Archiv für Januar 2012

UN CURIOSO DEBUXO DA TORRE DE HERCULES

Sonntag, 29. Januar 2012

Nas Memorias del Arzobispado de Santiago, escritas polo cardeal Jerónimo del Hoyo aparece este curioso debuxo da torre de Hércules. A torre de Hércules vista por Jerónimo del Hoyo Na súa parte superior figura o texto “enuna peña muy grande questa al pie de la dh torre la qual tiene la perspectiva siguiente y las letras son la que se ponen al pie della”. No recuadro aparece o seguinte texto “MARTI: AVG.SACR: C: SEVIVS. LVPVS. ARCHITECTVS. AF //// NIENSIS. LVSITANVS. ESVI.”
E por último na parte inferior do debuxo figura o texto “eneste letrero faltan dos letras en la parte questan las quatro vayas las quales letras se gastaron con el tiempo”.
A representación non parece moi fiel sobre todo polo estilizado que está o debuxo pero non deixa de ser unha aportación sorprendente.

O “ATLANTIC HOTEL” (1923-1967), LUXO PROVINCIANO NOS ANOS VINTE (1ª parte)

Samstag, 28. Januar 2012

Este artigo do arquitecto Miguel Silva Suárez foi publicado no boletín nº 4 en decembro do ano 2002.

Estaba situado no actual emprazamento do Hotel NH Atlántico no Paseo de Méndez Núñez, onde antes estivo situado o ?Salón Cinema Coruña?.
A longa e accidentada historia do Atlantic Hotel deu comezo o día 14 de novembro de 1908, data na que os propietarios dos kioskos números 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 se dirixen ao Concello da Coruña, solicitando a concesión de permiso para continuar explotando por un prazo de dez anos os kioskos que tiñan instalados na Carreira Sur do Paseo de Méndez Núñez.
O día 23 de marzo de 1912 o concesionario dun dos ditos kioscos de madeira -o número 8- D. Abelardo Fajardo solicita a concesión de permiso para a reforma e ampliación da devandita construción provisional, acompañando dous planos de fachadas e planta a escala 1/50 subscritas polo arquitecto Antonio López Hernández, que son informados polo arquitecto municipal Ricardo Boán Callejas o 26 de marzo, logo pola Comisión de Paseos e, por último, de novo, en 6 de abril de 1912 polo arquitecto municipal, tras as correccións sinaladas nos informes anteriores.
Vista da Coruña co hotel Atlantic no lado esquerdo da imaxe e o edifico da Terraza no lado dereitoA historia administrativa do edificio do que se está a tratar non rexistra novidades ata o 30 de novembro de 1919, data en que D. José Casal Juncosa pide ao Concello que non declarase caducada en 31 de decembro dese ano a concesión da explotación da construción do kiosko do ?Cinema Salón Coruña? xa que se propón reformar a construción de que é propietario levando a cab o na mesma obras de fermoseamento para o que as obras que trata de facer as exporá no correspondente proxecto arquitectónico á oportuna sanción municipal. Con este fin presentará un proxecto composto de memoria mecanografiada en dous folios datada o día 22 de xaneiro de 1919 e un plano de alzado e planta denominado ?Croquis de reforma del kiosko ?Cinema Coruña?, asinado o 24 de xaneiro, ambos documentos están subscritos polo arquitecto coruñés Leoncio Bescansa Casares (autor entre outras coñecidas obras do Hospital e as Escolas Labaca). Dito ?Croquis? ou esbozo se desenvolve con un novo proxecto en agosto do mesmo ano (1919), subscrito esta vez por outro arquitecto, Antonio de Mesa, que presenta memoria mecanografiada e un plano orixinal debuxado a prumiña e tinta negra a escala 1/100 e unha planta a escala moi pequena (1/200).
Hotel AtlanticA dita documentación arquitectónica D. José Casal Juncosa, o propietario-concesionario acompaña instancia solicitando o 18 de agosto de 1919 a aceptación do anteproxecto que se xuntaba, e obrigándose a presentar o proxecto completo no seu día e suplicando a concesión da mesma prórroga e en iguais condicións que a outorgada aos propietarios dos demáis kioscos (o ?Alfonso?, ?A Terraza? e o kiosco número 7). Lembremos que D. José Casal era o propietario dos antigos kioskos números 1, 2 e 3, sobre os que se construiría o ?Salón Cinema Coruña?.
