Archiv für September 2014

TERRA DE TRASANCOS: DO MEDIEVO Á ARQUEOLOXÍA INDUSTRIAL NA RÍA DE FERROL

Samstag, 13. September 2014

Nesta xeira celebrada o pasado día 7 de setembro, Pancho Gallego levounos a visitar en primeiro termo o mosteiro románico de San Martiño de Xubia, de clara influencia Compostela, situado moi perto do mar. A igrexa ten tres naves e nela destacan os seus capiteis e o conxunto de canzorros que percorren exteriormente a cornixa da tripla ábsida. Tivemos a sorte de poder acceder tamén ás dependencias do antigo mosteiro, da man do sancristán, espazos vedados normalmente á visita turística.
Murais de Bello Piñeiro no Casino de Ferrol De seguido fomos ata Ferrol, para ver no seu Casino modernista as pinturas murais que decoran o teito e os muros da chamada Sala de Conversas. Espléndida obra do pintor Bello Piñeiro, moi colorista, con motivos vexetais típicos da flora galega: follas de piñeiro e de carballo, flores de toxo, e representacións simbólicas de San Andrés de Teixido.
Achegámonos despois ata a igrexa de Santa María de Brión, que conserva unha interesante cabeceira gótica, e a capela de Serantes, ubicada dentro do cemiterio, obra tamén gótica rehabilitada hai pouco tempo, nun momento no que a chuvia non nos daba tregua.
Interior da igrexa de Santa María de Brión Subimos logo ata a o Santuario de Chamorro, magnífico exemplo de cristianización dun lugar de culto pagán, que houbo que ver a oscuras, ante a negativa da señora que estaba ao cargo a prender a luz.
No lugar da Feira do Trece, no restaurante A Trasanquesa demos conta dunha excelente carne asada.
A sorpresa da xornada veu a continuación. Deixou de chover polo que poidemos baixar ata a Presa do Rei, obra hidráulica de finais do século XVIII, e facer unha andaina de pouco máis de media hora pola parte final do río Grande de Xuvia. Muiño da Ponte de XuviaEstou seguro de que non hai en Galicia outro paseo fluvial tan fermoso como este. O sendeiro remata no muiño da Ponte de Xuvia, levantado a finais do século XVIII polo empresario francés Juan Lestache, un dos lugares con mellor fotoxenia da nosa terra.
Na outra banda do río visitamos os xardíns da antiga Real Fábrica de Cobrería, que despois foi tamén fábrica de fusiles, casa de moeda e industria téxtil, actividade que se desenvolve na actualidade en modernas instalacións.
Rematamos o noso percorrido no gran muiño de mareas das Aceñas do Ponto, que nos derradeiros anos foi aumentando o seu deterioro.

