Archiv für Mai 2013

A CIDADE DE OURENSE: ORIXES CASTREXAS E ROMANAS, E CONTORNA ROMÁNICA

Dienstag, 28. Mai 2013

Pancho Gallego levounos o día 17 de Maio ata a cidade de Ourense e o concello de Barbadás. Na capital ourensá estaba esperando Martiño Vázquez, da empresa Xeitura, Xestión Integral do Patrimonio, que ía acompañarnos durante toda a mañá. O percorrido comezou na ponte do río Loña, unha construción dun só arco de época medieval.
Castro de Santomé O xacemento castrexo-romano de Santomé foi o noso seguinte destino. Un lugar que combina arqueoloxía e natureza. Os restos arqueolóxicos están situados nunha situación estratéxica desde a que se divisa a cidade de Ourense. Os restos máis antigos, do século II d.C. atópanse na aba que cae cara ao río Loña ?onde por certo hai espectaculares marmitas de xigante- e que culminan na parte máis alta nun torreón defensivo. Na parte baixa do castro atópanse restos da ocupación romana, dos séculos III-IV d.C., sobre todo dunha mansión de dúas plantas que conserva parte do seu sistema de calefacción, o trébede, que deriva do hippocaustum romano. O lugar ten tamén gran interese natural pola riqueza e variadade das especies arbóreas que por alí medran: érbedos, sobreiras, aciñeiras, carballos…
Antes de baixar ás Burgas detivémonos a ver a Ponte Vella de Ourense, de orixe romana, ainda que actualmente o que se conserva é principalmente de época gótica e posterior. A vista que se ten da ponte desde a terraza do centro comercial que leva ese mesmo nome resulta espectacular.
Martiño Vázquez diante da piscina romana das Burgas Detivémonos brevemente nas Burgas, pois nese momento chovía con forza, e fomos directamente ata un novo Centro de Interpretación situado nas inmediaciacións. A súa visita é totalmente prescindible. Resulta inexplicable que conste de tres espazos distintos sen comunicación interna. Ao seu carón atópase a xoia desta nova zona arqueolóxica, unha piscina termal romana perfectamente conservada.
O xantar tivo lugar no restaurante ?Pingallo?, en Ourense, cunha estética que deberían conservar pois dalle unha personalidade moi distinta do actual minimalismo imperante.
Pazo de Bentraces A tarde dedicámola a percorrer distintos lugares do concello de Barbadás. A primeira visita da tarde levounos ata a aldea de Sobrado do Bispo, que conserva varias casas solariegas de interese e unha igrexa, a de Santa María, cun fermoso retablo barroco, en proceso de restauración. A porta de acceso ao templo, de traza gótica, posúe algunhas tallas e relevos moi singulares.
De seguido fomos ver os xardíns do Pazo de Bentraces, un dos aloxamentos máis exclusivos da nosa xeografía, debe ser unha gozada disfrutar da tranquilidade que se intúe.
Pormenor da cornixa da igrexa de Loiro Continuamos logo coa visita da igrexa de San Martiño de Loiro, un edificio románico no que destaca a fermosa cornixa situada por riba da súa porta principal, con relevos nos que aparecen animais, figuras humanas e decoración vexetal; o seu interior é bastante discreto, sen elementos a destacar, agás a curiosa estrutura de madeira que cubre o cascarón da ábside para simular unha bóveda pétrea.
Chemineas do pazo de Piñor Pancho Gallego levounos despois ata Piñor, aldea na que ten moitas vivencias, e na que fomos paseando os seus distintos barrios, nos que destaca o Pazo dos Lemos coas súas impresionantes chemineas. Tamén en Piñor pasou moitos veráns a escritora Carmen Martín Gaite como deixou relatado nalgún dos seus libros.
Rematamos o percorrido na ermida de San Bieito da Cova do Lobo, onde soubemos dunha curiosa tradición, o Tangaraño, relacionado coa curación do raquitismo.