Archiv für Dezember 2011

TEMPO DE NADAL

Samstag, 31. Dezember 2011

Como xa é tradicional, a nosa derradeira xeira do ano ten como excusa a visita dalgún belén navideño. La Caridad. Belén Popular Asturiano O día 17 de decembro foi cando celebramos esta viaxe, na que comezamos na vila asturiana de La Caridad, visitando o Belén Popular Navideño, unha encantadora instalación na que ademáis do misterio do Nadal, amósase unha auténtica mostra etnográfica, con representacións dos máis típicos oficios de Asturias, con pequenas figuras en movemento. Ten un valor engadido na decoración da paisaxe que toma elementos dos arredores. A continuación fomos ata San Martiño de Mondoñedo, no concello de Foz, unha espléndida igrexa románica, na que admirados os seus espléndidos capiteis, o marabilloso frontal pétreo e as magníficas pinturas románicas descubertas nos últimos anos. Sen embargo, aquí sufrimos o noso primeiro percance do día, pois unha das participantes sufriu unha caida, e como consecuencia dela fracturou un dos pulsos e houbo que achegala ao Hospital de Burela.San Martiño de Mondoñedo. Pinturas románicas
Xantamos nun clásico do turismo rural galego, o pazo O Almacén, en Cervo, onde saboreamos unha extraordinaria paella preparada nun so recipiente para os corenta participantes. Cando saimos descubrimos con desagrado como unha furgoneta levou por diante unha das luces traseiras do noso autobús, así que houbo que empregar un tempo en cubrir o correspondente parte.
Pola tarde, e tamén dentro do concello de Cervo, fomos ata o Museo Histórico de Sargadelos, que ocupa a Casa da Administración do antigo compelxo fabril e o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, no que están expostas maquetas de barcos, artes de pesca, esqueletos de balea e unha impresionante colección fotográfica de barcos de pesca.
A nosa xeira rematou na igrexa de San Miguel da Rigueira, no concello de Xove, onde instalan dende hai 24 anos un nacemento, ainda que neste caso de feitura clásica.

A Epifanía do tímpano da Igrexa de Santo Domingo.

Freitag, 23. Dezember 2011

Este artigo de Cándido Rico foi publicado no Boletín da Asociación.

Tímpano de Santo Domingo

Tímpano de Santo Domingo

Como xa dixéramos noutro artigo, nas casamatas do patio do Museo Arqueolóxico da Coruña atopámonos con moitos restos de elementos arquitectónicos medievais, procedentes das igrexas de Santa Catalina de Montefaro (Ares), e das igrexas coruñesas de Santo Domingo e San Francisco.
Imos a fixarnos esta vez nunha representación da Epifanía nunha pedra de gra que probablemente pertenceu ao tímpano da citada igrexa coruñesa, dato que xa apuntaba A. del Castillo no 1958 e que parecen corroborar os estudosos posteriores.
Recordemos que este primitivo convento foi fundado fora das murallas, no Campo da Estrada, cerca da Porta de Aires, a finais do século XIII e destruído no 1589 no sitio dos ingleses capitaneados por Drake. O feito de queimarse o seu arquivo dificulta o seu estudio. Posteriormente reconstrúese dentro das murallas no lugar actual.
Tímpano de Santo Domingo

Tímpano de Santo Domingo

A peza que nos ocupa é una luneta de forma oxival, moi erosionada, aínda que polo relevo que conserva, debeu ser de boa factura. Fáltalle un bo anaco da súa parte inferior esquerda que corresponde os Magos, e a esquina inferior dereita está desprendida e ten rotas as figuras polo que non poden identificarse.
San Pedro de Huesca

