Archiv für Februar 2012

O ENTROIDO DE COBRES

Sonntag, 26. Februar 2012

O día 21 de Febreiro celebramos a nosa primeira xeira do curso, logo de ter celebrado tamén tres días antes a nosa asamblea xeral que como o ano anterior tivo lugar no hotel NH Atlántico, que confirmou a nosa impresión de que o mellor lugar para desenvolver esa reunión. Na asemblea comunicouse a renuncia do tesoureiro Alvaro Iglesias Maceiras.
Hórreo da Misión Biolóxica de Galicia Voltando á excursión debemos dicir que empregamos toda a mañá na visita da Misión Biolóxica de Galicia, institución científica que ocupa o pazo de Gandarón e a súa finca, en Salcedo (Pontevedra). O seu director, Pedro Revilla, acompañounos polas instalacións e ademáis da historia do pazo, recentemente rehabilitado, cunhas impresionantes balconadas con forxa de Sargadelos, foi desgranando o traballo que alí fan, o que posibilitou que aprendesemos cousas acerca dos cultivos do millo, as xudías, a vide ou a pataca. Na capela do pazo, onde hai varios paneis explicativos sobre a historia da Misión, o cultivo e as pragas do millo e das brásicas ou banco de xenes da Misión, falounos tamén da impresionante tarefa desenvolvida por Cruz Gallastegui, fundador e director da institución durante moitísimos anos. No exterior admiramos tamén o impresionante hórreo, que está entre os máis grandes de Galicia. Se algún día volvemos farémolo no mes de xuño, que é o mellor momento do ano para ver os cultivos nas fincas.
Xantamos no restaurante ?O Cañoto?, no lugar de Toural, concello de Vilaboa, onde logo duns magníficos entrantes a base de queixo, anchoas de Santoña e micuit de pato, disfrutamos dun monumental cocido.
Madama no entroido de CobresPola tarde fomos ata a parroquia de Cobres, pois alí celebran un afamado Entroido, xusto por baixo dun viaducto da autoestrada. Xuntouse moita xente ainda que a organización deixou moito que desexar, ata o punto de que os bailes de Madamas e Galáns, e o espectáculo do Galo do Río, con cinco ousados participantes que nada temían as frías aguas do regato de Riomaior, comezaron ao mesmo tempo, o que fixo que houbo xente que non disfrutou máis que de un deles. Os sombreiros e os traxes dos participantes no entroido chaman moito a atención pola súa primorosa elaboración. Os sombreiros están adornados con flores, fitas de cores, bonetas, colares, follas e chegan a pesar ata cinco kilos. Nos traxes destacan os mantóns de Manila. Na casa da cultura había unha exposición fotográfica dos diferentes entroidos galegos e gusta ver como pouco a pouco vanse recuperando antigas máscaras e celebracións en moi diversos lugares.
Atardecer nas salinas de Ulló Rematamos a xornada cun delicioso paseo arredor das marismas e salinas de Ulló, nun fermosísimo recuncho no fondo da enseada de San Simón. con vistas impagables á illa do mesmo nome. En parte, camíñase por riba do muro da presa dun antigo muiño de mareas (que non se conserva). Se un se mete no medio do bosque á dereita dese muro bátese de contado coas ruinas dun edificio coñecido como a Granxa, que foi vivenda dos muiñeiros, e que conserva todavía unha bonita lareira. O percorrido completo que é circular supón pouco máis de dous quilómetros.
A luz foise apagando e o atardecer fixo todavía máis inesquecible o noso paseo. Máis que unha paisaxe, un descubrimento.

O SOÑO ROUBADO

Samstag, 18. Februar 2012

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no boletín do segundo semestre do ano 2011.

O pasado 7 de Xullo escoitabamos alarmados as noticias sobre o roubo do Códice Calixtino, libro fundacional da identidade galega, escrito arredor do ano 1140, integrado en realidade por cinco libros, entre os que se atopa a primeira Guía do Peregrino. O seu valor non se pode calcular porque o que representa e os sentimentos que se experimentan pola súa perda teñen difícil medida. Probablemente o seu valor material é menor do que se dixo en algures porque está menos iluminado (ilustrado) do que un podería imaxinar pero a súa falta deixa un baleiro imposible de encher.
