Archiv für September 2013

UN ESTILO CHEO DE SORPRESAS

Mittwoch, 25. September 2013

Se un viaxeiro chegase a Galicia para coñecer a súa arte románica está claro que lle diríamos que comezase pola cidade de Santiago e que visitase a Catedral co seu Museo, o pazo de Xelmírez e a Colexiata do Sar. Case con seguridade todo o mundo lle recomendaría tamén que acudise a ver San Martíño de Mondoñedo, San Miguel de Eiré, San Xoán de Portomarín, Santa María de Cambre ou San Bartolomé de Rebordáns.
Se quixese ampliar o catálogo de edificios a visitar non dubidaríamos en nomearlle as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Pedro de Dozón, o mosteiro de Carboeiro, Hospital de Incio, o mosteiro de Bernardas, en Ferreira de Pantón, ou a de Santiago de Breixa, en Silleda, con seu espléndido bestiario en pedra.
Se todavía insistise en facer un percorrido máis completo poderiamos engadir Santo Estevo de Ribas de Sil, San Pedro de A Mezquita, San Miguel de Breamo, Santa Mariña de Augas Santas ou San Salvador de Vilar de Donas.
O viaxeiro cheo de inquedanza iría tamén a Astureses, Serantes, Diomondi, Xunqueira de Ambía, Aciveiro, Moraime, Barbadelo… pero nun momento dado preguntaría se existen en Galicia igrexas que agochen pequenas xoias que non aparezan nas guías, que estean fóra de todo circuito. Saberiamos responder a esta pregunta?
Capitel de igrexa de San Cibrao de Nocedo A resposta é que sí, que hai moitas máis das que imaxina. Sería o momento de falarlle dun marabilloso capitel da igrexa de Chandrexa, no concello de Parada de Sil, que ten tallado un león, unha serea, unha serpe e unha harpía; do capitel que na igrexa de Santo Estevo de Lagartóns, no concello de A Estrada, amosa a un raposo que acaba de coller a unha galiña; dos fermosísimos leóns que adornan os capiteis de San Xoán de Camba, en Rodeiro; da aguia que sostén nas súas poutas unha lebre nun capitel de San Martiño de Asperelo, tamén en Rodeiro; da extraordinaria colección de capiteis ?vexetais, animais, historiados- da igrexa de Santo Estevo de Lousadela, en Sarria, acaso a mellor mostra escultórica de todo o románico rural galego; dos orixinais capiteis esquemáticos da igrexa de San Cibrao de Nocedo, en Os Blancos; dos capiteis do arco triunfal de San Salvador de Valboa, en Monterroso, que representan unha Epifanía e o Bautismo de Cristo; da curiosa representación dun tetramorfos nos capiteis de San Xiao de Lobios, en Sober; dos capites do arco triunfal de Santo Tomé de Maside Vello, especialmente aquel que amosa unha árbore e dezaseis pombas que picotean os seus froitos; dos monstruosos capiteis do mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas; da representación dun home que sostén un libro rodeado por outras catro figuras nun capitel da portada de San Pedro de Ansemil; ou dos capiteis de San Pedro de Rebón, en Moraña, que representan a Daniel no foso dos leóns, a Besta da Apocalipse de San Xoán e a dúas aes balanceándose dunha corda, rodeadas por sendas figuras que cabalgan unhas bestas.
Sexamos nós tamén ese viaxeiro.

ARQUEOLOXÍA E PAISAXE NO SALNÉS E NO MAR DE AROUSA

Sonntag, 22. September 2013

O pasado día 8 de setembro, como continuación da xeira do ano pasado, voltamos ás terras do Salnés. A pesar de ver de novo o castro de Besomaño e xantar no Novo Freixo, a excursión foi moi distinta. Pinturas murais da igrexa de Santo Tomé de Nogueira Comezamos coa visita da igrexa de Santo Tomé de Nogueira, en Meis, que garda unha ábsisa románica moi armoniosa, decorada con boas pinturas murais da segunda metade do século XVI, descubertas na súa meirande parte, nos últimos anos. Cándo lle daremos a importancia que merecen estas decoracións pictóricas que adornan máis de 150 igrexas galegas?
A continuación fomos ata a illa de Arousa. Alí embarcamos para visitar o illote de Guidoiro Areoso, a verdadeira xoia da xornada. O illote ten unha fermosa praia dunha area moi branca que semella algún lugar do Caribe pero o seu interese principal radica na existencia de varios restos megalíticos que fixeron que o xornalista e amigo Manolo Gago bautizáraa como “Illa dos Mortos”. Dolmen de Guidoiro Areoso Aparte dunha estructura escavada nos anos 90, oculta agora baixo a area de praia, son visibles os restos de dúas cámaras megalíticas que conservan varios esteos, unha pequena cista, outra máis completa que apenas hai un mes todavía estaba de pé e agora aparece derrubada, e un impresionante dolmen completo descuberto hai pouco máis dun ano por mor dun intenso temporal e protexido agora dos embates do mar por un muro de pedra. O lugar é un tesouro que precisa de moitos coidados. Se as administracións non fan o seu traballo corremos o risco de que este riquísimo patrimonio se desfaga para sempre, como está a acontecer co paleochan que asoma en varios lugares, un solo orixinal de hai máis de 5.000 anos!
Ribadumia. Monte do Castro Logo de xantar visitamos o Monte do Castro ou castro de Besomaño, no concello de Ribadumia. Fomos testemuñas dos progrexos da escavación e a diferencia do ano anterior que fomos acosados pola chuvia, gozamos dun tempo marabilloso. Os arqueólogos estiveron traballando nunha porta de acceso e na croa, onde atoparon únicamente restos habitacionais.
O Carreirón Rematamos a xeira facendo o sendeiro circular que percorre o espazo natural de O Carreirón, no extremo sur da illa de Arousa. Non ofrece dificultade algunha e en pouco máis dunha hora permite que dende alí vexamos o muiño de mareas das Aceñas, o illote de Guidoiro Areoso, fermosas calas, unha lagoa e… desgraciamente un incendio que estaba a queimar amplas zonas dos concellos de Boiro e de Rianxo. Foi este un verán particularmente tráxico para a nosa natureza que acabou tamén arrasando o simbólico monte do Pindo.