Archiv für Januar 2013

A PINTURA MURAL EN GALICIA

Sonntag, 27. Januar 2013

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín número 24 de Asociación, do segundo semestre do ano 2012.

Varias noticias viñeron a poñer de actualidade a pintura mural. A máis sonada foi a chapuza realizada por unha pobre señora de máis de oitenta anos na igrexa de Borja (Zaragoza), que foi obxecto dun escarnio desmesurado, e que algúns, nun exercicio de hipocresía, aproveitaron para facer negocio, cando aquí ninguén dixo nada ao respecto, por exemplo, da forma en que a policía entregoulle ao deán da catedral de Santiago un libro tan valioso como o Códice Calixtino, que si lembrades as imaxes, ía envolto nunha toalla!.
Aproveitando a repercusión desta noticia o párroco e os veciños de Labrada, no concello de Guitiriz, fixeron unha chamada de atención sobre o estado de conservación do conxunto mural da igrexa, que malia ser un dos máis fermosos de Galicia non é coñecido máis que por uns poucos iniciados. Outras novas foron algo máis positivas, como o remate da restauración das pinturas da catedral de Lugo que lle outorgan unha nova dimensión ao templo.
Imos facer un breve percorrido cronolóxico polos mellores exemplos da pintura mural en Galicia, prestando especial atención aos achados dos últimos anos. Non vou a entrar en detalle nin en aspectos técnicos nin na descrición iconográfica de todos os conxuntos que se citarán porque non son un especialista, senón un afeccionado que si coñece in situ case a totalidade deles. Se alguén ten interese en ampliar estas cuestións, pode consultar o documentado traballo de Alicia Suárez Ferrín publicado no ano 2005 no Anuario Brigantino.
Santa Eulalia de Bóveda A meirande parte da pintura mural galega está realizada coa técnica do fresco, e antes de comezar habería que explicar primeiro en que consiste. Trátase dunha técnica pictórica sobre muro na que sobre un morteiro de cal húmido (mestura de cal, auga, area e, ás veces, cinza) vánse aplicando os pigmentos antes de que seque, pois a partires dese momento a pintura queda integrada permanentemente na parede e non permite rectificacións.
O máis antigo conxunto pictórico de Galicia atópase na igrexa de Santa Eulalia de Bóveda, pertencente ao municipio de Lugo, un edificio público tardorromano de controvertida intepretación: oráculo dedicado á deusa Cibeles, ninfeo, sala de baños curativos…; nas pinturas, do século IV, realizadas sobre estuco, altérnase a decoración vexetal (piñeiros co seu froito) cun inventario de aves (faisáns, patos, perdices, paspallás, galos, ocas). É un privilexio conservar un edificio como este porque é unico en toda a península.
A pintura mural de San Martiño de Mondoñedo, no concello de Foz, resulta excepcional, non só por pertencer a época románica (século XII) senón por estar á altura dos frescos que decoran as igrexas catalanas. A súa existencia foi anticipada polo profesor Manuel Castiñeiras no ano 1996 e descuberta por Blanca Besteiro no ano 2007. Na bóveda do transepto do muro Sur está representado un ciclo pictórico coa a Asunción da Virxe, a Árbore de Xesé e a Gloria dos Xustos. Tamén de época románica son os mínimos restos pictóricos conservados nunha nave lateral da igrexa de San Pedro de Rocas, en Esgos. Unha mágoa porque o que alí se deixa entrever é nin máis nin menos que un mapa roda (o único coñecido en toda Europa pintado sobre muro), tan relacionado cos Beatos, no que todo o mundo habitado coñecido era representado nun mapa circular en relación ademáis cos lugares onde predicaron os Apóstolos.
Do Gótico, ano 1434, son as pinturas de San Salvador de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, realizadas ao temple sobre unha capa de revoco moi fina, con predominio das cores amarela, negra e vermello. A escena máis importante do conxunto é a Anunciación, a ambos lados da fiestra da ábsida. Na parte inferior hai a unha representación do Varón de Dores e ao seu carón varios bustos identificados, os da parte dereita cos reis Xoán I e a súa dona María de Aragón, e o da parte esquerda co seu fillo Enrique.