Biblia Kennicott (Bodleian Library Oxford) Moitas son as perdas do noso patrimonio ao longo dos séculos. Imaxinar un museo galego que reunise todas as obras desaparecidas ou espalladas polo mundo é un xogo no que paga a pena reparar uns minutos. Fagamos un exercicio de memoria.
Un libro feito en Galicia, case tan valioso como o Códex Calixtinus, atópase actualmente na Bodleian Library de Oxford. Trátase da Biblia Kennicott, que foi encargada no ano 1475 por un xudeo coruñés chamado Isaac de Braga, ao escriba Moshe Ibn Zabarah e ao iluminador Joseph Ibn Hayyim. O libro saiu da Coruña no ano 1493, entre as cousas que levou consigo Isaac de Braga, logo do decreto de expulsión dos xudeos. No ano 1771 foi mercado polo hebraísta inglés Benjamin Kennicott.
Un documento esencial na historia da lingua galega, o Pergamiño Vindel, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax está na Morgan Library de New York, e o chamado códice Tudela, documento pictográfico e azteca mercado por unha familia coruñesa no ano 1799 foi adquirido polo Museo de América de Madrid no ano 1948.
Cando pensamos en obras artísticas que poderían formar parte dun hipotético Museo Nacional de Arte de Galicia a primeira que se nos ven á cabeza é a diadema de Ribadeo, un finísimo traballo de orfebrería castrexa, que en realidade parece ser que foi realizado nos Oscos asturianos. Está exposta no Museo Arqueológico Nacional. Sen embargo é máis antiga a cunca cerámica tetralobulada atopada na escavación do dolmen de Buriz, en Lugo, actualmente en paradeiro descoñecido. Do mundo romano destaca unha pequena estatua de bronce dun xoven togado atopada en Ponte Puñide, O Pino, conservado actualmente no Museo Arqueológico Nacional de Madrid, e o desaparecido mosaico da Cigarrosa.
Do Medievo botamos a faltar algunhas pezas de extraordinario valor, como os tenantes de altar de San Paio de Antealtares, de Santiago de Compostela, Tenante de altar de San Paio de Antealtares (Fogg Museum, Harvard) catro columnas que sostiñan unha ara e que tiñan talladas, cada unha delas a tres apóstolos. Unha das columnas está perdida, dúas atópanse no Museo Arqueológico Nacional e a cuarta pertence ao Fogg Museum de Harvard. Son pezas de gran beleza, da primeira metade do século XII. Se seguimos co xogo de imaxinar como sería o museo ideal de Galicia teríamos que pensar nas tres tapas de sartegos xudeus, aparecidos en 1869 no Corralón da Gaiteira, na Coruña, que tamén se gardan no Museo Arqueológico Nacional.
De época románica ten todavía esa institución o fermoso parteluz don Cristo Salvador, procedente da igrexa de Santiago el Viejo, de Vigo, así como dous apóstolos do antigo coro pétreo de Catedral, do taller do Mestre Mateo. Da mesma época e do mesmo taller son as estatuas de dous profetas da primitiva portada do Pórtico da Gloria, que garda a familia Franco no pazo de Meirás. E que dicir da Virxe de Pesqueiras, da que sempre quedará a dúbida de se foi vitima da especulación artística produto dunha venta fraudulenta ou é certo que se queimou nun incendio.
Báculo de Mondoñedo (Museu Nacional d''Art de Catalunya) O Museu Nacional d?Art de Catalunya acolle o Báculo de Mondoñedo, feito por un taller de Limoges arredor do ano 1200, en cobre fundido, dourado e esmaltado. Tamén nese museo catalán hai unha talla de Santiago sedente, procedente da igrexa de Santiago do Burgo, de Pontevedra, da primeira metade do século XIV. Ambas pezas foron expostas na histórica exposición ?Galicia no tempo?, hai xa vinte anos, cun contido que difícilmente pode ser igualado nun futuro.
