Archiv für August 2012

OBSERVANDO ESTRELAS

Freitag, 31. August 2012

O pasado día 28 de xullo, e ao igual que o ano pasado en Campo Lameiro, celebramos unha xeira con nocturnidade pero sen alevosía. O noso obxectivo final era ver estrelas dende o Observatorio de Forcarei.
Maqueta no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela Previamente fomos ata Santiago para coñecer e visitar dous novos lugares que veñen a enriquecer a súa impresionante oferta patrimonial. O primeiro deles foi o recén inaugurado Museo da Cidade e das Peregrinacións, no antigo edificio do Banco de España, na praza de Platerías. Na planta baixa está exposta unha espectacular maqueta da catedral que foi feita para a Expo de Sevilla do ano 1992 pero que merece ser vista dun xeito permanente. Hai tamén un interesante audiovisual no que se recrea o primitivo retablo románico da catedral. Na primeira planta hai outra maqueta de Santiago no século XII, así como diversos paneis con explicacións sobre a vella fisionomía de Santiago e das súas igrexas. Por contra, na terceira planta só chama a atención o seu lucernario porque está baleira, espero que para acoller os fondos do antigo primeiro Museo das Peregrinacións, o que lle daría un verdadeiro sentido a esta novo espacio expositivo.
Casa do Cabido. Santiago de Compostela A carón del está a Casa do Cabido, un extraordinario edificio-telón, de época barroca, construido para pechar a praza de Platerías e que agora e visitable interiormente. As vistas dende os seus balcóns son impagables e resulta curiosísima a súa distribución interior.
A continuación fomos paseando ata o Auditorio de Galicia, para ver unha das exposicións coas que se celebra o centenario de Eugenio Granell. ¡Que triste espectáculo! Non había ninguén. Un artista e intelectual da talla de Granell non merecía isto, unha antolóxica distribuida por seis puntos da cidade, polo que como moito aos que lles interesa a súa obra non visitan máis de tres deses lugares e levan unha escolma moi parcial do seu traballo. ¿Tan imposibel resultaba facer unha exposición nun único recinto?
Logo da visita collemos camiño cara á Forcarei. Antes da cea visitamos exteriormente o mosteiro de Acibeiro. As perspectivas para ver estrelas non eran moi boas pois o ceo non terminaba de despexar. Observatorio Astronómico de Forcarei Porén, sentounos ben a cea e ao sair o ceo tiña unha claridade incríble. Chegamos ao observatorio ás 22,30 horas. Alí estaba esperando Luisa, que resultou unha extraordinariamente competente e dinámica. Explicounos o seu traballo e como funciona o telescopio profesional e como se abre a cúpula do observatorio. Logo de ver tamén imaxes obtidas co telescopio, arredor das 24,00 horas saimos a exterior para ver estrelas. A experiencia foi apaixoante e chamou moito atención como un pequeno láser pode ter tanta utilidade para ver o ceo. En definitiva, unha experiencia a repetir.