A RUTA CONSERVEIRA

Freitag, 12. September 2014

O venres día 18 de xullo achégamos ata a península do Barbanza para coñecer unha das máis novidosas iniciativas postas en marcha nos últimos tempos. Unha ruta industrial impulsada pola Deputación de A Coruña, en distintos puntos da provincia. Nos escollimos esta área xeográfica porque ao seu interese patrimonial suma unha paixase de gran fermosura. Estivemos acompañados durante toda a xornada por Sandra Touza, da empresa ?Ponle cara al Turismo?, que é a que xestiona esta ruta, que comezou coa visita dun astaleiro tradicional, ?Asteleiros Triñanes Domínguez?, no concello de Boiro. No asteleiro Triñanes A historia desta empresa remóntase ata o ano 1978, especializándose na construcción de embarcacións de madeira de distintas tipoloxías, como dornas ou lanchas xesteiras, empregando técnicas propias da carpinteiría de ribeira, ainda que na actualidade realizan todo tipo de embarcacións utilizando tamén novos materiais como o poliéster.
A continuación visitamos a conserveira ?Luis Escurís Batalla?, na Pobra do Caramiñal. Coñecimos, da man do seu encargado, todo o proceso de elaboración das distintas conservas, que nese momento eran de mexillón en escabeche, de bonito en aceite e de navallas ao natural, ainda que enlatan tamén pulpo, berberechos, algas ao natural, zamburiñas?Descubrimos o meticuloso procedemento de elaboración e vimos as incubadoras, balsas de cocción, salseiras, ? caracterizado pola súa limpeza e pola calidade dos productos con navallas e mexillóns dun tamaño asombroso. Rematamos cunha xenerosa degustación dos seus productos, que acompañamos tamén de empanadas e viño, algo que serviu para compensar o que ía vir a continuación. Atendendo ás explicacións na conserveira Luis Escurís
O segundo obxectvo da xeira era celebrar a nosa tradicional sardiñada. O lugar escollido foi o restaurante ?Xanxo?, na Pobra do Caramiñal. Ten un comedor exterior que resulta moi agradable pero a comida foi máis ben escasa: unha ración de empanada de zamburiñas con masa de millo a compartir cada catro persoas e unhas xoubas, que son máis pequenas que as sardiñas, que viñan contadas. Así que o ano que ven prometemos que a sardiñada terá novamente lugar en Vimianzo.
Pola tarde fomos dar dous paseos, un polo Parque Periurbano de Ribeira, con recreacións dun castro e dun dolmen e estupendas vistas sobre a ría de Arousa; e polo Parque Natural de Corrubedo, onde a través dunha pasarela de madeira chegamos ata a súa gran duna móbil, unha paisaxes máis espectaculares de Galicia.
Rematamos a nosa xeira facendo un percorrido pola parte vella de A Pobra de Caramiñal, onde vimos exteriormente a Torre de Bermúdez, construcción do renacemento con fermosas fiestras platerescas, sede do Museo Valle Inclán; e visitamos a Farmacia Tato, unha botica centenaria que se mantén igual que no ano da súa apertura, 1906, e na que Valle Inclán compartía tertulias. Conserva mostrador, banco e estanterías de castiñeiro, botes de cerámica, un morteiro de ferro, o braseiro?
A ruta debería incluir, eso sí, a visita da capela da Alba, na igrexa de Santiago do Deán, unha xoia plateresca que se atopa entre o máis sobranceiro da arte galega.

