Archiv für September 2012

A ROMERIA DA ERMIDA

Dienstag, 18. September 2012

O pasado día 8 de Setembro, nunha xornada de intenso calor, fomos ata Quiroga, pois ese día celébrase no santuario da Ermida unha das romerías máis concurridas da comarca. Dente de mamut no Museo Xeolóxico de Quiroga Antes visitamos o Museo Xeolóxico de Quiroga, unha pequena instalación cultural, inaugurada a finais do ano pasado, que resulta do máis didáctica. O espazo expositivo está dividido en cinco seccións dedicadas ao pregamento de Campodola, ás pegadas glaciares no val de A Seara, ás actividades mineiras da comarca, á fauna prehistórica e á evolución da especie humana. Resulta tamén interesante para rapaces.
De seguido fomos ata o santuario da Ermida. O lugar onde se celebra a romería non dispón de moito espazo e unhas moreiras que dan sombra tamén impiden que as xentes se movan con facilidade. As Pampórnigas. Romería da Ermida As protagonistas da romería son as Pampórnigas, unha parella de vistosos xigantes, adornados él cunha pipa e ela cun acio de uvas, que seguen á procesión da Virxe dos Remedios. Van acompañados polo Meco que porta unha vasoira de toxo coa que intimida aos asistentes. Esperabamos máis desta festa.
Antes do xantar fomos ata o miradoiro xeolóxico de Campodola para contemplar o famoso priegue tumbado, que non resulta doado comprender se non se teñen coñecementos xeolóxicos.
No “Recuncho de Dino” disfrutamos dunha comida excelente con pementos de piquillo recheos, pementos de Padrón, croquetas e embutidos como entrantes, e logo un sabroso churrasco regado con abundante viño de Quiroga, antes de tomar unha deliciosa tarta de piña.
Pola tarde fomos ata o túnel de Montefurado, que estaba empeñado en esconderse, unha das máis coñecidas obras dos romanos en Galicia.
Retablo da igrexa de Santa Baia de BendolloA sorpresa veu da man da igrexa de Santa Baia de Bendollo, que ademáis do seu interese arquitectónico ten un retablo renacentista pintado, feito case único en Galicia (hai outro en Pontedeume). Lástima da Cidade da Cultura porque cos cartos que levou poderían estar limpos e restaurados obras de arte como esta que están a perderse dun xeito irreparabel.
E como remate visitamos as adegas Mondelo, que elaboran un tinto mencía e un blanco godello con algo de albariño e treixadura. Pero non só de viño vive o home. Coa marca Aceiroga teñen no mercado o único aceite verdadeiramente galego.
As fotografías que acompañan esta reseña cedeumas Aurora Pena porque eu esquecín a máquina na casa.