Archiv für Juli 2012

ESTUDIA, QUE ALGO QUEDA

Sonntag, 8. Juli 2012

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no boletín do primeiro semestre do ano 2012.

Son moitas as testemuñas sobre Galicia que foron deixando en distintas publicacións estranxeiros de moi diversa condición, se ben so reseñaremos as dos últimos cen anos. En primeiro termo están as dos viaxeiros, que veñen a coñecer a terra e logo narran as súas impresións, case sempre con agarimo. Entre estos chama a atención un importante número de mulleres, como Anette Meakin, autora do libro ?Galicia, the Switzerland of Spain?, do ano 1909; C. Gasquoine Hartley, que publicou ?Spain revisited; a summer holiday in Galicia?, editado en 1911 ou Helene Fortoul, que escribiu ?Pierres de Galice?, publicado en 1928.
George Chevalier. Castelo de San Antón. A Coruña (1917) Ainda que estas autoras xa viaxaban acompañadas dunha cámara fotográfica o interese específico por este medio de captar a realidade xeralizouse en anos posteriores. Os fotógrafos constitúen outra categoría aparte. As súas testemuñas gráficas, financiadas en moitas ocasións por institucións privadas, constitúen un legado impagable. O magnate e filántropo francés Albert Kahn fascinado coa beleza da cor dos autochromes financiou un ambicioso proxecto para fotografiar en cor os máis dispares lugares do planeta. Galicia non escapou a ese interese e George Chevalier realizou en maio do ano 1917 fermosas imaxes da Coruña e de Santiago de Compostela.
O norteamericano Archer Milton Huntington, fundador da Hispanic Society of America, con sede en New York, financiou as viaxes das fotógrafas Anna Christian, Georgiana Goddard King, Ruth Matilda Anderson ou Frances Spalding ?outra vez son mulleres as protagonistas-. O arquivo máis importante deste grupo é o de Ruth M. Anderson, composto por 5.249 fotografías realizadas entre os anos 1924-26, que foi exposto parcialmente en varios lugares de Galicia. Todas elas realizan o seu traballo antes do ano 30, así que imaxinemos o que debía supoñer ver a unha muller estranxeira facendo fotos en lugares que estaban moi mal comunicados. Pensemos no asombro e na expectación de debían levantar.
GERVAIS COURTELLEMONT. Cash and carry in Galicia (c.1930) Outra entidade interesada por dar a coñecer as máis diversas culturas do mundo, National Geographic, enviou a Galicia no ano 1930 ao fotógrafo francés Jules Gervais Courtellemont do que a etnógrafa Begoña Bas, colaboradora deste boletín en algunha ocasión, publicou o ano 2011 un interesantísimo artigo en Adra, a revista dos socios do Museo do Pobo Galego, que tomando como punto de partida a imaxe dun muiño de vento no Barqueiro, reivindica o seu legado fotográfico.
Logo deste breve percorrido chegamos a unha terceira categoría de visitantes: os estudiosos dalgún aspecto da cultura galega que en moitos casos ollaron os máis recónditos lugares da nosa xeografía para efectuar o seu traballo, causando asombro entre as xentes do rural.
Por mor das circunstancias do momento, habería que comezar por un polaco, Eugeniusz Frankowski, que vai permanecer en España entre os anos 1914 e 1920, a consecuencia da Primeira Guerra Mundial. Este etnógrafo vai estudar os hórreos galegos e doutras rexións, e no ano 1920 publicará ?Hórreos y palafitos de la península Ibérica?, ainda a súa teoría palafítica foi rexeitada ante a falta de evidencias arqueolóxicas.
Podemos seguir agora cos discípulos do profesor Fritz Krüger, autor dun traballo sobre o léxico rural do noroeste ibérico, e director do Seminario de Lengua y Culturas Románicas da Universidade de Hamburgo, que vai dirixir ¡sesenta e tres! teses doctorais entre os anos 1927 e 1945. Teñen relación con Galicia as realizadas por Walter Ebeling e Hans Karl Schneider, así como un traballo de Walter Schroeder sobre a casa fisterrá.
WALTER EBELING. No mazo de Riotorto (1928-1933) Walter Ebeling viaxou a Galicia en tres ocasións nos anos 1928, 1929 e 1933 para estudar o folklore, a etnografía e a dialectoloxía da montaña luguesa: Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Neguiera de Muñiz, A Pastoriza…; o seu legado fotográfico foi recollido nunha publicación da Deputación de Lugo, titulada ?A terra e os homes?, que recolle imaxes da arquitectura rural, dos traballos do campo, do liño, da familia e a sociedade, etc.
Hans Karl Schneider veu estudar as variedades dialectais do val do Limia, e contou coa axuda dos eruditos lobeirenses, Xurxo e Xaquín Lorenzo. Este traballo deu o seu fruto, coa publicación no ano 1938 do libro “Studien zum Galizischen des Limiabeckens (Orense-Spanien)”. O meu tío José, que ten agora noventa e catro anos, todavía lembra ter falado con aquel xoven alemán en Baltar, que facía preguntas sobre o significado das palabras galegas.