CUENCA E A SÚA PROVINCIA

Freitag, 12. September 2014

Entre os días 20 e 24 de xuño viaxamos ata a provincia de Cuenca, un territorio ao que lle temos un especial cariño porque hai catorce anos a primeira xeira da asociación tivo este mesmo destino. A distancia e maior da que se pensa; só tivemos tempo de saborear un porquiño na vila de Arévalo, sen facer visita algunha polo camiño. Chegamos pola tarde á capital conquense e fomos directamente ao hotel Leonor de Aquitania situado na parte alta da cidade, onde íamos pasar as catro noites
Escaleira do castelo de Belmonte A segunda xornada resultou moi intensa pola cantidade de visitas a realizar. Comezamos en Belmonte, no seu castelo, mandado levantar por Juan Pacheco, marqués de Villena, no século XV e transformado profundamente a mediados do século XIX por Eugenia de Montijo, esposa do emperador Napoleón III. Proxectan un magnífico audiovisual que serviu como perfecta introdución para admirar os artesoados dalgunhas estancias e a sorprendente escaleira voada de acceso ás plantas superiores.
Villaescusa de Haro. Pormenor do retablo da capela da Asunción A continuación desprazámonos ata Villaescusa de Haro para admirar a capela da Asunción, na igrexa de San Pedro. Obra mestra da primeira década do século XVI, en estilo gótico isabelino, na que traballaron Simón de Colonia na arquitectura, Felipe Vigarny na escultura e Frei Francisco de Salamanca no enreixado. O retablo, de madeira policromada, narra escenas da vida da Virxe e é dunha beleza incomparable.
Xantamos no Parador Nacional de Alarcón, que ocupa o castelo, antes de percorrer da man dun guía local os principais monumentos da vila: as igrexas da Santísima Trinidad, a de Santa María e a de San Juan Bautista, templo este último de estilo herreriano que acolle hoxe en día unhas impresionantes pinturas murais realizadas polo pintor Jesús Mateo ao longo de sete anos, recoñecidas pola Unesco como de interese artístico mundial.
Alarcón. Pinturas de Jesús Mateo na igrexa de San Juan Bautista Rematamos o día no xacemento romano de Valeria, xa bastante cansados, ubicado moi perto da espectacular foz do río Gritos. Os restos arquelóxicos máis importantes son o Foro, a Basílica o e o Ninfeo, fonte monumental con dependencias construidas ao seu carón.
O terceiro día visitamos o castelo-mosteiro de Uclés, un edificio moi severo que lembra ao Escorial. Ten unha magnífica ubicación e o elemento máis sobresainte do conxunto é o artesoado do refectorio.
Máis interesante resulta o Parque Arqueolóxico de Segóbriga, un dos xacementos máis notables de época romana na península. Segóbriga foi un importante centro administrativo levantado para controlar a produción mineira de lapis specularis, un tipo de xeso traslúcido empregado para a fabricación de ventás na Antiga Roma. Conserva importantes restos arqueolóxicos: teatro, anfiteatro, foro, termas…
Ciudad Encantada. Tormo Alto Despois de xantar regresamos a Cuenca, para pasear pola parte antiga da man do que resultou ser un documentado e simpático guía local. Visitamos a catedral, un edificio que no seu interior non ten excesivo interese, a torre Mangana, a ponte de San Pablo, as Casas Colgadas, as foces dos ríos Huécar e Júcar…sofocados por unha intensa calor.
A cuarta xornada estivo dedicada a disfrutar dalgúns dos mellores espazos naturais da provincia. Durante algo máis dunha hora dimos un agradable paseo pola Cidade Encantada, deténdonos nas principais formacións de rocha: o Tormo alto, o Can, os Amantes de Teruel, etc.
Seguimos a nosa ruta para achegarnos ata o Nacemento do Río Cuervo, moi fermoso cando se precicipa en varios fios de auga e non tanto no propio lugar onde nace que é unha minúscula cova.
Despois de xantar percorrimos a foz de Beteta, e achegámonos ata o balneario de Solán de Cabras, un lugar de moita sona décadas atrás que ofrece na actualidade un aspecto moi decadente. Ventano del Diablo. Río Júcar Visitamos o edificio da man do director do establecemento pero se quere sacar adiante o negocio debe procurar transmitir algo máis de entusiasmo.
O día tivo unha despedida culminante no miradoiro do Ventano do Diablo, que se asoma espectacularmente ao río Júcar.
Na derradeira xornada fixemos pola mañá dúas orixinais visitas na cidade de Alcalá de Henares, a dous edificios aos que non se lle presta demasiada atención. Alcalá de Henares. Interior da igrexa de San Juan de ÁvilaA igrexa de San Juan de Ávila é unha das mellores obras contemporáneas de España, levantada hai menos de vinte anos, obra do enxeñeiro uruguaio Eladio Dieste, empregando cerámica armada. Por contra, o Palacio de Laredo, de finais do século XIX, é un capricho neomudéxar no que se mesturan ademáis outros estilos, deseñada polo arquitecto Manuel Laredo para vivenda.
Como remate comentar que xantamos en Segovia, no Convento de Mínimos, un espectacular espazo que despois de igrexa foi teatro e está agora presidido por un impresionante mural da actriz Eleanor Parker.

