NO CENTENARIO DE ANGEL BOTELLO

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín número 25 do primeiro semestre de 2013.

As circunstancias actuais de afogamento económico, con especial incidencia no mundo da cultura, poden provocar que este ano pasemos por alto a celebración do centenario do nacemento dun dos máis destacados pintores galegos do século XX, Ángel Botello Barros, nado en Cangas do Morrazo o día 20 de xuño de 1913 e finado en San Juan de Puerto Rico o día 11 de novembro de 1986.
Angel Botello no seu estudio
Botello é o un artista xenial co que culmina unha xeración irrepetible de pintores que van a renovar a plástica galega, que comeza con Carlos Maside e cronolóxicamente segue con Manuel Torres, Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Cándido Fernández Mazas, Maruja Mallo, Urbano Lugrís, Laxeiro, Luis Seoane ou Eugenio Fernández Granell. A convulsa época na que teñen que vivir fai que a súa produción artística estea afectada, na meirande parte dos casos, polo desastre da Guerra Civil e as súas consecuencias. Fagamos un somero resume: Manuel Colmeiro chega a Buenos Aires en 1941, no ano 1948 instálase en París e non retorna a Galicia ata 1986; Arturo Souto, logo de colaborar activamente coa República durante a guerra vai exiliarse a México, non expón en España ata o ano 1962, e morre no seu país de acollida no ano 1964; Fernández Mazas acaba no cárcere de Valencia e logo de ser liberado volta a súa terra onde vai morrer no ano 1942; Maruja Mallo vive en Buenos Aires desde o ano 1937 e non volta a Madrid ata o ano 1961; Laxeiro emigra a Buenos Aires no ano 1951 onde reside ata o ano 1970; Luis Seoane non se instala en Galicia ata o ano 1963, alternando a súa estancia con Buenos Aires; e Eugenio Fernández Granell vive sucesivamente en varios países (República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico, Estados Unidos) antes de voltar a España a mediados dos anos oitenta. Outros destacados creadores desta mesma xeración como o fotógrafo José Suárez ou o cineasta Carlos Velo teñen tamén que exiliarse.
Angel Botello. Moza durmindo
Ángel Botello era fillo dun conserveiro andaluz instalado na vila de Cangas, que no ano 1918 traslada a súa industria a Vigo, onde pasa a vivir a familia. O seu pai morre ese mesmo ano por mor da pandemia de gripe ?española? que asola amplos territorios e que, por certo, foi orixinada nos campos de reclutamento do exército americano na Primeira Guerra Mundial e non en España como se lle fixo crer á opinión pública (lembremos que éramos un país neutral, así que non había que alarmar aos que viñan a loitar a Europa). A nai, Bonifacia Barros, faise cargo da industria pero no ano 1926 as cousas deixan de ir ben e teñen que emigrar a Burdeos. Nesa cidade comeza en 1930 os estudios de pintura, modelado e debuxo na Escola de Belas Artes e participa nalgunhas exposicións colectivas. En 1935 ingresa na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, grazas a unha beca concedida polo conde de Cartagena. Pasa tamén breves períodos en Cangas e Vigo.
Co estoupido da Guerra Civil, a súa competencia como debuxante permite que se integre na Unidade de Cartografía do Exército da República, que dependía do xeneral galego Enríque Líster. Cando remata a guerra exíliase a Francia coa súa nai e dúas irmás (o outro irmán varón morre durante a contenda), e no ano 1940 conseguen chegar á República Dominicana. E o principio dun periplo vital no que vai percorrer varios países (Cuba, Haití, Estados Unidos) ata a súa definitiva radicación en Puerto Rico. A vida en Haití vai resultar decisiva, tanto a nivel artístico como persoal, pois alí coñece a súa muller Christiane Auguste, coa que casa no ano 1945. En Haití vive entre os anos 1944 e 1953, que alterna con estancias ocasionais en Puerto Rico ?como profesor de debuxo na escola de Edna Coll, en Santurce- ou New York. No ano 1953 marcha para San Juan de Puerto Rico, onde abren unha galería no hotel Caribe Hilton. Nove anos despois abren unha segunda galería na parte vella de San Juan, que todavía segue en funcionamento. Nesta illa vai coincidir con outros dous artistas galegos, o pintor Eugenio Fernández Granell e sobre todo co escultor Francisco Vázquez Díaz, ?Compostela?, un boricúa máis, pois vai vivir na illa durante corenta e oito anos, ata o seu pasamento.