A igrexa de San Vicente de Pombeiro, no concello de Pantón, é a nosa seguinte parada. A súa pintura mural foi descuberta no ano 1997 e presenta un programa iconográfico moi completo no que destacan a Lamentación sobre Cristo Morto, a Natividade, a Última Cea e o Xuizo Final. Alicia Suárez Ferrín sitúa no ano 1462 a súa execución.
Santa María de Seteventos As pinturas de Santa María de Seteventos, no concello de O Saviñao, son de finais do século XV; ocupan a totalidade do hastial da ábsida e representan o Xuizo Final, ademáis hai un Calvario e unha Anunciación. Están especialmente logrados a Resurrección dos mortos e os castigos do Inferno.
Arredor do ano 1500 están datados os frescos conservados na Catedral de Mondoñedo, xusto debaixo dos órganos da nave central. Nun lado está representada con moito realismo a Matanza dos Inocentes, mentres que en fronte delas hai pintadas varias escenas coa vida de San Pedro. Pensemos que naquela época a pintura, ao igual que pasaba coa escultura do Románico, cumpría unha función educativa, converténdose no libro dos analfabetos.
Cronolóxicamente debemos seguir polas pinturas da igrexa de Santa María de Cuiña, no concello de Oza dos Ríos, que foron descubertas no ano 1971. Os restos conservados corresponden a tres momentos distintos. As máis antigas, de estilo hispano-flamengo, do ano 1503, representan a Vasco de Marante coa súa familia; a bóveda e as pinturas do lado esquerdo da nave foron feitas no ano 1544; e a imaxe da Verónica, acaso a máis representativa do templo é algo posterior ainda que non se coñece con exactitude a data da súa realización.
De tradición gótica son tamén as pinturas da igrexa de Vila do Medio de Burela, con seis escenas da Paixón de Cristo, e as Santa María de Mosteiro, no concello de Guntín, na que destacan a Natividade e unha curiosa escena da morte decidindo o resultado dun torneo medieval. En Galicia os estilos artísticos perviven máis alá do que establecen os manuais de arte. Lembremos a infinidade de igrexas do rural nas que o románico incorpora elementos oxivais característicos do gótico.
Plenamente renacentistas son as pinturas da igrexa de San Xoán do Sisto, no concello de Dozón, realizadas por un artista de gran categoría, acaso de orixe portuguesa, con moita forza expresiva. É moi detallista nas súas composicións, entre as que destacan a Flaxelación e o Descenso ao Limbo. San Xoán do Sixto Chama poderosamente a atención a presenza de destacados persoeiros como Carlos V e a súa dona Isabel de Portugal. Sen ir máis lonxe, na escena de Cristo ante Pilatos, éste parece un retrato do emperador Carlos V e o xove que lle bota a auga semella o futuro rei Felipe II. As pinturas poden datarse no ano 1552 que é unha data que se repite en varios lugares dos muros da nave.
Un conxunto único é o constituido polas igrexas de Santa María de Banga, no concello de O Carballiño, e de Santa María de Mugares, no municipio de Toén. O seu autor é o mesmo artista, identificado polo profesor García Iglesias, como Bartolomé García de Bahamonde. É un pintor dunha gran formación filosófica e humanista, vencellado a un estilo máis intelectual como é o Manierismo. Na bóveda de Banga, do ano 1555, vai pintar 24 figuras distribuidas en tres espazos: o central está ocupado polos Dons da Divinidade, como a Amor ou a Fortuna; no espazo intermedio están pintados varios astros do sistema solar; e no espazo externo están representados os profetas do antigo Testamento e os evanxelistas. Na bóveda da igrexa de Mugares, pintada arredor do ano 1570, hai representadas 20 figuras tamén en tres espazos, relacionadas coa natureza do home e da alma.
A igrexa de Santa María de Baamorto, no municipio de Monforte, conserva un dos conxuntos de pintura mural máis singulares de Galicia, pois están realizados nun muro exterior, o do Sur, protexidas por un porche ou nártex. Están datadas arredor do ano 1560 e son atribuidas a un mestre anónimo, o de Nogueira, un dos moitos artistas dos que descoñecemos o seu nome, como os de Marzá, O Sisto ou Banga. Está representado o ciclo completo da Paixón de Cristo.
