Actividades 2012.
 

Data da última actualización: 09/01/2015


O belén de Olimpia León".  
 

Día: 22 de Decembro (sábado):
 

BerselosPecharemos o programa anual coa tradicional xeira de Nadal, na que iremos ata Becerreá, para ver o Belén que dona Olimpia León instala na igrexa de San Pedro de Cadoalla, visita que faremos despois do xantar, pois só abre pola tarde. Pola mañá visitaremos un par de igrexas no concello de Baralla, entre elas a de San Martiño de Berselos, cunha interesante portada románica e que ten no seu interior fermosas pinturas murais descubertas nos últimos anos. Tamén nos achegaremos ata a singular formación de Os Grobos, un dos espazos xeolóxicos máis chamativos de Galicia.Belén de Olimpia León
E se todo vai ben accederemos ao interior da igrexa do mosteiro de Penamaior, que resulta sempre de moi dificil acceso.
Hora de saída: 9,00 horas desde as paradas habituais.

O laboratorio aberto de arqueoloxía".  
 

Día: 24 de Novembro:
 

Castro das TravesasEste sábado pola tarde iremos ata Carral para da man do arqueólogo Antón Malde visitar o Arqueo-Lar, un laboratorio aberto de arqueoloxía creado por él na que coñeceremos as pezas atopadas no castro das Travesas, que van desde a Idade do Ferro ata o mundo paleocristián.
 Hora de saída: 16,00 horas desde as paradas habituais.

Viaxes anteriores

Os novos achados do Lugo romano".  
 

Día: 11 de Novembro:

Nesta xornada visitaremos na capital lucense unha piscina romana musealizada, o Centro de Interpretación da Muralla, e os restos do templo de Mitra, atopado baixo o edificio do Vicerreitorado da Universidade. Tamén redescubriremos a Catedral, pois na bóveda foron atopados frescos barrocos da segunda metade do século XVIII e restaurados os retablos.
Tamén coñeceremos a igrexa de Labrada, no concello de Guitiriz, con excelentes frescos do século XVI. E por se fose pouco, xa se sabe que para comer Lugo.

E ademáis non haberá que madrugar pois sairemos ás 9,00 horas dende as paradas habituais.
Ver cartel


A Costa Vasca".  

 Días: 10 a 14 de Outubro:



Programa:
 
Día 10, mércores: saída ás 15,30 horas desde o Obelisco (única parada), para ir a cear e durmir a Santander.
 Día 11, xoves: pola mañá visitaremos a Ponte Colgante de Portugalete, declarada Patrimonio da Humanidade. A continuación veremos a ermida de San Juan de Gaztelugatxe, perto de Bermeo, un dos lugares máis fermosos da costa vasca. Haberá que camiñar un pouco e subir algunhas escaleiras, pero paga a pena. Xantaremos moi perto de alí, e pola tarde iremos ata Deba, para ver o impresionante pórtico da igrexa de Santa María. Remataremos a xornada coa visita da igrexa de Santa María de Zarautz. Cea e aloxamento en San Sebastián.
Día 12, venres: durante esta xornada visitaremos o Museo Balenciaga, en Guetaria, dedicado á vida e a obra deste destacado modisto; o Ekainberri, en Zestoa, que é unha magnífica réplica da cova de Ekain; e faremos unha ruta para ver o flysch de Zumaia, unha singular formación xeolóxica desta parte de costa vasca. A comida terá lugar na zona de Guetaria e a cea e o aloxamento novamente en San Sebastián.
 Día 13, sábado: pola mañá abandoaremos a costa para viaxar ao interior da provincia de Guipúzcoa, para ver o conxunto medieval de Igartza, en Beasain; os altos fornos de calcinación de Zerain e a vila medieval de Segura,  que sería un bo lugar para xantar. Pola tarde retornamos á costa para visitar a ermida de Santa Elena, en Irún e o fermosísimo barrio da Marina, en Hondarribia. Cea e aloxamento en San Sebastián.
 Día 14, domingo: ás 10 da mañá visitaremos o Museo de San Telmo, na capital donostiarra, antes de comezar a nosa viaxe de regreso. O xantar terá lugar en Castro Urdiales ou no cercano val de Liendo.


