Archiv für Dezember 2013

TEMPO DE NADAL

Dienstag, 31. Dezember 2013

Como remate do programa anual de viaxes celebramos o pasado día 21 de decembro a nosa tradicional xeira dos Beléns. Dedicamos a mañá a visitar tres dos máis interesantes templos románicos do Baixo Miño, como son as de Tomiño, Tebra e Pexegueiro. A igrexa de Santa María de Tomiño presente unha fermosa portada ainda que o máis relevante está no seu interior, con magníficos capiteis entre os que destaca aquel que representa a un grupo de monxas increpando a San Rosendo. Lástima que a escasa iluminación non permita a obtención de boas fotografías.
Capitel do arco triunfal da igrexa de Santa María de Tebra A igrexa de Santa María de Tebra posúe tamén espléndidos capiteis no interior, entre eles o que amosa unha serea coa cola ergueita entre dous cuadrúpedos, que sen dúbida é un dos mellores da arte románica galega.
Como remate visitamos a igrexa de San Miguel de Pexegueiro, que posúe dúas boas portadas. Retablo do Santo Cristo da igrexa de San Miguel de Pexegueiro O seu interior está cheo de sorpresas. Hai unha magnífica pila bautismal románica, na que está tallada unha figura humana entre un cabalo e un león, e varios retablos barrocos, restaurados hai poucos anos, entre os que destacan o da Virxe do Carme, o da Virxe das Dores e o do Santo Cristo.
Xantamos en Porriño, lugar de nacemento do arquitecto Antonio Palacios do que hai algunhas mostras como o edificio do Concello, a Botica Nova, a Fonte do Santo Cristo ou a boca de entrada ao metro que foi trasladada desde Madrid.
Pola tarde non podía faltar a visita dalgún Nacemento. Comezamos polo Belén de Herville, no concello de Mos, un dos máis fermosos de Galicia. Belén de Herville A súa montaxe non ten moitas figuras en movemento pero a súa escenografía está moi lograda. Ocupa ademáis unha superficie de 75 metros cadrados, o que provoca que seguramente sexa o máis grande da nosa comunidade. Unha visita absolutamente recomendable.
Tamén no mesmo concello, e como remate da nosa xeira, vimos o pequeno Belén da asociación de veciños de Celado, que Mercedes Barbosa realiza artesanalmente.

VENTO E CHUVIA

Dienstag, 31. Dezember 2013

O pasado día 20 de decembro organizamos, xunto coa librería Sisargas, a presentación do libro “Vento e Chuvia, Mitoloxía da antiga Gallaecia”, do que é autor Manuel Gago. Capa do libro "Vento e Chuvia", de Manuel Gago O acto celebrouse na biblioteca de Monte Alto e foi introducido por Pancho Gallego, quen comparou ao autor cunha sorte de Moncho Borrajo moderno. De seguido, Manuel Gago contounos como só él é capaz de facer diversas historias que xustificaban a escrita dun libro como este. A continuación o ilustrador Manel Cráneo desgranou o seu proceso creativo, moi clarificador no caso da ilustración da portada ou da tipografía creada para a publicación. Chegou logo o turno da actriz e fotógrafa Sole Felloza que narrou o fermosísimo conto de Poemana e deu paso a que Manuel Gago nos descubrise as fontes de inspiración do seu relato, tanto arqueolóxicas como procedentes da tradición oral. E como remate algo de empanada, queixo, chourizo e viño para o numeroso público asistente.

