Artikel-Schlagworte: „TUI“

TUI E O BELÉN PARTICULAR DE SOBRADA

Sonntag, 5. März 2017

Día 17 de decembro de 2016.

San Bartolomé de Rebordáns, Santo Domingo, Casa xudea de Salomón, Catedral, Belén de Sobrada, monte Aloia

TUI, UNHA RUTA URBANA

Sonntag, 1. August 2010

Este artigo de Xesús Baños foi publicado no Boletín da Asociación.

Tui, cidade situada á beira do río Miño, en fronte de Valença, foi capital dunha das sete antigas provincias de Galicia, cunha historia chea de vicisitudes, por ela pasaron romanos, suevos, árabes, normandos, portugueses, franceses… Gutiérrez. Músicos na rúa do Pracer (c.1900) A nosa visita debería comezar no paseo da Corredera, pois dende aquí chegaremos en pouco tempo ata a Catedral de Santa María, edificio con aspecto de fortaleza.
O seu elemento máis sobranceiro é a súa fachada occidental, levantada entre os anos 1218 e 1236, o que constitúe a primeira obra gótica de Galicia. As imaxes representadas nas columnas do lado dereito, de fora a dentro, son Salomón, a raíña de Saba, o profeta Xeremías e probablemente o profeta Daniel. Pórtico da catedral No lado esquerdo, e no mesmo sentido, temos a Moisés, ao profeta Isaías, seguidas das de San Pedro e San Xoán Bautista.
Pola súa banda, o lintel e o tímpano, que deben lerse o primeiro, de dereita a esquerda, e o segundo, en sentido contrario, representan unha Anunciación, a Natividade e a Adoración dos Reis no lintel, e os Reis Magos ante Herodes e a Epifanía, no tímpano. Este sentido de lectura chámase ?bustrófedon?, en alusión a un tipo de escritura grega en zigue zague que ía primeiro cara un lado e logo cara outro, por semellar os regos que facían os bois cando araban.
O claustro, rematado no século XV, é de estilo oxival galego. Consérvase íntegro, e acolle unha boa colección de laudas sepulcrais. Claustro da catedral Nunha das súas esquinas érguese a coñecida como torre de Soutomaior, dende a que se divisa un amplo panorama sobre o río Miño e o resto da cidade.
No interior destaca sobre todo o cadeirado do coro, obra de Francisco Castro Canseco, contratado en 1699, con escenas da vida de San Telmo. Deste magnífico escultor tamén podemos admirar o seu traballo no mosteiro de Celanova. Non podemos esquecer os órganos, realizados por Domingo Rodríguez de Pazos, no século XVII, e a imaxe da Virxe, preñada, no retablo da capela da Expectación, á dereita da porta de entrada no claustro.
Museo Diocesano. Casco celta Moi preto da catedral sitúase o Museo Diocesano, ocupando as dependencias do antigo Hospital de Pobres e Peregrinos. Na súa planta baixa consérvase unha peza moi singular, un casco celta de bronce do século IV a.C. que cando foi descuberto nos anos 70 ao dragar o río Miño, en Salcedas de Tui, foi confundido con casco dun bombeiro de Valença. No segundo andar podemos admirar un extraordinario conxunto de sambenitos, en número de 14, os únicos que se coñecen en España. Estes sambenitos, que semellean carteis pintados sobre tea, fan referencia a procesos da Inquisición contra os xudeus. Museo Diocesano. Sambenito de Andrés Duarte Chama poderosamente a atención o dedicado a Andrés Duarte, cun rostro pintado.
A continuación debemos baixar pola rúa da Misericordia, para chegar ata a igrexa de San Telmo, a máis portuguesa das igrexas barrocas de Galicia. O noso camiño segue pola rúa do Corpo Santo, unha das máis fermosas da cidade tudense.
A igrexa de San Domingos, á beira do río Miño, en estilo gótico mendicante, que lembra outros templos semellantes en Viveiro ou Ribadavia, acolle no seu interior un retablo, dedicado á Virxe do Rosario, que ten tallado no ático un relevo coa batalla de Lepanto, tema absolutamente insólito na retablística peninsular. Convento de San Domingos Como curiosidade hai que facer notar que os dominicos fundaban os seus conventos nas cidades que chegaban aos 3.000 habitantes; por contra, os franciscanos establecíanse a súa comunidade cando estas vilas chegaban aos 1.500 habitantes.