O PARQUE ARQUEOLOXICO DA CULTURA CASTREXA LANSBRICA

Donnerstag, 11. September 2014

Por fin, e logo de tres anos figurando no noso programa, visitamos o día 31 de maio o segundo dos parques arqueolóxicos promovidos pola Xunta de Galicia, inaugurado nos primeiros días de marzo.
O edificio que acolle o centro de interpretación presenta un contido expositivo moi didáctico con materiais orixinais procedentes do propio castro de San Cibrán de Las e outros procedentes do castro de Castromaior, en Portomarín. Da man dunha guía do centro fixemos durante media un percorrido polo castro de San Cibrao de Las, que comparten os concellos de San Amaro e de Punxín. Castro de San Cibrao de Las O poboado ocupa unha extensión de dez hectáreas e conserva un sólido sistema defensivo con murallas, foxos e parapetos. Detivémnos especialemtne nas portas de acceso, nos barrios de vivendas, no alxibe, na croa e nas murallas.
Ademáis deste xacemento, os outros obxectivos da xornada estaban centrados en Ourense. Comezamos coa visita da Catedral para marabillarnos co recén restaurado Pórtico do Paraíso que luce esplendoroso a súa policromía, rivalizando en fermosoura con outros de maior sona. A catedral auriense é un edificio cheo de obras artísticas dunha categoría incuestionable, merecedoras dun maior recoñecemento. Ourense. Catedral. Pórtico do Paraíso O retablo maior de Cornelis de Holanda, da primeira metade do século XVI, é o mellor de Galicia, realizado por un artista que tamén traballou en Santiago de Compostela ou Pontevedra, e probablemente en Betanzos e Xunqueira de Ambía. A carón del e na mesma capela maior consérvase un extraordinario monumento funerario do século XIV que acolle o sepulcro dun bispo descoñecido. Na capela do Santa Cristo, ademáis desta imaxe relixiosa do gótico, destaca a escultura de San Mauro, obra mestra do artista barroco Francisco de Moure. Percorrendo as distintas capelas da catedral detivémonos tamén na dos Desamparados para admirar un espléndido Cristo románico. Non podemos esquecer o fermosísimo cimborrio nin a calidade da talla da portada Norte.
Francisco de Moure. Cabaleiro orante Despois do xantar visitamos unha escolma de escultura que amosa as obras máis representativas do Museo Arqueolóxico, que leva varios anos pechado por mor da excavación do edificio. En poucos lugares e nun espazo tan reducido pode un admirar pezas de tanto interese como a cabeza de Rubiás, a tabula de hospitalidade de Castromao, o pequeno bronce do deus Mercurio, a placa de cinto de Santomé, a ara de San Pedro de Rocas, o relevo da Adoración dos Magos de San Xoán de Camba, o píxide de Ouvigo, o capitel do Lavatorio prcedente da Claustra Nova da catedral, o fuste do cruceiro de San Francisco, ou o cabaleiro orante de Francisco de Moure.
Ourense. Capitel do claustro de San Francisco Unha sorpresa inesperada agardábanos a continuación. Logo de máis de dez anos pechado descubrimos que o extraordinario claustro do antigo convento de San Francisco estaba aberto. Trátase dunha obra gótica, da primeira metade do século XIV, na que pervive todavía unha forte tradición románica. Quedamos abraiados pola fermosura dos capiteis nos que se alternan escenas de loitas entre cabaleiros, con figuras de animais reais ou imaxinarios e motivos vexetais. Unha ledicia.
San Pedro de Moreiras. Pormenor do retablo A xornada rematou na igrexa de San Pedro de Moreiras, no concello de Toén, onde fomos ver un pequeno retablo renacentista acabado de restaurar, con imaxinería de gran calidade e traza gótica, o que o converte en algo único en Galicia. Este lugar ven a engadirse aos de Ventosa, Labrada, Xurenzás ou San Vicenzo de Curtis, posuidores tamén de obras artísticas moi pouco coñecidas, merecedoras dunha maior difusión e protección, como a que reclama o párroco de Labrada para as súas pinturas que sería terrible que sufriran algún deterioro.