VIAXE Á CERNA DE GALICIA

Sonntag, 8. Dezember 2013

O pasado día 16 de novembro viaxamos ao corazón de Galicia para visitar algúns lugares dos concellos de Melide, Vilasantar e Boimorto. Comezamos coa igrexa de Santa María de Mezonzo, no concello de Vilasantar, que posúe a máis fermosa das cabeceiras do noso románico. Paisaxe e arquitectura fúndense con incrible harmonia.
Santa María de Sendelle. Arcanxo San Gabriel A nosa seguinte parada foi para admirar as pinturas murais da igrexa de Santa María de Sendelle, no concello de Boimorto. Feitas a mediados do século XVI representan, no cascarón da ábsida, o Xuizo Final e dous orantes que son San Xoán Bautista e a Magdalena. Por debaixo delas hai pintada unha Última Cea. Destaca tamén no arco triunfal a figura do arcanxo San Gabriel. A súa conservación é magnífica e os coidados e atencións que lles presta a asociación de veciños ?Campo da Rula? son merecedores dun eloxio encendido.
Tímpano da igrexa de Santa María de Vitiriz De seguido achegámonos ao veciño concello de Melide para ver o tímpano da igrexa de San Vicente de Vitiriz no que está representado dun xeito moi rústico un Cristo crucificado entre dúas figuras orantes. Tamén fomos ver a igrexa de San Martiño de Moldes con salientables elementos románicos, entre os que destacan as mochetas e o tímpano da porta principal. Neste último un home espido monta sobre un animal que algúns estudiosos identifican coa figura de Sansón desqueixando un león.
Pinturas murais da igrexa de Santa María de Melide Rematamos a mañá coa visita da igrexa de Santa María de Melide, un dos templos románicos máis interesantes de Galicia. Conserva íntegra a súa factura da época. A portada do Sur ten na arquivolta exterior motivos xeométricos que poden lembrar signos célticos. No interior da igrexa, de nave única, destaca o altar románico orixinal, decorado con arquiños; e na sacristía e nunha porta, a única reixa románica que se conserva en Galicia. Hai tamén un espléndido capitel no arco triunfal que representa a un home entre un basilisco e unha panteira. De época gótica consérvase unha boa talla dunha Virxe e do renacemento son as pinturas que decoran a ábsida, de factura semellante ás de Sendelle pero con distintas representacións. Aquí están pintados un Cristo en Maxestade co símbolo dos evanxelistas e debaixo seis Apóstolos. Tamén varios anxos turiferarios. Chamounos poderosamente o feito de que un grupo de oito peregrinos que facían o Camiño de Santiago en bicicleta non entrasen a ver a igrexa ?que por outra banda non é doado atopar aberta- e se limitasen a que un deles selase a credencial de todos.
San Vicenzo de Curtis. Retablo pétreo Logo do xantar en Melide, que rematamos cun magosto, visitamos dúas igrexas do concello de Vilasantar. A primeira delas, San Pedro de Présaras, conserva dúas tallas de Xosé Gambino, un dos grandes artistas do Barroco galego. Na segunda, San Vicenzo de Curtis, íamos atopar unha das máis grandes sorpresas da arte galega: un fermoso retablo pétreo policromado da época do Renacemento. Está delicadamente tallado e no corpo central representa a San Bartolomé e a Santa Catalina de Alexandría.
A derradeira visita da xornada levounos ata a igrexa de Santa María de Fisteus, no concello de Curtis, en regular estado de conservación. No seu interior fixeron unha desfeita pois o seu empedrado orixinal ?que todavía é visible na sacristía- foi substituído por un horroroso embaldosado. O retablo, de época barroca, parece ocultar pinturas murais de boa factura.

