Artikel-Schlagworte: „Pereiró“

VIGO: UNHA RUTA URBANA

Sonntag, 24. April 2016

O día de onte, 23 de abril de 2016, achegámonos ata a cidade olívica para ver cousas como o Museo do Mar de Galicia, situado en Alcabre. Conta agora cunha colección permanente na que descata a sala “Mare Nostrum”, dedicada á arqueoloxía, con pezas tan destacadas como un ungüentario bizantino, restos de diversos pecios localizados nas nosas costas, unha lauda sepulcral do antigo mosteiro de Calogo, en Vilanova de Arousa, e os achados do castro da Punta de Muiño, escavado e conservado in situ no propio museo, e noutras dependencias vimos o esqueleto dun cachalote varado hai uns anos nunha praia de Sanxenxo ou o submarino de Sanjurjo Badía.
Logo de xantar visitamos exteriormente as igrexas románicas de Santa María de Castrelos e Santiago de Bembrive e o cemiterio de Pereiró, con boas mostras escultóricas, entre as que destaca un impresionante mausoleo feito por Francisco Asorey.
Paseamos polos xardíns do pazo de Castrelos, nunha tarde primaveral (por fin!) e accedimos ao interior do pazo, que é o Museo da Cidade-Quiñones de León, onde destacan as estelas romanas da sala de arqueoloxía, o retablo renacentista da capela e dous murais de Urbano Lugrís.
Rematamos a xeira visitando no Museo de Pontevedra, unha magnifica exposición sobre “Castelao artista” na que se reúnen por primeira vez todas as súas obras de gran formato conservadas en Galicia.