Estatutos.


CAPÍTULO I: DA ASOCIACIÓN EN XERAL

 Artigo 1º.- A Asociación, sen ánimo de lucro,  denominarase "ASOCIACION CULTURAL AMIGOS DO ARQUEOLOXICO" e rexerase polos presentes Estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.

 
Artigo 2º.- Son fins principais da Asociación:
            a.- Apoiar ó Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña.
            b.- A defensa e a difusión do patrimonio cultural en xeral e especialmente do patrimonio arqueolóxico de Galicia.
            c.- O fomento e a difusión da cultura entre a Infancia e a Xuventude.

Artigo 3º.- Para levar a cabo os seus fins, a Asociación poderá organizar as seguintes actividades:
            a.- Cursiños de formación de guías do museo.
            b.- Viaxes pola xeografía galega, española e internacional para un coñecemento integral da arqueoloxía e da Historia.
            c.- Edición dun boletín cultural e outras publicacións relativas a estes temas.
            d.- Ciclos de conferencias.
            e.- Outras actividades de interese cultural co fin de conseguir unha participación activa, dinámica e democrática  dos seus membros.
Como Asociación sen ánimo de lucro, destinará ós devanditos fins, polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto, exceptuándose as aportacións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os destinatarios das actividades realizadas pola Asociación serán os asociados e o público en xeral.

Artigo 4º.- O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na cidade de A Coruña, no Castelo de San Antón, código postal 15001. Teléfono: 649 98 18 62. Apartado de Correos nº 62 (15080.- A Coruña).
Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras cidades, mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións. Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálanse como preferente a seguinte dirección:
Domicilio: Castelo de San Antón.- 15001 (A Coruña)
Teléfono: 649 981862
Correo electrónico: amigos@arqueoloxico.com
Apartado postal: nº 62 (15080 A Coruña)

Artigo 5º.- A Asociación, en función dos seus fins e da ubicación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-
            1.- A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
            2.- A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

CAPITULO II: DOS SOCIOS

Artigo 7º.- Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas físicas o xurídicas, con plena capacidade de obrar.

Artigo 8º.- Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
            a) Fundadores: son aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.
            b) Numerarios: son aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
            c) Honorarios: son aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da Asociación.
            d) Xuvenís: son aquelas persoas menores de 18 anos que participen na Asociación, e que estarán integradas na sección xuvenil, no seu caso.

Artigo 9º.- Os asociados teñen os seguintes dereitos:
            1.- Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
            2.- Poder elixir ou ser elixidos para cargos directivos.
            3.- Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación cumprindo os seus fins.
            4.- Gozar de tódalas vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.
            5.- Ter copia destes Estatutos.
            6.- Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
            7.- Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
            8.- Facer suxestións ós membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
            9.- Que se lle poña de manifesto o estados de contas, ingresos e gastos da Asociación tódolos anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados:
1.- Cumprir os acordos da Asemblea Xeral, do contido dos Estatutos e do Regulamento de Réxime Interno.
            2.- Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
            3.- Asistir ás Asembleas Xerais.
            4.- Satisfacer as cotas que se establezan.
            5.- Observar unha boa conducta individual e cívica no ámbito da Asociación.

 Artigo 11º.- Os asociados honorarios e xuvenís non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.         

Artigo 12º.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante, a solicitude será autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante, e acompañarase unha acreditación da identidade do solicitante.

 Artigo 13º.- A condición de asociado pérdese:
            1. Por vontade propia.
            2. Por falta de pago nas cotas.
            3. Por realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación.
            4. Por expediente disciplinario.

 Artigo 14ª.- A expulsión de asociados será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.
Cando a baixa se produza por vontade dun asociado, este deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento previo de tódalas cotas que teña pendentes.

Artigo 15ª.- Os asociados poderán pedir a baixa por escrito. A Xunta Directiva poderá acordar a baixa temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente sancionador, ou concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

CAPÍTULO III: DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN.

 Artigo 16º.- A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

 Artigo 17º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre os socios que teñan polo menos 1 ano de antigüidade e o seu mandato durará 4 anos.

 Artigo 18º.- A Xunta Directiva estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e un número de Vocais de un como mínimo e cinco como máximo, cargos que deberán recaer en asociados que leven polo menos un ano na Asociación.
Os cargos elixiranse pola Asemblea Xeral e durarán un período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección.
Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade. Na primeira rolda serán renovados o Vicepresidente, o Secretario e a metade dos Vocais, e na segunda, dous anos despois, o Presidente, o Tesoureiro e os outros Vocais. O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

 Artigo 19º.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.