OUTONO EN NAVARRA

Mittwoch, 4. Dezember 2013

Entre os días 30 de outubro e 3 de novembro pasamos un días na Comunidade Foral de Navarra para disfrutar dun tempo de outono fresco e seco. A viaxe mesturou patrimonio e paisaxe. No percorrido de ida fixemos dúas vistas culturais, para ver sendos retablos, o da igrexa de San Pedro de Dehesas, en León, pequena vila da que é natural Amancio Prada, de estilo renacentista, que foi restaurado e iluminado hai ben pouco polo que lucía esplendoroso. Sagrario do retablo de Dehesas Xa pola tarde detivémonos en Navarrete, unha vila da Rioja en pleno Camiño de Santiago. A igrexa da Asunción garda un impresionante retablo barroco de finais do século XVII cunhas dimensións colosais. Pode gustar ou non o seu estilo pero en ningún caso deixa indiferente.
En Pamplona pasamos catro noites no hotel Maissonave que pola súa situación, servizos e atención merece ser mencionado.
O día 31 pasamos a mañá percorrendo intensivamente unha comarca por desgraza moi descoñecida, a Valdorba, que merece moita máis atención da que se lle presta pola riqueza da súa arquitectura románica. Logo dunha espléndida introducción histórica por parte do guía local chegou o momento de visitar a igrexa de San Pedro de Echano, en Olóriz.Pormenor da arquivolta central da igrexa de San Pedro de Echano É o templo máis interesante da bisbarra. A portada do Norte resulta extraordinaria con decoración totalmente profana nas súas arquivoltas, na que destaca a central na que 25 personaxes aparecen sentados ao baquetón, que fai de mesa. A colección de canzorriños tamén é magnífica e nela hai representados, entre outros temas, unha muller exhibicionista, un home tocando un dolio, un home barbado, un contorsionista, monstruos…
Seguimos logo pola igrexa de San Juan de Eristain, que ten como feito máis destacado unhas pinturas murais góticas, na que chama a atención unha gran figura que pode representar ao deus Baco ou a un green man.
A terceiro punto de interese da mañá concretouse en Iracheta, unha aldea moi ben rehabilitada que posúe unha construción románica moi singular, un hórreo, de finais do século XII, unha das mellores mostras da arquitectura civil que deste estilo se conserva en toda Europa.
Achegámonos logo ata a igrexa de San Martín de Orísoain, que conserva un bo retablo renacentista e unha pequena cripta cargada de simbolismo, sen esquecer tampouco a calidade dos canzorriños que decoran a cornisa.
Rematámos a mañá na ermida do Santo Cristo de Catalain, que conserva unha boa portada e capiteis ben traballados no seu interior. Resulta moi fotoxénica coa súa espadaña e a súa cúpula con linterna.
Tímpano da portada Sur da igrexa de Santa María de Ujué Xantamos en Ujué, unha vila medieval na que a visita da igrexa parroquial de Santa María convértese nunha das máis enriquecedoras experiencias de todo o panorama artístico hispano. A igrexa ten aspecto de fortaleza e un muro perimetral protexe e esconda da vista a súa cabeceira románica. A portada Sur, moi ben traballada, ten no tímpano a representación da Epifanía. Por ela accédese ao interior da igrexa que ten dous espazos moi ben diferenciados, a cabeceira románica que conserva unha fermosísima Virxe desa época, e a nave gótica, onde se sitúa o coro. Neste apareceron durante a restauración uns frescos coa curiosa representación da historia dos tres vivos e os tres mortos. A visita continúa logo polo paseo de ronda, no que a través dunha galería porticada divísase Olite, e chega ata a portada Norte, na que hai esculpidas varias escenas exemplarizantes. Logo, e aquí está o feito singular desta visita, súbese polo interior da torre románica, tendo a posibilidade de vislumbrar as ábsidas por dentro e dende arriba un feito case inédito na arquitectura española.
Cripta da igrexa de San Martín de Unx Rematamos esta completa xornada coa visita da igrexa de San Martin de Unx, outra obra románica de boa factura, que conta cunha cripta de gran beleza e unha pila bautismal finamente traballada. Non podemos esquecer tampouco o retablo.
O día 1 estivemos ao borde do desastre por dúas veces. Amanecimos coa nova de que no o noso autocar fora embestido por detrás no aparcamento. Saimos con algo de retraso, nunha xornada no que o tempo valía o seu peso en ouro pois había que chegar ata a Selva de Irati. Este espazo natural e dunha beleza sobrecolledora. Selva de Irati Ten un acceso complicado por unha estrada estreita na que inexplicablemente por ser día festivo e ponte atopamos varios camións madereiros. A masiva afluencia de vehículos nesta época do ano converte o aparcamento nun embudo e no que pudo ser o outro desastre, case quedamos atrapados sen posibilidade de sair. Polo demáis a paisaxe compensa todo, fixemos un curto paseo ata a fervenza do Cubo ainda que creo que todos pensamos que soubo a pouco. Sería mellor traer algo de picnci e facer un sendeiro de máis percorrido.