Outra institución catalana, o Museu Marés, de Barcelona, amosa dous relevos do tímpano da portada occidental do mosteiro de Carboeiro, que representan a Cristo en Maxestade, un deles, e aos símbolos dos evanxelistas Xoán e Lucas, o outro. Están datados arredor do ano 1200.
Máis lonxe viaxou o Cristo en Maxestade do frontal da catedral de Ourense, que está agora no Museo Getty de Los Ángeles. Trátase dunha magnífica obra esmaltada por un taller de Limoges, datada a finais do século XII, que ocupa un destacado lugar nesa institución californiana, que por certo foi acusada repetidas veces de mercar pezas de dudosa orixe, algunhas producto dalgún roubo.
E qué dicir do extraordinario Cristo gótico, de procedencia italiana, que ocupa o altar maior do mosteiro de la Rábida, en Huelva, e que pertencía á Colexiata de Santa María do Campo, en A Coruña?
O Museo da Alhambra conserva a lauda do príncipe Yusuf, irmán do Muley Hacén, que fora atopada na igrexa betanceira de Santa María do Azougue.
Hugo Van der Goes. Adoración dos Magos (Staaliche Museen, Berlin) Nun sentido estricto hai que mencionar tamén unha obra mestra da arte universal que estivo en Galicia durante máis de 400 anos. Trátase do cadro de Hugo van der Goes, a Adoración dos Reis, que pertenceu ao Colexio do Cardenal de Monforte, ata a súa venda no ano 1910 ao Kaiser Friedrich Museum de Berlín, e hoxe na Gemaldegalerie, ainda que o cadro non abandonou Galicia ata xaneiro do ano 1914, pois se fixeron algúns intentos para evitar a súa marcha (entre eles unha suscrición popular). Hai que lembrar aquí que o cardeal Rodrigo de Castro dispuxo no documento de cesión do Colexio aos duques de Lemos, no ano 1593, que ?no se pueda empeñar ni vender, ni sacar por poco ni por mucho tiempo cuanto constituyera patrimonio del Colegio.?
Outra pintura excepcional que probablemente pertenceu ao Colexio da Compañía de Monforte é o Cristo morto sostido por un anxo, de Antonello de Messina, actualmente no Museo Nacional del Prado. Na información que proporciona a propia institución madrileña faise constar que a obra pertencia en 1881 a Matías Yáñez Rivada de Monforte.
O pintor ourensán Antonio de Puga, que viviu na primeira metade do século XVII, ten case toda a súa obra fóra de Galicia, ainda que no caso deste pintor hai un factor esencial na súa contra: só asinou o San Xerome penitente, do Bowes Museum, de Barnard Castle (Inglaterra). O resto dos cadros non deixan de ser atribucións, como ?O afiador?, do Museo del Hermitage ou ?O aceiteiro?, do Museo de Castres. Peza barroca de gran interese é unha porta dun sagrario con placas de marfil de época románica que conserva o Museo Arqueolóxico Nacional e que pertencía ao convento de Santa Clara de Santiago de Compostela e non podemos deixar de mencionar a colección de acibeches composteláns que atesoura o Instituto Valencia de don Juan de Madrid.
Do século XIX é Jenaro Pérez Villaamil, pintor romántico con abundante obra en Madrid (Museo del Prado, Museo Lázaro Galdiano). Algo posterior é Modesto Brocos, irmán do que sería o primeiro profesor de Picasso na Coruña, o escultor Isidoro Brocos. De Modesto hai bastante obra en Brasil, país ao que emigrou e terra onde se nacionalizou. Óleos destacados da súa autoría como ?Redençao do Cam? ou ?Engenho de mandioca?, están expostos no Museu Nacional de Belas Artes de Río de Janeiro. Modesto Brocos. Redençao de Cam (Museu de Belas Artes de Rio de Janeiro)
Máis novo é Fernando Álvarez de Sotomayor que foi, entre outras cousas, director da Escuela Superior de Bellas Artes de Santiago de Chile entre os anos 1908 e 1915, polo que hai cadros da súa autoría nese país sudamericano, como o “Retrato do doctor Helsby”. Un dos seus cadros máis recoñecidos ?Comida de voda en Bergantiños? forma parte da colección da Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Non podemos esquecer tampouco a “Ofelia aldeá”, Juan Luis López, en depósito no Ministerio de Justicia.
