Archiv für Juli 2013

QUE NON FALTEN SARDIÑAS

Mittwoch, 31. Juli 2013

O pasado día 6 de xullo celebramos a nosa tradicional sardiñada de verán. A pesar da excelencia das sardiñas do mesón A Lagoa de Vimianzo, onde celebramos as últimas edicións, decidimos nesta ocasión cambiar o noso destino para coñecer novos lugares do norte de Portugal e do sur de Galicia.
Monçao. Palacio de Brejoeira
A xeira estivo marcada por un intenso calor, que chegou aos corenta grados. Ocupamos a mañá coa visita do Palacio de Brejoeira, en Monçao, un edificio de comezos do século XVIII reformado cen anos despois. Paseamos polos viñedos e os xardíns, vimos a antiga adega e a capela. No interior de palacio destacan especialmente a súa escalinata de acceso, decorada con fermosos azulexos, a biblioteca e, sobre todo, o pequeno teatro no que o propietario organizaba festas para goce dos seus amigos.
Monçao. Claustro do Convento dos Capuchos
Disfrutamos da sardiñada no elegante claustro do Convento dos Capuchos, en Monçao, convertido actualmente nun agradable hotel, con fermosas vistas sobre o río Miño, onde fomos moi ben acollidos. As sardiñas viñeron acompañadas de pan de millo e caldo verde con chourizo, e ademáis de vinho verde serviron tamén unha laranxada. Xa no interior, rematamos con polo e carne de porco na brasa.
Igrexa de San Joao de Longos Vales. Capitel do arco triunfal
Logo do xantar fomos ver a igrexa de Sao Joao de Longos Vales. Conserva unha extraordinaria cabeceira románica con canzorros e capiteis moi ben traballados. Os fustes das columnas do arco triunfal teñen talladas unhas figuras en relevo.
San Paio de Albeos. Tímpano
Xa en terras galegas achegámonos a ver as ruinas do mosteiro románico de San Paio de Albeos, no concello de Crecente, que amosan un estado lamentable, que de seguir co seu deterioro pode provocar que os muros se veñan abaixo. Unha mágoa porque conserva un espléndido tímpano, cun Pantocrator enmarcado nunha mandorla sostida por dous anxos.
Fraga do río Barragán. Ponte dos Mouros
Como remate fomos ata o concello de Fornelos de Montes, e nas inmediacións de Oitavén, coñecimos o elemento máis abraiante da senda da Fraga do río Barragán, un acueducto situado no medio dunha carballeira, coñecido como a Ponte dos Mouros, a carón dun agro gandeiro do século XVIII, que ocupa o foxo do castro do monte da Cidade. É un lugar verdadeiramente máxico, de difícil datación, acaso do século XV. Fíxose a restauración dunha das vivendas, coa súa cuberta vexetal, pero entrar nela resulta algo complicado senón se ten unha linterna.
Premios das festas de Pazos de Borbén Antes de volver paramos nun bar de Pazos de Borbén onde anunciaban os premios dunha festa. Deixo a criterio dos lectores interpretar o premio que recibe o gañador. Con esta xeira abrimos un paréntese. Non voltaremos cunha nova viaxe ata comezos de setembro, cando iremos ao illote de Guidoiro Areoso, onde hai varios dólmenes, e na illa de Arousa pasearemos polo sendeiro do Carreirón. Aproveitaremos este tempo de verán para coñecer novos lugares cos que enriquecer o programa do vindeiro ano.

NO CENTENARIO DE ANGEL BOTELLO

Dienstag, 30. Juli 2013

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín número 25 do primeiro semestre de 2013.

