Archiv für November 2012

ARQUEO-LAR: UNHA EXPERIENCIA ÚNICA

Donnerstag, 29. November 2012

O pasado día 24 de novembro fomos ata Carral para coñecer unha novidos actividade que o arqueólogo Antón Malde está a desenvolver: o Laboratorio Aberto de Arqueoloxía. Durante máis de dúas horas contóunos o proceso de excavación do castro de As Travesas e amosounos os achados alí atopados. Poder tocar as pezas é algo distinto lonxe da frialdade dunha vitrina de museo. Polas nosas mans foron pasando variados restos cerámicos, algún deles moi singular, que corresponden a épocas moi distintas, desde a Idade do Ferro ata o mundo paleocristián. Invito a todo o mundo a chamar ao concello de Carral para vivir esta experiencia que ten lugar os venres e sábados pola tarde, previa inscrición e en grupos de non máis de quince persoas.
Previamente levounos ata o cemiterio de Paleo onde están as tumbas dos mártires de Carral.

LUGO: ULTIMAS EXCAVACIÓNS E RESTAURACIÓNS

Sonntag, 25. November 2012

O pasado día once de novembro Pancho Gallego levounos ata Lugo para coñecer as últimas novidades do patrimonio artístico da capital lucense. Santa María de Labrada. Santiago Matamoros Previamente visitamos a igrexa de Santa María de Labrada, un sinxelo edificio románico que garda no seu interior unha mostra excepcional de pintura mural do século XVI, na que as formas góticas todavía están moi presentes. Destacan un espléndido Santiago Matamoros e as escenas do martirio de San Sebastián, o bautismo de Cristo e o Inferno.
En Lugo comezamos polo Pazo das Pombas, un edificio histórico moi ben recuperado e convertido actualmente en café-museo. Un excelente lugar para facer unha pausa.
Lugo. Domus do Mitreo De seguido fomos ata a Domus do Mitreo, un xacemento arqueolóxico atopado nos baixos do Vicerreitorado da Universidade. Alí esperábanos o arqueólogo Celso Rodríguez, director da excavación que fixo unha documentada presentación do que íamos ver a continuación: os restos dunha domus romana de grandes dimensións, anterior á construcción da muralla, con muros orixinais de máis de dous metros de altura que conserva todavía restos de pintura mural e por riba dela os restos dun templo dedicado ao deus Mitra, no que se atopou unha ara magníficamente conservada. Nunha dependencia teñen expostos algún obxectos atopados na excavación: dúas tumbas con esquelete incluido, vidros, cerámica sixilata, a ara adicada a Mitra, obxectos de metal…
Antes de xantar vimos a través dunha xanela arqueolóxica unha piscina romana, o resto que quedaría dunha domus romana e segundo outras opinións o baptisterio dunha antiga igrexa paleocristiana.
Pola tarde visitamos da man de Celso Carnero, encargado de Patrimonio da diócese de Lucus Augusti, a Catedral de Lugo. A visita resultou de gran interese pola paixón e a calidade da información que ía proporcionándonos o noso guía. Tras unha introducción no exterior no que vimos os distintos estilos arquitectónicos presentes no templo pasamos ao seu interior para ver os retablos que ocupan o transepto, realizados por Cornelis de Holanda; o marabilloso coro de Francisco de Moure, unha das obras barrocas máis destacadas de España; as redescubertas pinturas da bóveda da capela maior, do mestre astorgano José de Terán, que lle outorgan unha nova dimensión á catedral; Lugo. Catedral. Virxe dos Ollos Grandes o armonioso claustro barroco e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, na que o arquitecto Fernando de Casas e Nóvoa e o entallador Miguel de Romai deixaron proba da súa maestría.
A continuación fixemos dous grupos que visitaron alternativamente o Círculo das Artes, un edificio de finais do século XIX no que destaca o gran salón e os seis paneis pintados por Arturo Souto no ano 1930 (e que precisan unha urxente limpeza pois están moi oscurecidos) e o Centro de Intepretación da Muralla, no que co apoio de medios audiovisuais coñecimos a fondo o proceso de construcción da muralla romana e a súa evolución ao longo dos séculos ata a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

