Artikel-Schlagworte: „San Pedro de la Nave“

TORO: LAS EDADES DEL HOMBRE

Montag, 6. Juni 2016

Na fin de semana do 13 ao 15 de maio fomos ata Toro, sede este ano dunha nova edición da exposición de “Las Edades del Hombre”, que comparte dúas sedes, a Colexiata de Santa María la Mayor e a igrexa do Santo Sepulcro. Non hai pezas tan destacadas como en tempos pasados pero sempre resulta un privilexio admirar o marabilloso Pórtico de la Majestad. A mañá do sábado estivo ocupada cun percorrido guiado pola cidade toresana, na que vimos, sucesivamente, o palacio dos Condes de Requena, con dous patios ben fermosos, sobre todo o segundo, que lembra a unha típica praza castellana; a igrexa de San Sebastián de los Caballeros, con extraordinarias pinturas góticas; a de San Lorenzo el Real, do chamado románico de ladrillo, que conserva un retablo de Fernando Gallego e acolle temporalmente o famoso cadro flamenco de “La Virgen de la Mosca”; a igrexa de San Salvador de los Caballeros, convertida en museo de Arte Sacra; o convento do Sancti Spiritus, que posue unha boa colección de sargas, e garda á unica indumentaria feminina do século XIV conservada en España, que non é outra cousa que o enxoval funerario de Teresa Gil; e o Alcázar, recentemente inaugurado.
O sábado tamén fomos ata as lagunas de Villafáfila, un dos espazos naturais más representativos de Castilla y León.
O domingo pola mañá visitamos a igrexa visigótica de San Pedro de la Nave, con espléndidos capiteis; a de Arcenillas, que conserva once táboas do seu retablo maior, obxecto hai máis de 20 anos da codicia de Erik el belga. Paramos brevemente tamén en Tábara, onde houbo na Idade Media un importante scriptorium, e en Mombey, para ver a súa igrexa románica cunha torre moi singular. Logo dun xantar de película no asador Casa Paca, en Puebla de Sanabria, visitamos o casco vello desta vila e, xa camiño de casa, subimos a ver o conxunto de Monterrei, moi perto de Verín.