Outro alemán Georg Leisner, en compañía da súa muller Vera, ven a Galicia a estudar o fenómeno megalítico. No ano 1934 sitúa a Galicia no mapa arqueolóxico internacional ao dar a coñecer a existencia de restos de pintura no dolmen de Pedra Cuberta, no concello de Vimianzo. O máis singular do seu traballo é que cando fai público o seu descubrimento ten xa sesenta e catro anos pois non comezou no mundo da arqueoloxía ata pasados os cincuenta, proba de que nunca é tarde se a vontade acompaña. Volvamos a imaxinar a unha parella case de xubilados (ainda que Vera Leisner era quince anos máis nova) percorrendo os montes galegos na procura destes sepulcros colectivos. A perda da documentación recollida na península ibérica nun incendio da súa casa en München retrasou a publicación do primeiro tomo da obra ?Die Megalithgräber der Iberischen Halbinsel ? Der Western? ata o ano 1956, un ano antes do pasamento de Georg Leisner. Incluso chegou a dicirse que facían para a Alemania nazi traballo de seguimento dos barcos aliados durante a Segunda Guerra Mundial.
ALAN LOMAX. Tocando o chifre (1952) Ollos asombrados viron tamén a un norteamericano que no inverno do ano 1952 percorreu diferentes aldeas de Galicia para gravar cantos tradicionais. Tratábase do folklorista e musicólogo Alan Lomax, unha das personalidades máis singulares do século XX pois desenvolveu un homérico traballo de recollida de músicas populares dos máis dispares lugares: Texas, Mississippi, Escocia, Irlanda, España, Francia, Italia, Yugoslavia, India…
En España estivo acompañado dunha inglesa, Jeannette Bell, e o traslado dos pesados equipos de gravación debeu de ser un dos seus principais problemas. As comunicacións, particularmente no rural, seguían sendo horrorosas. Teño todavía entre as lembranzas da miña nenez o estado da estrada? que ía de Xinzo de Limia ata a miña aldea, Baltar, 15 quilómetros por un pista de terra chea de baches que non foi asfaltada como mínimo ata o ano ¡1970!.
Alan Lomax gravou en lugares como A Coruña, Corcubión, Fisterra, Hío, Pontevedra, Ourense, Avión ou Ribadavia, preferentemente cancións ligadas ao mundo do traballo de canteiros, afiadores ou fiandeiras. Era unha época na que todo o mundo cantaba, agás os membros da Garda Civil, que vixiaron estreitamente os movimentos de Lomax, pois o seu traballo era facer que ?cantasen? os demáis. Nunha entrevista publicada no ano 1960 afirmaba que ?un folklorista en España atopa máis que cancións: fai amistades que lle duran a vida enteira e renova a súa crenza nos seres humanos.?
Outra fonte moi valiosa do traballo do musicólogo estadounidense é a fotografía. Acompañado dunha Leica foi recollendo imaxes que constitúen unha valiosa testemuña daquel tempo. Temos aí outro arquivo fotográfico que habería que recuperar e publicar, como xa se fixo en outras comunidades, aí está o libro ?Mirades?, publicado por Lunwerg, coas fotografías que fixo en Baleares.
O cineasta holandés Rogier Kappers visitou a Lomax pouco antes do seu pasamento e a resultas desta visita decidiu percorrer os lugares de Europa onde estivera o norteamericano coa idea de entrevistar cincuenta anos máis tarde aos protagonistas daquelas gravacións, o que deu como resultado un documental que leva por título ?Lomax the songhunter?. Tanto en Aragón como en Galicia lembraban a aquel home tan curioso.
Abel Bouhier. La Galice Di Miguel Anxo Murado no seu libro ?Otra idea de Galicia? que Domingo Fontán foi o primeiro galego que percorreu toda Galicia a pé, para poder realizar o mapa topográfico que editaría en 1834. Como Fontán, outro xeógrafo, o francés Abel Bouhier tivo que chegar a todos os recunchos de Galicia para poder escribir o monumental libro ?La Galice, essai géographique d’analyse d’interpretation d’un vieux complexe agraire?, publicado no ano 1977, e traducido ao galego no ano 2001, así que podemos afirmar sen medo a equivocarnos que seguramente foi o estranxeiro que mellor coñeceu Galicia, especialmente o mundo agrario.
STAFFAN MÖRLING. Dornas. Illa de Ons (1965) Máis singular e o caso de Staffan Mörling, un sueco especializado en Antropoloxía Cultural que no ano 1965 percorreu a costa galega para estudar as embarcacións tradicionais e a cultura mariñeira e casou cunha moza da illa de Ons, para rematar dando clases na Escola Naval de Marín. O seu libro ?As embarcacións tradicionais de Galicia?, publicado no ano 1989 deu a coñecer o inmenso valor do noso patrimonio marítimo. Realizou moitas fotografías relacionadas co mundo do mar e o seu irmán Mikeal gravou imaxes nos anos 70. Con estas imaxes e cunha entrevista ao propio Staffan Mörling, Diego Torres realizou un marabilloso documental que se pode ver na rede.
Non é este o único caso de estudioso que remata emparentando cunha galega. O hispanista inglés John Rutherford, profesor do Queen?s College de Oxford, reside parte do ano en Ribadeo e traduciu ao inglés obras de Castelao, Méndez Ferrín ou Blanco Amor. Incluso escribiu en galego unha viaxe literaria sobre o Camiño de Santiago, que leva por título ?As frechas de ouro?.
Outro caso semellante é o do escritor británico John Barlow, afincado na Coruña, do que no ano 2010 apareceu en galego a obra ?Todo menos o cuiñar. A voltas co porco por Galicia?, editada dous anos antes en inglés, un simpático percorrido gastronómico no que probou cada unha das partes deste animal totémico da nosa cultura, no que deixou constancia tamén do carácter e dos costumes do mundo rural.
Así que quedamos á espera de que novos persoeiros deixen as súas impresións ou aborden novos aspectos do noso mundo e do noso xeito de vivir.

