Archiv für Juni 2012

POR SAN XOÁN, SARDIÑAS

Samstag, 30. Juni 2012

O día de San Xoán celebramos a sardiñada coa que todos os anos comeza o noso programa de verán. Como nas últimas edicións o mesón A Lagoa, de Vimianzo, foi o escenario deste pantagruélico xantar, que como sempre estivo á altura das expectativas.
Pero como non todo foi encher o bandullo, pola mañá visitamos a exposición ?Gallaecia Petrea?, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Para moitos dos asistentes foi a primera vez que se achegaban a este mausoleo que ten un problema de base: resulta imposible disociar a obra arquitectónica do seu custo, polo que sempre vai sair perxudicada na súa valoración estética.
A exposición merece unha visita porque neste tipo de eventos sempre se poden coñecer pezas que separadamente son difíciles de admirar. Virxe da O na exposición Gallaecia Petrea O máis destacado é a posibilidade de ver os últimos achados inéditos da arqueoloxía galega (colar da mámoa de Chousa Nova, lousas do peixe e do círculo do castro de Formigueiros, estela do guerreiro de Castrelo do Val), pezas de orixe portugués (venus de Vidago, unha María Magdalena), ou obras da arte galega que pola súa dispersión implicaría ter que facer máis dunha viaxe, como o tenante de altar de San Paio de Antealtares, o tímpano de Palmou ou a Virxe de Salceda de Caselas). A montaxe, sobre palés de madeira, ten certa orixinalidade, pero en xeral falta información e as pezas que teñen gravado algo na súa superficie deberían de estar acompañadas por un debuxo explicativo. Nunha próxima entrada do blog falaremos das “pezas ausentes” nesta exposición.
Ponte MaceiraA continuación, camiño xa de Vimianzo, detivémonos en Ponte Maceira. ¡Que rincón tan fermoso!, de obligada visita para todos os que se achegan a Santiago de Compostela pois é curta a distancia que hai desde a capital galega hasta este lugar atravesado polo río Tambre. A súa ponte é verdadeiramente impresionante.
Xa en Vimianzo, pasamos a carón do castro de As Barreiras, cun imponente parapeto, que vai ser excavado dentro de pouco tempo, logo das prometedoras catas efectuadas por Angel Concheiro. Se algo chama a atención neste castro é a súa ubicación, nunha chaira que dificultaría a súa defensa.
A tarde comezou coa visita do dolmen de Dombate. Quedou mellor do que pensábamos. Dolmen de Dombate A cuberta ten, exteriormente, un forte impacto visual, pero interiormente resulta moi diáfana pois as paredes son acristaladas e os paneis informativos tamén. A bóveda de madeira está moi ben resolta, sostida por pilares exteriores que salvan unha considerable distancia. O dolmen pode rodearse a través dunha pasarela e resultan visibles a coiraza do túmulo, antigas fogatas, ou o esteo da cabeceira ata a súa base. No centro de recepción, que está case rematado hai información adicional sobre o megalitismo e unha réplica do dolmen no que se reproducen as pinturas e os gravados que fan deste monumento un importe referente na arte megalítica. Supoño que a crise impide que ademáis do vixilante de seguridade, haxa outra persoa que dentro do recinto onde se atopa o dolmen complemente coas súas explicacións a información exposta.
Terraza da Fundación Torre-Pujales en Corme En Corme visitamos a Fundación Torre-Pujales, sede do Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte, unha iniciativa insólita que amosa obras do pintor abstracto coruñés Julio Pujales e obras de destacados artistas como Lucio Muñoz, Antonio Saura, Eduardo Arroyo ou Carmen Pagés, que formaban parte da súa colección. A rehabilitación do edificio e digna de mención, cunha orixinal escaleira de caracol e unha terraza inesquecible, que invita a sentarse e disfrutar da arte. Unha cruz en Punta Roncudo Esperamos que esta iniciativa tan singular chege a enraizar.
Rematamos no faro do Roncudo, testemuña do duro traballo dos percebeiros, como lembran permanentemente varias cruces brancas en memoria dalgún deles que deixou a súa vida neste mar tan bravo.