Francisco Asorey, escultor que desenvolveu a súa carreira no século XX e do que vimos hai pouco unha espléndida exposición en Santiago de Compostela, ten espallada a súa obra por múltiples lugares. Nos anos vinte realizou as tallas máis destacadas da súa producción e a súa sorte foi moi dispar: a ?Picariña? e a ?Naiciña? están en paradeiro descoñecido, acaso na Argentina; a ?Santa?, pertence á Casa de Galicia de Montevideo e o ?Tesouro?, é propiedade da familia Luca de Tena; en Galicia só quedan o ?San Francisco? e a ?Ofrenda a San Ramón?, ambas no Museo de Lugo. En anos posteriores vai realizar un impresionante Cristo que está na igrexa de Santa María de Moiá, en Barcelona.
A meirande parte dos máis recoñecidos pintores galegos, nacidos todos eles entre 1886, ano de nacemento de Castelao, e 1920, ano de nacemento de Isaac Díaz Pardo, teñen obra no exterior. Dous son os motivos: a emigración, primeiro, e o exilio despois. O Centro Gallego de Buenos Aires ten na súa pinacoteca óleos tan importantes como ?A derradeira lección do mestre?, de Castelao, ?Conto de nenos?, de Laxeiro, ?Emigrantes?, de Luis Seoane ou ?Nacemento?, de Díaz Pardo; de Francisco Miguel, pintor asasinado a finais de setembro de 1936, está en México o marabilloso retrato que fixo de Dolores Olmedo; e de Arturo Souto hai moita obra en México, país que o acolleu trala guerra. Deste último artista o Museu Nacional d?Art de Catalunya posúe catro lenzos relacionados coa Guerra Civil: ?Mendigos gallegos?, ?Milicianos en un interior?, ?Nueva familia? e ?Refugiados?.
Maruja Mallo. Cabeza de muller (Museo de Bellas Artes de Santa Fe) De todo este grupo de artistas a máis destacada é Maruja Mallo. Estamos a falar da que pode ser a mellor pintora española de todas as épocas e son poucas as obras desta artista que podemos contemplar en Galicia. No ano 1928 Ortega y Gasset ofrécelle os salóns da Revista de Occidente para expoñer dez cadros entre os que estaban as catro marabillosas Verbenas, que desbordan cor e alegría. O éxito é inmediato. A continuación pinta unha serie de óleos coñecidos como ?Campanarios e Cloacas?, nos que en tonos oscuros retrata excrementos, esqueletes, paxaros mortos, follas caídas, ?que expón catro anos máis tarde en París, cidade á que chegara pensionada pola Junta de Ampliación de Estudios. O pai do surrealismo André Breton queda gratamente sorprendido. Pois ben, desta etapa tan destacada, as Verbenas están repartidas entre o Museo de Castres (Francia), o Museo Nacional Reina Sofía de Madrid (que tamen posúe outros dous lenzos, ?Tierra y excrementos? e ?El canto de las espigas?), a colección Ariel Blumencweig de New York e unha colección privada de Madrid; e o cadro máis representativo da segunda serie citada, ?Antro de fósiles? foi adquirido pola galería Guillermo de Osma de Madrid. Con posterioridade Maruja Mallo segue o camiño de moitos intelectuais galegos e acaba no exilio, en concreto en Buenos Aires. Boas mostras do seu traballo en terras americanas son as dúas Cabezas de Muller, unha de fronte e outra de perfil, que expón o Museo de Bellas Artes Rosa Galisteo, de Santa Fé. Maruja Mallo. Kermesse (Musee Castres)Pero a dispersión da obra da artista viveirense non acaba aquí, no Museo Patio Herreriano de Valladolid hai dous excelentes óleos, Ouro e Cabeza de Muller negra, e incluso parece ser que a cantante Madonna posúe otra Cabeza feminina, dentro da súa colección de arte feita única e exclusivamente por mulleres. Por non falar dalgún cadro en paradeiro descoñecido, como o fermoso retrato da súa amiga Concha Méndez en bicicleta, do que só se conserva unha fotografía en branco e negro.