A COSTA VASCA

Montag, 19. November 2012

Logo do frustrado cruceiro a Lisboa programado para setembro, que houbo que suspender pola folga dos empregados portuarios de Portugal, portos entre os día 10 e 14 de Outubro fixemos unha xeira pola costa do País Vasco. A primeira noite durmimos en Santander pois a saída foi o mércores logo de xantar e San Sebastián resultaba moi lonxano. A capital cántabra, que paseamos pola noite, resulta moi agradable pola amplitude dos seus bulevares.
O día 11 fomos pola mañá ata Portugalete, para ver o afamado Puente de Vizcaya, extraordinaria obra de inxeniería do ano 1893 segundo deseño de Alberto de Palacio, declarada como Patrimonio da Humanidade. Subimos en ascensor ata a súa pasarela e cruzamos a ría a bordo da barquilla que vai suspendida da ponte.
De seguido, desprazámonos ata San Juan de Gaztelugatxe, unha ermida situada nun promontorio rochoso ao que hai que chegar por un sendeiro e logo subir máis de duascentas escaleiras. En total leva unhas dúas horas ida e volta, pero paga a pena. Trátase dun dos lugares máis fermosos da costa de Euskadi. Para compensar o esforzo agardábanos un xantar que resultou extraordinario, no restaurante Eneperi, cun menú que merece ser lembrado: ensalada de ventresca de bonito, pastel recheo con crema de marisco, bacallao ao pil-pil, magret de pato, tarta caseira con xeado.
Zarautz. Necrópole no campanario da igrexa de Santa María A derradeira visita da xornada tivo Zarautz como escenario. Entramos brevemente na igrexa de Santa María pois ía haber un funeral e pasamos logo ao campanario, que está exento. Alí atópase unha interesante necrópole con restos visibles e moi ben conservados dunha veintena de esqueletes de distintas épocas. E ainda houbo tempo para asomarse á enorme praia da vila.
Durmimos en San Sebastián, repartidos en dous hoteis situados moi perto, o Silken Amara (onde as ceas ían resultar inolvidables) e o Astoria, éste último dedicado ao mundo do cinema, co mesmísimo Alfred Hitchcock sentado na planta baixa.
O venres día 12, comezou coa visita do Ekainberri, en Zestoa, que é a réplica exacta da cercana cova de Ekain, famosa no mundo da arte rupestre polas fermosas representacións de cabalos. É unha das tres únicas covas do mundo das que se fixo unha réplica, as outras dúas son Altamira e Lascaux. A visita realizase dun xeito en certo modo teatral: faixe primeiro un percorrido en silencio, case a oscuras, e un segundo no que xa se van amosando os distintos paneis pictóricos. No centro de interpretación que completa a visita hai vitrinas e paneis con outras covas con arte rupestre no País Vasco, como Santimamiñe ou Altxerri.
Zumaia. Cantís de flysch Chegou logo a visita a unha das institucións que máis nos sorprendeu na nosa viaxe: o Museo Balenciaga, en Getaria. Ocupa un moderno edificio que percorrimos da man dunha guía que foi desgranando toda a obra do modisto Cristóbal Balenciaga, a través da mostra das súas creacións na que resulta visible a súa evolución. Incluso os non avezados no mundo da alta costura sacamos proveito da exposición. Tamén entramos na igrexa de San Salvador; o seu interior é inolvidable porque o chan está lixeiramente inclinado e están especialmente logrados o altar maior e o coro.
A pequena frustación da viaxe veu da man do estado do mar. Non foi posible navegar para coñecer a formación xeolóxica dos cantís de flysch en Zumaia que tivemos que substituir por un percorrido a pé.
Deba. Pórtico da igrexa de Santa María A xornada rematou na igrexa de Deba. Outra gran sorpresa. O seu pórtico, con restos de policromía está emparentado co da igrexa de Laguardia ainda que non resulta tan impresionante. No seu interior hai espléndidos sepulcros e un bo retablo. Paga a pena ver tamén a sacristía e o claustro.
O sábado día 13 resultou un día moi intenso, acaso algo de máis pero non estaría ben renunciar a algún dos lugares que íamos visitar. Comezamos en Zerain, unha pequena aldea dende á que accedimos á Montaña de Hierro, onde visitamos o Centro de Intepretación de Aizpitta, uns altos fornos de calcinación do mineral de ferro e unha galería mineira, da man dunha moza moi comunicativa e entusiasta. Zerain. Altos fornos de calcinación
De seguido fomos ata Segura, unha vila con moitos edificios nobles, do gótico e do barroco, que falan do su pasado histórico. A casa Ardixarra é un edificio extraordinario. A primeira planta, que está baleira permite admirar o traballo dos carpinteiros que fixeron a obra.
Xantamos en Beasain, noutro restaurante, o Dolarea, que paga a pena lembrar, no que xantamos unha deliciosa ensalada templada de perretxicos, un fabuloso ourizo de carne con salsa de Oporto, taco de boi, e tarta de queixo Idiazábal afumado. —
O edificio forma parte do conxunto medieval de Igartza, restaurado nos últimos anos, integrado tamén por un palacio cun fermoso patio, unha ermida, unha ferrería, un lagar e unha ponte.
Saimos logo en dirección a Irún, para visitar o Museo de Oiasso, no que soubemos dun importante asentamento portuario de época romana. Na ermida de Santa Elena o que atopamos no seu interior é unha necrópole de incineración.
Rematamos esta intensa xornada na cercana vila de Hondarribia, onde paseamos polo fermoso barrio da Marina, coas súas balconadas de cores cheas de flores.
San Sebastián. Museo de San Telmo O domingo día 14 e antes de regresar á nosa terra visitamos o Museo de San Telmo, en San Sebastián. O seu discurso expositivo, moi renovado é certamente interesante. Hai espléndidas coleccións de estelas medievais, argizaiolas ou tocados femeninos.
Xantamos no val de Liendo onde o tempo impediu que disfrutásemos da fermosura da paisaxe, pois deu en chover con moita forza e pouca visibilidade.