Archiv für Juni 2013

SEGREDOS OURENSÁNS

Sonntag, 2. Juni 2013

Unha xeira para a lembranza. Onte visitamos varias igrexas na provincia de Ourense e decatámonos unha vez máis da enorme riqueza do patrimonio rural de Galicia e… da súa escasa difusión. Castrelo de Miño. Pinturas murais. Representación dos sete pecados capitais Comezamos coa igrexa de Santa María de Castrelo de Miño na que están moi ben definidos os estilos arquitectónicos: románico (torre e ábside) e barroco (o resto do templo). No seu interior sorprende a calidade e conservación da pintura mural do século XVI que decora o cáscarón da ábsida, con escenas do Xuizo Final, Cristo ante Pilatos, a Flaxelación ou o Camiño do Calvario.
Astariz. Relevo barroco coa representación do Xuizo Final A seguinte parada levounos ata a igrexa de Santa María de Astariz, un deses lugares que permanecen nunha auténtica nebulosa de descoñecemento e que acolle no seu interior dous magníficos relevos barrocos, un dedicado ao Xuizo Final e o outro á vida e martirio de San Sebastián, realizado este último con gran detalle. Son dous paneis rectagulares de boas dimensións, tallados en madeira policromada. A igrexa garda ademáis varios retablos tamén barrocos, con tallas de Antonio Salvador Carmona, un destacado artista vallisoletano.
Ao concello de Cenlle pertenece a igrexa de Santa María de Razamonde, da outra banda do río Miño, un templo románico do que se conserva unha interesante porta, que acolle no seu interior un espléndido retablo renacentista, de finais do século XVI. O artista, acaso o mestre de Sobrado, desenvolve un completo programa iconográfico baseado na vida de Cristo, que resolve con gran destreza. Razamonde. Panel do retablo coa escena da Anunciación O retablo sufrio hai uns anos un incendio que puxo en perigo esta obra de arte, e tres dos paneis están queimados, non conservando máis que as siluetas das figuras representadas. Como frontal do altar situáronse outros paneis, realizados por un artista de menor calidade pero por un gusto polo popular que fai que as imaxes resulten máis inxenuas.
O retraso acumulado nas visitas fixo que suprimisemos a igrexa de San Miguel de Desteriz, no concello de Padrenda e no seu lugar parásemos a ver a moito máis coñecida igrexa de San Xes de Francelos, que quedaba de camiño para o restaurante. San Xes de Francelos Ben sabido é que este templo posúe a máis fermosa ventá da arte asturiana que se conserva en España.
Xantamos no restaurante París, en Trado, concello de Pontedeva, onde fomos atendidos con dedicación e disfrutamos dunha típica comida galega: cociña sen pretensións pero ben cociñada e con racións xenerosas.
Pola tarde fomos ata o concello de Quintela de Leirado. Unha sorpresa absoluta. Laredo Verdejo, na súa Galicia Enteira, un referente clásico para todos os que gustamos de viaxar por Galicia non lle presta a atención que debera ás igrexas deste lugar. Ultima Cea no sagrario do retablo de San Pedro de Leirado A de San Pedro de Leirado, a máis importante delas, é un edificio de grandes dimensións, con tres naves, e un retablo magnífico, barroco do século XVII, no que van a traballar tres artistas: Alonso López, Alonso Gómez e Bernardo de Cores Cabarcos. O sagrario resulta excepcional, cunha fermosísima representación da Última Cea, pero no resto do retablo hai tallas de gran beleza, como as dos catro doctores máximos da Igrexa: Jerónimo, Ambrosio, Agustin e Gregorio.
Moi perto, apenas a douscentos metros de distancia está a capela da Virxe dos Remedios. Posúe tamén outro excelente retablo barroco, moito máis recargado e colorido, pero digno dunha visita.
A terceira igrexa destacada do concello é a de San Salvador de Redemuiños. Novamente no seu interior non podemos deixar de asombranos. San Pablo no retablo de San Salvador de Redemuiños Un gran retablo barroco, no que destacan as imaxes de San Pedro e de San Pablo decoran a ábsida. Sorprende atopar tal riqueza artística nun concello tan remoto que debería ser de obrigada visita para todos os que amamos ao patrimonio rural galego.
Na viaxe de volta paramos brevemente en Milmanda, para ver o seu impresionante peto de ánimas, sen dúbida o mellor de cantos hai espallados pola xeografía galega.
En resumo, unha xeira na que descubrimos varios segredos ourensáns que non queremos que sigan esquecidos e poidan ser admirados por moitos máis visitantes.