Outras dúas igrexas como Santa María de Sendelle, no concello de Boimorto, e Santa María de Melide, gardan pinturas murais do século XVI na súa ábsida. Resulta moi semellante a súa factura, e dado que so están separadas por 20 km. poderíamos pensar que están realizadas pola mesma man. Nunha visión máis profunda advirtense varias diferencias. En Sendelle está representado no cascarón da bóveda o Xuizo Final, mentras que en Melide é Deus Padre quen ocupa a bóveda rodeado dos símbolos dos evanxelistas. O friso inferior está ocupado en Sendelle pola Última Cea e en Melide por un Apostolado.
Continuando con este repaso aos conxuntos do século XVI, hai que que citar outras igrexas como as de Santa María de Proendos, no concello de Sober, onde hai pintadas a Adoración dos Reis e dos Pastores, a Fuxida a Exipto, ou a Visitación; as de San Xoán de Seoane, no municipio de Xinzo de Limia, nas que sobresae a imaxe do martirio de San Sebastián, moi repetido en outras igrexas do rural, porque ao fin de contas era o protector contra a peste, que non deixaba de ser a ira de Deus contra os pecadores; as de Santa María de Castrelo de Miño, que ocupan por completo a bóveda da ábsida, cunha completísima escena do Xuizo Final, na que chama poderosamente a atención a Cabalgata dos Pecados Capitais; as de Santo Tomé de Nogueira, no concello de Meis, cunha fermosa Anunciación e unha Epifanía; Santa María de Labrada e, sobre todo, a de Santa María de Labrada, no concello de Guitiriz, que ten nos muros da nave fermosísimas escenas que representan o Martirio de San Sebastián, o Bautismo de Cristo, a San Cristóbal, a Santiago Matamoros ou o Inferno, onde vemos a varias mulleres nunha caldeira posta ao lume, azuzado por varios diaños. O artista, anónimo, é extraordinario. Na penúltima xeira do ano tivemos ocasión de visitar a igrexa. Foi una sorpresa tan grande como a que supuxo, no eido escultórico, coñecer Santa María de Ventosa, en A Golada.
Nos últimos anos descubríronse novas conxuntos murais da segunda metade do século XVI, como os da igrexa de San Martiño de Berselos, no concello de Baralla, atopadas no ano 2005 ou os da igrexa de San Fiz de Donís, visibles desde o ano 2008, ainda que nos dous casos non teñen o valor dos conxuntos descritos con anterioridade. Os achados nestes templos enténdense pola decisión tomada polas autoridades de Galicia a finais do século XVI cando deciden que para evitar a propagación das epidemias de peste que apareceran en varias ocasións ao longo dese século, había que revestir con cal as paredes dos edificios, polo que os frescos existentes nas igrexas quedaron, case todos, tapados e gracias a iso, tamén preservados.
Se seguise coa descrición de outros conxuntos habería que facer un número monográfico da revista, pero alomenos cómpre mencionar algunhas escenas moi concretas: a Visitación da igrexa de Santa María de Marzá, o San Sebastián da igrexa de Xurenzás, o martirio de San Lourenzo de Fión, ou a Fuxida a Exipto, da igrexa de Nosa Señora da Ponte de Arante, en Ribadeo.
Na torre do pazo de San Miguel de Penas, en Monterroso, propiedade da casa ducal de Medinaceli, hai restos de pintura mural na primeira e na segunda planta. O máis curioso é que son de tema profano, algo totalmente insual naquel momento, destacando especialmente o Xuizo de Paris.
San Xoán de Seoane A pintura mural reaparece no século XVIII e deixou na nosa comunidade unha obra de gran valor que ata este ano pasaba desapercibida. Trátase da bóveda e a parte superior da capela maior da Catedral de Lugo, pintada polo mestre astorgano José de Terán entre os anos 1776 e 1778, ocultas por décadas de suciedade e humidade. A súa restauración, rematada no ano 2012, devolveulle unha cor esplendorosa, na que está pintada a Gloria, cunha profusión de anxos, santos, reis e escenas alegóricas, arredor da Trinidade. Tamén do século XVIII é obrigado citar á igrexa de San Miguel de Desteriz, no concello ourensán de Padrenda, que ten a bóveda da nave cuberta con pinturas na que están representados os Apóstolos, os Evanxelistas e os Doctores da Igrexa. Seguramente é un dos templos máis inxustamente descoñecidos de Galicia.
