Artikel-Schlagworte: „A Pobra do Caramiñal“

BARBANZA SUR: VILAS E ARQUEOLOXÍA NO NORTE DA RÍA DE AROUSA

Montag, 6. Juni 2016

O domingo día 5 de xuño, Pancho Gallego levounos ata A Pobra do Caramiñal. Nesta vila visitamos a igrexa de Santiago do Deán, que acolle no seu interior á capela de Alba, de estilo plateresco, cun extraordinario traballo na pedra, e que, sen dúbida, é unha das obras mestras da arte galega. Ao remate da visita, sumouse ao noso grupo Antonio González Millán, director do museo Valle-Inclán da vila e que durante o resto da mañá ía ser un guía perfecto, polos seus coñecementos e pola súa amenidade. Así que aprendimos moitas cousas do cruceiro situado á carón da igrexa de Santiago de Deán, da chamada casa da Estrela, do antigo castelo, dunha fonte de ferro de fundición alemana, da igrexa de Santa María a Antiga, e do seu retablo barroco, das alfombras que os veciños estaban a realizar con sal de varias cores e flores, da historia, …
Logo de xantar vimos o vello cruceiro de Lesón, antes de facer unha andaina ata a ponte medieval da Misarela, da que xa falou o padre Sarmiento, seguindo o curso do río Pedras, que forma ademais un conxunto de pozas de gran beleza. Perdémonos despois polo núcleo abandoado de Aldea Vella, antes de subir ao miradoiro da “Pedra da Rá”, en Ribeira, que pola súa situación, ten as mellors vistas costeiras de Galicia, pois vimos perfectamente lugares como Guidorio Areoso, a Illa de Arousa, Sálvora, Ons, as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e de Vixán, monte Louro, cabo Fisterra, etc.. A súa situación é absolutamente privilexiada. Subimos logo ata o castro da Cidá, excavado nestes dous últimos anos, un asentamento castrexo cunha ocupación moi antiga e apenas dous séculos de ocupación, e que podería ter sido empregado para o traballo a metalurxia. Para rematar a xornada disfrutamos do atardecer no porto de Palmeira. Lástima que a súa arquitectura estea tan estragada porque é un recuncho ben fermoso, cun portiño bastante antigo.