Archiv für November 2011

O SEGREDO MELLOR GARDADO DE GALICIA

Montag, 21. November 2011

O pasado día 19 de Novembro fixemos unha xeira polas terras da Golada, na provincia de Pontevedra, co obxectivo principal de admirar o interior da igrexa de San Xulián de Ventosa. San Xulián de Ventosa. Sepulcro Este sinxelo templo rural de estilo románico, de comezos do século XIII, acolle no seu interior un excepcional conxunto escultórico: o sepulcro do abade Lope de Ventosa e un baldaquín desmontado e colocado en ambas paredes da nave da igrexa. O sepulcro, no muro sur, ten unha disposición verdadeiramente orixinal: o abade está representando dúas veces, na tapa do sartego e no fronte, feito que resulta bastante estrano. Na súa iconografía destacan dúas figuras: os putti, pequenos anxos ou querubins, e sobre todo, oito green man, cabezas que botan ramas e follas pola boca, representativas da resurrección de Cristo, da fertilidade ou da primavera. Trátase dun motivo iconográfico pagano moi habitual nas illas Británicas. Nas arquivoltas hai toda unha representación de animais fantásticos e árbores.
Santa María de Ventosa. Baldaquín desmontado O baldaquín, do século XVI, ao igual que o sepulcro, mantén unha fermosa policromía e presenta diversas esceas bíblicas, como a creación de Adán, a expulsión do Paraíso ou unha Epifanía. Hai incluso nove anxos músicos que tocan laúdes, cítaras, ou salterios.
Por se isto parece pouco hai tamén pintura mural do século XVI nas que están representadas a Flaxelación de Cristo, un San Cristobalón e unha Piedade.
Santa María de Mezonzo Previamente visitamos a igrexa románica de Santa María de Mezonzo, no concello de Vilasantar, que presenta unha estampa moi armoniosa, na que destacan as tres ábsidas da súa cabeceira. Presenta unha nidia influencia do estilo compostelán.
A continuación paseamos polo conxunto etnográfico dos Pendellos da Golada, o antigo recinto feiral do século XVIII, totalmente restaurado pola Xunta de Galicia. É un milagre que chegase ata os nosos días. O que precisa agora é que non quede únicamente como un recinto digno de ser visto senón que se transforme en algo vivo, recuperando as feiras tradicionais, a artesanía en vivo, ou que se instalen nel tendas de productos da terra, algún establecemento de hostelería, unha oficina de turismo ou un albergue que revitalicen o espazo.
San Miguel de Goiás. Estatua do abade don Amaro GundínTamén achegámonos ata a igrexa de San Miguel de Goiás, no concello de Lalín, un templo románico bastante transformado polo engadido de dúas capelas renacentistas. Unha delas é a capela funeraria dos Salgado, coa estatua orante do abade Amaro Gundín Salgado, con bigote e todo. Hai tamén no interior da igrexa un fermoso sepulcro dun cabaleiro.
Xantamos no pazo de Eidián, que abriron para nós, un lugar magnífico para descansar, nunha aldea moi tranquila. A arquitectura foi moi ben rehabilitada, e goza dun patio interior dende o que se accede ás habitacións e a outras dependenzas. Exteriormente presenta un gran portal de acceso e un aspecto moi recollido, con vanos moi pequenos, lembranza do seu uso como casa de postas durante a primeira Guerra Carlista. Por certo, esquecía mencionar o menú: empanada, pementos de piquillo recheos, merluza en salsa, tarta de crema de oruxo.
Toques. Igrexa de Santa María da Capela Pola tarde visitamos dous lugares. En primeiro termo a igrexa de Santa María da Capela, coñecida tamén como San Antoiño de Toques; trátase dun edificio románico premateano, anterior á influencia do Mestre Mateo na arte galega, con algúns elementos decorativos moi interesantes (modillóns, arquiños lombardos) na súa ábsida rectangular. Está levantada nun entorno de gran fermosura e ao seu carón conservánse os restos dunha antiga fábrica de puntas que ocupaba os edificios monasteriais abandoados trala desamortización.
E como remate da xornada fomos ata o Museo da Terra de Melide, que ocupa o antigo Hospital de peregrinos do Sancti Spiritus. Ten un contido moi heteroxéneo que inclúe restos arqueolóxicos do Megalitismo ou do mundo castrexo, así como mostras de oficios tradicionais da zona: xastres, carpinteiros, ferreiros, etc.

O AMIGO AMERICANO

Sonntag, 20. November 2011

Durante o inverno do ano 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax percorreu Galicia rexistrando e grabando música tradicional e popular. O seu traballo é asombroso pois durante ese ano e o seguinte realiza grabacións en case todos os lugares de España: Baleares, Aragón, Pais Vasco, Navarra, León, Asturias, Santander, Cataluña, Extremadura, Andalucía, Castilla-La Mancha, Valencia… que plasmaría despois nun total de 14 discos baixo o epígrafe “Spanish recordings”. Pero o seu labor ao longo da súa vida levouno a rexistrar música tradicional de países tan dispares como Haití, Estados Unidos, Irlanda, Escocia, Inglaterra, Italia, Rumanía, Marruecos, India, Unión Soviética… convertindose deste xeito no maior recopilador de música popular do século XX.
Hai outra faceta complementaria ao seu traballo como etnomusicólogo, a fotografía. Capa do CD de Alan Lomax adicado a Galicia Alan Lomax levaba sempre nas súas viaxes unha cámara fotográfica Leica e facía un gran número de fotografías. Algunhas comunidades españolas recuperaron xa eses arquivos editando libros con esas imaxes. No caso galego desexariamos tamén ter a posibilidade de ver publicado ese arquivo. Na internet é posible ver varias fotografías das que realizou en Galicia. Curiosamente o CD editado coa música rexistrada en Galicia só inclue unha fotografía orixinal de Lomax, a da capa da edición. As imaxes que aparecen no cuadernillo interior non son del. ¿incrible non?