As circunstancias actuais de afogamento económico, con especial incidencia no mundo da cultura, poden provocar que este ano pasemos por alto a celebración do centenario do nacemento dun dos máis destacados pintores galegos do século XX, Ángel Botello Barros, nado en Cangas do Morrazo o día 20 de xuño de 1913 e finado en San Juan de Puerto Rico o día 11 de novembro de 1986.
Angel Botello no seu estudio
Botello é o un artista xenial co que culmina unha xeración irrepetible de pintores que van a renovar a plástica galega, que comeza con Carlos Maside e cronolóxicamente segue con Manuel Torres, Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Cándido Fernández Mazas, Maruja Mallo, Urbano Lugrís, Laxeiro, Luis Seoane ou Eugenio Fernández Granell. A convulsa época na que teñen que vivir fai que a súa produción artística estea afectada, na meirande parte dos casos, polo desastre da Guerra Civil e as súas consecuencias. Fagamos un somero resume: Manuel Colmeiro chega a Buenos Aires en 1941, no ano 1948 instálase en París e non retorna a Galicia ata 1986; Arturo Souto, logo de colaborar activamente coa República durante a guerra vai exiliarse a México, non expón en España ata o ano 1962, e morre no seu país de acollida no ano 1964; Fernández Mazas acaba no cárcere de Valencia e logo de ser liberado volta a súa terra onde vai morrer no ano 1942; Maruja Mallo vive en Buenos Aires desde o ano 1937 e non volta a Madrid ata o ano 1961; Laxeiro emigra a Buenos Aires no ano 1951 onde reside ata o ano 1970; Luis Seoane non se instala en Galicia ata o ano 1963, alternando a súa estancia con Buenos Aires; e Eugenio Fernández Granell vive sucesivamente en varios países (República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico, Estados Unidos) antes de voltar a España a mediados dos anos oitenta. Outros destacados creadores desta mesma xeración como o fotógrafo José Suárez ou o cineasta Carlos Velo teñen tamén que exiliarse.
Angel Botello. Moza durmindo
Ángel Botello era fillo dun conserveiro andaluz instalado na vila de Cangas, que no ano 1918 traslada a súa industria a Vigo, onde pasa a vivir a familia. O seu pai morre ese mesmo ano por mor da pandemia de gripe ?española? que asola amplos territorios e que, por certo, foi orixinada nos campos de reclutamento do exército americano na Primeira Guerra Mundial e non en España como se lle fixo crer á opinión pública (lembremos que éramos un país neutral, así que non había que alarmar aos que viñan a loitar a Europa). A nai, Bonifacia Barros, faise cargo da industria pero no ano 1926 as cousas deixan de ir ben e teñen que emigrar a Burdeos. Nesa cidade comeza en 1930 os estudios de pintura, modelado e debuxo na Escola de Belas Artes e participa nalgunhas exposicións colectivas. En 1935 ingresa na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, grazas a unha beca concedida polo conde de Cartagena. Pasa tamén breves períodos en Cangas e Vigo.
Co estoupido da Guerra Civil, a súa competencia como debuxante permite que se integre na Unidade de Cartografía do Exército da República, que dependía do xeneral galego Enríque Líster. Cando remata a guerra exíliase a Francia coa súa nai e dúas irmás (o outro irmán varón morre durante a contenda), e no ano 1940 conseguen chegar á República Dominicana. E o principio dun periplo vital no que vai percorrer varios países (Cuba, Haití, Estados Unidos) ata a súa definitiva radicación en Puerto Rico. A vida en Haití vai resultar decisiva, tanto a nivel artístico como persoal, pois alí coñece a súa muller Christiane Auguste, coa que casa no ano 1945. En Haití vive entre os anos 1944 e 1953, que alterna con estancias ocasionais en Puerto Rico ?como profesor de debuxo na escola de Edna Coll, en Santurce- ou New York. No ano 1953 marcha para San Juan de Puerto Rico, onde abren unha galería no hotel Caribe Hilton. Nove anos despois abren unha segunda galería na parte vella de San Juan, que todavía segue en funcionamento. Nesta illa vai coincidir con outros dous artistas galegos, o pintor Eugenio Fernández Granell e sobre todo co escultor Francisco Vázquez Díaz, ?Compostela?, un boricúa máis, pois vai vivir na illa durante corenta e oito anos, ata o seu pasamento.
