Archiv für Mai 2012

ARQUEOLOXÍA PARA SEMPRE

Donnerstag, 31. Mai 2012

Agora que remata este mes de maio e antes de publicar o noso resumo da longa xeira por Cartagena, Alicante ou La Mancha, convén anticipar as vindeiras actividades.
O día 8 de xuño, ás 19,30 horas, no salón multiusos da Fundación Seoane, o arqueólogo Antón Malde impartirá unha conferencia sobre “A intervención arqueolóxica no santuario galaico-romano de Pena Furada”, que ven a complementar á visita que na súa compaña fixemos ao xacemento.
Dous días máis tarde, o domingo 10 de xuño, Pancho Gallego propón un novo roteiro “A península do Salnés. Prehistoria, Historia, Paisaxe e últimas escavacións arqueolóxicas”, no que podremos ver pola mañá os petróglifos de Os Ballotes e a Pedra do Encanto, na parroquia de Bamio, en Vilagarcía de Arousa; o afamado cruceiro de Carril; e o círculo lítico, os restos dunha fortaleza medieval e o miradoiro en Monte Lobeira. Logo de xantar en Ribadumia, visitaremos o xacemento castrexo de Monte do Castro, en Besomaño, onde estará tamén o director da intervención; seguiremos logo ata a Lanzada, para ver este sitio arqueolóxico da man dun arqueólogo da Deputación de Pontevedra e unha fermosa ermida románica. A xeira remata nas escavacións de Adro Vello, na península do Grove, onde se superpoñen unhas salinas romanas e unha necrópole alto-medieval.
Esperamos contar coa vosa asistencia.