Archiv für April 2016

VIGO: UNHA RUTA URBANA

Sonntag, 24. April 2016

O día de onte, 23 de abril de 2016, achegámonos ata a cidade olívica para ver cousas como o Museo do Mar de Galicia, situado en Alcabre. Conta agora cunha colección permanente na que descata a sala “Mare Nostrum”, dedicada á arqueoloxía, con pezas tan destacadas como un ungüentario bizantino, restos de diversos pecios localizados nas nosas costas, unha lauda sepulcral do antigo mosteiro de Calogo, en Vilanova de Arousa, e os achados do castro da Punta de Muiño, escavado e conservado in situ no propio museo, e noutras dependencias vimos o esqueleto dun cachalote varado hai uns anos nunha praia de Sanxenxo ou o submarino de Sanjurjo Badía.
Logo de xantar visitamos exteriormente as igrexas románicas de Santa María de Castrelos e Santiago de Bembrive e o cemiterio de Pereiró, con boas mostras escultóricas, entre as que destaca un impresionante mausoleo feito por Francisco Asorey.
Paseamos polos xardíns do pazo de Castrelos, nunha tarde primaveral (por fin!) e accedimos ao interior do pazo, que é o Museo da Cidade-Quiñones de León, onde destacan as estelas romanas da sala de arqueoloxía, o retablo renacentista da capela e dous murais de Urbano Lugrís.
Rematamos a xeira visitando no Museo de Pontevedra, unha magnifica exposición sobre “Castelao artista” na que se reúnen por primeira vez todas as súas obras de gran formato conservadas en Galicia.

SEGREDOS DO RIBEIRO

Sonntag, 24. April 2016

A segunda xeira do ano 2016 tivo lugar o día 19 de marzo, e nela comprobamos unha vez máis o rico patrimonio que agochan as igrexas do rural galego. Comezamos coa visita da igrexa de Santa María de Beade, que conserva algunha das mellores tallas do escultor barroco Francisco de Moure, como a Santa Ana, a Santa Isabel e o San Bartolomé, e algúns sartegos de gran interese artístico, como o de Vasco Rodríguez o Vello; a igrexa conserva ademáis un curioso apostolado procedente da primitiva igrexa románica, que está embutido na parte alta do muro esquerdo da nave.
De seguido, fomos ata Santa Tomé de Serantes, con fermoso rosetón. No interior conserva un extraordinario baldaquino gótico, no que resultan perfectamente identificables a escena da Anunciación e as imaxes de Santiago Peregrino e de San Pedro.
A derradeira visita da mañá levounos ata a igrexa de Santa Mariña de Gomariz, na que destaca exteriormente a fiestra da súa cabeceira rectangular, antes de xantar no Parque Náutico de Castrelo de Miño, nun entorno de gran beleza.
Pola tarde visitamos a igrexa de San Miguel de Osmo, no concello de Cenlle, na que foron restauradas pezas tan interesantes como un frontal pétreo, probable resto dun baldaquino, ou as pinturas murais dun arcosolio ed a sacristía.
Rematamos a xornada coa visita dun lugar absolutamente sorprendente, a igrexa de Santa Mariña de Esposende, tamén en Cenlle, que conserva espléndidos canzorros románicos, especialmente de músicos, e no seu interior unha marabillosa capela gótica do século XV, cun apostolado que ocupa todo o arco de acceso e que debería ser obxecto dunha restauración para poder gozar plenamente desta obra.

TEMPO DE ENTROIDO

Sonntag, 24. April 2016

O día 7 de febreiro de 2016 celebramos a nosa tradicional xeira de Entroido, visitando a aldea da Mezquita, no concello ourensán de A Merca, onde un grupo de mozos está a recuperar dende hai un par de de anos unha festa que se atopaba perdida, na que a máscaro protagonista é o Galo, que resulta moi vistosa. Previamente, pola mañá, visitamos o Museo da Limia, en Vilar de Santos, e o Museo Galego de Entroido, en Xinzo de Limia, sen dúbida un dos maís coloridos da nosa terra, pois garda uns corenta traxes e máscaras dos máis significativos carnavais de Galicia: boteiros de Viana do Bolo, peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, troteiros de Bande, xenerais do Ulla, felos de Maceda, mázcaras de Manzaneda, volantes de Chantada, pantallas de Xinzo de Limia, labardeiros de Mugares, vellaróns de Riós, vergalleiros de Sarreaus, madamas e galáns de Cobres…
Tamén visitamos a igrexa románica de San Pedro de A Mezquita, un dos mellores exemplos do románico rural galego e a eira comunal de hórreos da Merca.