Durante o seu derradeiro ano de vida, afectado xa por un cancro de pulmón, que acabaría coa súa vida, desenvolve unha frenética actividade para deixarlle a súa familia o maior legado artístico posible.
Angel Botello. Rapaza con parasol
A súa pintura ten dúas etapas claramente diferenciadas. A primeira delas comprende os anos pasados na República Dominicana e en Haití, na que predominan os espidos femininos, as paisaxes e os retratos de mulleres con grandes ollos e rasgos exóticos, orientalizantes, motivo polo que foi coñecido como o ?Gaughin do Caribe?. As cores que emprega son moi vivas e cálidas, clara influencia do ambiente no que pinta, aplicando o óleo indistintamente sobre lenzo ou sobre táboa. Nunha entrevista nos anos corenta confesa: ?En estas islas he hallado motivos pictóricos de valor inapreciable. Gozosamente me he sumergido en el color, en la luz, en esa cálida sensualidad que emana del ambiente. No quiero que esto se tome como adulación; pero le aseguro que siempre soñé con pintar el Trópico. No se puede imaginar usted el placer estético que he experimentado captando para el lienzo estas playas doradas y el mar azul, las negritas de piel bruñida, las telas polícromas… Toda mi pasión de artista se ha centrado en ese objetivo: pintar el Trópico.?
A segunda etapa abrangue a súa vida en Puerto Rico. A súa pintura tornase máis esquemática, cun trazo máis sinxelo, e a súa temática xira case exclusivamente arredor do mundo dos nenos, especialmente dos seus fillos Manuel, Juan e Françoise. A súa produción non se limita aos óleos senón que empeza a traballar intensamente no gravado ?primeiramente linóleos e a partires de 1980, litografías-. Neste segundo momento é cando consegue un estilo característico e singular, libre das influencias do pasado. De feito é recoñecido como estilo ?botelliano?, no que empregaba básicamente catro cores: amarelo, azul, vermello e verde.
Botello non só se dedica á pintura. Coquetea un tempo co mosaico, para o que vai estudiar a técnica a Rávena no ano 1959, e sobre todo a escultura, que aprende da man do escultor neozelandés Lindsay Daen, a comezos da década dos anos sesenta, ?ainda que en Haití realiza traballos en terracota e madeira que lembran á arte africana- e produce bronces de figuras estilizadas nas que representa principalmente nenas e mulleres de ollos rasgados, moi influenciado polos deseños do artista austral. A súa primeira escultura en bronce, inspirada no seu fillo Manuel, forma parte da coleción permanente do Hakone Open Air Museum, en Sapporo.
Angel Botello. A brisa
A obra de Botello atópase principalmente en mans privadas, principalmente en Estados Unidos. Entre as institucións públicas que exhiben traballos deste artista están o Museo de Arte de Ponce, o Museo de Arte de Puerto Rico, o Museo Bellapart de Santo Domingo, ou o Fresno Art Institution e o Museum of Latin American Art, en Long Beach, ambos en Estados Unidos. Ten exposto tamén en galerías de New York, San Francisco, Los Ángeles, Vancouver, Washington, Philadelphia ou Palm Beach. Lamentablemente apenas existe obra en Galicia en mans públicas, o concello de Cangas posúe un retrato da súa nai Bonis Barros, doado pola familia; o museo Carlos Maside de Sada, ten un retrato dunha muller haitiana; e a Colección Novacaixalicia ten entre os seus fondos un óleo chamado ?Flores?, lonxe das súas mellores obras. Pouca cousa para un artista do seu calibre. Lembremos que o seu cadro ?Moza durmindo?, do ano 1940, foi adquirido en novembro do ano ano 2007 nunha subasta en Christie?s de New York, por un prezo de 397.000 dólares… mentras o concello de Cangas todavía non lle puxo o seu nome a unha rúa.

