Archiv für April 2013

ARQUEOLOXIA NAS TERRAS DE ALLARIZ

Montag, 22. April 2013

Un tempo marabilloso, unha xeira inesquecible, celebrada o día pasado 14 de abril. Pancho Gallego foi o encargado de organizar esta fermosa viaxe na que gozamos dun deses días soleados que xa tiñamos esquecidos. Santa Mariña de Augas Santas. Falso triforio Comezamos o noso percorrido na aldea de Santa Mariña de Augas Santas, onde esperaban os arqueólogos Fermín Pérez Losada e Adolfo Fernández, que ían estar connosco durante toda a mañá e a quen lles agradecemos a súa desinteresada colaboración. En primeiro termo visitamos a igrexa de Santa Mariña, un edificio románico de boa factura que ten como elemento distintivo a existencia dun falso triforio (feito que comparte con Xunqueira de Ambía e Aciveiro). Non resultan visibles desde abaixo dos magníficos capiteis historiados que se atopan na tribuna que descubrimos logo de acceder a ese espazo. Non podemos esquecer tampouco o artesonado e o camarín da Santa, éste de época barroca. Porén, a maior sorpresa veu da man do pequeno museo parroquial que acolle o templo con pezas de gran interese: un frontal gótico en madeira sen policromar, un relevo barroco dun sagrario coa representación da Última Cea (lástima que oito dos apóstolos estean descabezados) e un tesourillo formado por máis dun cento de xerriñas de barro dos séculos XIII-IV atopadas no Forno da Santa (que tamén visitaríamos ao longo da xornada).
Santa Mariña de Augas Santas. Museo Parroquial A carón do antigo pazo arcebispal atópase a capela de Santo Tomé, onde hai varios paneis informativos que falan da lendaria vida de Santa Mariña e do seu martirio. Hai un pozo que a tradición identifica co que brotou cando lle foi cortada a súa cabeza.
Bebimos tamén da fonte da Santa e admiramos o imponente carballo alí existente, incluido no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Baixamos logo polo vello camiño polo que procesiona a imaxe da santa e van tamén os pendóns que serán levados ata a acrópole do castro de Armea. Chegamos á basílica da Ascensión, un edificio inacabado, que garda na súa cripta unha extraordinaria sauna castrexa, que claro está, foi cristianizada. Tamén na cripta hai varias laudas sepulcrais de época sueva.
Castro de Armea. Xacemento da Atalaia A continuación, logo de parar nas chamadas pioucas da Santa, a carón do castro de Armea, fomos camiñando ata o xacemento da Atalaia, un barrio residencial do castro que conserva dous tramos de calzada orixinal. Dende alí disfrutamos dunha impresionante vista sobre o val da Rabeda. O noso percorrido levounos logo ata o monte do Señorín, onde hai dous anos apareceu unha sorprendente estructura, parcialmente escavada na rocha, que inicialmente foi identificada como un santuario castrexo e que agora, segundo explicou o arqueólogo Fermín Pérez, trátase dunha vivenda escalonada de época augusta, nos primeiros momentos da ocupación romana da Gallaecia. Perdeuse para sempre o impresionante carballo da Santa ao que un raio quemou parcialmente nos anos sesenta e foi talado logo polo seu propietario. Armea. Casa romana do monte do Señorín Tiven a oportunidade de ver unha imaxe antiga e era un verdadeiro monumento natural.
Logo dun curto paseo pola aldea de Armea, na que hai varios elementos de época romana reaproveitados nalgunha vivenda fomos xa ata Allariz. Alí, no restaurante Portovello, que ocupa parte das dependencias da antiga fábrica de curtidos da familia Nogueira, a carón do río Arnoia, disfrutamos dun xantar excelente a base de pastel de verduras, xarrete de tenreira ou pescada, e postre a elixir.
San Martiño de Pazó. Alfiz prerrománico Pola tarde fomos ata Pazó, unha aldeíña do concello de Allariz; a súa igrexa dedicada a San Martiño ten as súas portas de acceso enmarcadas por un alfiz, elemento prerrománico característico da arte mozárabe.
Dende alí achegámonos ata a aldea de San Salvador dos Penedos, o único núcleo rural de Allariz que estaba deshabitado e no que veu a establecerse a asociación A.N.D.R.E.A. dedicada á protección e recuperación dos burros, e que conta cunha manada de dezasete exemplares. Logo falaremos dela.
Cristo románico de San Salvador dos Penedos Previamente a Sra. Avelina, coa que quedaramos citados, abriunos a capela románica na que se conserva un excepcional Cristo románico do século XIII, do que tan poucos exemplos hai na nosa comunidade (Catedral de Ourense, Vilanova dos Infantes, San Fiz de Cangas ?hoxe no museo de Arte Sacra de Monforte- e San Antoíño de Toques).
Elsa Pérez foi a encargada de falarnos do traballo que desempeña a asociación A.N.D.R.E.A. e do emprego deste grupo de burros en terapias dirixidas a persoas discapacidas afectadas de Alzheimer, parálise cerebral ou síndrome de Down. O doutor Samir deixandose peitear Resulta admirable a súa labor. Da súa man coñecidos aos protagonistas da tarde: ao grupo de burros de varias razas (Encartaciones, Zamorano-Leonés, etc.) aos que tivemos oportunidade de cepillar e acariñar. Soubemos dos seus nomes e cando abandoamos o recinto despedímolos como estes nobles animais merecen, dixéndolle adiós á Dra. Rosalía, ao Dr. Samir ou ao Dr. Douro.
Durante a viaxe de retorno á nosa cidade voltamos á crúa realidade: logo dun día estupendo habería que botar man do paraguas para chegar a casa.