O día 31 de decembro de 1919, D. Francisco Silva Leira (mestre de obras ou construtor, avó paterno de quen esto escribe), por encargo do Sr. Casal Juncosa dirixe unha instancia mecanografiada ao Concello da Coruña solicitando a aprobación dos planos que se acompañan á mesma nos que por primeira vez aparece xa exposto un novo tipo de edificio, diferente xa ao primitivo cinema ou os elementais kioskos de venta de refrixerios. Trátase dun edificio para servizos de hostalería moi completos, cunha distribución de locais e usos que de seguido se sinalan: Café e restaurant, salóns de recreo, fotografía, baños públicos, bars (sic), limpeza de calzado, continental exprés (?), teléfono público e outros servizos análogos, instalando as cociñas, almacéns, caldeiras de calefacción, maquinaria frigorífica, etc., na planta de soto segundo se especificaba na memoria e planos que se acompañaban.
Este edificio levaríase a cabo nos terreos que ocupaba no Paseo de Méndez Núñez o ?Cinema Salón Coruña? que sería reedificado. De conformidade con esto o proxecto chamábase Proxecto de reconstrución total do Kiosko ?Cinema Coruña?.
Os planos das plantas proporcionan unha información gráfica bastante polo miúdo dos diferentes locais e usos a que ían a ser destinados, completando os enumerados na instancia asinada polo construtor Silva Leira en representación do propietario. Vista do hotel Atlantic desde os xardíns
Así representábase a escala 1/200 a Planta de Soto, na que se instalarían a Cociña, Calefacción, Almacén, Despensa, Vaixela, efectos de limpeza, Corredores, Adega e Cámara Frigorífica. Na Planta Baixa: Café con mostrador e andeis, ?Emigrant Bar? (?) cos seus retretes e anterretretes, e Restaurant, cunha superficie cuberta de 551,50 metros cadrados. Na Planta Principal (ou primeira): Comedor con terraza, Billares, Café, Comedores, Cuartos de Baños con locais para a servidume e Perruquería. Na Planta Segunda: Sala de Tresillo, Mozos, paso con terrazas e almacéns nas extremas do edificio.
Como se pode ver, o programa de necesidades desenvolvido neste proxecto aproxímase dun xeito moi concreto a unha zona de servizos comúns ou xerais dun establecemento hoteleiro, dotado de certa complexidade na súa organización. Tamén a forma que se desprende destas funcións e os volumes correspondentes coa súa disposición en liña abeirouse ao que nun ou dous anos máis tarde será o proxecto inicial da construción e que logo se destinará a hotel.
A Comisión de Xardíns e Paseos do Concello en informe de data 15 de xaneiro de 1920 rexeita este proxecto xa que: ?Dada a magnitude da obra que trátase de levar a cabo e da importancia que quere e débese de dar á nova construción polo sitio en que ha de emprazarse os subscribintes teñen que declarar que o proxecto presentado non os satisface a xulgar polos planos que se acompañan, porque non respostan ao que a comisión de Paseos esperaba, nin ainda sequera aproxímase en suntuosidade ao anteproxecto que se presentara no pasado mes de agosto.
Por estas razóns e tendo en conta que o mesmo peticionario na súa precedente solicitude amósase disposto a refacer e mellorar os planos presentados co que implícitamente recoñece de antemán que non había de satisfacer os anceios do Concello, propón que se devolva a D. José Casal Juncosa ou ao seu encargado D. Francisco Silva os planos que acompañaban á súa instancia de 31 de decembro último, concedéndolle como último e improrrogable prazo ata o día 29 de xaneiro próximo para presentar outros novos que mellores ampla e cumpridamente as condicións de ornamentación da obra que se proxecta xa que así o require a especial situación que deberá ocupar.?
