Archiv für August 2013

MOITO POR DESCUBRIR

Dienstag, 27. August 2013

Como todos os anos aproveitamos este tempo do verán para coñecer novos lugares que permitirán enriquecer e diversificar as nosas propostas para as xeiras do vindeiro curso, o que non sempre é posible pois algúns destes sitios non teñen un acceso doado, especialmente para un autocar.
Pinturas murais da igrexa de Santa María de Pesqueiras O desexo de dedicar unha xornada para ver algunhas árbores senlleiras fixo que viaxáramos pola xeografía galega para admirar algúns destes xigantes verdes, como a nogueira de Licín, no concello de O Saviñao, que está xa bastante achacosa; os carballos da Casa do Herdeiro e da Casa Grande de Buciños, no concello de Carballedo, que gozan de moi boa saúde; os castiñeiros de Peninvello, en Xinzo de Limia, e o de Pexeiros, no concello de Os Blancos, cun porte impresionante; ou as sobreiras de Santiorxo, na Pobra do Brollón, e a de Siador, en Silleda, acaso as maís fotoxénicas desta relación. E como remate dous soutos que inexplicablemente non están incluidos no catálogo da Xunta, o de Lobios e o de Valguaire, ambos no concello de Sober; este último ten un exemplar colosal que semella unha auténtica escultura.
Natureza en estado puro son tamén a fervenza de Auga Caida, en Marce, concello de Pantón, na que é precisa a axuda dunha corda para chegar ata a súa base; os miradoiros da Cividade e da Pena do Castelo, sobre o espectacular canón do Sil; a Cova das Choias, na Pobra do Brollón, un dos escasos lugares de España no que se atopa un musgo luminescente, o schistostega pennata; e a Cova do Rei Cintolo, que resulta ser unha verdadeira experiencia espeleolóxica, que presenta dificultades se non se está moi áxil.
Unha vaca do país como símbolo de San Lucas na igrexa de San Xiao de Lobios Entre as mellores iniciativas do verán está a que promove o consorcio de municipios de Ribeira Sacra do Miño, que organiza visitas guiadas ás principais igrexas románicas da zona. Fixemos as catro rutas, nas que se poden ver no concello de Pantón, o mosteiro de Ferreira de Pantón, e as igrexas de San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré e Santo Estevo de Atán; no concello de Pantón, as igrexas Santa María de Proendos (con espléndidas pinturas murais), San Xiao de Lobios e San Vicente de Pinol; no concello de O Saviñao, as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi, Santa María de Seteventos e San Martiño da Cova; e nos concellos de Taboada, Chantada e Carballedo, as igrexas de San Pedro de Bembibre, Santa María de Pesqueiras, San Salvador de Asma e Santiago de Lousada. Resulta moi interesante poder acceder ao interior dos templos que case sempre están pechados.
Relevo coa Ultima Cea na igrexa de Xurenzás Outra iniciativa magnífica foi promovida pola asociación O Sorriso de Daniel, que durante os sábados de agosto conseguiu que se abra o acceso exterior para ver as ábsidas de Santo Estevo de Ribas de Sil, toda una experiencia pois a súa cornixa posúe fermosos canzorros e metopas; a esa asociación debemos tamén a limpeza do mosteiro de San Paio de Abeleda, con extraños capiteis no seu interior.
Pinturas murais vimos na igrexa de Santo Tomé de Nogueira, en Meis, ou na igrexa parroquial de Santiago de Rubiás, no concello de Calvos de Randín; e excelentes retablos barrocos nas igrexas de Abavides e da Xironda. A pesar de ter moito interese todos estes templos, destacan por riba deles a visita das cubertas de catedral de Lugo, e os baldaquinos da igrexa de Xurenzás, no concello de Boborás (cun acceso imposible para un vehículo grande).
Tamén a etnografía foi obxecto da nosa atención. Visitamos as neveiras de Fixó, na serra do Candán, que dependían do mosteiro de Aciveiro, as casas de neve de Monte da Meda, en Xunqueira de Espadañedo, e o foxo do lobo de Monte Castelo ou das Brañeiras, en Cotobade.
Non podía faltar tamén algún xacemento arqueolóxico, como o castro de Mallou ou os petroglifos da Laxe Escrita, ambos en Carnota, e petróglifo da Cabeciña, no concello pontevedrés de Oia.
Para unha entrada independente deixamos o comentario do Museo de Pontevedra que visitamos o domingo pasado, e que logo da inauguración da exposición do edificio Sarmiento é de largo o mellor de Galicia.