Archiv für Februar 2015

O BELÉN DE RUBIÁ

Mittwoch, 4. Februar 2015

Como remate da programación anual celebramos o día 20 de decembro de 2014 a tradicional xeira de Nadal para visitar o Belén de Rubiá, en terras de Valdeorras. Debémoslle a Carlos Prieto o deseño desta viaxe que comezou no mosteiro de Xagoaza, situado a carón da adega Godeval, que visitamos nunha xeira anterior. Nesta ocasión accedimos ao seu interior da man de José Fernández, que ía acompañarnos boa parte da xornada, que conserva pinturas murais da segunda metade do século XVI, ainda que ten máis interese un anaco dun cancel pétreo de época visigoda situado diante do altar. No exterior hai algún canzorro erótico.
A continuación achegámonos ata a igrexa da Proba, que vimos únicamente no exterior, onde conserva varios canzorriños figurativos con caras de persoas e cabezas de animais.
De seguido fomos ata a aldea da Portela, que para a nosa sorpresa conserva varios pazos con fermosas balconadas como a Casa Gaioso, a Casa Camba e a Casa Grande; e dando un curto paseo achegámonos ata a igrexa de San Xiao, de estilo románico moi transformado en épocas posteriores. Conserva restos de pinturas murais no interior e chama poderosamente a robustez da súa torre.
Xantamos no restaurante ?Serra da Lastra?, en Vilamartín de Valdeorras, un lugar para recomendar, pois saboreamos unha excelente crema de cogumelos, un revolto de boletus e cabrito ao forno.
Xa pola tarde visitamos o museo particular de Xeoloxía que José Fernández ten en Vilamartín de Valdeorras. A súa colección é magnífica, digna de figurar en calquera museo de Ciencias de España. Disfrutamos moito da súa erudición, facendo que as pedras alí expostas ?falasen? para nós.
E como remate achegámonos ata Rubiá para ver o seu impresionante Belén, cuxo montaxe estaba rematando a súa asociación belenista. Sen dúbida é un dos máis completos de Galicia, cunha representación moi tradicional, hebrea.

UNHA XEIRA INESPERADA

Mittwoch, 4. Februar 2015

O día 15 de novembro de 2014 celebramos unha xeira na que houbo que cambiar a última hora todo o itinerario pola imposibilidade de visitar o que estaba previsto. Porén, o resultado foi moi satisfactorio. A primeira visita levounos ata á igrexa de Soutolongo, no concello de Lalín, onde quedamos gratamente sorprendidos coa súa riqueza artística: pía bautismal románica, sagrario pétreo gótico policromado e pinturas murais renacentistas de excelente factura e conservación.
A continuación achegámonos ata Doade onde visitamos o Museo Etnográfico ?Casa do Patrón?, que en diversos espazos garda a mellor colección galega desta características. Xantamos alí mesmo, unha sabrosísima empanada de chourizo e panceta sabrosísima e unha carne deliciosa, para rematar cun magosto por estar no tempo.
Logo de xantar fomos ata Santiago de Compostela, para coñecer un dos máis novidosos recursos turísticos da comunidade, inaugurado apenas tres semanas antes. No percorrido vimos distintos espazos que recrean a biodiversidade terrestre e mariña de distintos ecosistemas con coleccións de animais disecados que datan do século XIX. Hai tamén espazos para amosar mostras de xeoloxía, botánica ou malacoloxía, e o restaurado mapa xeolóxico en relevo de Galicia elaborado por Parga Pondal.
A xeira rematou en Betanzos coa visita da igrexa de Santiago que garda na capela de don Pedro de Ben unha das máis importantes obras artísticas de Galicia, o seu retablo, obra de Corniellis de Holanda, magníficamente restaurado. Este artista é o máis importante escultor que traballou en Galicia no século XVI, pois ademáis desta obra foi autor dos retablos maiores das catearais de Ourense e de Lugo, e da portada da igrexa de Santa María a Grande de Pontevedra. Tamén vimos na sacristía o antigo tímpano románico, unha espléndida obra que non está á vista dos amantes da arte.

A COVA DE EIRÓS

Mittwoch, 4. Februar 2015

O día 3 de Outubro invitamos ao arqueólogo Arturo de Lombera a impartir unha conferencia sobre a Cova de Eirós, xacemento situado en Triacastela, onde apareceu a primeira mostra de arte rupestre paleolítico de Galicia, que amosa un bóvido e outro zoomorfo alanceado. Deu conta tamén dos artefactos líticos e dos restos fósiles animais que foron atopados no solo da cova. O codirector da excavación fixo tamén unha demostración da técnica Levallois de talla da pedra empregada polo home de Neandertal e estableceu unha datación de hai 84.000-118.000 anos para os niveis excavados na última campaña de agosto.
Agradecer a colaboración unha vez máis da Fundación Luis Seoane pola cesión da sala onde se celebrou e a participación tamén da asociación Roxín Roxal de Paderne.