Tímpano de San Pedro de Huesca

A Virxe está lixeiramente descentrada no tímpano, seguramente para compensar que hai mais figuras a súa dereita que a súa esquerda e represéntase coroada e sedente, co Neno Xesús sentado na perna esquerda e lixeiramente ladeado, probablemente bendicindo coa man dereita e cun libro na esquerda aínda que hoxe no se poida apreciar. Nun primeiro plano, un rei (Melchor) levanta un bote de ofrenda, e detrás Gaspar cun bote similar nunha man, levanta a outra sinalando algo co índice (1) e ten a cabeza xirada cara a Baltasar, como si lle estivese falando. Este último rei tamén leva outro bote nas mans.
Respecto ao relevo que estaría a esquerda da Virxe, podería ser San Xosé como en moitas representacións de Epifanías. A Doutora Manso suxire que o feito de aparecen Gaspar e Baltasar en actitude de diálogo e Melchor axeonllado, axústase a modelos betanceiros, polo que por similitude podería tratarse dunha Anunciación, como no caso de Santa María do Azogue, ou Santo Domingo, da mesma forma que en San Francisco de Betanzos aparece a figura deste santo.
A Epifanía ou Adoración dos Magos descríbese nunha pasaxe do Evanxeo de San Máteo: ??uns magos viñeron do Oriente a Xerusalén? di sinxelamente o Evanxeo acerca destes ilustres visitantes, e nin siquera di que foran tres os que ?…seguindo unha estrela chegan desde Oriente para adorar ao Neno Xesús?. E narra que ?…postrados, ofrecéronlle presentes de ouro, incenso e mirra?. Posteriores relatos apócrifos e narracións populares adornan e enxoian as lendas sobre estes misteriosos persoeiros.
Tímpano de Cines (Oza dos Rios)

Tímpano de Cines (Oza dos Rios)

A Epifanía represéntase no Occidente segundo dous modelos iconográficos, un transmitido a través da arte carolinxia, no que se presenta a Virxe sentada de perfil co Neno no colo e este tendendo a man aos Reis que se representan en fila ofrecendo os seus presentes. É o caso do marabilloso tímpano da porta Sur da Igrexa de San Pedro o Vello en Huesca, que da acceso ao claustro. Segundo algúns autores, tamén o francés E.Mâle (L””art religieux du XIIe. siècle en France, París, 1922. páx. 140), este tímpano é a primeira representación deste asunto no románico. O outro modelo chega a Occidente a través de manuscritos de Siria e Palestina, representando a Virxe de fronte, sentada nun trono. E a partires de finais do século XII, a representación evoluciona a formas mais complexas nas que os Magos teñen distintas actitudes, presentándose o primeiro de xeonllos, namentres o segundo se dirixe ao terceiro ensinándolle a estrela. A Virxe, entronada e coroada sempre. Esta é a representación que encontramos en decenas de igrexas galegas da época gótica como a do caso que nos ocupa. Incluso hai quen afirma medio en serio, medio en broma, que despois das Ánimas, a Epifanía é a representación relixiosa que mais nos gusta aos galegos.

Santa Maria do Azogue (Betanzos)

Santa Maria do Azogue (Betanzos)

(1) Manso di que o rei Gaspar sinala o Neno Xesús; non o creo así. Dende o románico represéntase a Gaspar sinalando a estrela que guiou aos Magos e non podemos descartar que houbera unha estrela na parte alta do tímpano como en San Nicolás de Cines, e aínda que non a houbese como é o caso nas dúas igrexas de Betanzos, Santa María do Azogue e San Francisco, claramente a man de Gaspar apunta para a parte alta do tímpano.

Bibliografía:
BEIGBEDER, Olivier. 1989. Léxico de los símbolos. Volume 15 da serie Europa Románica. Ediciones Encuentro, Madrid.
CASTILLO, Angel del. 1958. La escena de la Epifanía en las portadas medievais de Galicia. La Voz de Galicia nº 730, Xaneiro do 1958. A Coruña.
CASTILLO, Angel del. 1987. Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.
MANSO PORTO, Carmen. 1990. El Convento de Santo Domingo de La Coruña. Anuario Brigantino nº 13.
VALES VILLAMARIN, Francisco. Notas arqueológicas. Tímpanos con el tema de la Adoración de los Reyes en templos de la comarca betancera.
V.V.A.A. 2005. Poder y seducción de la imagen románica. Fundación Santa María la Real.