D. José C. Juncosa resposta a este escrito, a pouco de rematar xa o prazo concedido, é dicir, o 28 de febreiro de 1920, data na que por medio dun extenso documento expón, entre outras cousas que:
?Co empeño de satisfacer plenamente os nobres desexos da Excma. Corporación e devecendo contribuir, na medida das miñas forzas, o embelecemento da nosa querida cidade, non vacilei en facer un grande sacrificio pecuniario que fose, á vez que proba do meu bo desexo, garantía de acerto para quen teñen que dar co seu voto, o permiso para a construción do novo kiosko. A este fin, e ao mesmo tempo que encomendaba o estudio de novos e máis amplos planos ao mesmo Sr. Arquitecto autor dos primeiros, encarguei igual labor a un notable arquitecto residente en Madrid, Don Luciano Delage Villegas, das cales dotes artísticas tivo o subscribinte máis dunha ocasión que apreciar.
Interior do hotel Atlantic O resultado deste duplo valor é o que hoxe entrego o Excmo. Concello para que elixa o plano que no seu elevado criterio xulgue máis axeitado para o maior embelecemento do Paseo de Méndez Núñez, e na seguridade de que haberá de apreciar o sacrificio feito e darlle ao que subscribe todas as facilidades que necesita para levar á práctica unha obra de tanta importancia.
Nada hai que dicir do proxecto asinado polo Sr. Mesa, xa que no que se refire aos servizos e a súa distribución xa queda dito na instancia presentada co primeiro proxecto. O proxecto do Sr. Delage Villegas, dunha meirande grandiosidade permite pola súa estructura, unha maior amplitude nos servizos e unha más confortable instalación, sequera por esto mesmo, esixe unha ornamentación interior moito máis rica e minuciosa. Os servizos de café, bar, restaurante, salóns de recreo, cuartos de baño e gabinete fotográfico, permiten engadir ao novo proxecto ?pola comunicación que establecen entre eles as terrazas das torres e a construción da gran ?veranda? posterior- a instalación de verdadeiros xardíns aéreos de indubidable beleza e de innegable atractivo para os veraneantes que veñen á Coruña ansiosos de se deleitar da vista do mar. Permite tamén o novo proxecto coa construción do seu sobrio templete central darlle ao salón do centro condicións de altura e de ornamentación que os modernos grandes transatlánticos teñen para recreo dos seus pasaxeiros. E a instalación das torres extremas ?sobre carreiras transversais do Paseo- permitirán o establecemento dos ?american bars? tan correntes en todas as poboacións de verán e tan cómodos para o servizo dos transeúntes. Todo esto require ?insisto en recordalo- unha ornamentación que sobrepasa en moito os cálculos que o subscribinte tiña feito para a reconstrución do Kiosko Cinema Coruña. O Salón Central, por exemplo xa no poder ser dotado cos usuais motivos decorativos de tipo industrial. Necesítase un mobiliario de ricas madeiras e a talla e os motivos de bronce artístico teñen que ser base do decorado dunha sala das que dimensións e arquitectura máis son de Gran Casino que dun kiosko de recreo. Esta obrigada riqueza do corpo central leva inevitablemente aparellada a maior confortabilidade dos demais servizos do edificio, e dende os ascensores, que teñen que ser de luxo, ata a instalación de luz, que chega á iluminación do coroamento das torres, todo ten que aumentar de riqueza para ser digno dun edificio do que a traza arquitectónica sae tan notoriamente dos moldes correntes.?
Fagamos agora un alto no estudio da documentación administrativa e técnica de que se dispón na actualidade, e adiantemos algunhas conclusións sobre o ata aquí exposto.
A serie histórica analizada amósanos que dende o ano 1912 ata o 1920 documéntase a intervención sucesiva de varios arquitectos: Leoncio Bescansa Casares, Antonio de Mesa ?con domicilio profesional na Coruña- e ao cabo Luciano Delage Villegas que exercía en Madrid e que será o que remate por redactar o proxecto definitivo no que se basearía a construción do Atlantic Hotel.
Hotel Atlantic Así mesmo os diferentes arquitectos van facendo distintas propostas funcionais e formais que van dende a ampliación e reforma dos iniciais e provisionais kioskos números 1, 2 e 3 de Paseo de Méndez Núñez, á reforma do ?Cinema Coruña?, logo a reconstrución total do dito edificio, para rematar nunha proposta dun novo edificio de servizos de lecer, que daría lugar máis tarde ?como se verá- a un hotel de luxo na zona máis céntrica e á beira do mar da cidade.