POR TERRAS ARAGONESAS

Dienstag, 30. Juli 2013

Entre os días 20 e 24 de xuño viaxamos a terras aragonesas para coñecer o máis destacado do seu patrimonio.
Cisneros. Artesonado na igrexa de San Facundo
A primeira xornada, camiño de Zaragoza, levounos ata Cisneros, unha vila de Palencia na que foi restaurada a igrexa dos Santos Facundo e Primitivo, que por certo son dous mártires galegos. O seu interior é deslumbrante. Conserva extraordinarios artesonados mudéxares, e resulta especialmente fermoso o que cubre a capela da Virxe do Castelo. Tamén o retablo maior é unha obra primorosa, con mazonería gótica e pinturas sobre táboa que anuncian a chegada do Renacemento, atribuidas á escola de Pedro Berruguete.
Alberite. Retablo maior. Ultima Cea
A segunda visita cultural tivo lugar na comunidade de La Rioja, en concreto en Alberite. A igrexa de San Martín sorprende pola súa armonía. Atesoura un dos mellores retablos hispanos do século XVI, obra dos escultores flamencos Maestre Anse e do gran Arnao de Bruselas. A súa visita resulta imprescindible.
Pasamos as catro noites no NH Gran Hotel, en Zaragoza, que está moi ben situado, o seu personal resulta moi atento e ofrece unha cociña e uns almorzos moi axeitados.
Zaragoza. Teatro romano
O venres día 21 dedicamos a xornada para coñecer da man de Javier Domingo, un guía con gran dinamismo e preparación, os principais fitos da cidade. Comezamos na praza onde se atopa o monumento aos Sitios de Zaragoza, obra de Agustín Querol, que con Gargallo e Pablo Serrano forman a tríada de escultores vencellados á cidade. Seguimos logo ata o Museo do Teatro Romano, no que despois de ver interesantes pezas arqueolóxicas e maquetas, entramos no propio teatro, para ver os restos escavados protexidos por unha cuberta metálica moi ben deseñada.
Zaragoza. La Seo. Muro gótico-mudéxar
De seguido fomos ata a catedral de la Seo, un fermoso edificio no que se mesturan distintos estilos arquitectónicos que van dende o románico da cabeceira ata o neoclásico da portada. Resultan impresionantes o cimborrio e o retablo maior, tallado por Pere Johan e Hans Piet d?Anso, e tamén o retablo da capela de San Bernardo e o conxunto de escultura e pintura que garda a capela de Gabriel Zaporta. Acolle tamén o Museo de Tapices, acaso o mellor dos que dese tipo existen en España, con excepcionais pezas dos talleres de Tournai ou de Bruselas. A mañá rematou coa visita do Museo Camón Aznar para seguir os pasos da obra de Goya en Zaragoza.
Zaragoza. Palacio da Aljafería
Coa visita ao Palacio da Aljafería cambiamos de estilo arquitectónico, pois é un edificio de arquitectura islámica e aspecto fortificado, no que destacan os seus artesonados mudéxares.
Zaragoza. Vista dende a torre do Pilar
Vimos tamén a torre da igrexa de San Pablo e a basílica do Pilar, que non é unha obra especialmente afortunada, agás as pinturas de Goya ou o retablo maior de Damián Forment. Só os máis audaces accedimos nun ascensor ao alto dunha das torres, dende a que se vislumbra unha perspectiva impresionante.
Teruel. Edifico modernista de Pablo Monguió
O sábado día 22 fomos ata Teruel, unha cidade que amosa os edificios máis destacados dun estilo, o mudéxar, que posiblemente é a máis xenuina arte española, porque non existe en ningunha outra parte do mundo. Comezamos o noso percorrido pola igrexa de San Pedro, que semella restaurada de máis, sobre todo no interior, e que nunha capela anexa acolle o mausoleo dos Amantes, obra do escultor Juan de Ávalos. Seguimos o noso paseo pola praza do Torico, onde hai ademáis bos exemplos de edificios modernistas, obra do arquitecto tarraconense Pablo Monguió.
Teruel. Torre de San Martín