Nin os cidadáns nin os responsables políticos e culturais saben valorar e protexer como se merece este impresionante patrimonio, espallado por máis de cento cincuenta igrexas, a meirande parte delas en lugares con moi pouca poboación, fora de calquera ruta turística que permita o seu gozo. Resultaría desolador que algún dos conxuntos esbozados neste artigo sufran un deterioro irreversible provocado pola humidade, a maior enimiga da pintura, que se filtra nos edificios mal conservados. Non hai dereito a que se repita o da igrexa de Santo Estevo de Chouzán, que perdeu case por completo o seu magnífico Xuizo Final (froito tamén do deficiente arranque da pintura, pois o templo foi trasladado de lugar por mor da construción do embalse dos Peares) ou que San Xián de Moraime, cunha orixinal representación dos pecados capitais poida seguir o mesmo camiño.
Na primeira metade do século XIX a pintura mural pasa ao ámbito privado. Acaso o máis importante pintor desa época é Juan Pérez de Castinande, un artista neoclásico nacido nunha pequena aldea de Sober, que vai pintar moitas casas particulares na comarca de Lemos, como a Rectoral de Anllo, a Casa Grande de Rosende ou o Pazo de Molinos de Antero. Ademáis, outra clase de edificios requiren a contratación de artistas para decorar os seus teitos: os teatros. Como exemplos destacados temos o Rosalía de Castro, en A Coruña, onde o escenógrafo e pintor Eusebio Lucini foi o autor da pintura do teito; e o Jofre, en Ferrol, onde Jorge Busato, axudado por Ricardo Fontana di Cento, foi o artista encargado da decoración, realizada na derradeira década do século XIX.
O século XX representa para a pintura mural en Galicia un novo renacemento pois son moitos os artistas que van deixar obra espallada por distintos lugares ainda que xa non nos edificios relixiosos. Bello Piñeiro vai pintar no Casino de Ferrol a Sala das Conversas, coñecida popularmente como A Pecera, cos máis fermosos trazos do Modernismo galego, onde amosa o seu gusto pola paisaxe da dúa terra. Mural de Urbano Lugrís no Caffe Vecchio Urbano Lugrís vai renovar profundamente o noso muralismo co abandono do realismo e a creación dun mundo persoal e irrepetible no que o mar cobra un protagonismo indiscutible, e serven como exemplo os murais conservados no Caffe Vecchio da Coruña, ou no restaurante Nova Galicia de Santiago.
Outros destacados pintores que tamén realizan murais son Laxeiro, que pinta ?O manancial da vida? para o Café Moderno de Pontevedra; Prego de Oliver, que decora con dous murais, un dedicado ao campo e o outro ao mar, a Estación Marítima de Vigo, convertida hoxe na terminal de trasatlánticos Alberto Durán; José María de Labra, que realiza dous murais para o edificio dos Sindicatos da Coruña (hoxe demolido) e que foron extraídos e trasladados ao Pazo de Mariñán; ou Alfonso Costa, que pinta varios murais en Noia e Porto do Son, entre os que destaca o que fai para o instituto Virxe do Mar de Noia.
Como iniciativa singular, e por encargo do Ministerio de Xustiza, nos primeiros anos da década dos oitenta Quessada, Alexandro e Vidal Souto decoran os muros interiores do cárcere de Pereiro de Aguiar, en Ourense, ocupando unha superficie de case un quilómetro de lonxitude.
Mural de Fermín Díaz na aldea de Monseiro Non podemos pasar por alto os murais que Fermín Díaz, ?Finxo? realizou no exterior dalgunhas construcións da súa aldea natal, Monseiro, no concello de Láncara, nos que están pintados unha sega, unha romería tradicional, a Santa Compaña ou unha escena relacionada coa emigración e que fomos visitar hai un ano.