A PENINSULA DO SALNES. PREHISTORIA, HISTORIA, PAISAXE E ÚLTIMAS EXCAVACIONS ARQUEOLOXICAS

Mittwoch, 20. Juni 2012

O día 10 de xuño, Pancho Gallego propuxo unha nova xeira, na que a arqueoloxía tivo un protagonismo case absoluto, pero non único.
A primeira visita da xornada foi á estación rupestre da Pedra dos Ballotes, en Bamio, Vilagarcía de Arousa, para ver uns petróglifos no que resultan visibles varios cervos, incluso algún falsificado por un tolo moi coñecido na zona. Foi case o único momento do día no que a chuvia deunos algo de tregua.
Cruceiro de Carril De seguido, fomos ata Carril, para admirar o seu afamado cruceiro no que ademáis de ver as deliciosas imaxes de Adán e Eva coa serpe, soubemos doutro tolo que descabezou a obra, privándonos da contemplación da cruz coa que estaba rematado. Na igrexa parroquial, renacentista, sorprendeunos o retablo, que procede da igrexa compostelana de San Martiño Pinario, e sobre todo a reliquia de San Fidel, do que se conserva o seu corpo momificado nunha furna de doble cristal.
Logo dun reconfortante café subimos ata monte Lobeira, onde nun día axeitado pódese ver unha vista impresionante da ría de Arousa, o que non resultou posible. Na subida que vai de Vilagarcía ao miradoiro detivémonos a carón da estrada para entrever dúas mámoas e un circulo lítico, ainda que a vexetación, moi tupida, impide unha correcta visibilidade. No cumio soubemos da existencia dunha fortaleza medieval, da que se conservan algúns restos dos muros e o alxibe, e un alquerque gravado na rocha, un xogo medieval moi semellante ao actual das damas.
Antes de xantar paseamos ata pola vila de Ponte Arnelas, por onde pasa o río Umia, e como todavía quedaba algo tempo fomos ver a igrexa románica de Santa María de Mosteiro, que conserva unha boa colección de canzorriños. A comida, excelente, tivo lugar no restaurante Novo Freixo, en Ribadumia, no que logo dun polbo á feira tomamos unha parrillada monumental na que ademáis dos habituais porco e tenreira, había tamén coello e cordeiro.
Monte do Castro. Besomaño. Pero o mellor estaba por chegar. A tarde comezou coa presentación que Pancho fixo do arqueólogo Rafael Rodríguez xa no Monte de Castro, en Besomaño, concello de Ribadumia, un profesional que ten a virtude esencial de saber comunicar os seus coñecementos e unha gran resistencia á climatoloxía adversa, á que parece inmune. Este xacemento castrexo está a sorprender incluso aos propios investigadores e leva camiño de ser o máis importante asentamento deste tipo de cantos foron escavados en Galicia. Apareceron excepcionais materiais como unha pequena fíbula que amosa dúas cabezas de animais, acaso dous leóns, unha dolabra ?arma romana con forma de pico que formaba parte do equipamento obrigatorio dos lexionarios- ou un machado de cubo, en bronce, único en Galicia. Atoparon tamén os restos dun entramado de madeira formado por varias trabes carbonizadas, cuberta con restos de pallabarro para enfoscar as paredes, o que constitúe un achado único dentro do mundo castrexo. En canto a estructuras arquitectónicas destacan os restos dun obradoiro metalúrxico, dunha casa-patio ou dunha casa rectangular de grandes dimensións. O castro foi arrasado por un incendio, seguramente provocado, e hai evidencias arqueolóxicas dun gran combate.
A Lanzada A continuación fomos ata A Lanzada onde hai outro xacemento arqueolóxico de excepcional interese, non tanto polo que resulta visible actualmente senón polo que se foi descubrindo, como a existencia da factoría de garum más antiga do noroeste peninsular, anterior á chegada dos romanos; a aparición, na necrópole, de varios esqueletes maniatados, boca abaixo, que padeceron unha morte violenta; ou un concheiro, un vertedoiro no que apareceron restos de gran importancia.
Adro Vello. Restos da igrexa Rematamos a tarde no xacemento de Adro Vello, na península do Grove, onde están superpostas, a carón da praia, varias estructuras: a máis antiga, unha factoría romana de salgadura, da que se conservan varías pías; sobre ela, atópanse os restos dunha villa romana, da que se conservan muros e outros elementos; unha igrexa, acaso da época visigótica, que é o edificio máis evidente; unha necrópole altomedieval na que se descubriron esqueletos completos de varios individuos, alternándose tumbas cubertas con tégula ou xisto, con outras formadas por sartegos de pedra; e por último, os restos dunha torre medieval. E como telón de fondo, por un lado un mar cheo de bateas e na outra banda, unha formación rochosa formada por penedos inmensos.