Conserva Tui outro edificio de extraordinario interese, a igrexa de San Bartolomé de Rebordáns, unha das primeiras construcións románicas de Galicia, pois ao igual que sucede cos templos de San Martiño de Mondoñedo, San Pedro de Ansemil ou San Xoán de Vilanova, aínda non está baixo a influencia do estilo que o Mestre Mateo desenvolverá en Santiago de Compostela. Capitel na igrexa de San Bartolomé de Rebordáns Conserva bos capiteis, algo primitivos, e pinturas murais do século XVI na ábsida maior. Por aquí pasaba a vía romana XIX do itinerario de Antonino, que unía Brácara Augusta con Lucus Augusti. No exterior hai un fermoso cruceiro do ano 1770.
Tamén podemos achegarnos ata a Ponte Internacional, inaugurada en 1886, segundo deseño do enxeñeiro español Pelayo Mancebo y Agreda, construída pola empresa belga Braine le Compte. Anónimo. Inauguración da ponte internacional Esta ponte de ferro, sobre pilares de pedra, permitía o tránsito tanto de trens, como vehículos e persoas, e substituiu ás barcas de pasaxe que unían Tui con Valença. Nada tivo que ver na súa construción ou deseño o enxeñeiro francés Gustave Eiffel, en contra do que se pensa a nivel popular.
Agora que tanto falamos da Memoria Histórica, apuntar que Tui recolle no seu rueiro o paso do tempo, como podemos comprobar nas placas identificativas de cada rúa. Vexamos un exemplo: rúa Párroco Rodríguez Vázquez, antes rúa da Misericordia, antes rúa do Outeiro, antes rúa da Pedreira. Un xeito de lembrar tempos anteriores.
Tudenses ilustres son o médico e filósofo precartesiano Francisco Sánchez ?O Escéptico? (1550-1623), que traballou en Montpellier e Toulouse; Frei Rosendo Salvado Frei Rosendo Salvado (1814-1900), misioneiro e primeiro bispo de Nova Nursia, en Australia, onde defendeu aos aborixes e puxo no ano 1863 a primeira pedra da catedral de Perth, considerado como o introductor do eucalipto en Galicia; José Calvo Sotelo (1693-1936), político de dereitas e ministro de Facenda na ditadura de Primo de Rivera, o seu asasinato contribuiu ao inicio da Guerra Civil; Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985), escritor, polígrafo e editor, ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2008; ou Mario Conde (1940), empresario e banqueiro, caído en desgraza, que gozou dunha enorme popularidade ao fronte de Banesto, antes da intervención do Banco de España.
En Tui tiveron lugar o día 24 de xuño de 1891 os primeiros Xogos Florais celebrados en lingua galega, que se facían en diversas cidades de Galicia para difundir a poesía galega. Os discursos de apertura do certame foron lidos por Manuel Murguía e Alfredo Brañas, e o gañador foi Eladio Rodríguez González. Dous días tarde tivo lugar no Teatro Principal un banquete rexionalista, servido polo recen aberto Hotel del Comercio, co seguinte menú (respectamos a escritura orixinal que ía impresa a dúas tintas azuis e rosa nas tarxetas de invitación): BANQUETE: sopa fina, raxo con cogordos, salmón á alicantina, polos salteados, langosta á rusa, pastel de pichós, filetes á xardineira, helados, pavo con cogordos. POSTRES: budín con ron, pastelón á inglesa, outras crases. VIÑOS: viño vello d?terriña, Xéres, Champagne, Puros d?a Habana. Como podemos comprobar o xantar non foi nada lixeiro aínda que faltaran os dous produtos que hoxe en día acadan máis sona na gastronomía tudense, as angulas, que aquí chaman meixóns, e a lamprea.
Monte Aloia Non podemos abandonar Tui sen subir ata o Monte Aloia, de 630 metros de altitude, declarado Parque Natural no ano 1978, cunha vexetación na que predominan o toxo, a carpaza e a queiruga; aínda que abundan os piñeiros, froito dunha repoboación, están presentes especies do bosque caducifolio como carballos, sobreiras, castiñeiros ou ameneiros. Dende o seu cume albíscase un amplo panorama sobre o río Miño.
Outra boa opción sería percorrer a pequena ruta de sendeirismo (de 2.800 metros) que segue o curso do río Tripes para ver un fermoso conxunto restaurado de muiños.