Seguindo co escrito de exposición e petición do concesionario Sr. Casal Juncosa sinalarei que no mesmo se avalía a inversión necesaria para a construción, decorado e mobiliario do edificio na entón importantísima cantidade de ?máis de medio millón de pesetas?, en base ao que solicita unha concesión moito máis ampla dos 20 anos que se outorgaban entón aos outros edificios análogos existentes no mesmo Paseo de Méndez Núñez co obxecto de amortizar tan cuantioso desembolso do capital inicial para o negocio proposto. Pide ao Concello un prazo de concesión de 99 anos e a condonación do canon anual durante todo o tempo que duren as obras e ata que o edificio sexa aberto ao público (e comece a amortizarse e producir rendementos).
Remata así o seu pedimento: ?Entende o que subscribe que son razoables as súas peticións, xa que a pouco que se calcule o costo das obras e as dificultades da explotación, e sobre de todo, se se pensa na posibilidade de que sexa usada a zona mellor urbanizada de A Coruña cunha espléndida construción, seguramente a Corporación haberá de acceder ás pretensión que quedan indicadas. Pode, pois, o Excmo. Concello optar polo plano que mellor lle prazca dos que ofrezo a súa sempre acertada elección, calquera deles pode satisfacer os desexos do máis esixente, e ambos requiren gastos de consideración, máis á espera que decida ao seu gusto a Excma. Corporación, o subscribinte espera tamén que ela aprecie todos os sacrificios que significa a realización do proxecto que sexa elixido e lle outorgue xa que logo, a concesión nas condicións de que se fixo mención.?
O proxecto do arquitecto madrileño Delage Villegas denominado igual que o de Antonio de Mesa: Proxecto de Kiosko: Reconstrución total do Cinema-Coruña?, datado o 25 de febreiro de 1920 consta de tres planos: No plano número 1, debuxábase o alzado de fronte do denominado kiosko; no número 2, o alzado ou fachada lateral e no número 3, as plantas do edificio e a sección do soto co sistema de impermeabilización do mesmo. As plantas debuxadas representan claramente a distribución e a situación dos distintos servizos.
Na Memoria deste Proxecto sinálase que o Kiosko se destina a café e restorant, nel instalarase ademais un bar en ferradura, cuarto de baño, etc., e nunha das terrazas unha pequena galería fotográfica.
Como vemos, a composición e distribución en planta dos diversos locais e moi parecida á do outro proxecto, redactado por Antonio de Mesa, sen dúbida obedecendo ambos a un mesmo programa de necesidades facilitado polo concesionario e co obxecto de seren presentados os dous ao mesmo tempo á elección e aprobación municipal, sen embargo existen algunhas diferenzas entre eles, polo que de seguido faremos constar a descrición feita na memoria do traballo de Delage. Así relaciónase que no soto ocupará o espazo central a cociña, as caldeiras de calefacción, a carboeira e dous fregadeiros. En dúas das súas esquinas irán os montacargas que corren verticalmente en toda a altura do corpo central ata rematar na terraza superior co fin de facilitar o servizo de café e de restorant nos diversos departamentos destinados a eses obxectos. Unha das alas, á da dereita, estaba destinada a adega e a súa extrema se construirá a cámara frigorífica provista dunha instalación de compresor que sería utilizada para producir xeo artificial e tamén dunha neveira para almacenar un reposto destes elementos. A outra ala destinouse a despensa e almacén e levaría na súa extrema unha estación de reserva produtora de enerxía eléctrica para poder atender ao servizo de alumeado do edificio e a forza motriz para o compresor e montacargas e para o ventilador e aspirador que se instalarían próximos ao grupo electróxeno. (Vemos que proxectábase un aparello de xeración eléctrica para acadar unha continuidade de subministración no caso de problemas na rede distribuidora xeral, como hoxe é obrigado en edificios públicos, pero que puidera ser neste caso que fora a primeira vez que se facía na Coruña nun edificio deste tipo).
Ordinariamente ?sinalaba Delage- faríase uso da corrente producida polas fábricas de enerxía eléctrica que dan servizo á poboación, pero queríase ter recursos propios para producir a electricidade necesaria independente cando por calquera causa puidera ser necesario.