A “SEOANEFERENCIA” DE ANTÓN MALDE

Mittwoch, 20. Juni 2012

O pasado día 8 de Xuño, e grazas á colaboración da Fundación Seoane, que nos cedeu a súa sala multiusos, anton-malde o arqueólogo Antón Malde falóunos do proceso de escavación de Pena Furada, en Coirós. A exposición está moi ben estructura. Antón Malde amosa imaxes e videos do proceso de limpeza e de escavación, da visibilidade do relevo da “moura” e doutro antropomorfo ao longo do día, da evidente función astronómica que ten o xacemento, das portas de acceso, da pervivencia en época romana do uso do lugar… mágoa da pouca asistencia de público.
A moura de Pena Furada Esta conferencia enmárcase dentro da intensa actividade divulgativa que está levando a cabo Antón Malde para achegar á arqueoloxía aos máis diversos auditorios, empregando unha novidosa e orixinal presentación: as “barferencias”, que teñen lugar en bares onde o seu público escoita as explicacións entre cañas e viños. Acaso nós debimos ofrecer unhas cervexas para animar á xente a acudir.

DE CARTAGENA A LA MANCHA

Mittwoch, 20. Juni 2012

Entre os días 11 o 20 de Maio fixemos a máis longa viaxe do programa deste ano. Sair o venres pola tarde permitiu que chegásemos a Pinto para durmir.
O día 12 visitamos pola mañá a cidade de Albacete, e particularmente o seu Museo Provincial. Ten dúas seccións, unha arqueolóxica, con excelentes pezas ibéricas (cerva de Caudete, esfinxe de Haches) e romanas, como as singulares bonecas de Ontur, e outra de Belas Artes, na que destaca a obra de Benjamín Palencia. Fomos tamén ata o Pasaje Lodares, unha galería comercial e residencial cuberta que lembra as existentes en París e que resulta moi parecida ao Pasaje Gutiérrez de Valladolid.Albacete. Pasaje Lodares
Logo de xantar detivémonos en Chinchilla de Montearagón, onde xa apretaba o intenso calor que durante a semana ía estar con nós. A vila posue unha fermosa praza maior na que destaca o edificio do Concello e está dominada por un castelo. A derradeira visita da xornada foi en Abarán, onde vimos a maior noria en funcionamento de toda Europa, restaurada no ano 1951.
O día 13 resultou moi accidentado. Estaba previsto visitar algúns lugares de La Unión pero a guía esqueceuse de nós e non compareceu, así que logo de esperar un tempo prudencial marchamos de contado ata Pusol, unha pedanía de Elche onde nos agardaba unha das grandes sorpresas da nosa xeira: o seu Museo Escolar. En realidade é moito máis que iso, un verdadeiro museo etnográfico que transmite autenticidade e no que resulta inesquecible a recreación dunha rúa de Elche na que están representados múltiples oficios: zapateiro, xastre, barbeiro, mercería, etc., e por riba de todo o cariño co que fomos acollidos, permitíndonos ver tamén os almacéns que están ocultos ás visitas.
Chegar a comer converteuse nunha odisea e o lugar escollido, unha área de servizo da autoestrada, non foi a mellor das eleccións, así que mellor esquecelo canto antes.
Cartagena. Cerro del Molinete desde o castelo de Santa Catalina Pola tarde, comezamos o noso percorrido por Cartagena, visitando o Refuxio da Guerra Civil, que resulta estremecedor, e o castelo de Santa Catalina, ao que se accede a través dun ascensor panorámico. A situación da fortaleza permitiu coñecer o sistema defensivo da cidade e ver desde esa posición dominante todos os lugares que o martes ían ser obxecto da nosa atención.