Porén, do máis importante muralista galego do pasado século, Luis Seoane, non conservamos obras desta clase en Galicia, habería que ir a Buenos Aires, onde hai excelentes exemplos. A Fundación Seoane de A Coruña amosa ata o 16 de xuño de 2013 unha exposición fotográfica que recolle o traballo do artista en edificios públicos e casas particulares, fundamentalmente de Buenos Aires. Na capital arxentina hai tamén unha excelente obra de Manuel Colmeiro, coautor do mural de Galerías Pacífico pero perdéronse para sempre os murais que pintara Maruja Mallo para o cine Los Ángeles.

MUSEO DE PONTEVEDRA

Montag, 14. Januar 2013

Hai dous días fun ver a nova sede do Museo de Pontevedra, o chamado ?Sexto Edificio?, inaugurado polo Presidente Rajoy o día 4 de xaneiro. Levaba rematado desde o ano 2008 pero non foi ata este momento no que se colocou a Colección Permanente que vai albergar, que abrangue desde o Gótico ata o século XX. Cousas da crise.
Son tres as plantas destinadas a este efecto, mentras que a planta baixa será reservada para exposicións temporais. Comecei o percorrido expositivo pola terceira planta, o que supoñía ver primeiro o máis moderno.
Seis das sete salas nas que está dividiva esta terceira planta están dedicadas á arte galega do século XX. Botamos a faltar sinalización individualizada de cada unha das obras o que para un non iniciado pode supoñer que non saiba a obra de que pintor está vendo. O personal da entrada asegurou que na vindeira semana estaría colocada toda a cartelería. Na primeira sala hai óleos de Carlos Maside, Manuel Colmeiro ou Arturo Souto, e esculturas de Narciso Pérez ?como o magnífico Guerreiro Celta-, Rodríguez Bonome, Eiroa ou Compostela.
A segunda sala está dedicada fundamentalmente a Manuel Torres, onde danse cita as súas mellores obras: ?Dama con sombreiro?, ?Traxe de buzo? ou ?Regateiras?; e a Laxeiro, co seu célebre cadro ?Chegada do rei Breogán a Galicia?. Hai tamén algúns pequenos bronces de Manuel Torres e unha boa escultura en madeira de Camilo Nogueira.
Na terceira sala destacan as esculturas de Uxío Souto, especialmente fermosa resulta ?Galicia nai e señora?, unha talla en madeira con policromía.
A cuarta sala acolle as obras máis salientables de toda esta terceira planta, algunhas excepcionais como ?Cabeza de muller negra?, de Maruja Mallo, ?Señora do abano?, de Díaz Pardo, ?As pombas?, de Julia Minguillón e tres obras de Urbano Lugrís. Resulta enternecedora tamén a escultura ?Hoxe comeredes?, de Acuña. Creo lembrar que estaba tamén nesta sala un curioso óleo de Leopoldo Nóvoa pintado por ambos lados, ao comezo da súa carreira artísitica.
Na sala quinta hai un apreciable cambio estilístico pois chegamos aos anos cincuenta, e nela podemos ver obras de Tino Grandío ou de Labra.
Na sala sexta hai un predominio da abstracción con obras de cores oscuras de Leopoldo Nóvoa, ainda que a obra máis chamativa é o ?Home na terra?, de Manuel Moldes.
Narciso Pérez. Guerreiro celta O percorrido por esta terceira planta remata cunha sala dedidcada á arte española do século XX, con artistas como Benjamín Palencia.
Nesta terceira planta botei en falta un cadro que posue o museo e que me parece moi bo, ?Vellos no asilo?, de Suárez Couto, do que sí está exposto un autorretrato.
A continuación baixamos ata a segunda planta, a única que tiña colocados os rótulos indicativos das obras. A primera das salas está dedicada ao cuarto integrante da Xeración Doente, Ovidio Murguía, e acolle os óleos que o artista pintara para o pazo de Lourizán, que pertencera ao político liberal Montero Ríos. Hai tamén mobiliario procedente do pazo e cadros de dous destacados pintores, Francisco Lloréns e Fernando Álvarez de Sotomayor, do que destaca a obra ?De volta?.