O ROMANICO DO VALE DE SOUSA

Donnerstag, 11. September 2014

Entre os días 1 e 4 de Maio desprazámonos ata Portugal, país ao que acudimos sempre que é posible para descubrir unha ruta que resultou todo un éxito. Esta ruta do románico, sen ter edificios con elementos tan valiosos como podemos ter en Galicia, está moi ben sinalizada, hai información escrita a disposición dos visitantes, as igrexas e as súas contornas están moi ben coidadas e o guía José Augusto Coelho soubo transmitir como ninguén os seus coñecementos e o seu entusiasmo.
Na primeira xornada fixemos a parada de rigor en Ponte de Lima, unha vila de gran atractivo, imprescindible en todas as viaxes que atravesan o país veciño. Xardíns da Quinta da Aveleda Xantamos en Penafiel, no restaurante Penafidelis, un lugar no que estiveramos anteriormente, para disfrutar dun xantar moi abundante. Alí apareceu o noso guía co que visitamos pola tarde o castro de Monte Mozinho, un dos máis grandes de Portugal, situado estratéxicamente entre os ríos Támega e Sousa, defendido por tres liñas de murallas. Conserva restos de vivendas de tradición castrexa e outras máis romanizadas de planta cuadrangular, a base dun templo e un espazo baleiro na acrópole cunha función indeterminada. Fomos despois ata a Quinta da Aveleda, que posue fermosos xardins de traza romántica, no que destacan os rododendros, as azaleas, e grandes acacias e carballos. A quinta produce viño, especialmente das variedades alvarinho e loureiro, que probamos na solaina do pazo, acompañados de queixo.
Museo de Penafiel. San Xurxo matando ao dragón O día dous comezamos coa visita do Museo Municipal de Penafiel, que destaca pola súa didáctica. Percorremos as salas dedicadas á Arqueloxía ?con restos da citania de Monte Mozinho-, aos Oficios e á Terra e o Mar, na que proxecta un extraordinario documental sobre o transporte de vinho e outras mercadorías no río Douro.
A continuación visitamos o mosteiro de San Salvador de Travanca, no concello de Amarante, o primeiro dos edificios deste estilo que integran a ruta románica de Vale de Sousa. Nel destacan a súa portada occidental, varios capiteis historiados do interior e o tímpano da torre. Accedimos tamén á sacristía, no que se conservan pinturas murais e un interesante mobiliario litúrxico.
A seguinte parada fixémola na igrexa de Sao Mamede de Vilaverde, no concello de Felgueiras, un edificio moi sinxelo, restaurado con moito esmero ?basta ver a súa situación anterior en algunhas fotografías, nun entorno moi ben coidado. Moi perto situáse a igrexa de Santa María de Airaes, na que o mellor resto románico é a súa portada occidental, pois o edificio foi moi alterado en épocas posteriores.
A visita da Casa do Pao de Lo de Margaride supuxo unha paréntese entre tanto edificio relixioso. Nunha casa tradicional con máis de cen anos de antigüidade elaboran un dos doces máis famosos de Portugal. Resulta extraordinario o seu forno, cunha fronte de azulexos, situado no primeiro andar da vivenda. O doce elabórase con ovo, azucre e fariña, sen levedar, e cócese en moldes de barro. Tivemos ocasión de probar o seu sabor.
Sao Vicente de Sousa Sen sair do concello de Felgueiras, visitamos o enorme mosteiro de Santa María de Pombeiro, moi transformado na época do Barroco. Como en case todas as visitas da xornada o resto románico máis sobranceiro é a súa portada occidental. Moi perto do mosteiro atópase un acueducto medieval moi ben conservado.
A derradeira parada da xornada tivo por escenario a igrexa de Sao Vicente de Sousa. Toda unha sorpresa. O edificio máis armonioso de cantos vimos en todo o día. Asistimos tamén a un recital de canto gregoriano e admiramos os casetóns pintados na bóveda da ábsida, nos que se narra a vida e martirio de San Vicente. Resultou moi curioso ver no exterior un cartel no que o contratista presupostaba a obra de restauración desta igrexa da ?Rota do Romántico?.
Portada da igrexa de Paços de Ferreira Principiamos o día tres coa visita da igrexa de Sao Pedro de Ferreira, unha das máis destacadas da ruta, no concello de Paços de Ferreira. Chama poderosamente a atención o adro situado diante da súa portada occidental, que podería ter un carácter funerario. Nesa portada á influencia do románico de Zamora resulta bastante evidente.