O luns, día 14 tivo que ser forzosamente un día de exteriores porque en todos os lugares da nosa xeografía teñen o pésimo costume de pechar todos os museos, así que todavía en Murcia, quedamos gratamente sorprendidos coas gredas de Bolnuevo, unha orixinal formación de arenisca que lembra a outras cidades encantadas. Gredas de Bolnuevo Con moito calor paseamos por Níjar, un dos máis fermosos lugares de Almería, ao que por certo chegou a empresa Estrella Galicia. En Pozo de los Frailes detivémonos a ver unha pequena noria, que á diferencia da de Abarán, precisaba dunha mula o un asno para moverse. A continuación esperaba o mellor xantar da viaxe, en Casa Aniceto, en San José de Níjar, onde tomamos un gazpacho soberbio, servido como ten que ser, en compañia de picatostes e tomate e pepino picados, para tomar a continuación “pescaíto frito”, sabrosísimo. Tamén hai que destacar o acolledor que resulta o restaurante e o profesional que resultou o servizo.
Esperaba despois Cabo de Gata, pero a sorpresa foi que os autocares grandes non poden chegar ata o faro, sen que estea proibida a súa circulación, polo que houbo que velo á distancia. Detivémonos tamén en Almadrava de Monteleva, onde están restaurando a súa igrexa, que ten un campanario altísimo. Unha breve parada en Vera, completou a xornada.
O día 15 dedicamos a xornada a coñecer o máis destacado do patrimonio de Cartagena. Estivemos acompañados por unha guía local, da que se pode prescindir, pois todos os museos e centros interpretativos da cidade contan con guías propios. Cripta funeraria no centro da Muralla Púnica Comezamos co centro de intepretación da Muralla Púnica, o resto máis destacado da época cartaxinesa, no que tamén se pode ver a singular cripta funeraria da antiga igrexa de San José, na que hai varios nichos e unhas pinturas que representan unha danza da morte.
Logo dun breve paseo no que pasamos por díante do Palacio Aguirre, un fermoso edificio modernista empregado pola Comunidade para actos institucionais. A continuación visitamos o teatro romano. O seu acceso é espectacular, a través dun corredor que pasa por baixo dunha rúa e onde se fai un repaso da historia do xacemento e a súa evolución ao longo dos séculos, e logo sóbese a través dun edificio de nova planta, onde hai magníficas pezas arqueolóxicas, como os tres altares da Tríada capitolina que presiden a sala número 2, e que teñen a particularidade de estar representadas polos seus animais simbólicos (Xúpiter-aguia; Xuno-pavo real; Minerva-curuxa), un feito único no mundo. O teatro non está tan ben conservado como o de Mérida pero ten os suficientes elementos de interese para converter o lugar nunha parada inexcusable.
Cartagena. Edificio do concello A seguinte visita foi ao edificio do concello, un edificio modernista cunha monumental escaleira, no que vimos tamén o salón de plenos. A continuación paseamos pola principal rúa peatonal da cidade, na que hai varios edificios interesantes como o Gran Hotel ou o Casino, ambos de estilo modernista, antes de chegar ao xacemento arqueolóxico do Barrio do Foro Romano, a carón do cerro do Molinete. O lugar está moi ben acondicionado, e están traballando varios arqueólogos á vista de todo mundo, un xeito de achegar a arqueoloxía ao gran público. E como propina vimos tamén os restos do Decumano da antiga cidade romana.
Xantamos un contundente cordeiro e tivemos algo de tempo de descanso antes de embarcar pola tarde nun breve percorrido náutico pola badía da cidade para coñecer o seu impresionante conxunto de fortificacións e baterías.
Como remate desta xornada, e logo de pasar por diante do submarino de Isaac Peral, realizamos unha visita guiada ao Museo Nacional de Arqueología Subacuática, que percorrimos da man dun guía moi didáctico e documentado e soubemos, entre outras cousas, da escavación dun pecio fenicio perto de Mazarrón.
