños. Tamén neste caso recuperouse un edificio antigo para darlle un novo uso. O museo ocupa o antigo cárcere da vila, e conserva como elementos máis destacados do seu primitivo uso, unha capeliña e unha recia porta que daba paso a un habitáculo onde encerraban aos presos. Museo de Bergantiños. Porta do antigo cárcere Arredor dun patio onde hai uns paneis coa historia da compañía de trolebús Coruña-Carballo, distribuénse distintos espazos pezas e paneis que falan da natureza, da xeoloxía, da fauna, do agro ou da pesca da bisbarra.
Logo de xantar achegámonos ata Laxe. No camiño vimos as a solaina do pazo de Trasariz, en Vimianzo ou as os penedos de Pasarela. Na antiga casa-cuartel da Garda Civil vimos o recentemente inaugurado Museo de Mar. A visita máis interesante da xornada. O museo ten un total de catro plantas. Na planta baixa hai diferentes paneis coa semblanza dos máis destacados persoeiros da vila, como Antón Zapata ou Pedro Froilaz de Traba, e sobre todo o xeólogo Isidro Parga Pondal, do que se expoñen nas vitrinas algúns libros. Nunha pantalla de televisión proxéctanse imaxes antigas de Laxe feitas por Plácido e José Vidal. Na primeira planta hai unha magnífica maqueta de grandes dimensións que amosa os principais accidentes xeográficos da municipio, como a praia de Soesto, a lagoa e os penedos de Traba, ou as antigas minas de caolín. Tamén reprodúcese o mapa xeolóxico de Galicia feito por Parga Pondal. p1180274 A segunda planta está dedicada ao mundo da pesca, con explicacións da arte de xávega, e aos naufraxios con vídeos e maquetas, entre as que destaca a do buque Adelaide que naufragou na praia, ou a dunha fábrica de salazón. No baixo cuberta hai unha boa colección de imaxes do fondo de Plácido e José Vidal, así como vellas cámaras e outros materiais fotográficos.
En Laxe visitamos tamén a igrexa de Santa María da Atalaia, de estilo oxival galego, cun extraordinario frixo pétreo no muro da cabeceira da capela maior, que representa a Resurrección de Cristo e lembra ao retablo pétreo da igrexa de Santa María de Gracia, en Monterrei, Ourense.
Casa-museo de Asunción Antelo, en Segufe. A xeira rematou coa visita da casa-museo de Asunción Antelo, unha muller autodidacta que vive na aldea de Segufe, con concello de Coristanco. Atopábase enferma polo que non foi posible saludala pero da man do seu irmán admiramos a súa primorosa obra en barro e madeira, chea de inxenuidade e enxebrismo. Os últimos anos foi obxecto da atención dos medios e das visitas de escolares que veñen a admirar o seu traballo. Longa vida á Rexoubeira de Bergantiños, autora tamén de dous libros de poemas.