Na planta baixa se instalarán no corpo central o mostrador, e sobre el o palco da orquestra e o resto deste corpo central e as dúas alas se destinarían a café. Nas extremas un par de ?Water-Closets? con ventilación directa ás fachadas.
A planta principal levaría un salón ocupando o corpo central e máis dous departamentos destinados a café en ámbalas dúas alas. Ás extremas destas se instalarían na da esquerda cinco cuartos de baño e un departamento dedicado a tocador de donas. Correspondéndose verticalmente cos da planta baixa instalaríanse catro ?Water-Closets? para o servizo deste piso. Esta planta se ensancharía por medio dunha ampla ?veranda? (xeito de terraza independente apegada ao edificio) que iría apoiada sobre columnas no exterior.
Na planta segunda o corpo central estaría destinado a salón e as alas serían dúas terrazas descubertas nas que nas súas extremas instalaríase unha pequena galería fotográfica, na da esquerda e un comedor na da dereita.
O derradeiro corpo, ou sexa a parte máis elevada do corpo central sería unha terraza que levaría un pavillón e estaría destinada a miradoiro.
Remata a Memoria de Luciano Delage unha breve descrición do sistema construtivo que non era habitual nos traballos técnicos ao nivel de anteproxecto naqueles días, e que sequera de xeito conciso dános unha idea sobre a execución material do edificio que se proxectaba.
Vista do Atlantic Hotel, en primeiro plano vese a antiga Estación Marítima Así sinala que os materiais que se usarían na construción do edificio serían o formigón hidráulico de cemento Portland na soleira xeral do soto, a cachotería ordinaria hidráulica co recebo tamén de cemento Portland nos muros dos alicerces ou cimentación e mailo zócalo, o formigón armado nas columnas e nos pisos, a fábrica de ladrillo nos tabiques o ferro laminado, forxado e fundido, o cristal e a madeira nas portas e fiestras, o zinc e elementos decorativos de cerámica nas cubertas das torres. Os servizos dos desaguadoiros se construirán con amaño ás Ordenanzas de Saneamento da cidade da Coruña.
A Comisión Municipal de Paseos informa ao alcalde o día 18 de marzo de 1920, elixindo o proxecto do arquitecto Delage Villegas, fronte ao de Antonio de Mesa, xa que o segundo deseñaba unha rotonda posterior que, dada a súa magnitude e emprazamento do edificio, sairía forzosamente dos terreos do Concello, invadindo os da zona do porto sobre os que esta institución non tiña xurisdición que lle permitira facer concesión de ningún xénero, polo que cualificaba o devandito proxecto de irrealizable dentro dos terreos do Municipio. Sen embargo a Comisión fai constar que, aínda que o proxecto do Sr. De Mesa fose considerado realizable, aquela elixiría o do Sr. Delage, xa que ?pola pureza das súas liñas, a maxestade do seu conxunto e a suntuosidade da súa ornamentación, responde amplamente aos desexos expresados pola corporación ao rexeitar o proxecto examinado na sesión do 21 de xaneiro.?
Hotel Atlantico que veu a substiuir a antigo Atlantic HotelA realidade é que a Comisión quedou absolutamente deslumbrada polo proxecto do arquitecto que tiña o seu estudio profesional en Madrid, como ben mostran as frases que constan no informe que se está a comentar. Así non soamente fanse linguas da ?suntuosidade do magnífico proxecto do Sr. Delage?, senón que denotan unha evidente admiración que chega ata a sa envexa da grande proposta da iniciativa privada cando afirman que: ?Se o Concello tivese capacidade económica para emprender por se mesmo a construción da edificación de recreo no Paseo de Méndez Núñez, debería restrinxir moito as concesións aos particulares, máis sendo notorio que o urxente fermoseamento daquela admirable zona ten que deixar á iniciativa dos veciños que queiran realizalo, non hai máis remedio que facer concesións amplísimas para evitar que a iniciativa particular se retraia e sufra atraso ou fique irrealizada unha obra que, por ben da Coruña debe estar rematada no máis breve prazo posible.?