A Lisboa polo mar (fora do programa)".  

 Días: 23 a 26 de Setembro:


O día 23, ás 12,30 horas embarcaremos nun cruceiro na Coruña con destino a Lisboa. Tras xantar no buque sairemos da nosa cidade ás 15,00 horas para chegar á capital portuguesa o día 24, ás 14,00 horas. Logo do desembarco iremos ata o Palacio Nacional de Queluz, no que destacan os seus magníficos xardíns. Cea no hotel.

O día 25 faremos, da man dunha guía local, unha visita a varios museos e edificios que quedaron por coñecer na nosa viaxe anterior. Pola mañá vemos o Museo de Oriente, con pezas que falan do pasado colonial portugués en Asia, e a Fundación Berardo, que posúe unha das mellores coleccións privadas de arte moderno de Europa. Xantaremos nun lugar moi especial e pola tarde visitaremos o espectacular Museu da Marinha, para rematar a xornada no Palacio dos Marqueses de Fronteira, un edificio que habitualmente escapa ás visitas dos grupos. Cea no hotel.

O día 26 regresaremos a Coruña. Pola mañá visitaremos todavía o Museo Arqueolóxico de Sao Miguel de Odrinhas, perto de Sintra.  Xantaremos en Mealhada.

Nota importante: a viaxe está limitada a 30 persoas.


Quiroga: Romería a Hermida".  

 Día: Sábado 8 de Setembro:

Hora de saída: 8,00 horas desde as paradas habituais.
Como este ano todavía non abrirá o Parque Arqueolóxico de San Cibrán de Lás, cambiamos o destino da nosa xeira. Acudiremos ao concello de Quiroga para celebrar na aldea da Hermida a festa da Virxe dos Remedios, onde ás 12 da mañá ten lugar a procesión na que cobran protagonismo as Pampórnigas, unha parella de xigantes, e o Meco, unha personaxe diabólica que loita cos veciños. Xantaremos en Quiroga e pola tarde visitaremos o Museo de Xeoloxía, inaugurado este ano. Tamén nos achegaremos ata o pregue de Campodola, camiño do Courel, unha formación xeolóxica declarada Monumento Natural.
 

Observando estrelas".  

 Día: 28 de Xullo:

Cambiamos a data da xeira de xullo, que inicialmente estaba prevista para o día 21. Viviremos, ao igual que o ano pasado en Campo Lameiro, unha experiencia con nocturnidade pero sin alevosía. Sairemos ás 16 horas. Probablemente visitemos o Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago de Compostela, que xa estará inaugurado, ou ver algunha das exposicións que celebran o centenario de Eugenio Granell.

A cea terá lugar en Forcarei, antes de facer a visita nocturna ao Observatorio Astronómico de Forcarei onde nos explicarán o funcionamento do telescopio profesional, ainda que nós observaremos ás estrelas por dous telescopios máis pequenos. Así que sairemos de alí sabendo máis astronomía que cando chegamos.

Estaremos de volta na casa arredor das 2,00 da madrugada.


Sardíñada tradicional".  

 Día: 23 de Xuño:

 Como nestes últimos anos celebraremos o noso xantar de verán no Mesón A Lagoa, de Vimianzo. Previamente visitaremos o dolmen de Dombate para comprobar in situ como quedou a súa musealización e o impresionante Castro das Barreiras, logo da súa limpeza.
Pola tarde está previsto ver o Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte, en Corme, sede da Fundación Torre-Pujales, no que veremos a súa magnifica colección integrada pola obra do artista coruñés Julio Pujales e de importantes autores españois.
Hora de saída: 9,00 horas, desde as paradas habituais.
 

Conferencia".  

 Día: 8 de Xuño:

Ás 19,30 horas na sala multiusos da Fundación Luis Seoane: Conferencia do arqueólogo Antón Malde sobre a "Intervención arqueolóxica no santuario galaico-romano de Pena Furada".

 

Ver cartel

 

 

 

 

 

Últimas escavacións arqueolóxicas na Península do Salnés".  