O segundo edificio da xornada foi a ermida de Nossa Senhora de Vale, dunha soa nave. O máis interesante son o púlpito exterior situado no adro e a pintura mural do interior, que serve ademáis como motivo promocional da ruta do vale de Sousa.
Seguimos polo mosteiro do Salvador de Paço de Sousa, no concello de Penafiel. A igrexa, de tres naves, ten unha gran amplitude. Destacan os capiteis e o tímpano da portada occidental, no que hai representado un círculo con inscricións e outros dous círculos máis pequenos nos que dous atlantes sosteñen o sol e a lúa. Memorial da Ermida No seu interior destaca o sartego de Egas Moniz, aio de Afonso Henriques, home dunha lealdade inquebrantable, con extraordinarios relevos no que están representandos entre outras cousas, un cortexo a cabalo e unhas mulleres plañideiras.
Rematamos a maña coa visita do memorial da Ermida, un tipo de monumento funerario que só existe nesta área, realizado a mediados do século XIII, consistente nunha base rectangular sobre a que se desenvolve un arco apuntado. Pola súa singularidade paga a pena deterse no lugar.
José Augusto, que ademáis de guía, tamén e panadeiro, sorprendeunos ao traer pan elaborado por el mesmo con masa de millo, pasas e noces dun sabor inesquecible. Nunca lle estaremos suficientemente agradecidos.
Sauna castrexa no xacemento de Freixo-Tongóbriga Tralo xantar desprazámonos ata a igrexa de Santo Isidoro de Canaveses, freguesía que estaba en festas. E un edificio románico moi alterado que alberga no seu interior pinturas murais de gran calidade, descubertas no ano 1977, que representan á Virxe con Neno, a Santa Catarina de Alexandria, a Santiago Peregrino e a San Miguel pesando as almas. Están datadas no ano 1536 e realizadas polo pintor Moraes.
No noso percorrido houbo unha pausa arqueolóxica para visitar o xacemento de Freixo-Tongóbriga, no concello de Marco de Canaveses, un completísimo asentamento no que se poden ver restos de vivendas castrexas e romanas ?foi romanizado en tempos de Augusto, foro, edificio termal (no que se aproveitou unha sauna castrexa coa súa pedra formosa-, necrópoles? A igrexa da aldea de Freixo foi levantada encima dunha basílica romana.
Rematamos a xornada coa visita da igrexa do Salvador de Cabeça Santa. Un edificio de gran beleza e armonía, moi pouco modificado. Destacan os seus capiteis. No adro hai tres sartegos coa súa tampa e un afloramento granítico no que están excavados tres sepulturas antropomorfas.
Sao Pedro de Cete. Virxe co Neno A mañá do día catro, o derradeiro da nosa xeira, e todavía na compañía de José Augusto Coelho, visitamos máis monumentos da ruta. Comezamos no mosteiro de Sao Pedro de Cete, que resultou toda unha sorpresa. Conserva un claustro do século XV cun xardín central no que se conservan varios sartegos e que estaba adornado con motivos florais. Destaca a capela funeraria de don Gonçalo Oveques, na que se atopa o seu sartego, azulexería, unha fermosa bóveda e unha belísima imaxe da Virxe. Ademáis estaban en festa e fomos agasallados pola unha banda musical.
A continuación vimos o menhir de Luzim, antes de achegarnos ata a igrexa de Sao Gens de Boelhe, dun románico moi puro, acaso a mellor do concello de Penafiel. Destaca a súa portada Oeste e sobre todo a sua extraordinaria colección de canzorriños.
Igrexa de Bravaes Rematamos a ruta do románico do vale de Sousa coa visita de Sao Pedro de Abragao. O maior interese radica no friso que percorre exteriormente parte de muro e os capiteis do arco triunfal.
Logo de xantar novamente no restaurente Penafidelis e xa camiño da nosa residencia, visitamos pola nosa conta a igrexa do Salvador de Bravaes, no concello de Ponte de Barca, o edificio románico máis emblemático de Portugal. A súa portada resulta extraordinaria, con cinco arquivoltas profusamente labradas. No tímpano hai dous anxos que sosteñen un Cristo Pantocrátor dentro dunha mandorla. Os fustes das columnas están tallados e dous deles representan unha Anunciación, ao estar esculpidos a Virxe e o arcanxo San Gabriel.