UN NOVO BELÉN POR NADAL

Sonntag, 24. April 2016

A derradeira xeira do ano 2015 tivo lugar o día 20 de decembro. Por mor da xornada electoral, saímos algo tarde para dar tempo aos asistentes a que exerceran o seu dereito a votar, así que chegamos co tempo xusto a Noia para visitar a igrexa de Santa María a Nova, da man de Eduardo Gómez Bargo, perfecto coñecedor da historia local. Non só visitamos as laudas sepulcrais expostas na igrexa, senón tamén as que se gardan na sacristía, lonxe da vista do público. Despois vimos o Museo Etnolóxico do Mar, cun curioso Belén, pero que máis que un museo semella un almacén pois os bens alí expostos están bastante desordenados.
Logo de xantar no Trapeiro, na estrada que leva a Boiro, fomos ver o Belén de Cespón, un dos de máis sona do noso país. Trátase dun belén de grandes dimensións, en distintas dependencias no baixo de antiga casa rectoral pero cun defecto que deberían solucionar: os mecanismos que facilitan o movemento das figuras non deberían estar á vista.
Aproveitamos para ver tamén o interior da igrexa de San Vicente de Cespón, que garda no seu interior un interesante baldaquino.
Rematamos a xeira visitando os castros do Neixón, situados nun fermoso emprazamento costeiro da ría de Arousa e o Centro Arqueolóxico do Barbanza, onde o seu responsable fixo una exposición moi ben documentada acerca dos achados e da arqueoloxía da bisbarra. Entre as pezas orixinais que gardo o Centro, destacan a estela romana de Taragoña e un anaco dun aribalos púnico.

NO BIERZO CON ENERXÍA

Sonntag, 24. April 2016

O día 7 de novembro achegámonos ata Ponferrada, para disfrutar dunha das xeiras que se ía converter na gran sorpresa do ano. Pola mañá visitamos o interesantísimo Museo Nacional de la Energía, que como moitos centros de nova creación bota en falta público e sen embargo este lugar merece unha maior publicidade e asistencia.
Se gustou a visita da mañá, a xornada de tarde ía deparar un percorrido inesquecible, acompañados por un despliegue de concelleiros apabullante. Fixemos unha ruta a pe polas tres aldeas que integran o antigo concello de Los Barrios de Salas. Comezamos no miradoiro de Las Majuelas, en Lombillo, un dos balcóns máis fermosos do Bierzo. Nesta aldea visitamos a sinxela ermida da Encarnación, e xa camiño de Salas, a igrexa de San Martín, un templo de grandes dimensións no que destaca o seu retablo maior renacentista, obra de Nicolás de Brujas.
En Salas de los Barrios, achegámonos ata a capela da Visitación, que garda no seu interior un fermoso artesonado e un fermoso retablo renacentista, con pinturas de boa calidade. O cuarto templo do percorrido foi a ermida do Santo Cristo de la Vera Cruz, en Villar de los Barrios, presidida por unha impresionante talla gótica. A derradeira igrexa que visitamos foi a de Santa Columba, en Villar de los Barrios, que posúe no seu interior un extraordinario retablo renacentista con influencias italianas e flamencas.
Na ruta tivemos tempo de ver tamén algunha bodega e casas blasonadas, como a de Nicolás de la Carrera, un escritor e dinamizador cultural que acolleu ao noso grupo na súa propia casa, onde nos convidou a un magosto acompañado de viño mencía. Agardamos que nun futuro non moi lonxano esta ruta sexa todo un éxito e revitalice esta zona tan fermosa.

OITO LUGARES VASCOS (ou algo así)

Sonntag, 24. April 2016

Entre os días 9 e 12 de outubro visitamos o País Vasco, centrándonos nesta oportunidade na provincia de Bizcaia. Comezamos vendo a cova de Pozalagua, acaso a máis fermosa cova natural de España polas singulares estalacticas excéntricas que alberga. Despois visitamos a antiga fábrica de boinas “La Encartada”, en Balmaseda, que semella unha cápsula de tempo pois conserva toda a maquinaria orixinal en perfecto estado. Fomos acompañados na visita por dúas guías que amosaron unha comprensión e ambalidade infinitas logo de ter chegado con case unha hora de retraso á nosa cita e só cinco minutos antes da hora de peche do museo.
Xa en Bilbao, visitamos o Museo Guggenheim onde o continente supera con moito ao contido, agás no caso das esculturas de Richard Serra. Visitamos tamén o Museo de Bellas Artes, con varias obras maestras na súa colección, como un extraordinario Cristo románico, e óleos de Lucas Cranach, Martin de Vos, El Greco, Zurbarán, Gentileschi, Mary Cassat, Gaughin ou Sorolla. E rematamos no Museo Vasco, que conserva unha impresionante maqueta de Bizcaia.
Coido, sen embargo, que a xoia do noso percorrido foi a igrexa de Ibarrangelu, que acolle no seu interior un extraordinario artesonado de reminiscencias nórdicas, ainda que gustou moito o paseo guiado polo casco antigo de Durango, culminado na cruz de Kurutziaga, un impresionante cruceiro musealizado dentro dunha antiga igrexa.
Prestámoslle atención tamén á natureza, visitando o Urdaibai Bird Center e a antiga mina de La Arboleda, para o que tivemos que coller neste último caso o vello funicular de La Reineta.

