Archiv für Oktober 2013

O ROMANICO DA ESTRADA

Sonntag, 27. Oktober 2013

O pasado día 12 percorrimos polo miúdo o concello de A Estrada, que reúne un total de dezanove igrexas con restos románicos. Para a nosa visita visita escollimos as seis máis representativas.
Capitel de Santa María de Frades Comezamos coa de Santa María de Frades, que conserva unha ábsida rectangular e case íntegra a súa obra románica, feito que como íamos comprobar ao longo da xornada é case único, pois o resto dos edificios foron moi alterados en tempos do Barroco. Ten ábsida rectangular e no seu interior destaca un capital no que se ve unha figura cunha cartela entre dous animais, que podería ser unha representación de Daniel no foso dos leóns. Hai tamén unha pequena talla da Virxe co neno, de difícil datación e non moi ben conservada.
Capitel de Santo Estevo de Lagartóns De seguido fomos ata Santo Estevo de Lagartóns, que non é doada de localizar. Por fora pasa totalmente desapercibida. O seu interior ten pouco interese agás os dous capiteis do arco triunfal. Nun deles hai unha das representacións máis orixinais do románico galego: un raposo botalle a boca a unha galiña.
Estanque do pazo de Oca Antes do xantar paseamos polos xardíns do Pazo de Oca. Participamos nunha visita teatralizada na que unha actriz intepretou en tres espazos diferentes tres papeis: o de María de Neira, primeira señora de Oca, o do mestre canteiro Esteban Ferreiro, e o do arquitecto francés François Vie, autor do deseño do xardín romántico. Esta iniciativa está moi ben plantexada pois ademáis estivemos acompañados dun guía que antes dos episodios teatrais foi explicando os pormenores da construción do edificio, da súa historia, da vida dos fidalgos e dos campesiños… o que completa o percorrido porque a visita teatralizada céntrase só nos aspectos máis anecdóticos. Os xardíns están ben coidados e acollen algunhas especies arbóreas de gran beleza, como a carreira de tileiros, o buxal que rodea o estanque, unha enorme secuoia que ten pouco máis de setenta anos de idade, unha vella camelia reticulata e unha monumental criptomeria.
Xa pola tarde voltamos coas igrexas románicas. A primera foi a de San Lourenzo de Ouzande. Como todas as igrexas do concello resulta bastante anodina no exterior, ainda que conserva unha boa colección de canzorros na ábsida. Interiormente posúe dos espléndidos capiteis, un no arco triunfal e outro no arco faixón, e un retablo barroco de pequenas dimensións, moi ben restaurado, con tallas de gran fermosura.
Retablo barroco en San Lourenzo de Ouzande Achegámonos logo ata San Xurxo de Codeseda, a única igrexa á que non accedimos ao seu interior. O que sorprende dela é o seu gran tamaño. A ábsida, o elemento máis interesante, é poligonal.
Pintura mural en Santiago de Tabeirós A igrexa de Santiago de Tabeirós é a que presenta un mellor estado de conservación. O seu interior está moi ben coidado, fruto sen dúbida da restauración do ano 1998 que descubriu na ábsida pinturas murais do século XVI, de boa factura, que representan a Oración no Horto, o Lavatorio dos Pés, e un fragmento da Ultima Cea. Destaca tamén un capitel no que unha figura semella tocar un corno. No exterior hai tamén excelentes canzorros no aleiro da ábsida.
Fixemos un alto para cambiar de temática e admirar unha sobreira imponente no pazo de Valiñas, unha das árbores máis senlleiras de Galicia, de gran porte e unha idade mínima de 300 anos. Conserva o concello outra sobreira todavía máis antiga, a de Balboa, que visitaremos en outra ocasión.
Canzorros e metopas da igrexa de San Miguel de Moreira Rematamos a xornada coa visita da igrexa de San Miguel de Moreira. Resulta ser a que posúe os máis fermosos restos románicos do concello. Exteriormente a ábside está adornada ademáis de por canzorros por metopas nas que predominan as estrelas. Interiormente garda un dos máis fermosos capiteis do románico galego, cunha representación ecuestre na que o xinete toca un corno. O canteiro que esculpiu este capitel era un verdadeiro artista.