Pero, á admiración polo proxecto segue a esperanza de que no futuro o edificio pase a formar parte do patrimonio municipal coruñés, e así manifestan que: ?O Concello, sen embargo, pode aspirar a que sexan seus, algún día, edificios que como o proxectado polo Sr. Delage, poidan ser utilizados como galería de exposicións, como museo municipal ou en calquera outro uso análogo.?
A Comisión de Paseos cria, polo exposto, que era axeitado ofrecer ao concesionario, condicións distintas segundo acceda ou non a deixarlle ao Concello a propiedade do edificio ao remate da súa explotación, máis sen que os asinantes do informe se atreveran a impoñer a condición de reversibilidade por temor a que ela impedira a realización dunha obra ?que como todas a que tendan a favorecer o desenvolvemento da nosa vida estival- era dunha urxente necesidade na Coruña.
En relación coas condicións arquitectónicas do edificio a Comisión sinalaba que deberían ser de xeito estricto as dos alzados de fronte e de costado do proxecto do Sr. Delage, sen que respecto aos planos asinados por dito arquitecto, poida admitirse outra modificación que a que nas plantas poida necesitarse ?por razóns ben comprensibles de equidade e de estética xeral do edificio- no senso dunha lixeira ampliación na anchura das alas laterais.
A Comisión tendo en conta todas as consideracións que o exame dos proxectos suxería aos asinantes do informe e as razóns de amor ao engrandecemento da nosa querida cidade que están na mente de todos os Sres. Concelleiros, opina que procede se acorde a concesión ao Sr. Casal Juncosa nos termos contidos nas ?Condicións ás que se suxeitará a reconstrución do ?Cinema Salón Coruña?, con amaño ao Proxecto do arquitecto D. Luciano Delage.?
Entre estas condicións salientaránse as seguintes:
– O edificio emprazarase na carreira e situación que ocupaba o ?Cinema Salón Coruña?, deixando un paso de doce metros lineais entre a construción que se proxecta e o ?Kiosko Alfonso?, e outro paso de non menos de tres metros lineais entre a outra extrema da construción proxectada e as beirarrúas da vía transversal que limita o paseo.
– As carreiras lonxitudinais anterior e posterior, contiguas ao edificio, serán revestidas de mosaico en toda a extensión daquel.
– O concesionario debería declarar ao ser notificado do acordo da concesión, se está ou non conforme co que o edificio proxectado sexa reversible a favor do Concello.
– Se o concesionario se amosase conforme coa reversibilidade, a concesión entenderase outorgada por un prazo de setenta anos e mediante o pago por mensualidades anticipadas dun canon anual invariable de seis pesetas por metro cadrado de superficie ocupada pola edificación, descontando os entrantes desta.
– Se o concesionario non aceptase a condición de reversibilidade contida na base precedente, se entenderá outorgada a concesión polo prazo de cincuenta nos e mediante o pago adiantado dun canon variable que se fixaba.
O anterior informe da Comisión de Pasos foi aprobado en sesión do Concello do día 20 de maio de 1920.
No mesmo mes de maio o concesionario Sr. Casal Juncosa diríxese ao Alcalde-Presidente do Excmo. Ayuntamiento de A Coruña manifestando que ?desexando realizar no máis breve prazo posible as obras de construción do edificio do que os planos foron autorizados pola corporación municipal oportunamente e xa que para isto precisaba a extracción de terras necesaria para a edificación, a cal esixe sexa levantada a valla regulamentaria, facendo desaparecer dos terreos contiguos ou afectados pola concesión das instalacións as construcións que poidan entorpecer o cumprimento dese precepto das ordenanzas municipais.? Remata o seu escrito suplicando ?sírvase outorgar ao solicitante a oportuna licenza para o levantamento da valla e a extracción de terras e ademais ordenar a desaparición dun kiosko destinado á venda de caramelos, sito no espazo comprendido entre os terreos do antigo ?Salón Cinema Coruña? e o ?Kiosko Alfonso?.
A fins deste mes de maio e no seguinte mes de xuño do ano 1920, os concesionarios do veciño ?Kiosko Alfonso? protestan polo permiso concedido e a concesión outorgada ao Sr. Casal Juncosa para a construción dun novo edificio.