UNHA FORTE GRIPE

Montag, 2. Juli 2012

Na cultura galega estánse a producir os síntomas dunha forte gripe da que non sabemos todavía a súa duración ou incluso se ten cura. Vexamos algúns destes síntomas:
Calafríos. Son os producidos por unha noticia tan lamentable como que os traballadores do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, inaugurado o 8 de xullo de 2011, como proxecto estrela da consellería de Cultura, asumiron en marzo deste ano a xestión deste espectacular espazo, logo do concurso de acreedores presentado pola empresa á que lle fora adxudicada a súa xestión.
Moqueo nasal. Pode que tamén algo de lagrimeo. Resulta desolador ver como as exposicións da outrora puxante Caixa Galicia teñen cada vez un contido máis reducido. Na sede da Coruña e para renderlle unha rápida homenaxe a Díaz Pardo, presumiron de amosar todas as obras desde artista que ten a entidade agora fusionada pero esqueceron “O home da cunca” que forma parte da antiga colección Caixanova. Unha personalidade da talla de Díaz Pardo non merece unha mostra tan pouco representativa, integrada só por 35 obras, era mellor esperar un pouco e facer unha exposición antolóxica cun mínimo de setenta pinturas. Alomenos, poderían ter sumado os óleos que hai en outras institucións da Coruña, como os tres cadros que conserva o Museo de Bellas Artes, os dous que ten a Fundación María José Jove ou os cinco que garda a Deputación da Coruña. Só con estas once obras a cousa melloraba sustancialmente. Ademáis o catálogo non deixa de ser un libriño, moi ben ilustrado eso sí, que se vendía ao incrible prezo de ¡35 euros!. Supoño que con esta publicación pretendían non só recoñecer a valía do pintor senón tamén pagar as indignas indemnizacións coas que foron ?recompensados? o Sres. Méndez, Pego e colaboradores de igual calaña.
Cansazo. E algo que nos afecta personalmente. O ano pasado pensamos en programar unha xeira ao castro de San Cibrán de Las para ver o seu Centro de Intepretación, que foi aprazada, e ainda non podemos asegurar se para setembro deste ano estará inaugurado este Parque Arqueolóxico. O lamentable está en saber que as instalacións están xa rematadas. Resulta ilustrativa a fotografía que publicou o Faro de Vigo o ¡16 de novembro de 2010! na que se ve ao entón conselleiro de Cultura, Roberto Varela, no interior das instalacións, con paneis informativos xa colocados. Hai que pensar seriamente en non realizar os dous restantes parques arqueolóxicos proxectados e aproveitar infraestructuras xa realizadas, Dombate para o Megalitismo, e o novo Museo Interactivo da Historia de Lugo, para o mundo romano, para evitar costosas duplicidades.
Febre. Aquí si o síntoma ten máis trascendencia. Solicitamos permiso ao Concello da Coruña, a través do Museo Arqueolóxico, para presentar no castelo de San Antón durante o mes de xuño o libro ?Herdeiros pola forza?, do que son autores o xornalista Manuel Gago ?que ten colaborado con nós- e o arqueólogo Xurxo Ayán. A resposta do Servizo de Cultura foi negativa argumentando que se trata dunha publicación de carácter privado e “non de carácter institucional”, a pesares de vir apadrinada pola Asociación de Amigos do Arqueolóxico.
Porén, o 16 de febrero de 2012, Arturo Franco Taboada presentou a súa novela, ?La flor antigua?, no Museo de Bellas Artes. A pesar de tratarse da presentación dunha publicación de carácter privado nunha institución pública (ainda que de titularidade estatal), o criterio foi ben distinto, non houbo reparos para cederlle o espazo, acaso porque a obra está en castellano, un dos presentadores era o subdirector do ABC ou a temática (a destrución dunha cidade colonial en Nicaragua) non podía sacarlle as cores a ningún político.
Deixamos para unha entrada posterior a análise dos síntomas específicos que afectan directamente a nosa cidade (Torre de Hércules, Rede de Casas-Museo, castro de Cociñadoiro, nómina de obras de arte que substituiron aos Carduchos no Museo de Bellas Artes, etc.)