TERRAS DE CALDELAS, UNHA RIBEIRA SACRA CASE INÉDITA

Mittwoch, 10. September 2014

O 6 de Abril, Pancho Gallego levounos ata esta comarca ourensá para percorrer algúns lugares moi pouco coñecidos. Comezamos coa visita da igrexa de Santa Tegra de Abeleda, un edificio románico moi sinxelo que conserva no seu interior elementos de gran interese, como un retablo barroco sen dourar, unha pía bautismal románica que por si mesma xustifica unha visita, e un fermoso Cristo de transición do románico ao gótico.
Capitel de San Paio de Abeleda De seguido fomos ver as ruinas de San Paio de Abeleda, mosteiro que foi limpado por voluntarios de ?O Sorriso de Daniel?, unha admirable asociación que está a chamar a atención sobre edificios románicos que están en grave perigo de conservación. A igrexa do mosteiro conserva capiteis únicos na nosa comunidade, con animais fantásticos e unha rica policromía. Na porta do adro hai unha portada na que están representados San Pedro e San Pablo, con Cristo en maxestade no tímpano. A pía bautismal románica foi trasladada á cercana capela de Soutelo.
Tumbas antropomorfas na necrópole de San Vítor de Barxacova Achegámonos despois ata a necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova, no concello de Parada de Sil. Alí estaba esperándonos Eduardo Breogán Nieto, arqueólogo encargado das excavacións. O lugar resulta abraiante polo seu emprazamento e polo que se deduce dos restos existentes: tumbas antropomorfas excavadas na rocha, nas que apareceron varios esqueletes, evidencias da existencia dunha capela medieval dedicada a San Salvador? para baixar despois ata a aldea de San Lourenzo de Barxacova que posue nos muros dalgunhas casas algúns elementos singulares.
O xantar tivo lugar en ?A Fábrica da Luz?, unha antiga central eléctrica que foi recuperada como albergue e casa de xantar. Un lugar moi recomendable: a parrillada de carnes variadas resultou moi sabrosa, tanto como o leite frito que serviron de postre.
As pasarelas do río Mao dende San Vítor de Barxacova Para mover un pouco as pernas fixemos unha andaina pola parte final do canón do río Mao, por unha pasarela de madeira de case quilómetro e medio de lonxitude, para seguir logo un pouco máis por un sendeiro á beira do río.
A xornada rematou cun paseo pola aldea de Cristosende, a visita do interesante cruceiro de Lumeares ?da segunda metade do século XVIII-, ambos no concello de A Teixeira; e no impresionante souto de Valguaire, no concello de Sober, que conserva varios castiñeiros dun grosor espectacular. Unha lástima que non goce de maior protección.

