Archiv für September 2011

PETRÓGLIFOS E AUGA EN CAMPO LAMEIRO

Donnerstag, 29. September 2011

O pasado día 3 de setembro celebramos unha das xeiras máis esperadas do ano. Pancho Gallego organizou unha visita nocturna ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
perdecanaiComo aperitivo levounos ata Perdecanai, no concello de Barro, para ver e sorprendernos cunha impresionante formación rochosa, que en certa medida lembraba ás mais coñecidas Penas de Rodas. Daba gusto tamén ver os viñedos e probar algunha uva dunha dozura moi sabrosa.
O pasado ano xa estivéramos en Campo Lameiro, visitando as instalacións, da man do man do seu director Manolo Rey e agora vimos o resultado. O edificio está moi ben integrado na paisaxe ainda que poida ser discutible o seu material construtivo. A exposición resulta moi atrainte, con moitos elementos interactivos. Especialmente interesantes resultan as antigas fotografías do arqueólogo Sobrino Buhigas, a réplica da Laxe das Ferraduras e o impactante audiovisual que remata a exposición, que sustenta a teoría de que moitos dos deseños dos petróglifos galegos sexan consecuencia da inxesta de plantas alucinóxenas.
A cea gozou de boa aceptación pois tanto o polbo como os paspallás estaban moi ben preparados. Lástima que en ese momento comezou a chover o que dificultou moitísimo a visita nocturna que principiou ás 23,00 horas. Laxe dos Carballos Visitamos as tres estacións máis representativas: a Laxe da Forneiriña, a Laxe dos Carballos, cun fermosísimo cervo, e o Outeiro dos Cogoludos. A visión con luz artificial resulta moi efectiva pero unha noite como a padecida pode facer que moitos perdan interese.
Rematamos no reconstruido poboado no que se recrean dúas cabanas feitas de pallabarro por artesáns marroquinos e teitadas con xesta colocada por asturianos. Na máis grande tomamos un hidromiel e asistimos a unha representacion teatralizada da vida da aldea.
Unha experiencia a repetir a pesar de que cando chegamos á Coruña eran máis das tres da mañá.