 Artigo 20º.- É función da Xunta Directiva programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
Así mesmo procederá a convocar e fixar a data da Asemblea Xeral, fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben, designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral. Corresponderalle tamén todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

 Artigo 21º.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou o Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de catro dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Presidente.
O Secretario ou, no seu defecto, o Vicepresidente levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

 Artigo 22º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recabar das mesmas as informacións necesarias. Ademais formarán parte das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

 Artigo 23º.- A Asemblea Xeral de asociados é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por tódolos integrantes da mesma. O Presidente e o Secretario de Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

 Artigo 24º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio dun escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

 Artigo 25º.- A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con un mínimo de 15 días de antelación polo presidente da Xunta Directiva e a notificación farase por correo ó domicilio dos asociados.

 Artigo 26º.- Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:
            1. Aprobar a acta da reunión anterior.
            2. Aprobar o plan de actividades.
            3. Examinar e aprobar a memoria de actividades.
            4. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
            5. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
            6. Exame e aprobación das cotas.

 Artigo 27º.- Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:
            1. Modificar os Estatutos da Asociación.
            2. Elixir os integrantes da Xunta Directiva, determinando o número de Vocais.
            3. Aprobar a federación con outras Asociacións.
            4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca dos bens sociais.
            5. Acordar a disolución da Asociación.
            6.- Designar os liquidadores.
            7. Ratificar a expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva.
            8. Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.
            9. Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
           10. As que sendo de competencia da Asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.
           11. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

 Artigo 28º.- Para que as Asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos asociados asistentes, sempre que concorran a metade máis un do total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

 Artigo 29º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os apartados 1 ó 7 do artigo 27º , que requirirán maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas e asinará o Presidente e o Secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría.

 Artigo 30º.- Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos asociados, incluso ós non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente procederase por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente o Secretario procederá a expoñer a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.
Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día procederase, se a Presidencia o considera oportuno ou o solicitan o 10% dos asociados inscritos no rexistro de socios, a facer unha rolda de rogos e preguntas e adopción de acordos, concluído o que se levantará a sesión por parte do Presidente.

 Artigo 31ª.- Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedida a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

 Artigo 32º.- O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas no artigo 17º, as seguintes atribucións:
 a) Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo co seu voto de calidade en caso de empate.
b) Propoñer o plan de actividades da asociación a Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
c) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
d) Representar á Asociación perante calquera organismo público ou privado.
e) Asinar as actas, certificados, pagos ou outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a que lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
O Presidente será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que ademais, substituiralle nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 33º.- O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Correspóndelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas, co visto e prace do Presidente.
Ó Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da Asociación nun libro establecido ó efecto.

Artigo 34º.- O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará contas dos ingresos e dos gastos asociativos, participando en tódalas operacións de orde económica.
O Tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio presupostario antes do 31 de decembro, con fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 35º.- Os Vocais terán as seguintes atribucións:
            1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
            2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV: RÉXIME ECONOMICO.

 Artigo 36º.- A Asociación no momento de realizar a adaptación dos presentes Estatutos dispón dun patrimonio de 4963,58 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

 Artigo 37º.- A Asociación funcionará en réxime de presuposto anual. O borrador do presuposto será elaborado polo Tesoureiro da Asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral ordinaria.

 Artigo 38º.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:
            1. As cotas periódicas dos asociados.
            2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
            3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
            4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Asociación.
            5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

 Artigo 39º.- As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en caso algún e dedicándoas a atender as necesidades da Asociación.

 Artigo 40º.- Anualmente con referencia ó último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos asociados durante un prazo non inferior a quince días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

 Artigo 41º.- Anualmente, no tempo que establece o artigo 25º, será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.

 Artigo 42º.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde  a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente e o Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.

 Artigo 43º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos pola Asociación.

 CAPÍTULO V: DO REGULAMENTO DO RÉXIME INTERNO

 Artigo 44º.- O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso, o funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.

 CAPITULO VI: MODIFICACION DE ESTATUTOS E DISOLUCION DA ASOCIACION

 Artigo 45º.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou a cuarta parte dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abrindo un prazo de 15 días para que calquera socio poida dirixir á Secretaría da Asociación as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 7 días á realización da mesma.

 Artigo 46º.- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos dous tercios dos membros da Asemblea Xeral de socios.

 Artigo 47º.- A Asociación disolverase polas seguintes causas:
            1. Pola vontade dos asociados acordada polas dúas terceiras partes dos mesmos.
            2. Por outras causas determinadas legalmente.
            3. Por sentencia xudicial.

 Artigo 48º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados liquidadores, que xunto ó Presidente e o Tesoureiro, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

 Artigo 49º.- O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.
 Os presentes Estatutos foron aprobados por acordo unánime da Asemblea Xeral extraordinaria de socios celebrada en A Coruña, o día 21 de Marzal do 2003.

 Asinan os actuais membros da Xunta Directiva .


Acto de presentación da 1ª Xunta Directiva no ano 1999.