A segunda sala plenamente enmarcada na primeira metade do século XX en Galicia, ten como protagonistas principais a Carlos Sobrino, Xesús Corredoyra e González del Blanco, que reclama a nosa atención cunha obra de irónico título, ?Virxe nova e vírxenes vellas?, que representa a unha noiva axudada por unhas monxas.
A terceira sala, como as que restan, centradas no século XX, acolla unha pintura moi sobranceira de Juan Luis, ?Quinta Angustia?, e dedica un espazo á Asorey, do que se amosa obra menor.
A sala cuarta conta con artistas españois moi destacados, como Ramón Casas, Santiago Rusiñol, Anglada Camarasa ou Darío de Regoyos.
Manuel Torres. Regateiras A quinta sala está dedicada ao extraordinario violinista Manuel Quiroga Losada, do que se amosa un pequeno audiovisual. Nunha vitrina está e seu violín e algúns outros obxectos e nas paredes hai retratos do músico pintados por outros artistas e debuxos e caricaturas do propio Quiroga, que tamén destacou como pintor. Ao chegar a casa escoitei con emoción unha grabación dun concerto de 1912 que editar o selo Ouvirmos.
A sala seis está dedicada novamente á arte española con artistas como Sorolla e varios pintores vascos.
As dúas últimas salas desta segunda planta están dedicadas á figura de Alfonso Rodríguez Castelao. A primeira delas está presidida polos tres grandes óleos de cegos que pintara para o Balneario de Mondariz e que logo foran a parar á Real Academia Galega.
Na última das salas, xunto a pequenas obras mestras como ?O viático? ou o ?Neno das piñas? está o Castelao debuxante, coas espeluznantes series sobre a Guerra Civil recollidas nos álbumes Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, e os extraordinarios debuxos de negros e de cegos. Nunha vitrina central expóñense as máscaras para a representación da obra teatral ?Os vellos non deben de namorarse?.
Por último baixamos á primeira planta, que consta de oito salas. Na primeira delas entramos no mundo do Gótico galego. Sorprende a calidade dalgunhas obras, como o excelente retablo pintado sobre táboa dedicado a San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat, que procede do convento de Santa María de Belvís, en Santiago de Compostela. Outras pezas sobresaintes son un tímpano cunha Anunciación e unha Epifanía, o sepulcro de D. Suero Gómez de Soutomaior, e fragmentos dalgúns fermosos baldaquíns.
Na segunda sala hai algunhas tallas de José Gambino e José Ferreiro e diverso mobiliario eclesiástico. Estamos na transición do Barroco ao Neoclasicismo en Galicia.
Na terceira sala, dedicada ao Barroco galego, hai unha copia do Cristo de Velázquez e obras dos galegos Gregorio Ferro e García de Bouzas. Hai tamén dous lenzos da Escola Madrileña, entre eles ?A taberna?, atribuidos con anterioridade a Antonio de Puga.
A cuarta e a sexta sala acolle artistas españois do século XIX. Na primeira delas hai pintores como Valeriano Domínguez Bécquer, e na segunda, obras de Eduardo Rosales ou de Mariano Fortuny.
A quinta, séptima e octava salas desta primeira planta está dedicadas á arte galega do século XIX. No Romanticismo destaca a obra do ferrolán Jenaro Pérez Villaamil A máis interesante é a última desas salas, dedicada á obra de tres dos catro integrantes da coñecida como ?Xeración Doente?, como son Parada Justel, Joaquín Vaamonde e Jenaro Carrero, todos eles finados con trinta anos ou incluso menos. Destaca a impresionante obra ?Víctima do traballo?, de Carrero, un óleo de grandes dimensións, gañador dunha segunda medalla nacional no ano 1899.
Este percorrido leva un mínimo de dúas horas. Bótase en falta tamén algún banco nas propias salas de exposición porque pode resultar fatigoso para algunhas persoas e as paredes de formigón resultan algo frías. A pesares destos pequenos atrancos resulta imprescindible coñecer este novo edificio e a espléndida colección do museo.