OS TROTEIROS DE BANDE

Dienstag, 9. September 2014

O día 2 de Marzo celebramos a nosa tradicional xeira de Entroido. Aproveitamos a mañá para coñecer interiormente algunhas igrexas da comarca do Limia.
Retablo da igrexa de Rairiz de Veiga Descubrimos, cunha mestura de sorpresa e admiración, a beleza dos retablos barrocos de Santa María de Abavides, no concello de Trasmirás, restaurado hai menos de dez anos; de San Salvador de Sabucedo, no concello de Porqueira, no que sobresaen a porta do Sagrario e o relevo de Caín e Abel, obra de Frei Pedro Pascual García, frade mercedario de Verín; e de Rairiz de Veiga, acaso o mellor retablo rural de Galicia, no que traballaron Francisco de Moure, autor das imaxes de San Pedro, San Pablo e San Xoán Bautista, e José Seguín. A igrexa conserva tamén unha ara dedicada ao deus galaico Bandua e unha fermosísima Virxe con Neno de época románica. Non foi posible ver o interior da igrexa de Santo André de Guillamil porque o cura esqueceuse da visita que tiñamos concertada.
Troteiros de Bande Logo de xantar o cocido de rigor, fomos ata a igrexa sueva de Santa Comba de Bande, no momento en que o tempo empezaba a empeorar. De volta en Bande, e con algo de orballo, asistimos ao desfile das personaxes protagonistas deste Entroido, os Troteiros, que lucen camisa e pantalón branco, chapeu adornado con postais, un pano de croché cubrindo o rostro, un cinto con chocaios, fitas de cores e unha vara. Estiveron acompañadas por outras máscaras tradicionais, as Bonitas de Sande, aldea de Cartelle onde están a recuperar o seu Carnaval.

PONTEVEDRA: NOVOS ESPAZOS

Dienstag, 9. September 2014

Parece que levamos todo o ano sen desenvolver actividade algunha por mor deste silencio prolongado á hora de publicar novas entradas neste blog. Iremos relatando as nosas viaxes nas que como sempre intentamos estar atentos aos últimos achados arqueolóxicos e nas que procuramos coñecer aqueles lugares que sempre quedan fóra nas xeiras máis convencionais.
Museo de Pontevedra. Profetas procedentes da primitiva fachada do Pórtico da Gloria A primeira xeira do curso, celebrada o día 2 de Febreiro, levounos ata Pontevedra onde ocupamos a mañá visitando o Museo de Pontevedra da man dun guía da propia institución. Centrámonos únicamente no reformado edificio Sarmiento e no chamado Sexto Edificio porque ver o resto dos edificios integrantes do museo ocuparía a xornada completa. No edificio Sarmiento atópase a sección arqueolóxica e medieval, na que destacan o tesouro de Caldas, estelas romanas, unha cabeza bifronte que pode ser unha representación do deus Jano, os dous profetas procedentes da primitiva fachada do Pórtico da Gloria, os timpanos románicos de Palmou ou de Moaña, os capiteis da igrexa de Bermés?ainda que quedamos coas gañas de ver o esteo pintado do dolmen de monte dos Marxos, en proceso de restauración.
Museo de Pontevedra. Joao de Ruao. Virxe Blanca O Sexto Edificio amosa unha espléndida colección escultórica e pictórica que abrangue dende os comezos de Gótico ata o presente. Así foi como vimos o retablo gótico de Belvís, obra dunha gran singularidade, a fermosísima ?Virxe Blanca?, de Joao de Ruao, varios tímpanos góticos e restos de baldaquinos, e na parte dedicada á pintura obras tan destacadas como ?Vítima do traballo?, de Jenaro Carrero; o ?Tríptico dos cegos?, de Castelao, que foi cedido pola Real Academia Galega, ou o ?Cristo de Casal Dourado?, de Carlos Sobrino, ademáis de obras de pintores españois como Goya ou Sorolla. Unha pena que o terceiro andar estivera en reforma porque non foi posible ver importantes obras de Laxeiro, Urbano Lugrís ou Díaz Pardo.
Meirande. Centro de interpretación da batalla de Rande Pola tarde, moi perto de Vigo, visitamos o Meirande, un centro de interpretación dedicado á batalla de Rande, que ocupa as dependencias dunha antiga conserveira. Unha exposición na que sen necesidade de invertir moitos cartos, amosa dun xeito moi didáctico a importancia deste episodio histórico.
Tamén visitamos o exterior da igrexa de San Pedro de Rebón, en Moraña, con espléndidos canzorriños ainda que a falta de seriedade da persoa coa que quedaramos citados, impediu ver o seu interior, que conserva dous paneis dun antigo baldaquino de gran interesese.