 Día: 10 de Xuño (Domingo):

Roteiro guiado por Pancho Gallego no que visitaremos os petróglifos dos Ballotes e da Pedra do Encanto, en Bamio; o cruceiro de Carril; o círculo lítico de Monte Lobeira; o castro de Besomaño, en Ribadumia, onde tamén estará o director da escavación; A Lanzada; ou a necrópole de Adro Vello, na península do Grove.
Hora de saída: 8,00 horas desde as paradas habituais.
 

Ver cartel


Cartagena, Cabo de Gata, La Mancha".  

 Días: 11-20 de Maio:

 
Xeira de nove días e medio na que combinaremos a arqueoloxía coa paisaxe, o modernismo e a arquitectura popular, na que visitaremos, entre outros lugares, Albacete, Chinchilla de Montearagón, Cartagena, La Unión, cabo de Gata, Novelda, Alicante, as Lagunas de Ruidera, Almagro, San Carlos del Valle, e o Parque Nacional de Las Tablas de Daimiel.
Museo Arqueoloxía Subacuatica
Programa:
 
Día 11, venres: Saída do Obelisco (única parada), ás 15,30 horas, para cear e durmir en Pinto (Madrid), no hotel Egido Plaza de Santiago.
 
Día 12, sábado: visitaremos Albacete, onde veremos o Museo Provincial, cunha magnífica colección arqueolóxica, e o Pasaje Lodares. Comida na cidade manchega antes de marchar cara á Chinchilla de Montearagón, que visitaremos brevemente. Cea e aloxamento no hotel Carlos III de Cartagena.
 
Día 13, domingo: pola mañá visitaremos La Unión, moi perto de Cartagena, para ver o impresionante interior do antigo Mercado Público e o Museo del Cante de las Minas. Antes de xantar temos concertada unha visita ao Museo Escolar de Pusol, perto de Elche. Pola tarde retornaremos a Cartagena para poder ver o castelo da Concepción e o xacemento do Barrio do Foro Romano. Cea e aloxamento en Cartagena.
 
Día 14, luns: xornada dedicada a disfrutar da paisaxe. Veremos a Cidade Encantada de Bolnuevo e o Parque Natural de Cabo de Gata. Xantaremos en Níjar, unha das máis fermosas vilas de Almería. Cea e aloxamento en Cartagena.
 
Día 15, martes: percorrido a pe pola cidade de Cartagena. Temos concertadas varias visitas, que faremos da man dun guía local: Teatro Romano, Ayuntamiento, Museo Nacional de Arqueología Subacuática, Centro de Interpretación de la Muralla Púnica. E como remate da xornada embarcaremos durante unha hora para ver dende o mar as fortificacións da baía. Cea e aloxamento en Cartagena.
 
Día 16, mércores: durante esta xornada iremos a Novelda, onde veremos a Casa-Museo Modernista e o santuario de Santa María Magdalena. En Alicante visitaremos o MARQ (Museo Arqueológico) para ver a exposición temporal “El Tesoro de los Bárbaros”, con excepcionais pezas de orfebrería procedentes de Alemania. Xantaremos en Alicante. Pola tarde veremos o fascinante xacemento ibero-romano de Illeta dels Banyets, El Campello, situado ao norte de Alicante. Cea e aloxamento en Cartagena.
 Lagunas del Ruidera
Día 17, xoves: aproveitaremos este día para desprazarnos ata La Mancha. Gozaremos da paisaxe das Lagunas de Ruidera, onde terá lugar o xantar. Pola tarde pararemos en San Carlos de Valle, para coñecer unha das máis fermosas prazas maiores de España. Cea e aloxamento no hotel Guadiana, en Ciudad Real.
 
Día 18, venres: pola mañá percorreremos Almagro, onde ademáis da praza maior, visitaremos o Corral de Comedias e o Museo Nacional del Teatro. Logo de xantar na vila, pola tarde visitaremos o xacemento ibero de Cerro de las Cabezas, para retornar a Ciudad Real, onde haberá algo de tempo para ver a cidade. Cea e aloxamento en Ciudad Real.
 
Día 19, sábado: haberá que madrugar un pouco pois hai que estar ás 8,30 horas no Parque Nacional de Tablas de Daimiel, onde faremos un percorrido por zonas non accesibles ao turismo habitual, pois en 4x4 nos meteremos nas zonas máis profundas do parque e ademáis daremos un paseo da man dun guía. Xantaremos en Daimiel. Duración da activide: 5 horas. Pola tarde visitaremos o Museo Comarcal de Daimiel para saber algo das escavacións realizadas en Motilla de Azuer, excepcional xacemento que non será posible visitar. Cea e aloxamento en Ciudad Real.
 