Foz de Arbayún Previamente a esta visita detivémonos no miradoiro da Foz de Arbayún, outra paisaxe moi fermosa que hai que mirar dende o alto pois resulta inaccesible.
Xantamos en Ochagavía unha vila cunha arquitectura de montaña na que predomina a cor branca. Tampouco poderemos esquecer a riquísima menestra que tomamos no restaurante Auñamendi.
Pola tarde fomos ata a vila do Roncal para visitar a casa-museo do tenor Julián Gayarre, do que vimos tamén un espectacular mausoleo no cemiterio, obra do seu amigo Mariano Benlliure. Houbo tempo tamén para mercar algún dos afamados queixos de ovella que se producen en todo o val. De regreso a Pamplona atravesamos a Foz de Burgui.
Roncal. Mausoleo de Julián Gayarre Na capital navarra, ao igual que o día anterior, tapeamos pola parte vella, camiñando por rúas como Zapatería ou Estafeta, disfrutando do mellor da gastronomía da cidade e descubrindo unha das profesións con maior grado de estress que un poida imaxinar, a de camareiro, pois era tal a cantidade de xente que parecía imposible atendelos a todos.
O sábado 2 de novembro dedicamos a mañá a visitar os dous edificios máis representativos de Pamplona. Comezamos co Museo de Navarra, que ocupa o antigo Hospital da Misericordia. Ten uns fondos espléndidos que foron explicados por un voluntario da institución que cronolóxicamente foinos amosando, entre outras cousas, un enorme mosaico procedente da vila romana del Ramalete, perto de Tudela; o mosaico do Triunfo de Baco procedente da vila de Andelos; un bo conxunto de estelas funerarias romanas; os relevos prerrománicos de San Miguel de Villatuerta; os extraordinarios capiteis románicos procedentes do antigo claustro da Catedral de Pamplona, dunha calidade artística que quita o sentido; a marabillosa arqueta hispano-árabe de marfil procedente do mosteiro de Leyre; unha serie de pinturais murais arrancadas de distintas igrexas, entre as que destaca unha obra gótica coa representación da Paixón de Cristo, procedente do refectorio da catedral de Pamplona; as pinturas murais en grisalla do Palacio de Óriz, de mediados do século XVI; e como remate o retrato do Marqués de San Adrián, de Francisco de Goya. A igrexa do antigo hospital, tamén integrada no museo, garda unha boa mostra da retablística navarra, sobresaíndo o procedente da igrexa de Burlada, e unha fermosa talla de San Martín partindo a súa capa.
Pamplona. Catedral. Relicario do Santo Sepulcro De contado fomos ata a Catedral. A súa visita resultou unha completa sorpresa pois coincidiu cunha exposición inesperada ?Occidens?, que ocupa diversos espazos do conxunto catedralicio antes vedados ao público: salas do Palacio Románico, estancias do Pazo Arcebispal e do Pazo Arcediano, escavacións arquelóxicas… nunha montaxe moderna con grandes efectos audiovisuais. O percorrido faise íntegramente por unha pasarela de ferro na que están escritos os feitos máis destacados da historia e na exposición hai pezas extraordinarias como o relicario do Santo Sepulcro, o pequeno retablo das Navas de Tolosa ou o conxunto de Virxes de distintas épocas. Na catedral hai todavía moitas más cousas que ver, como o claustro gótico con varias portas ben traballadas, os sepulcros de Carlos III e Leonor de Trastámara e varios retablos.
Xantamos nun restaurante que non podemos esquecer, ?El Portal de Descalzos?, onde saboreamos unha ensalada de escarola con pipas e queixo de ovella latxa e morcillo de vitela con patacas do Pirineo.
Canzorriño da igrexa de San Martín de Artáiz Pola tarde agardábanos un dos mellores edificios románicos de Navarra, a igrexa de San Martin de Artaiz, que nos foi explicada por Simeón Hidalgo, un estudioso local que expuxo as súas teorías sobre o simbolismo da portada, que esta profusamente decorada. Capiteis e canzorros completan unha visita dunha beleza estética incuestionable, máis alá da súa interpretación.
Saímos do lugar a fume de carozo pois había quedaba por facer un paseo pola Foz de Lumbier, un máxico lugar no que hai que atravesar dous túneles. Nunha hora estabamos de volta no autocar e a luz natural chegou para facer boas fotografías.
Foz de Lumbier O día de regreso subimos a primeira hora á serra de Aralar, para ver o santuario románico de San Miguel in Excelsis. Unha xornada na que o tempo estaba a cambiar, cun frío intenso e unha néboa que ía impedir que disfrutásemos das incríbles vistas do lugar. A visita resultou do mellor da viaxe pois o guía de monumento é toda unha personaxe, simpático a rabiar pero moi ben documentado. Admiramos o marabilloso frontal de cobre dourado e esmaltado no que están representados a Virxe co Neno, o Tetramorfos, os Apóstolos, os Reis Magos e un anxo.
Xantamos en Osorno, na provincia de Palencia, onde quedamos sorprendidos polo sabor da ventresca de atún á grella.