Novelda. Casa ModernistaO día 16 combinamos o modernismo coa arqueoloxía. Comezamos coa visita da Casa Museo Modernista, en Novelda, un edificio de tres plantas deseñado polo arquitecto Pedro Cardán, para residencia de doña Antonia Navarro, no que destacan especialmente a súa escaleira e o comedor con fermosas pinturas da época. A planta superior está dedicada á figura de Jorge Juan, marino e científico noveldense, que con Antonio de Ulloa participou nunha célebre expedición para medir un grao dun meridiano terrestre na liña ecuatorial en América del Sur.
Antes de marchar de Novelda fomos ver o Santuario de Santa María Magdalena, edificio modernista proxectado por José Sala, que garda certas reminiscencias coa Sagrada Familia.
Agardábanos logo un dos mellores momentos da viaxe, a visita no MARQ (Museo Arqueológico de Alicante) da exposición temporal “El Tesoro de los Bárbaros” que amosa un extraordinario conxunto de obxectos metálicos atopados baixo as augas do Rhin, relacionados case todos coa vida cotiá dos romanos (ferramentas, vaixelas, armas, placas votivas e incluso partes dun carro), moitos deles integrantes do tesouro de Neupotz, exposto na actualidade no Museo do Palatinado de Speyer.
Pola tarde, en El Campello, visitamos o xacemento de Illeta dels Banyets, dan man dun guía de orixe rusa que falaba moi ben o español. Neste conxunto arqueolóxico, situado nunha pequena península hai restos ibéricos e romanos, neste último caso de termas e unha piscifactoría.
Houbo tempo despois de recuperar a fallida visita de La Unión. Logo das pertinentes disculpas a guía ensinounos a casa do Piñón, un edificio modernista que ten no baixo o interesante Museo del Cante de las Minas, incluso para xente do norte coma nós. Subimos tamén á terraza do edificio, que da nome á construción e desde alí explicounos todas as explotacións mineiras circundantes. De seguido, fomos ata o antigo Mercado Público, un enorme edificio modernista transformado en auditorio en determinadas épocas do ano. La Unión. Antiguo Mercado Público O día 17 foi unha xornada de transición pois debimos facer unha chea de quilómetros para ir durmir a Ciudad Real. Pola mañá estaba previsto facer dúas visitas que determinaríamos sobre a marcha. O primeiro lugar elixido foi Peñas de San Pedro, unha vila que ten máis interese do que aparenta. Está dominada por unha enorme peña coronada por un castelo. Na praza maior había un ambiente moi animado pois era día de feira.
A continuación fomos ata Lezuza, para coñecer o xacemento de Libisosa, excavado nos últimos anos con resultados excepcionais. A visita resultou moi apresurada pois a guía coa que contactamos xa estaba cun grupo e nos só recibimos unha explicación moi concisa do que alí están atopando.
O xantar tivo lugar en Ruidera, á beira da lagoa del Rey. Despois de xantar, baixo un intenso calor, chegamos en quince minutos a pé ata a fervenza do Hundimiento, unha das estampas más fermosas do Parque Natural das Lagunas de Ruidera.
A continuación fixemos un percorrido en autocar no que fomos vendo sucesivamente as lagoas Colgada, Santo Morcillo, Batana, Salvadora, Lengua, Redondilla e San Pedro, e baixando na lagoa Lengua, a máis fermosa de todas elas. Realmente sorprende unha paixase na que a auga ten tanto protagonismo nun territorio no que a chuvia non abunda precisamente e que é ademáis onde nace o río Guadiana.