Día 20, domingo: xornada de retorno. Pararemos para xantar en Tordesillas. Esperamos estar de volta nas nosas casas ás 21,30 horas.
 

O Parque natural de Enciña da Lastra".  

 Días: 21-22 de Abril:

Hora de saída: 8,00 horas, desde o Obelisco (única parada). Xeira de fin de semana para percorrer o máis descoñecido parque natural de Galicia. Faremos noite no hotel "El Ciervo", no municipio da Veiga. O sábado faremos unha primeira parada na Aula da Natureza do parque, na aldea de Biobra, e a continuación visitaremos a adega Godeval, no restaurado mosteiro de Xagoaza, moi perto do Barco de Valdeorras, que incluirá unha cata de viño e o xantar nos salóns do mosteiro. Pola tarde vemos o santuario barroco das Ermidas e despois a aldea "pétrea" de Lamalonga, no concello da Veiga, onde o finado Pepe de Barrio desenvolveu unha titánica labor escultórica que encheu de esculturas en pedra todos os rincóns da aldea. Remataremos en Xarés para ver a igrexa neoclásica de Santa María.
O domingo 22 sairemos ás 9,00 horas para estar ás 11,00 no inicio da pequena ruta de 4 km. situada por detras dos fermosísimos Penedos de Oulego. Logo deste paseo que levará unha hora ou hora e cuarto baixaremos ata Covas para ver unha aciñeira impresionante. O xantar terá lugar nun lugar moi especial: no Pazo do Castro, no Barco de Valdeorras, un hotel-monumento que ocupa un edificio histórico do século XVII, no que visitaremos tamén a capela o un pequeno museo etnográfico.
Logo de xantar retornaremos á nosa cidade e veremos algo que sorprenderá aos asistentes.
Hora de chegada: 21,30 horas

A Xeira de Pancho".  

 Día: 25 de Marzo (domingo):

Un ano máis Pancho Gallego propón unha xeira con aspectos moi pouco coñecidos.
Pola mañá visitaremos da súa man os castro de Xaz, en Oleiros, e das Travesas, no Mesón do Bento. O xantar terá lugar en Visantoña-Mesía, para ver pola tarde o Centro de Interpretación das Brañas de Valga e as antigas barreiras; os restos dunha calzada romana descuberta o pasado ano; e como remate a visita do santario rupestre de Pena Furada, en Coirós, onde estariamos acompañados polo arqueólogo Antón Malde, director da súa escavación.
Haberá que levar calzado adecuado porque camiñaremos (non moito, eso sí, pero por lugares que poder ter herba alta ou barro). Hora de saída: 9,00 horas desde as paradas habituais.

O Entroido de Cobres".  

 Día: 21 de Febreiro (martes):

Hora de saída: 9,00 horas desde as paradas habituais.
Pola mañá faremos unha visita pormenorizada dunha das máis relevantes institucións científicas da nosa comunidade, a Misión Biolóxica de Galicia, que ten a súa sede no pazo de Gandarón, na parroquia pontevedresa de Salcedo. Visitaremos o pazo, a finca, os cultivos, o hórreo, e coñeceremos algo do traballo científico que alí desenvolven, da man do seu director Pedro Revilla.
Xantaremos en Vilaboa, onde non faltarán os típicos productos do Carnaval.
Pola tarde disfrutaremos do singular Entroido de Cobres, que se celebra en dúas parroquias do concello pontevedrés de Vilaboa. É unha celebración moi colorista, na que "madamas" e "galáns" son os grandes protagonistas, cun vestuario moi elaborado, en particular os sombreiros, adornados con flores, cintas, bonecas, etc. Veremos os seus bailes y pasaremos unha xornada moi tranquila pois este é un entroido no que se está a salvo de verse enfariñado ou recibir un zurriagazo.
Hora de regreso: 21 horas.


Data da última actualización: 09/01/2015



Pezas do Museo Arqueolóxico
Detalle do colgante do colar articulado de Elviña.