Chegou despois o momento de admirar a techumbre da catedral de Teruel, obra culminante do mudéxar aragonés, antes de ver as torres de San Martín e do Salvador, á que resulta posible subir, como así fixemos.
O xantar merece un punto e aparte. A comida foi antolóxica. O mesón Óvalo serviunos migas con uvas e longaniza, crepes de setas e ternasco guisado con alcachofas. Con moita diferencia a mellor comida da nosa viaxe.
Cella. Fonte do Jiloca
Camiño de Zaragoza, detivémonos primeiro en Cella, para ver a sorprendente fonte do Jiloca, nun entorno moi ben acondicioando, e logo na vila amurallada de Daroca, onde vimos na igrexa de Santa María de los Corporales, unha das máis fermosas capelas da arte hispana, na que destaca o seu orixinal retablo-xubé.
Daroca. Pinturas murais da igrexa de San Miguel
Outra igrexa, a de San Miguel, garda outra gran sorpresa, unhas excepcionais pinturas murais de época gótica.
Ao chegar a Zaragoza, logo da cea, ampliamos individualmente as nosas visitas pola cidade pois celebrábase a ?noite en branco?, na que se abrían moitos museos e había infinidade de espectáculos nos máis diversos espazos.
O domingo 23 foi día de catedrales e de mosteiros. Porén, visitamos antes o Palacio Episcopal de Tarazona, con pinturas de Pietro Morone no chamado Salón dos Obispos, cuberto por un fermoso alfarxe.
Tarazona. Cimborrio da catedral
De seguido sí que vimos a catedral de Tarazona, na que se mesturan varios estilos arquitectónicos: mudéxar son o cimborrio e as celosías caladas do claustro; gótico é a nave e o retablo de Juan de Leví; e renacentista é a marabillosa decoración do cimborrio, con pinturas en grisalla, técnica que produce a sensación de estar ante un relevo escultórico.
Tudela. Capitel do claustro
A segunda catedral da mañá, a de Tudela, en terras navarras, tivemos que vela a fume de carozo. Con todo, vimos o máis sobranceiro do templo: retablo maior, imaxe románica de Virxe Blanca, sepulcro gótico de Mosén Francés e naturalmente a fabulosa portada do Xuizo Final ou o claustro, ambos de estilo románico.
Fitero. Cabeceira do mosteiro
Menos espectacular resultou a visita do mosteiro de Fitero, tamén en Navarra, primeira obra realizada polo Císter en España. No seu interior destaca o retablo flamenco pintado por Roland de Mois e exteriormente a súa cabeceira, moi semellante á do mosteiro zamorano de Moreruela.
Veruela. Sepulcro na sala capitular
Rematamos a xornada coa visita do mosteiro cisterciense de Veruela, novamente en Zaragoza, situado aos pés do Moncayo, no que viviron uns meses os irmáns Gustavo Adolfo e Valeriano Bécquer. O acceso faise a través dunha barbacana e unha torre de Homenaxe. Ademáis da igrexa abacial son dignas de mención os sepulcros da sala capitular ou o claustro gótico.
Agoncillo. Pormenor do retablo maior
Durante a viaxe de retorno, o día 24, detivémonos en Agoncillo, unha vila de La Rioja con dous edificios moi interesantes, o castelo de Aguas Mansas, onde está instalado o concello, e a igrexa de Nuestra Señora la Blanca, posuidora dun espléndido retablo de mediados do século XVI, no que traballou o taller dos Beaugrant e un artista de primeiro nivel como é Arnao de Bruselas. Resulta excelente a iniciativa do párroco, que ten instalado un pequeno ordenador onde poder ver en máxima resolución unha fotografía do retablo. Facer un percorrido por esa imaxe permite advertir detalles escultóricos que doutro xeito resulta imposible.
Palacios de Benaver. Cristo románico
A derradeira visita cultural da nosa xeira tivo por escenario o mosteiro de Palacios de Benaver, na provincia de Burgos. Acolle un dos máis impresionantes Cristos románicos do noso país, de grandes dimensiones, que transmite unha fonda serenidade.