San Carlos del Valle. Praza maior De camiño a Ciudad Real onde íamos durmir o resto das noites desviámonos para admirar a singular praza maior de San Carlos del Valle, acaso a máis fermosa da comunidade pero que está fóra dos circuitos turísiticos habituais, polo que resulta pouco coñecida.
A mañá do día 18 resultou máis descansada. Estivemos en Almagro, onde admiramos a súa afamada praza maior coas galerías pintadas de verde. Paseamos polas súas rúas na que abundan os edificios nobles, relacionados moitos deles con familias de banqueiros alemanes como os Fúcares, os Wessel ou os Xedler. Almagro. Corral de Comedias O máis atractivo da xornada foi á visita ao emblemático Corral de Comedias, un dos máis antigos teatros de España, logo completado coa visita ao Museo Nacional del Teatro, un recinto cheo de escenografías, maquetas e imaxes dos máis importantes recintos teatrais españoles, actores e obras.
Logo de xantar, onde probamos os máis característico platos da cociña manchega fomos ata Calatrava la Nueva para ver a súa impresionante fortaleza. Porén, non é posible acceder co autocar, así que tivemos que conformarnos con velo desde abaixo. A derradeira visita da xornada tivo novamente á arqueoloxía como protagonista, no xacemento ibérico de Cerro de las Cabezas. O lugar, situado á beira da autovía, ten un espléndido Centro de Interpretación, na que se fai un percorrido polos principais restos da arte ibérica na comunidade de Castilla-La Mancha e na que se poden aprender cousas do modo de vida e dos ritos funerarios deste pobo prerromano. Contamos ademáis cunha guía moi apaixoada, que transmitía con verdadeiro entusiasmo os seus coñecementos. Do xacemento vimos os restos da súa impresionante muralla.
En Almagro deixamos a catro viaxeiras para que asistiran a unha representación teatral no Corral de Comedias e o resto do grupo regresamos a Ciudad Real.
Parque Nacional de las Tablas de DaimielO día 19 resultou excepcional. Pasamos a mañá no Parque Nacional de Las Tablas de Daimiel. A cita obrigounos a madrugar pois chegamos ao Centro de Visitantes do parque ás 8,30 horas. Alí fixemos un percorrido combinado, repartidos en dous grupos que a media mañá intercambiamos a actividade, un paseo polas pasarelas e o bosque de tarayes para ver a avifauna e algunhas das plantas máis características do parque (masiega, carrizo, calamino, espadana ou un aromático panxino), cun percorrido en todo terreo que comeza no muiño de Molemocho e pasa pola casilla do derradeiro pescador do parque, Julio Escuderos, para amosarnos os diversos ecosistemas deste espazo natural formado polos ríos Gigüela e Guadiana. O principal guía dos grupos, Jesús, resoltou ser unha persoa extraordinariamente informada e moi didáctica. Lamento non lembrar o seu apelido para deixar constancia do mesmo.
Xantamos en Daimiel, un sabroso rabo de boi, e visitamos a continuación o Museo Comarcal de Daimiel, con interesante información sobre arqueoloxía, especialmente á referencia á Motilla de Azuer, ainda que tamén paga a pena ver a colección Carranza de cerámica e algúns elementos arquitectónicos da Casa dos Carrillo ou un espazo dedicado ao arquitecto Miguel Fisac, do que hai obra en Galicia. Carrillón na praza maior de Ciudad Real En Ciudad Real tivemos algo de tempo libre para visitar a cidade e achegarnos ata a praza maior para ver un dos mellores carrillóns que hai en España.
O día 20 pasámolo no autocar. A distancia desde Ciudad Real o tempo de conducción do noso conductor non permitía facer visitas de tipo cultural, así que fora de áreas de servizo só paramos en Tordesillas para xantar.