Archiv für Dezember 2012

O BELÉN DE OLIMPIA LEÓN

Sonntag, 23. Dezember 2012

Onte rematamos o noso programa anual de viaxes coa tradicional xeira de Nadal. Disfrutamos dunha xornada moi apacible, con tempo seco e temperatura agradable e con pouca distancia entre as distintas visitas. Comezamos coa igrexa de San Martiño de Berselos, no concello de Baralla, de estilo románico, na que sobresae a portada principal con orixinais arquivoltas e un tímpano no que se distinguen un año cunha cruz, detras un home cunha serpe e unha man en actitude de bendicir. Igrexa de Berselos. Pintura mural No seu interior acolle agora un valioso reclamo, pois o cascarón da ábsida está cuberto con fermosas pinturas do século XVI cun espléndido Pantocrátor, que foron descubertas hai só sete anos.
Logo fomos ver a igrexa do antigo mosteiro de Penamaior; estiveramos xa no seu exterior pero agora tivemos a oportunidade de ver o seu interior, que non resulta moi doado. Chaman a atención os formidables pilares que sustentan a igrexa no seu primeiro tramo. Interior da igrexa de Santa María de Penamaior O templo conserva tamén o artesonado orixinal no que son visibles restos de policromía e algunhas decoracións florais. Paga a pena deterse tamén a contemplar o tímpano da igrexa, no que figura o nome do seu autor e ver as distintas fiestras situadas no muro Norte. Dende aquí hai que agradecer tamén aos párrocos de Berselos e de Becerreá que tiveran a xentileza de abrirnos os edificios. Por insistencia deste último visitamos tamén a igrexa de San Xoán de Becerreá, rematada hai menos dun século. Non ten moito interese agás unha boa talla barroca de San Antón.
Rematamos o percorrido matinal nunha paixaxe moi singular, os Grobos, un conxunto de agullas calizas cubertas de espesos musgos, no medio dun souto.
Logo dun xantar caseiro sen moitas pretensións pero ben preparado no restaurante “Fonte da Saúde”, na Condomiña, fomos ata a igrexa do Santo, en Becerreá. Alí a señora Olimpia León, coa colaboración da asociación cultural Zoela, Becerreá. Igrexa do Santo. Belén de Olimpia León instala desde o ano 1998 un belén artesanal no que recolle as construcións típicas dos Ancares, como pallozas ou cortíns e recrea diversas escenas da etnografía da zona con moita delicadeza. A igrexa do Santo ten máis interese do que cabería pensar, na que destaca a linterna da bóveda.
No camiño de volta paramos para ver a igrexa románica de Fonteita, con escasos elementos de interese, e rematamos na praia fluvial do río Chamoso, no concello do Corgo. Un fermoso lugar para disfrutar dun baño ainda que habería que limitar o ruido que proven da moi cercana autovía.
Quero agradecerlle tamén ao meu amigo Carlos Prieto que me cedera as imaxes que ilustran esta entrada.