DO FARAMELLO A BAROÑA

Sonntag, 24. April 2016

O día 13 de Setembro de 2015 visitamos a igrexa de Santa María de Iria Flavia, cun interesante tímpano gótico; o cruceiro tamén gótico de Rúa de Francos; o Pazo do Faramello, que foi antiga Real Fábrica de Papel, no que paseamos polos xardíns, vimos a capela, con tallas de Xosé Gambino, o antigo muiño e o propio pazo. Xa pola tarde fomos ata o castro de Baroña, onde da man dun arqueólogo local coñecimos os achados atopados na derradeira campaña de escavación. Rematamos visitando a vella ponte sobre o río Sieira, dun só arco, moi perto da lagoa de Xuño, nun recuncho de gran beleza.

UNHA SARDIÑADA COMO TEN QUE SER

Sonntag, 24. April 2016

O día 11 de xullo de 2015 celebramos a nosa tradicional festa gastronómica de verán, e volvimos a Vimianzo, ao restaurante “A Lagoa”, onde sempre disfrutamos dunhas excelentes sardiñas asadas. Pola mañá visitamos o Melga -Museo Etnolúdico de Galicia-, da man do seu director e fundador, Ricardo Pérez y Verdes, unha persoa cun entusiasmo e unha alegría contaxiosas, que fixo da visita una experiencia inesquecible. A continuación fomos ata a igrexa de Moraime, un deses lugares que debería ser coidado con esmero pola súa riqueza patrimonial pero no que teñen cometido moitas tropelías. Cómo é posibel que a pintura mural da igrexa como a orixinalísima representación dos pecados capitais estea a ser devorada por un fungo sen que se tome ningunha medida? Cómo é posibel que unha fonte romana, case única (só se coñecen tres exemplares desta tipoloxía no mundo romano) estea desfeita nun prado a carón da igrexa e ninguén faga nada?
E pola tarde visitamos a exposición “O Camiño. A Orixe”, na Cidade da Cultura, en Santiago. Unha exposición conformadas con obras de extraordinario interese (óleos de Durero ou de Murillo, retablo flamenco de John Goodyear, Santiago Peregrino de Puente la Reina, etc) cunha montaxe moi orixinal pero… falta de visitantes.

A RAIA SECA

Sonntag, 24. April 2016

Na fin de semana do 20 e 21 de xuño de 2015 visitamos varios lugares a ambos lados da “raia seca” que separa Galicia de Portugal. Visitamos o Ecomuseo do Barroso, en Montalegre, onde ademais tivemos a sorte de atoparnos co Padre Fontes, unha verdadeira lenda vida destas terras, polas que tanto ten feito; na igrexa de Vilar de Perdizes mirámoslle á cara ao deus Larouco, agochado no coro da igrexa; paseamos ata a igrexa de Pitoes das Junias e a fervenza do mesmo nome. Subimos ata o castro de Carvalhelhos e visitamos o Centro das Artes de Boticas, onde está exposta a obra do pintor abstraccionista Nadir Afonso e rematamos no alto da serra do Larouco. Na parte galega aprendimos da historia do Couto Mixto, un pequeno territorio que ata mediados do século XIX estaba integrado polas aldeas de Meaus, Rubiás e Santiago de Rubiás, na que vimos na súa igrexa parroquial as pinturas murais da sacristía, a arca das tres pechaduras que gardaba a documentación do territorio e no adro, unha escultura de bronce que lembra a Delfín Modesto Brandón, o derradeiro xuiz do Couto.

A RIBEIRA SACRA DE SOBER

Sonntag, 24. April 2016

O día 30 de maio de 2015 achegámonos ata o concello de Sober, e da man de María Abuín, de Máis que Románico, visitamos as igrexas de Santa María de Proendos, coa súa pintura mural renacentista; San Vicente de Pinol ou San Xiao de Lobios. Levounos tamén ata o Centro Oleiro de Gundivós, onde Elías González, o derradeiro alfareiro fixo unha demostración do seu traballo, e ao souto de Tellada, con varios castiñeiros centenarios. E, como non podía ser de outro xeito, rematamos nun miradoiro sobre o río Sil, nesta ocasión o que está a carón do santuario de Cadeiras.