Durante o seu derradeiro ano de vida, afectado xa por un cancro de pulmón, que acabaría coa súa vida, desenvolve unha frenética actividade para deixarlle a súa familia o maior legado artístico posible.
Angel Botello. Rapaza con parasol
A súa pintura ten dúas etapas claramente diferenciadas. A primeira delas comprende os anos pasados na República Dominicana e en Haití, na que predominan os espidos femininos, as paisaxes e os retratos de mulleres con grandes ollos e rasgos exóticos, orientalizantes, motivo polo que foi coñecido como o ?Gaughin do Caribe?. As cores que emprega son moi vivas e cálidas, clara influencia do ambiente no que pinta, aplicando o óleo indistintamente sobre lenzo ou sobre táboa. Nunha entrevista nos anos corenta confesa: ?En estas islas he hallado motivos pictóricos de valor inapreciable. Gozosamente me he sumergido en el color, en la luz, en esa cálida sensualidad que emana del ambiente. No quiero que esto se tome como adulación; pero le aseguro que siempre soñé con pintar el Trópico. No se puede imaginar usted el placer estético que he experimentado captando para el lienzo estas playas doradas y el mar azul, las negritas de piel bruñida, las telas polícromas… Toda mi pasión de artista se ha centrado en ese objetivo: pintar el Trópico.?
A segunda etapa abrangue a súa vida en Puerto Rico. A súa pintura tornase máis esquemática, cun trazo máis sinxelo, e a súa temática xira case exclusivamente arredor do mundo dos nenos, especialmente dos seus fillos Manuel, Juan e Françoise. A súa produción non se limita aos óleos senón que empeza a traballar intensamente no gravado ?primeiramente linóleos e a partires de 1980, litografías-. Neste segundo momento é cando consegue un estilo característico e singular, libre das influencias do pasado. De feito é recoñecido como estilo ?botelliano?, no que empregaba básicamente catro cores: amarelo, azul, vermello e verde.
Botello non só se dedica á pintura. Coquetea un tempo co mosaico, para o que vai estudiar a técnica a Rávena no ano 1959, e sobre todo a escultura, que aprende da man do escultor neozelandés Lindsay Daen, a comezos da década dos anos sesenta, ?ainda que en Haití realiza traballos en terracota e madeira que lembran á arte africana- e produce bronces de figuras estilizadas nas que representa principalmente nenas e mulleres de ollos rasgados, moi influenciado polos deseños do artista austral. A súa primeira escultura en bronce, inspirada no seu fillo Manuel, forma parte da coleción permanente do Hakone Open Air Museum, en Sapporo.
Angel Botello. A brisa
A obra de Botello atópase principalmente en mans privadas, principalmente en Estados Unidos. Entre as institucións públicas que exhiben traballos deste artista están o Museo de Arte de Ponce, o Museo de Arte de Puerto Rico, o Museo Bellapart de Santo Domingo, ou o Fresno Art Institution e o Museum of Latin American Art, en Long Beach, ambos en Estados Unidos. Ten exposto tamén en galerías de New York, San Francisco, Los Ángeles, Vancouver, Washington, Philadelphia ou Palm Beach. Lamentablemente apenas existe obra en Galicia en mans públicas, o concello de Cangas posúe un retrato da súa nai Bonis Barros, doado pola familia; o museo Carlos Maside de Sada, ten un retrato dunha muller haitiana; e a Colección Novacaixalicia ten entre os seus fondos un óleo chamado ?Flores?, lonxe das súas mellores obras. Pouca cousa para un artista do seu calibre. Lembremos que o seu cadro ?Moza durmindo?, do ano 1940, foi adquirido en novembro do ano ano 2007 nunha subasta en Christie?s de New York, por un prezo de 397.000 dólares… mentras o concello de Cangas todavía non lle puxo o seu nome a unha rúa.

Schlagworte: , ,

Kommentieren ist momentan nicht möglich.