Outro artista polifacético con importante obra fóra de Galicia é o coruñés Eugenio Fernández Granell, que viviu exilado en países como Francia, República Dominicana, Puerto Rico ou Estados Unidos. Todos eles conservan mostras do seu traballo pero é no museo Patio Herreriano de Valladolid onde se poden admirar dúas das súas mellores pinturas, ?El placer del baño? e ?Retrato póstumo de Baltasar Gracián?. No exilio portorriqueño coincidiu Granell co escultor Francisco Vázquez Díaz, ?Compostela?, autor de pequenas esculturas, principalmente en madeira, na que os pingüins acadan un protagonismo especial, e do que existe pouca obra na nosa terra. Lembrar tamén que Mario Granell, irmán de Eugenio, terminou vivindo e pintando en Venezuela. O Museo Bellapart, da República Dominicana, ten unha excelente colección de artistas do exilio español, como Josep Gausachs, Manolo Pascual ou Vela Zanetti, e Galicia está representada con obras de Angel Botello, Eugenio Granell -coa espléndida “Nostalgia del indio enamorado”- ou Francisco Vázquez Díaz.
Angel Botello. Moza durmindo (coleción privada) Un caso especial é o do cangués Angel Botello, un pintor e escultor nado no ano 1913 que logo de loitar no bando republicano durante a Guerra Civil, exiliouse na República Dominicana, Haití ?por un período de dez anos- e Puerto Rico, onde viviu ata o seu pasamento no ano 1986. A súa pintura lembra inicialmente a Gaughin ainda que pouco a pouco vai desenvolver un estilo persoal no que están sempre moi presentes os rapaces. É o artista galego de maior cotización entre os nacidos no século XX. O seu cadro ?Niña durmiendo? foi vendido en Christie?s de New York no ano 2007, pola suma de 397.000 dólares. Como resulta deducible, a súa obra en Galicia é case inexistente, e sen embargo está moi ben representado en museos estadounidenses e latinoamericanos.
Non podemos deixar de mencionar que a Anunciación, unha das tallas flamencas do retablo de Santa María do Azougue de Betanzos, roubado por Erik el Belga no ano 1981 todavía non apareceu; e que o arrepiante ?Cristo Crucificado? de Benito Prieto está tamén nun lugar descoñecido, ainda que outra versión das catro que fixo pertence á Kennedy Library de Harvard.
Tamén habería que reseñar as obras de artístas foráneos que foron realizadas en Galicia, sendo as máis representativas “La niña de los pies descalzos”, de Picasso, pintada na Coruña no ano 1895, exposta actualmente no Museo Picasso de París e “Galicia, la romería”, de Sorolla, pintada en Vilagarcía de Arousa, para a Hispanic Society of America, onde está exposta. E actualmente pinta e reside en Galicia o británico Tim Behrens a quen a Deputación da Coruña dedicoulle un libro.
León do Pasatempo. Santuario de CovadongaArtistas máis novos acadaron recoñecemento internacional, se acaso o máis destacado deles é o escultor Francisco Leiro. Unha das súas obras mestras, o ?Retrato de Antón Lamazares?, está no Museo Patio Herreriano de Valladolid. Sigamos pois soñando con ese Museo Imaxinado que Galicia non poderá ter, institución que ven podería ver flanqueada a súa entrada cos dous leóns de mármore de Carrara, que procedentes do Parque do Pasatempo de Betanzos están agora no santuario de Covadonga.